Lluch, G. y Sanz, A. (2021). Analizar relato #LIJ. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha. Col. Arcadia, nº 33. 225 pp.
Roberto José Alcalde López
Lluch, G. y Sanz, A. (2021). Analizar relato #LIJ. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha. Col. Arcadia, nº 33. 225 pp.
Boletín Galego de Literatura, no. 59, 2021
Universidade de Santiago de Compostela
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Received: 17 August 2021
Accepted: 08 November 2021
Coñecer as relacións intertextuais que propón cada obra é un dos aspectos fundamentais para a súa total comprensión e aproveitamento. Con esta idea en mente nace Analizar relato #LIJ, da man de Gemma Lluch e Aránzazu Sanz Tejeda. Lluch é Catedrática pola Universitat de València e doutora en Filoloxía, combinando actualmente a súa excelsa carreira investigadora de cinco sexenios coa docencia no Grao de Filoloxía Catalá e en diferentes mestrados. Pola súa banda, Sanz é doutora pola Universidade de Castilla-La Mancha na área de Filoloxía Hispánica e contratada postdoutoral nesta universidade tras a lectura da súa tese. Ambas forman un innovador binomio, axuntando toda unha vida dedicada á investigación coas tendencias e habilidades propias das novas xeracións investigadoras.
A obra estrutúrase en catro grandes bloques: unha definición da Literatura Infantil e Xuvenil (en diante LIX), apuntando as pautas de cara á análise dos relatos, unha revisión da historiografía da LIX e finalmente modelos de análise completas para algunhas obras representativas.
No primeiro capítulo abórdase o tema de como definir a LIX, que supón un problema debido a varios factores: entre eles está o xénero ao que pertence, o formato que adopta, o lector ao que vai destinado ou o circuíto literario no que se move. Se se estuda máis profundamente, pódese afirmar que a LIX non é un xénero, pois faltan regularidades entre as obras para que consigan identificarse. O formato pola súa banda é moi variado, e aínda sendo en papel hai varios tipos: pop- up, álbum ilustrado, libro-xogo, etc. En canto ao lector, débese ter en conta que a LIX supón a introdución da lectura por pracer na escola, non soamente para aprender, entroncando co circuíto fundamentado nos mediadores, que recomendan títulos ata o momento no que o mozo ten criterio para elixir por si mesmo.
Con todo isto, perfílase que a LIX é un conxunto de lecturas diferenciadas, con formatos e temáticas distintas, que se dirixen a un público cada vez máis diverso e con propósito de ensinar á vez que entreter.
O segundo capítulo do libro busca dar explicación á necesidade de utilizar datos obxectivos á hora de transformar o relato en obxecto epistemolóxico e a forma na que o uso destes datos pode servir para coñecer os seus trazos paraliterarios.
Para identificar o tipo de comunicación literaria proposta por unha obra débese sinalar o tipo de autor que a escribe, o receptor potencial e o mediador que pode chegar a interconectalos entre si. Esta análise céntrase na identificación do tipo de circuíto no que se crea, edita e distribúe o libro, para finalmente ser lido por un destinatario moi específico. A análise comparativa busca apuntar as diferenzas palpables entre a venda escolar con criterios educativos docentes e a venda por impulso, destinada á lectura por pracer e recomendada en gran medida entre iguais.
Destaca igualmente a análise discursiva dos textos, centrada no propio texto, o relato que conta ou a forma na que se narra -estrutura da narración, temporalidade, personaxes…-. Esta análise encádrase coa ideoloxía que o libro ten e que ademais propón aos seus lectores. Para terminar, trabállase tamén a intertextualidade, valorando tanto as competencias intertextuais dos lectores como o coñecemento que poidan posuír das relacións establecidas con outros textos e temáticas. Este ámbito potenciouse na LIX polas súas propias características, mediante a concreción da intertextualidade en universos de ficción con marcadas características paraliterarias, buscando un compoñente de orixinalidade que destaque entre os parámetros máis tradicionais.
O terceiro capítulo supón un completo repaso á historia da LIX partindo do século XV e chegando ata o XXI, abarcando desde o nacemento ata a súa revolución e consolidación definitiva. Antigamente, a formación dos nenos e mozos dábase unicamente no fogar mediante a transmisión por parte dos seus maiores, e veremos durante o paso dos anos como os libros van gañando importancia e recoñecemento de forma progresiva e constante.
Mediante a análise cronolóxica proposta polas autoras do libro, a mediados do XV xorde a revolución da imprenta, que debido ás súas características e custos será unha actividade maioritariamente destinada ao comercio ata o século XIX, polo que se analiza a súa importancia máis adiante.
A partir do século XVII comézase a defender e preservar a infancia das crianzas, co que o neno chega nestes anos para converterse en obxecto de doutrinas pedagóxicas e procesos educativos destinados a moldear o seu carácter con diversos fins. Este feito marca o inicio en certa forma da literatura xuvenil, con excelentes exemplos como Orbis Pictus (1658) de Comenius, considerado por moitos como o primeiro libro ilustrado para nenos, ou Las aventuras de Telémaco (1699) de Fenelon, logrando transformar unha fábula de poema heroico nun relato pedagóxico.
Xa no século XVIII esténdese a educación aos colexios, favorecendo ás clases altas sobre as baixas debido a que estas últimas aínda son consideradas como forza de traballo para as súas familias. Posteriormente as bibliotecas circundantes facilitan que un só exemplar sexa aproveitado por moitos lectores, algo impensable doutra forma, xa que o prezo medio dunha novela era superior ao salario mensual dun xornaleiro londiniense -ao que se suma o alto índice de analfabetismo-.
Continuando a análise cronolóxica, o libro lévanos xa ao século XIX, no que se produce a consolidación lectora en Europa con obras pensadas, escritas, editadas e dirixidas para a infancia. Os cambios sociais tamén provocan que o neno sexa o centro da familia, con leis como a de 1841 que limita a xornada de traballo infantil nas fábricas ou o ensino obrigatorio en gran parte dos países europeos, provocando que diferentes clases sociais aprendan xuntos a ler e escribir.
Neste século xorde tamén a empresa editorial moderna grazas a técnicas renovadoras como a prensa mecánica de vapor, pasando o consumo lector dunha minoría culta a sectores máis amplos da sociedade. Con iso a demanda de novo lecer cultural favorece a aparición de publicacións por entregas en xornais e revistas, chegando a implantarse tamén na lectura máis popular con títulos como pode ser Viaje al centro de la Tierra.
Será xa no século XX cando se produza a consolidación da LIX en todas as súas vertentes: autoría, produción, consideración do lector, investigación e propostas literarias. Ao longo deste século vai aumentando o número de autores e ilustradores que traballan en exclusiva para o público infantil, téndoos en conta como lectores plenos e non só como suxeitos a educar. Ademais, as guerras europeas xeran importantes movementos pedagóxicos para os mozos, que sen lograr un rotundo éxito, tentan evitar caer en estereotipos políticos ou ideolóxicos que marquen a personalidade en construción dos seus lectores. En España en cambio, a Guerra Civil e a ditadura impregnan a LIX do moralismo e a didáctica relixiosa, censurando incluso todo o que non difundía eses aspectos.
O século XXI é considerado unha nova idade de ouro para a literatura infantil e xuvenil con sagas literarias recoñecidas mundialmente como HarryPotter, conseguindo vendas e visibilidade nunca vistas ata o de agora. Co auxe da internet, o lector logrou falar dos seus libros favoritos cunha gran comunidade de usuarios, chegando mesmo a crear contido sobre eles en distintos foros, páxinas web ou plataformas como Youtube. A forma de levar o libro ao lector tamén cambiou radicalmente nos últimos anos, potenciando a lectura por pracer e promocionándoa como calquera outro produto de consumo adolescente, mediante o complexa pero exitosa recomendación entre iguais.
Tras este completo capítulo no que se analiza cronoloxicamente o nacemento, evolución e consolidación da LIX chégase á análise detallada de cinco relatos mediante os modelos propostos nesta obra para exemplificar a teoría lida ata o de agora. A análise céntrase en elementos como a comunicación literaria, a análise paratextual e discursiva, a descrición dos personaxes e a súa ideoloxía, as relacións intertextuais, etc.
O primeiro dos relatos analizado neste capítulo cuarto é Struwwelpeter (1845) de Heinrich Hoffman, no que este autor mantén a tradición da literatura instrutiva para transmitir valores e hábitos de conduta predefinidos por adultos, pero no que xa se ten en conta que o destinatario é o propio neno. As ilustracións que acompañan o texto acentúan o que expoñen, sendo supervisadas en todo momento por Hoffman para evitar calquera tipo de idealización.
O segundo relato analizado é La vuelta al mundo en ochenta días (1872) de Julio Verne, no que o autor francés busca dar verosimilitude á novela mediante a forma de narrar os feitos, asemellándose en gran medida a unha reportaxe e integrando datos científicos e xeográficos reais con outros fantásticos. A obra xira en torno ao feito de dar a volta ao mundo e ademais coa dificultade engadida de facelo en soamente 80 días. Ao estar concibida como unha novela por entregas, era necesario crear situacións que “enganchasen” ao lector de cara ao capítulo seguinte.
A seguinte análise céntrase en Roald Dahl e na obra La maravillosa medicina de Jorge (1981) na que a través dos títulos dos capítulos pódese reconstruír o argumento completo, incluso avanzando cal será o final definitivo da historia. Ademais, as ilustracións de Quentin Blake son fundamentais para substituír descricións textuais e reproducindo secuencias narrativas completas. Dahl destrúe neste título a representación da familia máis tradicional dentro da LIX, aquí os mestres ou os pais son antagonistas claros do relato, remarcando aínda máis as diferenzas claras coas normas socialmente establecidas e consideradas como correctas.
O cuarto relato analizado é Harry Potter (1997-2011) de Joanne Kathleen Rowling. Estamos ante un dos grandes triunfos da LIX, construíndo xa unha nova literatura de masas na que se pasa da lectura escolar case en exclusiva á lectura por impulso. Respecto á análise discursivo consegue con gran acerto levar o lector a un universo de ficción no que empatiza de forma directa co público xuvenil ao que vai destinado. Isto lógrase a través do desenvolvemento da súa trama mediante cursos escolares consecutivos e fomenta valores que eles mesmos están a vivir, como o compañeirismo, a amizade ou a complicidade.
O último dos relatos é Una habitación en Babel (2009) de Eliacer Pousado. Este profesor de Filosofía para Educación Secundaria crea o relato desde e para o circuíto escolar. A súa análise céntrase en aspectos sociais propios das clases sociais marxinadas pola sociedade, pero coa intención de levar o lector á reflexión sobre elas e non ao seu rexeitamento. Eliacer Pousado reivindica continuamente que os mozos deben ler por pracer e non dificultarlles continuamente este labor desde o circuíto escolar mediante a obrigatoriedade que se adquiriu coa lectura dos clásicos literarios nas aulas, en cambio deberíanse ler fragmentos e adaptacións cunha preparación previa do alumnado.
En definitiva, grazas á obra de Lluch e Sanz facilítanse algunhas posibles respostas a preguntas tan complexas como as que xera a catalogación da LIX. Deste xeito, lógranse entender os aspectos que é preciso ter en conta ao analizar epistemoloxicamente os relatos, cada vez máis numerosos, que chegan cada día a mans dos nosos mozos, así como a evolución das circunstancias históricas que levaron á LIX á posición privilexiada na que se atopa hoxe en día.
Author notes
robertojose.alcalde@alu.uclm.es
Additional information
Cómo citar
:
Alcalde López, R. J. (2021). Analizar relato #LIJ (2021). Boletín Galego de Literatura, 59, “Libros”, 1-4. DOI http://dx.doi.org/10.15304/bgl.59.7902
ISSN: 0214-9117
Vol.
Num. 59
Año. 2021
Lluch, G. y Sanz, A. (2021). Analizar relato #LIJ. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha. Col. Arcadia, nº 33. 225 pp.
Roberto José Alcalde López
Universidad de Castilla-La Mancha,España
Nota de copyright
Outros datos estatísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)