No curso 2021-2022 celebráronse as I Xornadas de Investigación Predoutoral do Departamento de Historia da Arte (en diante sinaladas na súa abreviación, I XIPDHA) [Fig. 1], partindo da idea inicial proposta polo profesor Juan Manuel Monterroso Montero, Catedrático do Departamento, de organizar unha actividade en que dar visibilidade ás teses de doutoramento que se estaban a desenvolver no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Se ben a actividade se vira adiada na súa organización e execución debido á covid-19, o retorno ás aulas e á vida na Facultade de Xeografía e Historia permitiron retomar a proposta do profesor, deseñar a actividade e celebrala ao longo da primavera do 2022. Figuraron como membros da organización as estudantes de doutoramento Laura Calvo Gens, Abraham Roberto Cea Núñez, Javier Gándara Feijóo, María Gil Martínez, Sergio Meijide Casas, Sara Moure López (presidenta do comité organizador), Guillermo Rodríguez Alonso, Santiago Rodríguez Caramés (secretario do comité organizador) e Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, quen contaron coa aprobación, o ánimo e a ilusión do persoal docente implicado e dos distintos cargos responsables da materialización da actividade.
No deseño das I XIPDHA resultou crucial a delimitación do obxectivo de relatores, xunto á definición do público a que se dirixía. Primeiramente, asumiuse reducir a participación a aquelas doutorandas cuxo (co)director ou (co)directora de tese de doutoramento pertencese ao Departamento de Historia da Arte, delimitación sinalada como un requisito sine qua non para a participación que permitiría, por unha parte, acoller de xeito democrático todas as solicitudes de participación enviadas e, por outra parte, reducir a participación ao campo das especificidades da disciplina, co obxecto de favorecer o debate arredor de problemáticas teóricas e metodolóxicas particulares. Unha vez definido este criterio de participación, redactouse a chamada a comunicacións (Call for Communications), lanzada 7 de febreiro de 2022 e aberta ata o 28 do mesmo mes, na cal se definiron os obxectivos que se pretendían acadar coa actividade e onde figuraron a necesidade de coñecer a realidade investigadora predoutoral dentro do Departamento de Historia da Arte, fomentar o intercambio e a actualización de resultados das teses que se están a facer dentro do Departamento, promover un espazo de encontro para doutorandas e doutorandos que traballen sobre temas común ou compartan intereses e tecer redes de investigación e circuítos afíns co fin de facilitar colaboracións.
O programa definitivo publicouse o 8 de marzo [Fig. 2], sendo difundido polas redes sociais do congreso —@xornadasipdha Twitter e Instagram— así como polas canles oficiais de comunicación do Departamento de Historia da Arte e os distintos programas de doutoramento interesados. O formato definiuse en sesións semanais celebradas semanalmente —mércores de 19:00 a 20:30, do 23 de marzo ao 18 de maio de 2022—, nas cales os relatores dispuxeron dun máximo de 10 minutos para presentar as súas teses de doutoramento e dunha rolda de intervención posterior que fomentou o debate entre os participantes nas mesas e os asistentes. Malia que, en primeira instancia, se aspiraba a propoñer unha distribución de corte metodolóxico, as mesas organizáronse por afinidade temática, contando cunha sesión de inauguración, unha de clausura, e dúas destinadas á orientación predoutoral e posdoutoral.
A sesión de inauguración contou coas intervencións de Federico López Silvestre (director do Departamento de Historia da Arte), Marco Virgilio García Quintela (decano da Facultade de Xeografía e Historia) e Sara Moure López (presidenta do comité organizador). Seguidamente, celebrouse a primeira mesa, dedicada á Estética e á Teoría das Artes e na cal interviñeron Sergio Meijide Casas, Abraham Roberto Cea Núñez e Guillermo Rodríguez Alonso, contando con Federico López Silvestre como moderador. Na segunda sesión, celebrada o 30 de marzo, Sara Moure López, Tatiana Grela Tubío, Álvaro Manuel Mayo López e Wanda Teplitsky Balboa participaron na mesa artellada arredor das relacións entre imaxe, texto e fontes, que foi moderada pola profesora María de Fátima Díez Platas o día 30 de marzo. Na terceira sesión tivo lugar a mesa de Historia da Música, que foi moderada por Montserrat Capelán Fernández o 6 de abril, e contou coa participación de Javier Gándara Feijóo, Eloy Carrera Bernárdez e Ilduara Vicente Franqueira. Despois destas tres mesas temáticas, o 20 de abril tivo lugar a mesa de debate titulada «A realidade da carreira predoutoral: estudos, financiamento e problemáticas», onde interviñeron Santiago Rodríguez Caramés, Ilduara Vicente Franqueira e Brianda Otero Moreira, para achegar distintas experiencias arredor das posibilidades e problemáticas da financiación predoutoral. Retomando as mesas temáticas, o 27 de abril tivo lugar a cuarta mesa temática, dedicada á Cultura Audiovisual Contemporánea, moderada por Iván Moure Pazos e composta por Laura Calvo Gens, María de la Paz Ferreiro Cendán e Sandra Capelo Fernández. A quinta mesa temática tivo lugar o 4 de maio, foi moderada por Ana Pérez Varela e contou con relatorios de María Gil Martínez, Jennifer Novoa Domínguez e Santiago Rodríguez Caramés ao redor da relación entre arte e sociedade. Finalmente, a sexta e última mesa temática tivo lugar o 11 de maio e xuntou as investigación en patrimonio e documentación de Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, Sabela Valcárcel Lago, Rosario Antón Acha e Almudena Bouzón Custodio, tendo por moderador a Javier Gómez Darriba. Ese mesmo día celebrouse a sesión de clausura, a cargo do profesor Juan Manuel Monterroso Montero. A actividade rematou coa sesión «A carreira posdoutoral: experiencias e expectativas», que tivo lugar o día 18 de maio e estivo destinada á orientación posdoutoral, contando coas intervencións de Sergio Camacho Fernández, Pedro de Llano Neira, Carme López Calderón, Antonio Míguez Macho e Rosa Rodríguez Porto, moderando Sara Moure López (figs. 1-2).
Alén da presenza e representación predoutoral, resulta salientable a boa acollida que tivo a actividade entre o alumnado de grao e mestrado —entre todos os niveis sumaron 68 participantes—, o cal participou activamente nas roldas de preguntas. Por outra banda, como xa se indicou, as persoas e cargos implicados da Facultade e do Departamento tiveron a ben recibir a actividade con ilusión, animando á organización a continuar cos encontros no futuro. Se ben o sentido da actividade foi académico, a actividade axudou a tecer redes para as investigacións presentes e futuras, compartindo os resultados e temas de tese, así como os problemas que elas propias comportan, favorecendo o sentido da empatía entre as compañeiras, definindo redes de apoio entre as participantes e, polo tanto, a capacidade de antelación ante os problemas propios da etapa predoutoral e a accesibilidade —material e teórica— a ela para as doutorandas máis novas.
Aínda que moitas das afinidades intelectuais, laborais e persoais entre as participantes precederon á actividade, o espazo creado nas I XIPDHA permitiu ampliar e afianzar os lazos interpersoais entre investigadoras, profesorado e alumnado vencellado ao Departamento de Historia da Arte, amosándose como un espazo amable no cal compartir as investigacións, problemáticas teóricas e metodolóxicas e as inquedanzas e preocupacións das doutorandas. A pesar da opacidade académica, a actividade demostrou que o pensamento colectivo, o afán por compartir, a sensibilidade e a empatía, están a ser demandas hexemónicas nestes espazos: nesta liña aspírase a seguir traballando en edicións futuras, contemplando o crecemento da actividade e as variacións de formato, sen renunciar a configurar un espazo de expresión para as novas doutorandas do Departamento, e a crear xenealoxía entre as primeiras organizadoras, asistentes e participantes, e as vindeiras.