Manual of Galician linguistics é o volume 19 da serie Manuals of Romance Linguistics dirixida por Günter Holtus e Fernando Sánchez-Miret. O obxectivo desta serie é actualizar e ampliar os contidos das dúas obras de referencia sobre lingüística románica: Lexikon der Romanistischen Linguistik e Romanische Sprachgeschichte. Cada un dos volumes da serie está dedicado a unha lingua ou a un campo de investigación específico. Manual of Galician Linguistics está dedicado a lingüística galega. O manual trata con profundidade unha grande amplitude de temas para os cales se seleccionou un elenco de autores de recoñecido prestixio pola súa especialización no tema que desenvolven. Ata o día de hoxe, é quizais a obra de lingüística galega máis completa, por incluír tanto análises sincrónicas e diacrónicas non só da fonética, fonoloxía, morfosintaxe e semántica galegas senón tamén das relacións que se establecen entre linguaxe oral e escrita, entre o galego e a sociedade, cultura e identidade, e entre o galego e as linguas veciñas (asturiano, español, portugués).
O volume está dividido en vinte e catro capítulos. Aínda que non se distinguen explicitamente diferentes bloques temáticos no manual, os editores identifican na Introdución ao volume tres grandes grupos. Os primeiros 8 capítulos enfócanse na descrición da chamada lingüística interna: fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica e pragmática. O obxectivo dos capítulos 9 ao 17 é analizar algún aspecto da linguaxe como fenómeno social. O último bloque céntranse na descrición da lingua dende unha perspectiva diacrónica. Aínda que a diversidade de voces dá como resultado unha obra necesariamente diversa, a calidade dos traballos é consistentemente alta. Ao tempo que concisos, os capítulos destacan pola exhaustividade con que se desenvolve o tema que se está a tratar.
Coma o resto das linguas romances, o galego pódese definir como lingua atendendo a criterios lingüísticos e extralingüísticos (políticos, históricos, xeográficos). No capítulo 1 do manual, Ildikó Szijj e Xulio Sousa sitúan o galego dentro das linguas romances e presentan as principais diferenzas fonéticas e morfosintácticas entre o galego e as linguas veciñas (asturleonés, español e portugués). O percorrido histórico do papel que ocupa o galego nos tratados sobre linguas romances na Península Ibérica releva que, ata ben avanzado o século XX, o galego acostumaba aparecer coma un dialecto do portugués (ou incluso do español!). Será a partir da publicación do Lexikon der Romanisteschen Linguistik en 1994 cando o galego comece a entenderse coma unha lingua romance independente do portugués que se formou con posterioridade ás outras linguas irmás como lingua minoritaria dun territorio que pertenceu primeiro ao reino de León, posteriormente o reino de Castela e finalmente a España.
O capítulo 2 está dedicado á fonética e fonoloxía galegas. Os autores, Xosé Luís Regueira Fernández e Elisa Fernández Rei, fan unha presentación exhaustiva da sílaba, as consoantes, as vogais e os procesos fonolóxicos, incluíndo fenómenos dialectais como a gheada e o seseo. Tamén explican detalladamente aspectos prosódicos, principalmente relacionados co acento e a entoación. No capítulo combínanse a pura descrición estruturalista con aproximacións máis teóricas dende a fonoloxía autosegmental e a teoría de optimidade.
A morfoloxía cóbrese en dous capítulos diferentes, o 3 e o 4. O primeiro deles trata a morfoloxía flexiva e o segundo os procesos de formación de palabras. No capítulo 3, Francisco Dubert describe o galego como unha lingua “moderadamente fusional” en que se expresan as categorías flexivas a través de procesos de sufixación e modificacións na raíz verbal. Seguindo o modelo de Palabra e Paradigma, o autor presenta unha descrición das categorías de xénero e número segundo se manifestan no nome, adxectivo, artigo e determinantes. Na dita descrición tamén se tratan os fenómenos de alomorfia e as contraccións con outras clases de palabras. Posteriormente, exponse a morfoloxía verbal flexiva no que respecta ás variacións no radical e aos morfemas flexivos de tempo, modo, aspecto, formas non persoais, número e persoa. No capítulo dedicado á formación de palabras, Ernesto González Seoane presenta unha descrición exhaustiva dos procesos de formación de palabras en galego, dende os máis produtivos — afixación (observar-observación, montar-desmontar, pequeno-empequenecer), composición (tirar + rolla: tirarrollas) e conversión (amañar-amaño) — ata outros de pouca (acurtamento: deprimido-depre e acronimia: Sociedade Galega do Medio Ambiente: SOGAMA) ou ningunha produtividade, como entrecruzamento (información automática: informática), reduplicación (ruxerruxe) e univerbación (miñaxoia).
Francisco Cidrás Escáneo é o encargado do capítulo de sintaxe, tema que se aborda seguindo principalmente unha perspectiva tipolóxica e funcional, aínda que tamén se utilizan conceptos acuñados nas gramáticas formais para explicar algúns fenómenos sintácticos. Por exemplo, bótase man dos conceptos de topicalización e focalización (ancha, estreita, frontal, contrastiva, afectiva) para explicar variacións na orde dos constituíntes gramaticais. O capítulo inclúe unha panorámica completa da sintaxe do galego. Amais da orde dos constituíntes, o autor expón a estrutura e funcións que se establecen ao nivel de frase e da oración, xunto coas alternancias de diátese (transitiva: Pedro rompeu o prato – anticausativa: o prato rompeu) e de voz (activa, media e pasiva).
O tema do capítulo 6 é a fraseoloxía. María Álvarez de la Granja inclúe baixo este termo expresións idiomáticas (unha alma de Deus, traballar coma un burro) e enunciados fraseolóxicos, como refráns (non hai festa sen gaiteiro nin foguetes nin capa que non teña setes) e fórmulas (ata logo). Despois dunha revisión bibliográfica do campo e dos principais recursos e dicionarios fraseolóxicos galegos, preséntanse os referentes máis frecuentes na fraseoloxía galega, como reflexos da cultura, costumes e carácter dos galegos (man, pé, Deus, can, pan). Os últimos apartados do capítulo resaltan a profunda influencia que ten o español na fraseoloxía galega en parte por ser aínda a lingua de prestixio en Galicia e en parte pola falla de vixencia dalgúns dos referentes da fraseoloxía galega tradicional no mundo actual.
No capítulo 7, María Dolores Sánchez Palomino fai un percorrido histórico dos estudos lexicográficos galegos nas últimas décadas resaltando a súa calidade e abundancia. Neste percorrido inclúense os dicionarios monolingües, tanto académicos como editoriais, e os bilingües, principalmente galego-español, pero tamén latín e outras linguas romances (francés, italiano), linguas xermánicas coma inglés e alemán e outras linguas xeográfica e tipoloxicamente máis afastadas coma finés e xaponés. Xunto con estes dicionarios xerais, existe tamén unha produción ampla de dicionarios especializados (ortográficos, de dúbidas, de pronunciación, de sinónimos e antónimos). Finalmente, destácase a existencia de corpus do galego, tanto sincrónicos (Corpus de Referencia do Galego Actual) como diacrónicos (Tesouro Informatizado da Lingua Galega), dispoñibles na rede.
Xosé Ramón Freixeiro Mato é o encargado do capítulo 8 sobre os marcadores discursivos (ben, pois, porén), os cales se definen como unidades invariables que proporcionan información sobre as inferencias comunicativas que guían o receptor para interpretar axeitadamente o texto. Neste traballo proporciónase unha clasificación dos marcadores discursivos do galego distribuídos en seis grandes categorías (organizadores, conectores, reformuladores, operadores e marcadores interaccionais) e dentro de cada unha establécense clases máis pequenas. Por exemplo, os conectores divídense en aditivos (alén diso), consecutivos (xa que logo) e contra-argumentativos (porén). Cada un dos grupos exemplifícase con usos reais tomados de textos orais e escritos. O capítulo tamén inclúe unha discusión da forte influencia do español nesta área, xa que os marcadores son unha área especialmente proclive á transferencia lingüística en contextos de bilingüismo desequilibrado.
A segunda sección do manual comeza cun traballo de Xulio Sousa sobre a variación diatópica en galego. Distínguense tres variedades dialectais fundamentais: occidentais, centrais e orientais e explícanse as características fonéticas, fonolóxicas, morfosintácticas e léxicas que caracterizan cada unha delas. O capítulo tamén inclúe un breve percorrido histórico dos estudos dialectolóxicos en galego en que se presentan os dous traballos de documentación dialectolóxica máis exhaustivos: o Atlas lingüístico de la Península Ibérica e o Atlas lingüístico galego. O último apartado céntrase na dinámica entre as variedades dialectais e a variedade estándar e a extensión do español na última centuria na sociedade galega.
A contribución de Johannes Kabatek a este manual enfócase nas relacións que se establecen entre o galego oral e o escrito, baseándose nos conceptos linguaxe de proximidade fronte a linguaxe de distancia e escritización (proceso de transferencia da fala á escrita) fronte a escriturización (elaboración de normas para a linguaxe escrita) de Peter Koch e Wulf Oesterreicher, que Kabatek interpreta como conceptos non discretos. Dende esta perspectiva, faise un estudo histórico das tensións entre a comunicación oral e escrita en galego ao longo da historia. No dito estudo, destácase o carácter fundamentalmente oral do galego e a ausencia ata os anos oitenta do século pasado dun sistema ortográfico estable e dunha tradición escrita en galego. Os últimos parágrafos do capítulo estudan as diferentes propostas que se fixeron para crear un estándar ortográfico nas últimas décadas e os desafíos que implicou a creación dunha linguaxe de distancia que deu lugar á existencia dunha variedade de rexistros orais e escritos en galego.
O capítulo 11 examina as relacións entre lingua e sociedade. Bernadette O’Rourke analiza o impacto que teñen os cambios socioeconómicos das últimas décadas na lingua galega no que respecta ao uso, as actitudes dos falantes cara á lingua e a relación entre lingua e identidade. No traballo estúdase o impacto da Lei de normalización lingüística de 1983 na presenza do galego nos espazos públicos (administración, educación, medios de comunicación) e os diferentes modelos de bilingüismo que se consideraron nas últimas décadas. Finalmente, tamén se estuda o activismo lingüístico que xorde como reacción a estes modelos e o papel que desempeñan os neofalantes no mantemento e revitalización da lingua.
Gabriel Rei-Doval é o encargado do capítulo sobre o contacto lingüístico entre galego e español. Tendo en conta factores socioculturais e sociolingüísticos, demóstrase como o uso do galego se ve afectado polo contacto co español nos últimos 50 anos. O traballo inclúe tamén un resumo dos principais resultados lingüísticos do contacto. A presenza de transferencias lingüísticas en todos os niveis de análise ofrécese como testemuño da intensidade de contacto, aínda que a nivel fonético-fonolóxico, as transferencias do español parecen concentrarse nos neofalantes. Ademais, o capítulo tamén explica as funcións do galego e do español en contextos de cambio de código. O apartado final céntrase no papel que desempeñou o contacto co español no proceso de estandarización do galego.
O tema do capítulo 13 é a constitución da lingua estándar. Serafín Alonso Pintos estuda o galego escrito dende o século XIX ata a actualidade. Ao longo do capítulo, faise un percorrido histórico polas diferentes propostas de codificación escrita da lingua: dende os modelos de linguaxe escrita do século XIX, baseados no español, ata as iniciativas posteriores en que se consideran outros factores como o respecto pola lingua popular, a priorización das formas diferencialistas co español e o achegamento ao portugués. A pesar destes esforzos, non existiu unha normativa oficial ata 1982. As revisións levadas a cabo en 1995 e en 2003 permitiron incorporar cambios que xurdiron doutras propostas de normativización máis achegadas ao portugués.
No capítulo 14, Xosé María Gómez Clemente e Xavier Gómez Ginovart fan unha panorámica da investigación teórica e aplicada sobre terminoloxía e neoloxía. A primeira defínese coma o estudo dos sistemas de símbolos e signos lingüísticos que se usan nas áreas de coñecemento especializado. O capítulo analiza o campo da terminoloxía en galego no que respecta ás diferentes áreas de investigación terminolóxica, aspectos sociais e institucionais e a produción terminográfica galega. A segunda parte do traballo está dedicada á neoloxía, disciplina que estuda as innovacións lingüísticas, especialmente no nivel léxico. Nesta área, examínanse os procedementos de creación de neoloxismos en galego e outras linguas romances, os criterios de identificación e a relación entre a creación de neoloxismos e os dicionarios. O último apartado propón posibles retos para a investigación futura.
O seguinte capítulo do manual está dedicado ás relacións entre lingua e educación. Bieito Silva Valdivia a María López Sández proporcionan unha análise descritiva e avaliativa do papel que desempeña o galego no sistema educativo actual, tendo en conta a situación na educación formal (primaria, secundaria, universitaria), para adultos e fóra de Galicia. O traballo resalta a importancia da educación na consolidación do galego como lingua da ciencia e da cultura. Aínda que a educación tamén contribuíu ao aumento das habilidades lingüísticas en galego do estudantado, obsérvase paradoxalmente unha redución de falantes nativos e do uso do galego na vida cotiá xunto con evidencias sutís de nesgos tradicionais cara ao español. Outro reto que enfronta o galego é atopar o seu lugar nun sistema educativo que pretende cambiar do bilingüismo ao trilingüismo.
Benigno Fernández Salgado e Beatriz Feijoo Fernández son os encargados do capítulo 16, cuxo tema é o galego e os medios de comunicación. Neste traballo, faise unha revisión do uso da lingua nas canles de difusión informativa de Galicia nos últimos douscentos anos. Destácase a importancia de xornais coma O tío Marcos d´a Portela, A Nosa Terra ou Nós, a prensa galega na emigración (Arxentina, Cuba), o paro que experimenta a prensa en galego durante a ditadura (con algunha excepción coma Grial) e a proliferación de xornais e revistas en galego que trouxo consigo a democracia, período en que tamén se observa un aumento gradual do uso do galego en xornais que se publican principalmente en español. O capítulo tamén analiza a presenza do galego nos medios audiovisuais (radio, televisión, cine e publicidade) e remata cunha exposición do papel do galego na internet e medios dixitais.
No capítulo 17, Eva Gugenberger desenvolve o tema de lingua e emigración. O capítulo comeza cunha revisión das principais áreas de investigación do campo da lingüística da migración e dos tipos de migración. A parte central do traballo trata a emigración galega, a cal se caracteriza como unha migración de tipo económico e de carácter recorrente durante os últimos séculos. Distínguense dous destinos migratorios principais: a emigración transatlántica (dende o século XVIII a mediados do XX) e a europea (anos 50 e 60 e primeiros anos da década do 2000). Tendo en conta as diferentes características destes dous tipos de emigración, a autora explica as súas consecuencias lingüísticas (coñecemento e uso do galego, identidade etnolingüística) utilizando como exemplos Arxentina e Suíza. O traballo tamén analiza a influencia do contacto de linguas, incluíndo as pegadas que deixou o galego no español de América.
O capítulo de Henrique Monteagudo sobre a historia social do galego inicia o terceiro bloque do volume, o cal se compón de traballos cuxo común denominador é a aproximación diacrónica. Este autor analiza os acontecementos históricos, sociais e políticos que delimitan a traxectoria da lingua galega ao longo da historia, unha traxectoria que se describe como irregular, en que o galego está aínda en proceso de afirmación. O capítulo parte da latinización da Gallaecia entre os séculos I e VI e chega ata a actualidade. Identifícanse tres grandes períodos na historia do galego. O primeiro deles, entre os séculos XII e XV, constitúe o período en que emerxe o romance galego, suficientemente forte para converterse nunha lingua independente, símbolo da identidade dos galegos. O segundo período comprende dende o século XVI ata mediados do século XIX. Os ditos séculos coñécense como Séculos Escuros porque nesta etapa o galego é desprazado polo castelán como lingua de cultura e poder. A terceira etapa comeza co Rexurdimento e inclúe períodos de recuperación (o nacionalismo lingüístico do período de entreguerras) e de represión (a ditadura franquista). Na actualidade, a pesar de ser lingua oficial, o galego aínda experimenta importantes desafíos como a falla de transmisión interxeracional que fan que o seu futuro sexa incerto.
Juan Pedro Sánchez Méndez estudia a emerxencia do galego como lingua escrita no capítulo 19 do libro. A constitución dunha scripta galega implicou a separación entre as linguas romances o latín e tamén a diferenciación das linguas romances entre si. Nesta segunda liña, na época medieval temperá distínguense varios rexistros con diferentes graos de formalidade, entre os que se inclúen o latín eclesiástico, o latín notarial e a lingua vernácula. Partindo desta situación sociolingüística, xurdirá unha scripta galega a través de textos transicionais en que se combinan o latín e o galego e da introdución do galego no aparato notarial, que posteriormente se estenderá cara ao sur ata chegar a Portugal.
No capítulo de fonética e fonoloxía históricas, Ramón Mariño Paz analiza os cambios fonéticos que deron lugar ao galego actual dende o latín e como estes cambios afectaron o sistema fonolóxico da lingua. O traballo organízase en tres partes cronolóxicas: do latín ao galego medieval (século II antes de Cristo - século XV), galego medio (séculos XVI, XVII e XVIII) e galego contemporáneo (século XIX-actualidade). Cada un destes apartados comeza cunha breve contextualización sociolingüística e logo enfócase nos cambios fonéticos e fonolóxicos que experimentan as vogais, hiatos, ditongos e consoantes en cada período histórico. O capítulo tamén inclúe unha análise histórica dos fenómenos da gheada e o seseo xunto con referencias á entoación castelanizante que se observa no galego actual.
A morfoloxía histórica é o tema do capítulo 21. Rosario Álvarez estuda os cambios morfolóxicos dende o latín ao galego actual, facendo especial fincapé nos que tiveron lugar na época medieval. Nesta liña, analízase a evolución histórica dos nomes e os adxectivos, o artigo definido e indefinido, demostrativos, posesivos, cuantificadores e indefinidos, pronomes persoais e verbos. Na exposición inclúense tamén referencias a variantes dialectais do galego actual e comparacións cos cambios que experimentou a morfoloxía do portugués e español.
Gonzalo Navaza é o autor do capítulo 22, cuxo tema é a historia do léxico galego. Destácase a abundancia de léxico de orixe latina, consecuencia de ser o galego continuación do latín. O autor distingue palabras procedentes do latín hispánico e palabras específicas do latín da Gallaecia (esquecer, pescudar, acougar). Amais do latín, o galego posúe tamén léxico de orixe prerromana, principalmente céltica (por exemplo o sufixo -ego de galego) ou doutras linguas indoeuropeas. O traballo tamén trata os compoñentes xermánico e árabe, aínda que esta última lingua deixou menos pegada no galego que noutras linguas peninsulares. O último apartado do capítulo está dedicado a examinar o proceso de estandarización léxica no galego actual e a importancia en dito proceso do distanciamento histórico do portugués e a presión actual do español.
O capítulo seguinte está dedicado á onomástica, o estudo da orixe e significado dos nomes. Ana Isabel Boullón Agrelo divídeo en dúas partes: toponimia (nomes de lugar) e antroponimia (nomes de persoa). A autora sinala que a maioría dos topónimos do galego proveñen do latín (Igrexa/Eirexe/Eirexa/Grixa, Outeiro, Vilar), e clasifícaos semanticamente. Outras orixes menos recorrentes son a prerrománica (Barcia, Veiga, Laxe) e xermánica (Sa, Marco, Estaca). No que respecta á antroponimia, establécese unha análise histórica en tres etapas: o período medieval, séculos XVI-XIX, caracterizados pola castelanización e o peso do catolicismo, e o período actual, que comeza nos anos oitenta, en que se observa unha diminución da influencia do español e o aumento de nomes de persoa en galego.
O derradeiro capítulo do volume, cuxo tema é a historiografía lingüística galega, ten como autor a Xosé Antonio Fernández Salgado. O traballo analiza este campo tendo en conta catro períodos. O primeiro comeza coa publicación do Diccionario gallego-castellano de Francisco Javier Rodríguez en 1863 e esténdese ata 1965. Os estudos desta época son escasos e xeralmente pouco rigorosos. A Gramática elemental del gallego común de Ricardo Carballo Calero, publicada en 1966, dá inicio ao segundo período, que remata en 1985. Este período caracterízase pola preponderancia de estudos dialectolóxicos. No terceiro período, que comprende dende 1986 ata 1999 e comeza coa publicación da Gramática galega de Rosario Álvarez, Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo, obsérvase un gran desenvolvemento e proliferación de temas nos estudos de lingüística galega: sociolingüística e planificación lingüística, fonética e fonoloxía, morfosintaxe, semántica, historia da lingua e dialectoloxía. Finalmente, a cuarta etapa comeza en 2000 coa publicación do Dicionario de dicionarios de Antón Santamarina e a Gramática galega II. Morfosintaxe de Xosé Ramón Freixeiro Mato e esténdese ata a actualidade. Esta época caracterízase pola consolidación da lingüística galega como campo de investigación.
Nos últimos cincuenta anos a lingüística galega experimentou un adianto substancial. Dunha parte, desenvolveuse unha lingüística de corte prescritivo co gallo de consolidar o proceso de normativización da lingua. Doutra, xorde unha importante produción de traballos de investigación sobre o galego dende diferentes marcos teóricos (histórico-comparativo, estruturalista, xenerativista, funcionalista) que contribuíron ao afianzamento da disciplina. Os capítulos que se inclúen neste manual son claro testemuño deste afianzamento e de que a lingüística galega está en sintonía cos temas e debates da lingüística actual. A pesar deste notable progreso, bótanse aínda de menos no volume máis aproximacións post-estruturalistas en que o uso lingüístico sexa o enfoque central. Por exemplo, o manual carece dun capítulo dedicado á pragmática. Tamén falta unha contribución sobre o estudo empírico da variación e cambio en curso en que se avalíe o papel que desempeña o español nos cambios que está a experimentar o galego na actualidade. Sorprende ademais a ausencia dun capítulo dedicado a historia da sintaxe. A pesar destas limitacións, máis do campo que do volume en si, este manual é unha obra magnífica, rica en análises rigorosas e en información útil e suxestiva tanto para lingüistas que se achegan á lingua galega por primeira vez como para estudantes e investigadores de lingüística galega.
