A loita pola educación no rural galego: unha teima que non acouga. Apuntamentos para unha historia do período 1975-2014
Contido principal do artigo
Resumo
Un asunto tan complexo e ao tempo tan transcendente para o país galego como é o da educación no ámbito rural precisa, agora que xa levamos percorrido un treito do século XXI, unha visión retrospectiva e ao tempo crítica que poña o acento nos fitos máis destacables que singularizaron a historia da súa defensa, cos seus avances e retrocesos, desde a década dos 70 do século pasado ata os tempos que vivimos.
Neste artigo intentamos pois ofrecer as referencias imprescindibles para caracterizar minimamente aqueles colectivos docentes que enfrontaron, desde o rigor pedagóxico e o compromiso comunitario, o estudo e a defensa do medio rural galego, e que batallaron no plano intelectual e na acción directa nas aulas, por unha educación digna, xusta, pública, de calidade, e adaptada ao contexto rural, ás súas xentes e á súa lingua e cultura propias.
Collendo o fío da memoria a través destas catro décadas iremos desvelando e analizando acontecementos, algúns case esquecidos, que permitan dar a entender e poñer de manifesto o relevante papel histórico desempeñado polos diferentes movementos sociais que se configuraron a prol da educación no rural.
Entre eles ocupa un posto meritorio a Mesa Galega de Educación no Rural, unha organización nacida como plataforma representativa das reivindicacións dos colectivos profesionais neste eido; con case vinte anos de percorrido ás súas costas, hoxe aínda é escasamente coñecida. En xustiza coa relevancia do seu cometido cómpre que nesta contribución deixemos mínima constancia das súas achegas e da súa traxectoria, que nos ligará coa actualidade, un tempo incerto que nos permite acubillar tanto esperanza (ao revisar o labor que veñen desempeñando docentes e comunidades rurais) como desilusión (se consideramos o tipo de atención habitualmente dispensada polas administracións á educación no rural).