Resumo

Este artigo pretende levar a cabo unha análise dalgúns aspectos subxacentes que inflúen no emprego dos marcadores evidenciais en galego. Tras a presentación do conxunto de formas de expresións evidenciais galegas, centrarémonos na influencia que o factor cognitivo do territorio da información (Kamio 1997) e o factor cultural da cortesía negativa (Brown & Levinson 1987) exercen sobre a decisión do emprego de expresións evidenciais. No tocante ao territorio da información, dous elementos determinan a presenza do evidencial: en primeiro lugar, a percepción de que información non pertence ao territorio do falante e, en segundo lugar, a percepción subxectiva de se o falante posúe autoridade epistémica para afirmar o contido proposicional. Canto á cortesía negativa, confírmase que é un aspecto prominente na aparición dos evidenciais en interacción. Así mesmo, amosaremos que o galego, como lingua falada nunha cultura con tendencia á cortesía negativa, posúe algunhas características verbais das culturas de afastamento (Haverkate 1994, 2000), tendentes ao emprego dos evidenciais como mecanismos atenuadores.