1. INTRODUCIÓN
Partíndomos da problemática arredor do concepto de colocación e da escaseza de estudos propios para o galego nesta área da fraseoloxía, este traballo ten como obxectivo analizar e caracterizar dous verbos soporte específicos (VSE) desta lingua. Para isto imos recompila-lo paradigma colocacional dos VSE espetar e chantar. Así, poderemos estudar cada un destes verbos soporte por separado, comparalos entre si e tamén contrastalos co paradigma do verbo soporte xeral dentro do que estes se insiren para obter conclusións acerca do seu aparato colocacional, da natureza do tipo de semifrasema que forman ou do seu comportamento como colocativos. Como se poderá observar máis adiante, ambos VSE atópanse dentro do paradigma de dar como verbo soporte xeral, posiblemente o que posúe o maior poder colocacional na lingua galega ().
Os VSE () teñen unha carga semántica maior que os xerais, polo que o seu poder colocacional vese minguado e non esperamos que teñan unha distribución fóra do conxunto que abarca un verbo xeral co que manteñan unha relación de hiponimia. Entendemos que dita carga semántica provoca que estes VSE acaben por ocupar unha área concreta do paradigma superior ou que se especialicen nalgúns valores concretos respecto do verbo soporte xeral.
Seleccionamos chantar e espetar como VSE porque deberían formar colocacións semellantes e cos mesmos valores. Estes verbos, no seu uso pleno (non desemantizado), son sinónimos e polo tanto deberían posuír unha distribución similar, tanto coas bases coas que se combinen nas colocacións con verbo soporte (CVS) como cos valores ou subgrupos nos que dividímo-los seus aparatos colocacionais, xa que entendemos que poderían verse afectados por unha desemantización semellante e, tamén, que as posibilidades combinatorias de dous verbos altamente sinonímicos terían que selas mesmas. Isto é, se un VSE forma CVS cun determinado substantivo ou nun valor, o outro VSE, sinónimo, tamén debería. Non obstante, pode haber colocacións posibles con ambos verbos, pero que se fixen na fala tan só con un. Estas diverxencias combinatorias que se dean serán un dos factores principais que nos permitan analiza-la natureza dos dous VSE e das súas capacidades colocacionais e así poder comprender e describir mellor o tipo de CVS que forman.
Outro motivo polo que escollemos estes dous VSE é que, como se verá máis adiante, aparecen nos dicionarios con diversas acepcións, unhas como verbo pleno e outras que se corresponden realmente cos seus usos colocacionais como VSE. Neste sentido, esta parella de verbos pode ser moi útil para contribuír á descrición fraseolóxica que pretendemos levar a cabo aquí, a diferenza doutros posibles pares como asestar e propinar os cales só aparecen definidos cunha acepción. De acordo coa perspectiva da fraseoloxía e das CVS que seguimos e que detallamos na epígrafe a continuación, o feito de só teren un sentido ou significado lévanos a consideralos como verbos plenos sinónimos de, por exemplo, golpear e non como verbos soporte, polo que non nos parecen axeitados para este traballo.
En definitiva, o par de chantar e espetar que presenta un elevado grao de sinonimia, de feito nalgunhas fontes lexicográficas que aquí consultamos aparecen como sinónimos totais tanto nos seus usos plenos como desemantizados, é moi acaído para o estudo e descrición dos VSE e a comparación entre eles, ademais da súa posición dentro do paradigma de dar, para contrastalo cun verbo soporte xeral.
2. MARCO TEÓRICO
O termo colocación adoita ser atribuído a quen, dentro do contextualismo británico, o trata dende unha perspectiva estatística-contextual en base a criterios de frecuencia de coaparición de elementos. Non obstante, cómpre valora-la súa achega como pioneiro tendo en conta traballos anteriores como os de ou, tal e como afirma , as contribucións de ou onde xa se analizou este fenómeno aínda sen denominalo colocación.
Ademais da perspectiva de Firth, que pode iguala-lo fenómeno das colocacións a simple combinación, está a léxico-semántica, que ten como figura principal a Mel’cuk cos seus traballos sobre lexicoloxía (como en , , ou , por só citar uns exemplos). Este autor introduce o termo demi-phrasème (semifrasema) entendido como a combinación formada “por dous constituíntes parcialmente fixos onde só se conserva o significado primario de un deles: donner une conférence, to crack a joke, prestar ayuda” (). Tal e como indicaremos a continuación, esta última perspectiva é máis acaída para este traballo. Así, as CVS caracterízanse como un tipo de semifrasema que se compón dun verbo desemantizado que actúa como colocativo e dunha base con significado pleno que xeralmente é un substantivo, isto é: unha unidade léxica pluriverbal, verbonominal e semiidiomática.
Con todo, a delimitación e a caracterización das colocacións é unha cuestión que se pode afrontar dende diversas perspectivas e de acordo con criterios ben dispares. Sen pretender continuar cunha extensa exposición do estado da cuestión arredor das CVS, para un traballo destas características nós imos toma-lo marco teórico presente en (), onde analiza en profundidade as CVS na lingua galega, en concreto as que se fan con dar, ofrece unha descrición e clasificación ben definida destes semifrasemas e tamén establece uns límites claros respecto doutros fraseoloxismos e de combinacións libres.
O marco teórico do traballo antes citado rexeita a consideración das colocacións como combinacións non fraseolóxicas e non cre axeitadas as perspectivas que as entenden principalmente de acordo con criterios estatísticos e contextuais (frecuencia de coaparición), como se detalla en ; ou no mesmo . Considera, pola contra, que un estudo axeitado destes semifrasemas debe darse dende un punto de vista centrado en criterios léxico-semánticos, semellante o que se expón en, por exemplo, Corpas Pastor (; ; ); ; ou , entre outros.
Continuándomos no ámbito iberorrománico, nomeadamente no castelán, na década dos setenta, o termo colocación foi tratado no ámbito lexicográfico por quen o tomou de Firth para trata-la combinatoria léxica e que despois acabaría denominándoo contorno para referirse á información contextual nunha definición lexicográfica. De acordo co exposto en o termo colocación non foi tratado antes e apenas tería desenvolvemento ata chegar a década dos noventa do s. XX onde o estudo deste tipo de fraseoloxismo experimenta un aumento e grandes avances, destacando, entre outros, traballos como os de Corpas Pastor (, , , ); Alonso Ramos (, , , , ), quen ademais leva na Coruña un proxecto para a elaboración dun dicionario de colocacións, DiCE, ou Koike (, , , , ).
Chegados a este punto, cómpre mencionar outros fenómenos como as solidariedades léxicas (SL). Este tipo de combinación sintagmática, de acordo con pode ser de dous tipos: unilaterais, tamén chamadas internas, que non presentan ningunha oposición paradigmática, por exemplo a que se establece con lamber/lingua ou dente/morder, e as multilaterais, externas, que si se opoñen a outras exclusivamente polo trazo distintivo que comparten as súas unidades léxicas, son casos como os de can/ladra, gato/miaña, burro/ornea etc. Segundo , e como se ilustra na táboa 1 que aparece máis adiante, se ben as solidariedades léxicas son un fenómeno que se pode considerar preto das colocacións, as SL carecen da idiomaticidade que caracteriza ós semifrasemas e non as considera fraseoloxismos.
Na nosa perspectiva, non negamos a proximidade e semellanza que pode haber entre as colocacións e as SLL, pero considerámolas fenómenos diferentes atendendo a criterios como a semiidiomaticidade das colocacións ou á natureza distinta da súa restrición. Se as entendemos como combinacións das mesmas características, dificilmente podemos mante-la clasificación de colocación como fraseoloxismo ().
Hai diversas posturas que xustifican, ou rexeitan, a autonomía conceptual das colocacións fronte a outras combinacións léxicas como as SLL [...] As SLL non funcionan como unidade léxica e carecen da idiomaticidade das colocacións, aínda que nalgúns casos esta poida ser baixa e inestable. Nós considerámo-las SLL como combinacións máis regulares, sen compoñente opaco ().
Ademais, noutros estudos galegos, como , aparecen conceptos como os termos compostos sintagmáticos (piñeiro manso, lúa vella) ou os denominados predicados complexos (dar aviso, facer alusión). Algunhas das unidades aquí incluídas poden ser consideradas colocacións, en especial cos predicados complexos, os cales en moitos casos fan referencia ó mesmo que aquí se lle chama CVS. Non acontece o mesmo coas locucións verbais (darlle sebo ós pés) xa que con este concepto faise alusión ós frasemas que é outro fraseoloxismo diferente (vid. Táboa 1).
Así, e volvéndomos ó criterio para as colocacións escollido neste traballo, o léxico-semántico, as CVS non son meras combinacións que coaparecen frecuentemente, senón que son unidades léxicas pluriverbais que seguen este esquema: A + B = B’ (dar un berro ≈ ‘berrar’). Onde o colocativo (A) é o compoñente idiomático, desemantizado, é dicir: un verbo soporte. B, a base, é un elemento con significado pleno, na maioría dos casos é un substantivo que achega a carga semántica da colocación. Finalmente, o resultado (B’) é un significado relacionado co da base, unha acepción ou un sentido desta, semellante ó correspondente verbal simple, se este existe, pero non idéntico. En cambio, cos frasemas (UF, unidade fraseolóxica) temos como resultado outro significado diferente (C) e coas combinacións libres ambos compoñentes manteñen o seu significado (AB), como podemos ver na Táboa 1.
Cómpre subliñar que as bases das CVS non son sempre univerbais, senón que hai combinacións verbonominais formadas polo verbo soporte máis unha colocación (dar un pase da morte, botar unha mirada asasina), un frasema (dar un lavado de cerebro, dar un balón de osíxeno) ou unha unidade léxica pluriverbal non fraseolóxica (da-la voz de alarma, da-la liberdade condicional), estas reciben o nome de colocacións complexas (vid. e ).
Xa establecido o enfoque co que imos trata-las colocacións, centrarémonos agora nos verbos soporte (VS). Un VS xenuíno é un verbo que se atopa baleiro semanticamente (; e ) aínda que fala dunha visión ampla e estreita dos verbos soporte en función do seu grao de desemantización. Así, un mesmo verbo nunhas combinacións pode semellar estar totalmente baleiro de significado (1 e 2) e noutras parece estalo menos (3 e 4).
- (1)
Mañá daremos un paseo polo bosque para observar paxaros.
- (2)
O gato deu un salto para entrar pola ventá.
- (3)
Achegouse ata el e deulle un abrazo moi sentido.
- (4)
Deulle uns bicos na meixela en canto a viu.
A perspectiva ampla considera que todos son VS, a visión estreita deixa fóra casos como os de 3 e 4. Con todo, os límites entre uns e outros non semellan estar claros. De feito, afirma que os VS, que tamén reciben os nomes de verbos lixeiros ou verbos de apoio, teñen un escaso peso semántico e este autor sostén que non hai unha definición aceptada universalmente máis alá da intuición da súa perda da carga semántica, como nos exemplos 3 e 4. Ante esta situación, nós optamos pola visión ampla admitindo que un VS pode estar máis baleiro ou menos en función da base coa que forme unha CVS.
Dentro dos verbos soporte hai dous grandes tipos: os xerais e os específicos (; e , entre outros). Os primeiros teñen un gran poder colocacional (dar, ter, pór/poñer etc.) e os outros, en cambio, combínanse cun número moito máis reducido de bases por estaren menos baleiros semanticamente. Tal e como amosa , os verbos soporte específicos poden agruparse con algúns dos xerais (e estes entre si) de acordo con relacións de sinonimia (5), formando CVS conversas ou recíprocas (6) ou con diferenzas de tipo estilístico (7), aspectual (8) etc.
- (5)
Pegou/deu un chimpo no medio da praza.
- (6)
Cacho tunda levou ese home na liorta/Cacho tunda lle deron a ese home na liorta.
- (7)
Chegou ó bar e espetoulle/deulle un bico.
- (8)
Deulle forzas para seguir / Ten forzas para seguir.
Finalmente cómpre mencionar que o aparato colocacional dun determinado verbo soporte pode clasificarse de acordo cuns valores que se lles atribúen ás súas CVS (vid. ou ), como sucede co paradigma do verbo dar (Táboa 2)
O aparato colocacional dun verbo soporte específico compartirá valores, non necesariamente todos, cos dun verbo soporte xeral que sexa hiperónimo seu. Así, o grupo de CVS con verbos específicos como meter, chantar, espetar, pillar ou largar poderanse agrupar nalgúns dos mesmos valores que as CVS dun verbo xeral que os contén como é o caso de dar.
3. METODOLOXÍA
Para poder analiza-los verbos soporte escollidos debemos facer unha recompilación das CVS que poden formar. Inicialmente imos recollelas de tres corpus: Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) e Corpus Técnico do Galego (CTG).
Igual que sucede con e , a recollida das CVS pode ser un proceso problemático por varios motivos: polo propio carácter das CVS, como por exemplo cando comparten forma con frasemas ou combinacións libres, polas opcións de busca nos corpus, pola distancia en número de palabras que hai entre a base e o colocativo, por se a base aparece antes ou despois do colocativo, pola imposibilidade de detectar automaticamente as CVS complexas etc.
Ditas dificultades evitan que se poida facer unha recollida eficiente sen ter que observar minuciosamente os resultados das buscas e sen configurar algunhas opcións ou filtros con parámetros moi amplos, como a susodita distancia entre a base e colocativo que se coloca sempre a unha distancia superior ás seis palabras antes e despois desta. Cuestións como esta fan que os resultados que bota o corpus teñan moito ruído e isto free e atranque o proceso de recompilación, pero deste xeito é o único co que podemos asegurarnos que ningunha CVS, ou o mínimo posible de destas, quede fóra.
Unha vez recoñecida unha posible CVS, hai que analizar ben o contexto no que aparece, xa que algunhas combinacións que semellan ser un semifrasema poden non selo, como, por exemplo, os casos nos que estamos ante un uso figurado do verbo e non ante idiomaticidade fraseolóxica real (9, 10 e 11) ou cando atopamos unha combinación que podería ser CVS, pero realmente é unha cun verbo pleno e non soporte (12), entre outros casos problemáticos como o das elipses da base (13) ou, con CVS de comunicación, cando en lugar da base témo-lo contido que se quere expresar ou un termo que non constitúe unha CVS (14, 15 e 16). Os seguintes exemplos son extraídos dos corpus antes mencionados, agás o 13 que se recolleu dunha publicación nunha rede social.
- (9)
O sol espetábase no chan. A luz facía doer a vista.
- (10)
Coas súas verbas chantou o país en tódalas portadas.
- (11)
Pensa fondamente na súa terra que leva chantada na súa longa pelengrinaxe.
- (12)
Espetoulle os prezos de mala maneira cun papel e un pau pegado enriba dos produtos.
- (13)
Chanteille [unha hostia] outra vez nos fociños e non volveu queixarse máis.
- (14)
Espetoulle sen contemplacións que o mellor era que se marchase de alí.
- (15)
Estaba tan emocionado que se ergueu a aplaudir e espetou un “bravo, bravo”
- (16)
Espetoulle a traizón da que soubo por un estraño
O seguinte paso é ampliar e completa-la recollida esgotando os límites do paradigma colocacional vendo CVS posibles por medio do principio de herdanza léxica e facendo procuras na Rede para ver se estas colocacións realmente existen, se teñen uso real. Dito principio () establece que se unha base pode formar CVS cun determinado verbo, tamén o poderían facer tódalas bases que operen semántica e sintacticamente de xeito semellante. Explicado cun exemplo sería o caso de dar apoio. Se apoio pode colocarse con dar, as bases que sexan hipónimos ou sinónimos como axuda, soporte ou ánimo tamén deberán poder constituír unha CVS con ese verbo soporte, o mesmo coas CVS complexas derivadas da base, como por exemplo apoio técnico, apoio moral ou apoio incondicional. Exemplos no caso particular deste traballo son combinacións que encontramos nos corpus como espetar unha resposta, que nos levou a buscar e atopar na Rede outras posibles como espetar unha réplica ou como chantar un recordo con chantar unha lembranza.
Cos verbos xerais como dar, debido ó seu gran poder colocacional, o principio de herdanza debería operar sempre (), pero pode ser que cos verbos específicos non se consoliden no uso certas combinacións que son posibles. Por este motivo, cómpre refina-la escolma total de CVS comprobando o seu uso antes de engadilas definitivamente. Para isto temos dous filtros: a intuición do falante, que podería operar aquí como un criterio válido (como en ou ), corroborada sempre coas buscas no Internet das que falamos antes. A procura de CVS na Rede tamén nos serve para confirmar se as bases que se colocan con só un dos dous VSE, segundo os resultados dos corpus empregados, poden facelo realmente co outro verbo. En definitiva, estas buscas deberían axudar a cubri-las carencias ou limitacións que teñan os corpus que usamos para a recollida de CVS.
Trala ampliación e xa coa recompilación definitiva de CVS de chantar e espetar, toca organizalas atendendo á natureza da base, principalmente a través dos valores, e ve-lo peso que ten cada grupo que formamos respecto dos demais valores e as diferenzas e semellanzas que atopemos tanto dentro das CVS dun só VSE como en comparación co outro e co paradigma de dar.
Outro recurso que cómpre ter en conta para a análise é ver como se presentan chantar e espetar nos dicionarios. Se consultámo-las entradas destes verbos podemos observa-los valores das súas CVS que aparecen representados nas acepcións, como sucede con dar en . Os dicionarios que nós utilizamos son: DRAG, DXLG, DCLG e DSBE.
Finalmente, uns aspectos que convén analizar son os relacionados co determinante das CVS e as bases que acompaña. En elabóranse un esquemas que permiten estuda-la fixación das CVS a través das posibilidades flexivas da base ou a restrición no uso dos determinantes. Así, de acordo con :
En función dos determinantes que permita a base da CVS (ou na acepción dela que se selecciona na colocación) e da posibilidade desta de flexionar en número, as CVS amosan uns esquemas diferentes. Así, os esquemas teñen tres caracteres: o primeiro fai referencia ó artigo determinado, o segundo fala do artigo indeterminado (ou outros indefinidos) e o terceiro trata da ausencia de determinante entre a base e o VS. Recordemos que en cada un destes tres escenarios, se a base pode ir en singular e plural teremos un «T», só en un plural un «P», só en singular un «S» e un guión cando non hai CVS nesa situación. Hai unha marca máis, «Pr», que indica que só se usa preposición, que trataremos detalladamente máis adiante.
Por exemplo, a CVS «dar ladridos» ten o esquema TTP. Isto quere dicir que con artigo determinado pode ir en singular e plural, o mesmo co indeterminado, pero cando non hai determinante non pode ir a base en singular. «Dar ladrido» aínda que posible, non semella normal ou aceptable, de feito, non se rexistra.
Outro exemplo moito menos común é o da CVS «dar mal de altura». Esta ten un esquema que é S-S. Isto quere dicir que esta CVS non se dá con artigo indeterminado e que nos outros dous casos só pode ser en singular. Do mesmo xeito que no exemplo anterior, é posible algunha combinación das que dixemos que non se dan, como «dar males de altura», pero non se rexistra ou bota moi poucas coincidencias. Sendo estas estrañas e altamente infrecuentes, non as imos considerar válidas.
O normal non é ter que desbotar situacións infrecuentes como no exemplo anterior, senón que o habitual son casos onde o esquema responde a tódalas situacións que rexistramos, como os exemplos de «dar cóxegas/ dar cosquillas», onde a base é un substantivo que sempre vai en plural, de feito teñen esquema PPP.
Nese traballo, podemos observar que co VS dar os esquemas máis comúns, e tamén os propios dunha CVS prototípica, son TTT e TTP. Isto é, ou ben na CVS non se permite a base en singular sen artigo, como no exemplo de dar ladridos, ou ben son posibles tódalas opcións no que concirne ás posibilidades flexivas ou o uso do artigo. En aparecen un total de 14 esquemas diferentes, pero, agás os dous xa mencionados e o esquema SSS, o resto son moi raros ou infrecuentes, cunha presenza ínfima respecto do total.
Deste xeito, estudaremos unha por unha tódalas CVS que recompilemos para determinar que esquemas aparecen cos VSE chantar e espetar e así analizar as posibilidades e fixación que amosan os modelos das colocacións recollidas.
4. RESULTADOS E DISCUSIÓN
Como adiantamos na epígrafe anterior, é posible atopar información relevante en dicionarios tanto para facilita-la recollida das CVS como para a análise dos resultados obtidos trala súa recompilación. As acepcións que atopamos nos dicionarios que se corresponden con algúns dos valores das CVS son as seguintes:
-
DRAG
-
DXLG
-
DCLG
-
DSBE
-
Chantar (6) Falando de golpes, dá-los: chantou-lhe duas bofetadas.
(7) Dizer claramente a alguém algo desagradável: chantou-lhas na cara.
(8) Pôr: chantou-lhe dous bicos; chantou-lhe os livros na mesa; chantou-lhe o chapéu na cabeça.
-
Espetar (5) Dizer a alguém à cara algo que o surpreenda ou moleste: espetei-lhe quatro palavrinhas.
(6) Contar façanhas imaginárias ou inventadas: espetava cada trola.
(7) Dar-lhe uma labaçada a alguém.
-
Nas entradas de chantar vemos acepcións, como a quinta do DRAG, que comezan con dar, o que xa nos amosa a relación hipónimo-hiperónimo entre estes dous verbos soporte. Ademais, en tódolos dicionarios hai acepcións con dicir, isto indícanos que os valores de comunicación teñen que estar presentes con este VSE. Varias entradas de chantar contan con acepcións para o valor de golpear, por exemplo no DXLG, onde aparece definido na oitava cunha CVS con dar (dar golpes) e, incluso, podemos observar que tamén se amosa o valor de acción corporal, como nos exemplos da acepción oitava do DSBE (chantou-lhe dous bicos).
Xunto ó anterior, cómpre subliñar que nalgunhas definicións de chantar e espetar sinálase un sentido de realiza-la acción de xeito brusco ou violento. Tamén nos parece salientable que no DCLG chantar non ten entrada propia xa que esta nos dirixe á de espetar.
Dentro das acepcións de espetar atopamos unha no DRAG con pegar, polo que vemos que golpear está dentro dos usos colocacionais deste verbo, como podemos comprobar no primeiro exemplo (Espetoulle unha labazada), este valor tamén o inclúen o resto de dicionarios. Ademais, nalgunhas acepcións deste VSE, de modo parecido ás de chantar, temos definicións con dicir ou contar que sinalan a existencia de CVS cos valores de comunicación. Finalmente, con espetar non atopamos información que nos suxira directamente o valor de acción corporal, pero si o de lograr-realizar na acepción quinta do DXLG (facer algo).
En definitiva, atendendo ás entradas nos dicionarios dos verbos espetar e chantar, podemos observar que se establece a relación de hiponimia con dar principalmente arredor dos valores de comunicación mailo de golpear, incluso o de acción corporal, pero non con outros, como, por exemplo, os catro de movemento, o que confirmaremos máis adiante.
Pasándomos xa a recompilación, onde os casos (tokens) que conteñan diferentes formas dunha mesma base agrúpanse baixo un mesmo lema e contan como un único resultado (tipo, type), obtivémo-los seguintes datos de CVS diferentes:
| VERBO SOPORTE | CVS EXTRAÍDAS DOS CORPUS | AMPLIACIÓN | TOTAL |
|---|---|---|---|
| chantar | 149 | 15 | 164 |
| espetar | 173 | 23 | 196 |
Dun total de 360 CVS, 196 van con espetar como verbo soporte e 164 con chantar, tendo, respectivamente, un 54,44% e un 45,56% dos casos. Espetar ten 32 CVS máis, arredor dun 7,65%. Se o comparamos coa recompilación de onde recolleu 3550 CVS con dar en galego, chantar abarca case un 4,62% do paradigma de dar e espetar pouco máis dun 5,21%. Isto é, por cada CVS de chantar atopamos máis de 21,65 con dar e por cada CVS de espetar hai 18,11.
Os datos sobre os valores nos que agrupamos as CVS son os seguintes:
Os resultados semellan bastante parellos agás co valor de golpear, no que é claramente espetar o verbo soporte preferido cunha diferenza de 37 casos (15 a 52). Acción corporal, con menos casos totais, tamén é proclive a espetar, aínda que con menor diferenza. Finalmente, e obviando os casos con moi poucos resultados, o de comunicación amosa unha lixeira preferencia por chantar. Non obstante, esta diferenza non é grande en proporción e só o caso de golpear e, se cadra, o de acción corporal semellan se-los que amosan diverxencias interesantes para a análise posterior.
Nun principio, a clasificación feita para o verbo dar valeranos para chantar e espetar, só que se terán en conta un número inferior de valores. Tamén cómpre subliñar que os valores propostos non son excluíntes. É dicir, unha CVS pode encaixar en máis dun valor. Nós, igual que na clasificación orixinal, imos tentar atribuírlle sempre un único valor a cada CVS, o que mellor lle acaia, o máis característico ou habitual. Isto é, coa CVS espetar un vasoirazo, por exemplo, teríamos argumentos para colocala no grupo de golpear ou no de instrumental (usar), pero é indubidable que debe ir no grupo de golpear se atendemos ás características de ambos grupos e que esta CVS só se rexistra co significado de ‘golpear a alguén coa vasoira’ e non co de ‘varrer’. En cambio, con outras colocacións non semella tan claro en que grupo deben ir, como con espetar un sorriso que vai no grupo de acción corporal, pero nalgúns contextos parece máis propia de comunicación. Tamén convén subliñar que algúns dos grupos talvez son moi heteroxéneos, como poderían se-los casos de acción corporal ou lograr-realizar, e outros moito máis homoxéneos, como o valor de golpear.
Ademais, decidimos agrupa-los grupos de comunicación nun só. Talvez a división en dous teña sentido con paradigmas máis amplos como os de dar, pero coas recompilacións de chantar e espetar, atendendo ós exemplos atopados e a pesar de se-lo grupo máis numeroso, obtemos dous conxuntos que non semellan estar delimitados de xeito preciso, con bases nas que non é pertinente tal división ou coas que non se observa claramente cal é o subgrupo máis característico, polo que consideramos máis axeitado tratalas aquí en conxunto.
Dito isto, explicarémo-los valores que nos atopamos na nosa recompilación:
-
acción corporal. Este grupo inclúe CVS que fan referencia a, como o seu nome indica, accións que se fan co corpo ou partes deste, tales como por exemplo espetar un bico ou chanta-la vista. Quedarían fóra outro tipo de accións que, debido o seu número de CVS ou homoxeneidade como grupo, teñen valor propio, como é o caso das de golpear ou algún dos valores de movemento que aquí non tratamos. Segundo , este grupo é bastante heteroxéneo nas súas bases con dar, ata o punto de que incluso é difícil ver posibles subtipos. Algunhas das CVS que aquí se atopan poderían encaixar tamén no grupo de comunicación, como por exemplo chantar unha mirada asasina ou espetar un sorriso.
-
comunicación. As CVS dentro deste valor son moi comúns no paradigma de dar, de feito aparecen nalgunhas acepcións deste verbo nos dicionarios. Na recompilación deste traballo tamén podemos ver que é un conxunto de CVS numeroso. Este valor forma un grupo que se corresponde coas acepcións con significados relacionados con ‘dicir, transmitir, comunicar, expresar’ etc. Exemplos de CVS deste valor son chantar unha verdade ou espetar unha contestación.
-
emoción-sentido-sentimento. Aquí van as CVS cunha base que se pode incluír nalgunha das tres categorías que lle dan nome. Serían casos como os de chantarlle o medo ou espetarse a anguria.
-
golpear. Un dous grupos máis delimitados e claros. Este contén calquera colocación co significado de ‘pegar’ ou ‘baterlle a alguén ou con algo’. Neste valor hai CVS como chantar unha hostia ou espetar un couce.
-
lograr-realizar. Este valor correspóndese coas acepcións que hai nos dicionarios como a que atopamos no DRAG na entrada de dar “Realizar, levar a cabo [a acción indicada polo substantivo que segue]”. Este é un grupo que recolle as CVS que teñen difícil encaixe en calquera dos outros grupos. Exemplos de colocacións con dar que se atopan aquí serían algunhas como dar apertura, dar auditoría, dar un esforzo ou da-lo desquite, cos VSE temos chantar un cargo ou espetar un gol.
Volvendo ós datos da recompilación, de tódalas CVS hai 84 comúns a ambos VSE. Isto é, máis da metade de chantar, o 51,22%, e o 42,86% de espetar. Respecto das CVS únicas, é dicir, as que se rexistran só con un dos dous verbos, hai 80 de chantar e 112 de espetar que se reparten por tódolos valores.
| GOLPEAR | COMUNICACIÓN | ACCIÓN CORPORAL | EMOCIÓN- SENTIDO- SENTIMENTO | LOGRAR- REALIZAR | |
|---|---|---|---|---|---|
| chantar | 0 | 77 | 0 | 2 | 3 |
| espetar | 37 | 67 | 7 | 0 | 3 |
Atendendo ós valores cun número significativo de CVS únicas, observamos que golpear centra a súa exclusividade no verbo espetar. Igual que acción corporal, que é un valor próximo a este, xa que moitos golpes poderían ser tamén considerados accións corporais.
No grupo de comunicación tamén hai unha cantidade considerable de CVS únicas só que neste caso non se dan cun só VSE, senón que ambos verbos teñen moitas bases exclusivas. A diferenza de golpear e acción corporal, neste grupo chantar ten máis CVS que espetar.
Polo tanto, observamos que nalgún valor espetar é claramente o verbo soporte preferido, pero noutros chantar é o que ten máis CVS únicas aínda sen haber unha tendencia notable a favor deste. Non se pode falar de que haxa unha preferencia xeral que favoreza sempre a un mesmo verbo, o que é esperable xa que ambos VSE son próximos no seu significado. Cómpre, tras esta presentación dos datos, facer unha análise máis pormenorizada dos paradigmas colocacionais de ámbolos dous verbos e do comportamento destes para determina-las causas destas preferencias dispares.
Respecto dos esquemas das CVS e das posibilidades flexivas e fixación dos que falabamos na epígrafe terceira sobre a metodoloxía, no noso corpus atopamos un dominio absoluto do esquema TTP, a diferenza do que acontecía co verbo dar onde o esquema TTT e, incluso, o SSS tiñan tamén unha presenza notable.
Entón, as bases que operan con chantar e espetar en xeral non permiten o singular ante a ausencia de determinante. Se ben é certo que este tipo de casos é posible, por exemplo coa base valor (como en bebeu dous whiskys dun grolo, deses que lle chantan valor para dici-las cousas difíciles), estamos ante usos tan estraños ou desacostumados que non se terán en conta, tal e como se fixo en . Tamén cómpre destacar que algunhas CVS, aínda que pertencen ó modelo TTP, amosan unha preferencia por unhas opcións en lugar de outras, como por exemplo a base anguria que normalmente vai con artigo determinado, mirada ou medo que adoitan ir en singular ou bico e soprido que adoito aparecen con artigo indeterminado. Non obstante, o resto de opcións con estas CVS non son tan raras ou pouco comúns como para non consideralas.
En definitiva, o esquema combinatorio das CVS recollidas é bastante libre, en termos de fixación formal, e permite flexión e escolla ou omisión de determinante, coa excepción do caso da base en singular sen determinante.
4.1 Chantar e espetar como VS
Como acabamos de observar trala recompilación de CVS e a análise inicial, os verbos sinónimos chantar e espetar abarcan os mesmos valores como VSE. Non obstante, espetar ten un alcance colocacional maior, 32 resultados máis, e no grupo golpear é seleccionado maioritariamente: 52 CVS por 15 de chantar. O feito de que espetar se combina con moitas máis bases de golpear e o resto sexan comúns a ambos verbos (Táboa 4 e 6), podería suxerir que hai unha inclusión sucesiva dos paradigmas colocacionais. É dicir, primeiro temos o dun verbo xeral, moito máis grande, neste caso entre 18 e 21 veces maior, e despois os dos VSE un dentro do outro con nula o pouca exclusividade nas colocacións entre si.
Non obstante, e analizando os datos da Táboa 5 e da Táboa 6, non parece que esteamos ante un escenario de inclusión sucesiva, senón que temos dous aparatos colocacionais que mesturan exclusividade con CVS comúns dando lugar a dous conxuntos cunha intersección en lugar de xustaporse ou incluírse un dentro do outro. Os VSE comparten moitas bases, pero unhas semellan ser máis proclives a formar CVS con só algún dos dous verbos, non con ambos. Parece que os VSE que teñen sinonimia poden especializarse non só respecto do verbo soporte xeral que os inclúe, senón que o fan entre si ata o punto de xerar exclusividade para combinárense con determinadas bases en CVS únicas. Polo tanto, é o caso do Gráfico 2 o que representa mellor os datos obtidos e non o do Gráfico 1.
Volvendo ás combinacións que entran no grupo de golpear, as 15 que van con chantar tamén o fan con espetar, ten cero CVS únicas. Pola contra, espetar ten outras 37 únicas, exclusivas. Estas 37 CVS son posibles con chantar de acordo co principio de herdanza léxica, pero non se rexistran. Polo tanto, os datos amosan unha clara preferencia por espetar para operar como colocativo nestes casos.
Esta preferencia por espetar co valor de golpear quizais é debida a que este VSE ten unha frecuencia de uso maior, pero os datos xerais das fontes consultadas non apoian esta hipótese. O alcance colocacional de espetar co valor de golpear (52 casos) é un 246% maior respecto de chantar (15 resultados). Se comparámo-los nosos datos cos dos atopados en O galego fundamental: dicionario de frecuencias () hai, incluídos usos como verbo pleno, 50 resultados para espetar e 42 para chantar, un 19,04% máis para espetar. Esta diferenza porcentual é semellante as das coincidencias únicas de tódalas CVS recollidas coas 164 colocacións diferentes con chantar e as 196 con espetar, un 19,50%. En cambio, o número total de formas de espetar e chantar no CORGA e no TILG, como se pode observar na Táboa 7 a continuación, amosa uns resultados cunhas proporcións maiores (82,27% e 27,94% máis para espetar, respectivamente).
| CVS DE GOLPEAR | CVS RECOLLIDAS | FRECUENCIAS EN | CORGA | TILG | |
|---|---|---|---|---|---|
| Espetar | 52 | 196 | 50 | 1110 | 1076 |
| Chantar | 15 | 164 | 42 | 609 | 841 |
| Diferenza | 246% | 19,50% | 19,04% | 82,27% | 27,94% |
Cos datos obtidos, non podemos sacar conclusións contundentes agás a idea de que espetar é máis usado que chantar e que as disparidades entre os dous VSE co valor de golpear non se poden explicar simplemente a través da frecuencia, xa que a diferenza que se dá cos casos únicos neste valor é moitísimo maior ca rexistrada no resto, tanto as de usos colocacionais dos verbos como as que engaden os usos como verbos plenos. Polo tanto, semella que con este valor, a pesar de ser común a ambos, hai claramente un VSE que é preferido, que se especializa para formar combinacións no grupo restrinxindo ou reducindo as posibilidades combinatorias do outro VSE.
Relacionado co anterior, hai un aspecto interesante co valor de comunicación. Xeralmente é espetar o VSE con máis CVS, tanto no total como nos grupos, pero neste valor chantar combínase con máis bases: 131 por 121. Con todo, cómpre ter en conta que non hai unha maioría de CVS comúns, xa que, como se observou antes, hai 77 CVS exclusivas con chantar e 67 con espetar pero 54 comúns. Isto último lévanos a pensar que dentro deste grupo tamén hai usos especializados ou preferidos para formar CVS cun determinado verbo. Ademais, amósano-la necesidade de analiza-las CVS únicas de cada VSE para ve-la natureza desta exclusividade.
Se observamos a distribución dentro deste valor, comprobamos que chantar atopa CVS únicas, exclusivas, como chantar(se) unha reflexión, chantarse a certeza, valores ou chantar unha lección. No caso de espetar: espetar unha ofensa, proposta, intereses, a réplica, instrucións etc. A continuación amosamos algunhas destas CVS por medio de exemplos atopados nos corpus ou en procuras na Rede:
- (17)
E cando os amos dos mesmos ergueron de novo a testa, un bo frade chantoulles unha lección tan seria que xamais nin pensaron en terse outra vez ás tesas.
- (18)
Na reunión daquela mañá, no medio dunha discusión, chantáronse unhas reflexións que me influíron moito nas decisións que tomei dende ese día.
- (19)
Na mente do señor Khalil Abd el Karim chantarase a certeza de que a mellor pedagoxía era a da experiencia.
- (20)
Area maior é un libro para ler en voz alta, que chanta con firmeza os valores do ecoloxismo.
- (21)
Cando a unha representante do pobo lle berran: "Ti cala bonita que non te enteras", e á outra lle espetan ofensas sobre a profesión da nai.
- (22)
Ora que tanta insistencia en me espetar a cada pouco o seu interese por como andaba Xiana, da que eu fuxía con monosílabos cara a outras conversas máis cómodas.
- (23)
E por pouco non chouta de gozo, cando no Congreso lle espetou a proposta de facelo embaixador.
- (24)
No debate das eleccións non se respectaron nadiña, aínda un non rematou xa lle espetaba outro as súas réplicas
Nun comezo, decatámonos de que moitas das supostas CVS exclusivas poderían combinarse co outro VSE, como pasa cos exemplos de espetar (21, 22, 23 e 24), algo semellante o que sucedía coas bases do valor golpear. Non obstante, con algúns dos exemplos elixidos para chantar vemos que un cambio de VSE podería soar estraño se atendemos á intuición do falante, especialmente en casos como o 18, onde temos un verbo cun uso pronominal reflexivo. Pode ser que aquí estea unha das causas que explique a maior exclusividade de chantar, xa que parece que este verbo encaixa mellor nestes usos pronominais para as CVS de acordo coa súa implicación semántica na combinación. Con todo, cómpre subliñar que este tipo de construcións non son totalmente alleas a espetar, se ben é certo que ou son moito máis estrañas ou se dan noutros valores como se pode observar en 25, 26, 27 e 28. Tódolos exemplos que van a continuación foron recollidos das buscas que fixemos para a recompilación de CVS.
- (25)
A súa voz entregada espetóuseme na alma.
- (26)
Aquel discurso de odio espetóuselle na cabeza e xa non volveu a ser igual.
- (27)
Espetouse unha labazada para comprobar se non estaba soñando.
- (28)
Notou con ira cen olladas dos paseantes espetándose nel.
En definitiva, semella que os VSE chantar e espetar teñen un uso e unha desemantización diferente polo feito de que con determinadas bases se prefira un colocativo. Sobre todo se temos en conta que esta fixación asimétrica, vista en conxunto, indica que hai valores que non operan coa mesma intensidade, onde hai unha tendencia clara para formar CVS con só un VSE a pesar de combinárense ambos verbos con bases semellantes.
Con todo, é posible que a clasificación dos valores das bases non sexa o suficientemente precisa para dilucidar contundentemente o que sucede con estes verbos soporte. De acordo co exposto por , a clasificación que ofrece para as CVS de dar é unha aproximación que vén de ampliar e refinar outras anteriores, pero que podería ser mellorada máis aínda. O mesmo sostiña para a súa do castelán, clasificación da que parte . Por unha banda, sería necesario atribuírlle máis dun valor a cada CVS e, por outra banda, cómpre amplia-lo número de valores en subgrupos moito máis precisos ou redefini-los existentes para que estean mellor delimitados.
Consideramos que un traballo nesta liña e aplicado ós VSE podería darlle un carácter máis definitivo a algunhas das conclusións que aquí expomos. Cremos que incluso un grupo tan homoxéneo como o de golpear podería ser atomizado en subgrupos máis pequenos, p. e. ‘golpes coa man aberta’, ‘golpes cun instrumento’ etc. e que isto poida facernos comprender aínda mellor a fixación asimétrica ou a natureza dos verbos soporte.
De feito, en compárase o aparato colocacional de dar co do seu homólogo croata, dati, verbo soporte que é colocativo cun número moi inferior de bases, nese traballo hai 3550 CVS galegas por 653 croatas (). Alí obsérvase que nesta lingua eslava non se dan as CVS co valor de golpear, agás un pequeno grupo de CVS que fan referencia a ‘golpes coa man aberta’ tal e como sería en galego dar unha labazada ou dar un lapote (). Neste caso, cun verbo soporte cun número de semifrasemas máis semellante ó dos VSE cos que traballamos, vemos que unha subdivisión destes valores podería dar unha correspondencia total que non teríamos co valor completo e posiblemente isto nos axude a analizar ou observar mellor os dominios conceptuais dun determinado verbo soporte. Polo tanto, talvez, cunha clasificación máis precisa dos valores de dar comprenderíamos mellor estas exclusividades que atopamos cos VSE que están dentro do seu paradigma.
4.2 Chantar e espetar fronte a dar
Tódalas bases das CVS recollidas aquí tamén se combinan con dar, como era esperable. Hai algunhas de chantar, espetar e dar comúns con outros verbos soporte xerais, como contestación ou resposta, que se colocan con ter e facer, ou a base exemplo, que tamén vai con pór/poñer. En cambio, non sucede o mesmo con outras, como os casos de moquete e labazada, que non se combinan con pór/poñer ou tampouco abrazo e bico con facer. Polo tanto, os aparatos colocacionais de chantar e espetar atópanse totalmente dentro só dun verbo soporte xeral, dar. Este VS ten un aparato colocacional 21,65 veces maior que chantar e 18,11 que espetar. Ademais, cos VSE só rexistramos 6 valores dos 19 que abarca dar.
A maior carga semántica que teñen os VSE fai que sexan proclives a fixarse cuns valores concretos a través de metáforas motivadas por dita carga ou incluso polo seu significado como verbo pleno, pero, evidentemente, provoca tamén que lles sexan incompatibles outros valores. Ademais, se vémo-las acepcións de chantar e espetar como verbos plenos nos dicionarios antes consultados, observamos que o significado pivota arredor da idea de ‘introducir algo de xeito firme ou brusco, cravar, afundir, bater’ ou ‘chocar cun obstáculo ou obxecto afiado’. Así, de igual xeito que, por exemplo, se crava, espeta ou chanta unha cuña de ferro nunha madeira, tamén se pode cravar, espetar ou chantar unha labazada na meixela de alguén, como se os golpes fosen obxectos cunha punta afiada que permanecen cravados onde baten. Así mesmo, e en consonancia con algunhas acepcións recollidas, vemos que con chantar e espetar hai un sema de [+brusco] ou [+violento] que non achega necesariamente o verbo soporte dar e que se fai máis patente con valores diferentes ós de golpear, como por exemplo se comparámo-las CVS de acción corporal como dar un bico con chantar un bico ou as de comunicación como dar unha resposta, dar unha noticia con espetar unha resposta ,espetar unha noticia.
Tal e como sucede con dar, hai unha reificación das bases debido a que a metáfora é un proceso que afecta á desemantización (), pero evidentemente, o verbo dar, de menor carga semántica, pode estenderse a máis dominios conceptuais que chantar e espetar. Así, como xa sinalamos, o verbo soporte xeral chega ata valores como enfermar ou os de movemento (exemplos 29 e 30) ós que evidentemente os VSE non (exemplos 31 e 32), xa que o peso semántico que levan non fai posible ó VSE chegar ata os dominios que operan con esas bases e tampouco permite que esas combinacións sexan aceptables para os falantes.
- (29)
Fumar dá cancro
- (30)
Onte deron un paseo
- (31)
*Fumar chanta/espeta cancro
- (32)
*Onte chantaron/espetaron un paseo
Tamén, se comparámo-la extensión do aparato colocacional de dar co recollido anteriormente, semella que o principio de herdanza léxica non opera tan fortemente cos VSE, isto é algo que xa se puido ver na epígrafe anterior cando falábamos das CVS únicas que tiñan os VSE e como non se fixaban algunhas colocacións a pesar de que este principio o permitía. Pola contra en observamos como con dar o principio funciona sempre que pode incluso reactivándose se aparecen novas posibilidades. Como era de esperar, a menor desemantización menos operativo está o principio de herdanza léxica.
Finalmente, e en relación ó anterior, semella que os verbos chantar e espetar tenden a formar, en proporción, máis CVS nun nivel coloquial ou informal, incluso vulgar (exemplos 33, 34 e 35) que dar, xa que os VSE achegan unha expresividade e intensidade á colocación moi presente na lingua coloquial que non sempre se obtén con dar. Este VS pode repartirse mellor en diferentes niveis e rexistros por ser máis neutro (), como sucede dentro da linguaxe técnica, onde os dous VSE case non forman CVS. Aínda así, tamén se atopan CVS con chantar e espetar noutros rexistros ou niveis máis elevados (exemplos 36 e 37), pero estas son pouco comúns. Os exemplos que seguen foron extraídos dos corpus que usamos neste traballo.
- (33)
Saírlle ó paso coma quen non quere a cousa e espetarlle catro frescas moi ben espetadas. Ois ti, nachiño, a devolver o que non é teu rapidamente.
- (34)
Cando o visitou no hospital despois do lavado de estómago chantoulle unha hostia no nariz que case lle saltan os tubos.
- (35)
Voulle espetar un par de hostias que se vai acordar da nai que o fixo.
- (36)
O xendarme que me acompañaba fíxome firmar un papel e alí mesmo, perante o morto, chantei a miña firma crendo que estaba a desembarazarme daquela presencia.
- (37)
Abre a porta e redeseña o seu rostro para espetarnos un sorriso de máscara etrusca que debe significar que nos toca a nós.
5. CONCLUSIÓNS
En resumo, trala análise de chantar e espetar a través da recollida das súas CVS, observamos que estes VSE sinonímicos teñen todo o seu aparato colocacional dentro só do de dar. Á súa vez o de espetar é máis grande que o de chantar, pero isto non quere dicir que se dea unha inclusión sucesiva dos tres paradigmas, xa que os dous VSE presentan unha fixación asimétrica entre si, polo tanto o que hai son dous aparatos colocacionais cunha intersección con CVS comúns, como amosamos antes no Gráfico 2, xunto a un número notable de bases exclusivas para cada un dos VSE, tal e como vimos cando agrupamos e analizámo-los semifrasemas.
Así, co valor golpear, común a ambos verbos, o VSE espetar é o preferido cunha exclusividade moi alta. Semella que hai una desemantización diferente que fai que un VSE sexa máis idóneo que outro, a pesar de que moitas bases exclusivas non o terían que ser de acordo co principio de herdanza léxica ou á intuición do falante. Isto non sucede con verbos xerais como dar onde dito principio opera alá onde sexa posible por mor do gran poder colocacional deste verbo.
Outra causa da exclusividade podería ser que un VSE sexa o preferido nun valor debido a que o verbo que coloca menos CVS está en desuso ou é moito menos frecuente. Non obstante, os datos que manexamos non amosan que un verbo teña menos vitalidade ou que sexa moito máis raro que o outro.
Xunto a todo isto, tamén habería que considera-las posibles carencias ou limitacións que puidesen presenta-los corpus que seleccionamos para recolle-las CVS. O cal, dende o noso punto de vista e a pesar de amplía-la procura de CVS mediante buscas na Rede, talvez lle resta contundencia a algúns dos resultados da análise. Así e todo, pode que as nosas consideracións para o que sucede coas CVS dos grupos de comunicación, por exemplo, non sexan de todo definitivas, xa que amosan uns resultados parellos con moita exclusividade, pero datos como os que bota o grupo de golpear parécenos o suficientemente rotundos e amplos como para considerar que, en efecto, dentro dos VSE pode darse unha especialización en determinados valores comúns ata o punto de seren maioritariamente exclusivos de un só verbo.
Finalmente, insistimos en que a clasificación das CVS a través dos valores que se lles atribúen, aínda que moi útil, debe ser refinada con novos grupos máis concretos ou precisos e cuns límites menos difusos para, así, traballar mellor con VS con aparatos colocacionais máis pequenos como sucede cos VSE chantar e espetar. Deste xeito, quizais poderíamos percibir máis claramente a natureza das diverxencias que atopamos entre as CVS de ambos verbos, describir con maior precisión seu dominio colocacional e comprender aínda mellor a fixación asimétrica ou as características destes VSE.
Referencias bibliográficas
1
2
4
5
Alonso Ramos, Margarita. 2010. No importa si la llamas o no colocación, descríbela. En Carmen Mellado Blanco Patricia Buján Otero, Claudia Herrero Kaczmarek, Nely M. Iglesias Iglesias & Ana Mansilla Pérez (eds.), La fraseografía del s. XXI: Nuevas propuestas para el español y el alemán. 55–80. Berlin: Frank & Timme.
6
7
8
Baranov, Anatolij & Dmitrij Dobrovol’skij. 2009. Aspectos teóricos da fraseoloxía. Santiago de compostela: CRPIH. http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/aspectos_teoricos_fraseoloxia.pdf [5/11/2024].
9
10
11
Bustos Plaza, Alberto. 2006. Verbos generales y verbos específicos: conjuntos y clases de argumentos en colocaciones de verbo y sustantivo. EPOS XXII, 51–65. https://doi.org/10.5944/epos.22.2006.10508 [5/11/2024]
12
CORGA = CRPIH. 2023. Corpus de Referencia do Galego Actual. http://corpus.cirp.gal/corga [5/11/2024].
14
16
18
CTG = SLI/Universidade de Vigo. Corpus técnico do galego. http://sli.uvigo.es/CTG [5/11/2024].
19
20
DiCE = Alonso Ramos, Margarita (dir.): DiCE - Diccionario de Colocaciones del Español. A Coruña: Universidade da Coruña. http://www.dicesp.com [5/11/2024].
21
DRAG = Real Academia Galega. 2023. Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario [5/11/2024].
22
DSBE = Alonso Estraviz, Isaac. 2023. Dicionário da Língua Galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. http://www.estraviz.org [19/11/2023].
23
25
26
27
28
Herrero Ingelmo, José Luis. 2002. Los verbos soportes: el verbo dar en español. En Miguel González Pereira, Montserrat Souto Gómez & Alexandre Veiga Rodríguez (coords.), Léxico y gramática: [Selección de ponencias e comunicacións presentadas no Congreso Internacional de Lingüística "Léxico & Gramática" celebrado na Facultade de Humanidades de Lugo do 25 ó 28 de setembro de 2000]. 189–202. Lugo: Tris tram.
29
Koike, Kazumi. 1996. Verbos colocacionales en español. Hispánica 40, 14–31. https://doi.org/10.4994/hispanica1965.1996.14 [5/11/2024]
30
31
32
33
34
Martínez Vicente, Alejandro. 2023. Colocacións co verbo soporte «dar» en galego e español mailos seus equivalentes en lingua croata. Zadar: Sveučilište u Zadru. [Tese de doutoramento]. https://urn.nsk.hr/urn:nbn:hr:162:822858 [5/11/2024].
35
36
37
38
Melcuk, Igor. 2004. Verbes supports sans peine. Lingvisticae Investigationes 27(2), 203–217. https://doi.org/10.1075/li.27.2.05mel [5/11/2024]
39
41
42
Sanromán Vilas, Begoña. 2003. Semántica, sintaxis y combinatoria léxica de los nombres de emoción en español. Helsinki: Universidad de Helsinki. [Tese de doutoramento]. https://helda.helsinki.fi/bitstream/10138/19282/2/semantic.pdf [5/11/2024].
43
44
TILG = Santamarina Fernández, Antón (dir.). 2003. Tesouro Informatizado da Lingua Galega. http://www.ti.usc.es/TILG [5/11/2024].
Notes
[1] No DRAG, asestar vén definido deste xeito “Dirixir [un proxectil, unha arma, un golpe etc.] contra algo ou alguén” e propinar así “Dar [un golpe ou algo que cause dano]”.
[2] Compárese o exemplo 16 cos dous seguintes: espetoulle unha mentira que ninguén pode crer, é un mentirán e María espetoulle tódalas mentiras que Filipe lle dixo durante a relación e discutiron. No primeiro, temos unha CVS que equivale a ‘mentir’. No segundo caso, espetar e mentira non se combinan para dar ese significado, igual que en 16 o VSE non o fai con traizón co significado de ‘traizoar’ e, ademais, os compoñentes non presentan fixación. Polo tanto, estamos ante combinacións libres e non semifrasemas, xa que en realidade estes son uns casos como os dos exemplos 14 e 15.
[4] Dati é un verbo croata que significa ‘dar’ e tamén é un dos VS máis produtivos para formar CVS nesta lingua sureslava. Non obstante, o número de CVS é sensiblemente inferior porque este tipo de semifrasemas é moito menos común en croata debido, entre outros factores, á morfoloxía verbal desta lingua eslava. Tamén cómpre dicir que das 653 CVS croatas, contamos 161 que non son con dati, senón con outro VS e que se recolleron nese traballo porque son equivalentes dalgunha CVS galega con dar.



