Entre as diversas publicacións relacionadas co Día das Letras Galegas, Edicións Xerais de Galicia tirou do prelo en outubro de 2021 a obra Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora, coordinada por Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna Alonso e María Reimóndez. O volume conta coas aportacións de diversos especialistas nas que se analiza a faceta tradutora da figura homenaxeada co noso Día das Letras no transcorrido ano 2021, ao mesmo tempo que se presentan traducións e autotraducións de textos da súa autoría cara a outras linguas.
Na introdución desta monografía, asinada polos mesmos editores, explícase que se pretende investigar a angueira de Xela Arias como tradutora para honrar o seu traballo tendo en conta dous factores primordiais: o feito de ser muller e o de traducir cara a unha lingua non hexemónica. A modo de iniciación, revisan brevemente o panorama da tradución en Galiza, panorama no cal evidencian unha marcada masculinización. E, por conseguinte, repasan as primeiras experiencias de Xela como tradutora e o seu desenvolvemento nesta tarefa onde, como ben indican, acabaría desenvolvendo unha actitude adiantada ao “apoderamento da tradutora”, en termos de Tymoczko.
Deseguido, preséntase un corpus coas traducións realizadas por Xela Arias, así como cos textos da súa autoría que foron traducidos a outras linguas. Canto ás traducións e proxectos de tradución en colaboración de Xela Arias cara ao galego, recóllense un total de trinta e tres, dende o Cabalum, de Carlos Oroza, ata o inconcluso Ancho mar de argazo (2003), de Jean Rhys. Cara ao castelán, compílanse un total de tres traducións: Sobre el esoterismo islámico y el taoísmo (1983), Concordancia mito-físico-cábalo-hermética (1986) e Artistas gallegos pintores: de la postguerra al realismo (2000).
No que concirne aos textos de Arias vertidos a outras linguas, agrúpanse por linguas meta, incluíndo as autotraducións da autora. Dáse conta da presenza de seis traballos traducidos e autotraducidos ao castelán, figurando como tradutores Francisco López Barxas e Eduardo Estévez. Ao alemán, consta a tradución de Georg Pichler para a revista Lichtungen, 63, en edición bilingüe. Ao ruso, varios poemas tamén en edición bilingüe por Elena Zernova recollidos nun par de antoloxías de literatura galega. E, por último, ao catalán améntase Química de les quimeres / Química das quimeras, con selección de Ana Romaní e tradución de Maria Isern Ordeig.
Logo desta útil compilación, ofrécense as achegas dos especialistas, principiando Marga do Val con “Entre linguas con Xela Arias” (pp. 15-29), onde lembra os inicios autodidactas de Xela Arias nos anos oitenta e a súa colaboración por facer da tradución unha ferramenta de normalización lingüística, amosándose, ademais, preocupada por verter literatura para traer á literatura galega obras da literatura universal. Por outra banda, sinala que lle gustaría falar coa Xela Arias que se comezaba a adiviñar, a que seleccionou para traducir os relatos “Bicarse na boca” e “Tégulas”, da escritora feminista Gloria Pampillo, e reflexionar con ela sobre cuestións como o feito de traducir a escritoras feministas e o xeito de traducir das tradutoras feministas.
Tamara Andrés, en “Xela Arias e a tradución poética: tradución privada e tradución que deixa pegada” (pp. 31-47), aborda o labor tradutor e autotradutor ao castelán de Xela Arias estudando as antoloxías en linguas hexemónicas nas que participou e o cultivo que realizou da tradución privada. Coa mesma, dá conta da pegada que deixou a tradución poética na súa obra, examinando nun caso concreto as semellanzas entre a súa lingua poética e a de Carlos Oroza, de quen, como xa anteriormente se indicou, traduciu o poemario Cabalum.
Alba Rodríguez Saavedra presenta en “Xela Arias e a tradución mitolóxica: Cidades fantásticas, príncipes e xinns da mitoloxía e lendas árabes e O bosque animado” (pp. 49-64) unha análise das traducións mitolóxicas levadas a cabo por Arias: a obra Cidades fantásticas, príncipes e xinns da mitoloxía e as lendas árabes, que traduciu con Valentín Arias en 1986 do orixinal en inglés Fabled Cities, Princes and Jinn from Arab Myths and Legends, de Khairat Al-Saleh, obra que recompila tradición oral árabe; e O bosque animado, escrita orixinalmente en castelán polo galego Wenceslao Fernández Flórez en 1943, tradución integrada na colección Xabarín de Edicións Xerais de Galicia no ano 1987. Desta análise, conclúe que Xela Arias como tradutora de mitos é unha tradutora consciente da importancia da coidada e atenta divulgación mitolóxica.
Pola súa parte, María Liñeira, en “Patrimonio de lecturas galegas e tradución endóxena desde o castelán: Wenceslao Fernández Flórez e Juan Farias no corpus tradutolóxico de Xela Arias” (pp. 65-84), faise eco dos dous textos narrativos en castelán de autores de orixe galega, Wenceslao Fernández Flórez (El bosque animado) e Juan Farias (Los Corredoiras). Con eles, explica a relevancia que tiveron as traducións cara ao galego no repertorio de literatura infantil e xuvenil nun afán de reivindicación lingüística e de fidelización dun público adulto.
A continuación, ofrécese unha transcrición da man de Sabela Celia Cabanelas Freijeiro e Alicia Rodríguez Táboas da mesa redonda celebrada o 26 de febreiro de 2021 intitulada “Letra a letra con Xela Arias” (pp. 85-105), que foi moderada por Manuel Bragado e na que interviñeron Lidia Iglesias, que cotraduciu con Arias As bruxas (1989), de Roald Dahl; e Débora Ramonde Iglesias e Rafael Ferradáns, que colaboraron na tradución de Dublineses (1990), de James Joyce ao galego. Trataron a faceta profesional e mesmo profundaron un pouco máis no terreo persoal, no retrato humano de Xela Arias.
Marilar Aleixandre, asevera en “Mina Murray (non Van Helsing) derrota o vampiro: identidades incertas e tensións no Drácula de Xela Arias” (pp. 105-120) que a tradutora era consciente da non neutralidade do proceso tradutor. Deste xeito, observa como se trasladan na tradución de Arias as ambigüidades, tensións e identidades sexuais das personaxes, en particular Mina Murray, comparando a súa tradución con outra realizada cara ao castelán por David Rogers. Afirma Aleixandre que as escollas de Arias non ignoran as ambigüidades nos roles sexuais, que dan un pulo ás tensións eróticas e amosan gran achegamento ao aspecto físico.
María Reimóndez estuda a tradución do texto feminista e antirracista Black Venus en “Cando o marco non encaixa: desaxustes no xénero e racialidade na tradución ao galego de Black Venus de Angela Carter” (pp. 121-140). Para isto, ten en conta aspectos que teñen transcendencia política en canto a xénero e raza. Afirma Reimóndez que as reflexións que Arias amosaba na súa escrita non se verten necesariamente nas accións da súa tradución e inquire a que se reflexione sobre prácticas concretas e diversas no que concirna á translación dos principios do feminismo á práctica tradutora.
Estes estudos veñen seguidos dunha sección denominada “Xela Arias traducida”, na que participan Elena Zernova, Erín Moure, Georg Pichler e Kathleen March. Zernova ofrece un breve estudo da tradución de Xela ao ruso titulado “Xela Arias en ruso” (pp. 143-146,) no que amosa o seu desexo de que a obra da autora quede mellor reflectida nesta lingua e mesmo teña máis acollida. Moure, en “Dúas traducións” (pp. 147-158), verte ao inglés e ao francés texto de Intempériome. En “Cita a cegas ou traducir Xela Arias ao alemán” (pp. 159-162), Pichler explica como coñeceu a Arias e a escolla e tradución de cinco dos seus poemas ao alemán. E March, en “Kathleen March traduce Xela Arias” (pp. 163-170)”, ofrece traducións ao inglés de Denuncia do equilibrio.
Este volume dedicado á versátil escritora, profesora, editora, vate e tradutora intemperiada dá boa conta do seu traballo tendendo pontes entre linguas, e é que pon de manifesto a seriedade coa que afrontaba Arias a súa actividade tradutora; proba disto é a cantidade e calidade das traducións que nos deixou e que nesta obra se compilan e analizan. Ademais de estudar o panorama da obra da Xela tradutora (e autotradutora), resulta tamén de gran interese que se presente á Xela traducida a diversas linguas reunindo no mesmo exemplar as traducións que realizou e as que lle realizaron. Trátase dunha monografía para reflexionar sobre o propio proceso tradutor e as súas intencionalidades e achegarnos ao labor como axente de traslado e linguas que desempeñou unha muller que traduciu, principalmente, cara a unha lingua minorizada durante máis dunha década. Ademais, todo isto nunha época na que o contexto cara á situación do galego se amosaba desfavorable, mostrando o que implicou o traballo de edición e de tradución en galego a modo de ferramentas normalizadoras. Todo isto, agardamos que, tal como indican os editores ao inicio, incite ademais á busca doutras pioneiras agochadas no ámbito da tradución e que tamén dea un pulo a unha intención de fomento de traducións entre múltiples linguas, porque as “moitas voces” en diversas linguas e literaturas non farán máis que enriquecernos e nutrirnos persoal e culturalmente.