Este volume coordinado polas profesoras Carmen Ferreira-Boo, Rocío García-Pedreira e Marta Neira-Rodríguez estende a información dos seus precedentes exemplares: Libros galegos de onte e hoxe para a nenez e a mocidade (2015) e Libros en galego de onte e hoxe para a nenez e a mocidade (2015), que forman parte da colección “Materiais didácticos” do Instituto de Ciencias da Educación (Universidade de Santiago de Compostela). Recóllense nel as recensións críticas de obras literarias escritas en galego ou que se traduciron a este de outros idiomas.
Este exemplar divídese en dous bloques principais. O primeiro recolle dúas teorías orientadas cara unha metodoloxía que está dirixida a un público adulto e que serve de conector entre a infancia e as lecturas. A primeira é “Medrar entre libros: orientacións para a mediación lectora nas aulas” que presenta, a modo de manual, un achegamento ás pautas metodolóxicas para a elección das obras literarias que se propoñen, defendido polo aproveitamento das súas vertentes textuais e visuais. O seu obxectivo non é outro que promover a creación dun ambiente lector na escola que sexa efectivo tanto dentro coma fóra da aula, incentivando así os hábitos de lectura, encarando unha metodoloxía máis emocional enfocada en que perdure no tempo. A segunda, por outra banda, titulada “Libros na aula para unha educación artística” céntrase fundamentalmente nos aspectos a ter en conta na realización de proxectos artísticos nos que a Literatura Infantil e Xuvenil é o epicentro, onde toma especial relevancia a capacidade de ensinanza e do libro e as súas posibilidades para traballar a linguaxe visual, deténdose na utilización de imaxes.
No segundo bloque ofrécense recensións críticas das diferentes obras compiladas neste volume e que tamén se subdividen en catro partes: Álbum ilustrado, narrativa, poesía e teatro. Dentro destes subgrupos existe unha última división que identifica o tipo de público ó que están recomendados os títulos: xuvenil, autónomo e inicial. Así mesmo, na síntese, existen temas ou tópicos comúns nos que podemos agrupar as diferentes obras: contos de animais, ecoloxía, familia e diversidade, historias cotiás, nenez e inclusión...
No grupo de álbum dirixido a un público autónomo, predominan os protagonistas animais que nos recordan ás fábulas e ós contos tradicionais que presentaban unha reflexión moral ao final. Tamén mostran historias sobre ecoloxía e coidado do medio ambiente. Por outra banda, trátase o tema da familia e a diversidade. Noutro apartado, o de historias cotiás, preséntanse acontecementos propios da rutina, aínda que nalgúns casos, con toques imaxinarios. Destaca, sen dúbidas, a nenez como tema central no que os meniños protagonistas experimentan os acontecementos da vida dende a súa perspectiva a medida que crecen, tratando coa morte, a amizade, o amor, a familia, a inclusión, o coñecemento do mundo... Finalmente, neste grupo debemos mencionarque tamén temos exemplos de adaptacións.
No apartado de álbum ilustrado orientado a un público inicial encontramos tres títulos: a Míster Magnolia (2016), de Quentin Blake, que narra as historias dun personaxe; a representación dos animais con características antropomórficas en Rufus. O morcego que adoraba as cores (2017) de Tomi Ungerer; ou en Con A furgoneta branca (2019) de Fina Casalderrey e Lucía Cobo, onde finalizamos este grupo de álbum ilustrado coa historia das chegadas dunha furgoneta branca a unha aldea para coidar dun cabalo que nos deixa lugar á imaxinación co seu final aberto.
Comezando coa narrativa, neste caso orientada a un lectorado xuvenil e existindo tantos exemplos que non incluiremos dada a súa extensión, xérase unha división temática que como no caso anterior, se repite. Nesta primeira división preséntanse obras nas que os protagonistas son nenos. Estes nenos, comezan a descubrir como funcionan as cousas e experimentan o crecemento, a madurez e os cambios. Nalgunhas historias semellan ser labregos, ás veces mariñeiros, etc., moitos deles optan por crear mundos oníricos en busca de explicacións ao que pasa no mundo, outros falan de morte e enfermidades, algúns viven fantásticas aventuras... Tamén seguen presentes o exemplos con animais como protagonistas e destacan os textos fantásticos ou mitolóxicos xunto as narrativas de misterio, intriga e aventura.
En Coma unha áncora (2015) de Iria Collazo e As máscaras do profesor Robinbra (2015) de Xoán Babarro móstranse historia cotiás mentres que noutros casos se presentan recompilacións de relatos coma en: Madonna e outros contos de inverso (2015) de Manuel Rivas, Contos nerviosos (2016) de Fran Alonso e Formigas, risas, flores e dinosaurios (2017) de Euloxio Rodríguez Ruibal.
En O soño das cores (2016) de Ramón Caride Orgando, Cámbiache o conto (2016) de Pinto & Chinto e Alí Babá. Morxiana e os corenta usureiros (2017) de Marilar Aleixandre reescríbense relatos tradicionais de contos.
Tamén hai lugar para as obras reivindicativas que expoñen as duras realidades sociais ás que están expostos os personaxes en As palabras poden matar (2015) de Marcos Calveiro, 22 Segundos (2017) de Eva Mejuto, As palabras feridas (2017) de Jordi Sierra i Fabra, Fóra do normal(2018) de María Reimóndez e Ceiba de luz (2017) de Manuel Lourenzo González.
Por último lugar, encóntranse a obra autobiográfica de Ana Frank Diario de Ana Frank (2015), que narra a vida da moza xudía na época da Alemaña nazi na Segunda Guerra Mundial, Norteáns (2016) de Mar Guerra e Días azuis, sol da infancia (2017) de Marcos S. Calveiro como unhas novelas non tan sinxelas que seguen algunhas pautas da novela histórica. Por último, pola súa finalidade didáctica e ensino da sociedade e as culturas para os máis pequenos, A casa Grande (2018) de Joao Manuel Ribeiro.
A parte destina á poesía ten máis referencias e publicacións. Os versos son doces e doados de ler para o alumnado e non encontramos quizais tantas diferenzas entre nos niveis dado o carácter subxectivo das composicións.
Comézase presentando no grupo de lectorado autónomo os seguintes títulos: As señoras cousas (2014) de Helena Villar Janeiro, Coller as rendas (2015) de Yolanda Castaño, Lendo lendas, digo versos (2015) de Antonio García Teijeiro & Reigosa, Poemar o mar (2016) de Antonio García Teijeiro, Poemas birollos para leer cos ollos (2016) de Fran Alonso, Versos da tarde laranxa (2016) de Ana María Fernández, Versos para conversar (2016) de Xoán Carlos Domínguez Alberte, Cara de velocidade (2018) de Marga Tojo, O baúl de Domingos Quintas (2017) de Xoán Babarro, Bicos e non balas (2019) de Antonio García Teijeiro e Soleando (2019) de An Alfaya. Todos os títulos conforman un extraordinario banquete de obras para os alumnos que desexen ampliar as súas miras no ámbito poético.
No grupo de lectorado xuvenil observamos tres recensións das obras Nunca mascotas (2016) de Paula Carballeira, Street Poems (2018) de Fran Alonso e Aplicación instantánea (2018) de Carlos Negro. Finalmente, orientado aos lectores iniciais, contamos con tres recomendación moi axeitadas: Canta connosco (2016) de Migallas, O camiño a casa (2017) de Katie Cotton e Ring, Ring...! Quen rima? (2018) de Ana Mª Fernández Martínez.
Por último, no teatro, encontramos un abanico moi grande de exemplos dirixidos ó nivel autónomo do lectorado: Xogando con gatos (2015) de Antón Cortizas, A Berenguela (2016) de Manuel María, Moito Morro Corporation (2016) de Carlos Labraña, As terapias da doutora, Ledicia (2016) de Raquel Castro, O soño de Bolboreta (2016) de Arcadio López-Casanova, O valo (2017) de Carlos Labraña, Somos os monstros (2019) de Paula Carballeira, Lobísimo do saco. Tres titiriteros (2019) de Bernardino Graña e A pequena compaña (2019) de Carlos Labraña.
Para o lectorado inicial, destacan os monicreques e evidentemente a presenza dos animais que podemos observar nestes dous exemplos: O lobo e a lúa (2015) de Andrea Bayer e Teatro de guiñol (2016) de Pirilampo.
Por último, para pechar o libro, no grupo do teatro xuvenil preséntanse tamén dous exemplos: A soidade do asasino (2018) de Carlos G. Reigosa e Estreler (2019) de Carlos Labraña. O primeiro evócanos ás traxedias gregas e no segundo é predominante o misterio e o simbolismo.