É necesario rexistrarse Rexistrarse e identificarse Vaia a identificación para poder enviar artigos online e para comprobar o estado dos envíos.

Os autores deben verificar que o seu envío cumpre as seguintes directrices. Os envíos que non cumpran algunha destas directrices poderán ser rexeitados.

  • A petición non foi publicada previamente, nin se presentou a outra revista (ou se proporcionou unha explicación en Comentarios ao editor)
  • O texto cumpre cos requisitos bibliográficos e de estilo indicados nas Normas para autoras/es.
  • Se está enviando un traballo a unha sección da revista que se revisa por pares, ten que asegurarse que as instrucións que figuran en Asegurando unha revisión a cegas foron seguidas.
  • Se o artigo inclúe calquera tipo de material que requira permiso para a súa reprodución, debe facelo constar (use Comentarios ao editor) e proporcionar ao editor os correspondentes permisos. O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Instrucións aos autores

 

Recursos Rurais

Revista do Instituto de Biodiversidade

Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER)

 

Proceso de selección e avaliación de orixinais

Recursos Rurais publica artigos, revisións, notas de investigación e reseñas bibliográficas. Os artigos, revisións e notas deben ser orixinais, serán avaliados previamente polo Comité Editorial e o Comité Científico Asesor. Os traballos presentados a Recursos Rurais serán sometidos á avaliación confidencial de dous expertos anónimos designados polo Comité Editorial, que poderá considerar tamén a elección de revisores suxeridos polo propio autor. Nos casos de discrepancia, recorrerase á intervención dun terceiro avaliador. Finalmente, corresponderá ao Comité Editorial a decisión sobre a aceptación do traballo. Caso dos avaliadores propoñeren modificacións na redacción do orixinal, será de responsabilidade do equipo editorial -unha vez informado o autor- o seguimento do proceso de reelaboración do traballo. Caso de non ser aceptado para a súa edición, o orixinal será devolto ao seu autor, xunto cos ditames emitidos polos avaliadores. De calquera xeito, os orixinais que non se suxeiten ás seguintes normas técnicas serán devoltos aos seus autores para a súa corrección, antes do seu envío aos avaliadores.

 

 

Normas para a presentación de orixinais

 

Procedemento editorial

A Revista Recursos Rurais aceptará para a súa revisión artigos, revisións e notas vinculados á investigación e desenvolvemento tecnolóxico no ámbito da conservación e xestión da biodiversidade e do medio ambiente, dos sistemas de produción agrícola, gandeira, forestal e á planificación do territorio, tendentes a propiciar o desenvolvemento sostíbel dos recursos naturais do espazo rural. Os artigos que non se axusten ás normas da revista, serán devoltos aos seus autores.

 

Preparación do manuscrito

 

Comentarios xerais

Os orixinais poderán estar escritos en galego, castelán, inglés, francés ou portugués. Os manuscritos enviaranse en tamaño A4. Todas as páxinas deberán ir numeradas, aínda que no texto non se incluirán referencias ao número de páxina. Os orixinais deben prepararse nun procesador compatíbel con Microsoft Word ®, con 2,5 cm de marxe. Empregarase a fonte tipográfica "arial" a tamaño 11 e non se incluirán tabulacións nin sangrías, tanto no texto como na lista de referencias bibliográficas. Os parágrafos non deben ir separados por espazos. Non se admitiran notas ao pe.

 

Os nomes de xéneros e especies deben escribirse en cursiva e non abreviados a primeira vez que se mencionen. Posteriormente o epíteto xenérico poderá abreviarse a unha soa letra. Debe utilizarse o Sistema Internacional (SI) de unidades. Para o uso correcto dos símbolos e observacións máis comúns pode consultarse a última edición do CSE (Council of Science Editors) Style manual (https://www.councilscienceeditors.org/).

 

Páxina de Título

A páxina de título incluirá un título conciso e informativo (na lingua orixinal e en inglés), o nome(s) do autor(es), a afiliación(s) e a dirección(s) do(s) autor(es), así como a dirección de correo electrónico, número de teléfono do autor co que se manterá a comunicación.

 

Incluirase unha referencia ao número de identificación ORCID dos autores, cando estiver dispoñible.

 

Autoría dos traballos: nos traballos de autoría múltiple debe identificarse o autor responsable, que será tamén o autor de contacto. É compromiso do autor responsable garantir o recoñecemento de todos os autores que comparten a responsabilidade do traballo e de asegurar que todos coñecen e aprobaron a versión final do documento.

Se a contribución de cada autor é diferente, recoméndase facelo constar en nota utilizando a terminoloxía convencionalizada CRediT (https://casrai.org/credit/). No caso de que todos contribuísen do mesmo xeito no traballo, os nomes dos autores deben figurar en ordenación alfabética polo primeiro apelido

 

Resumo

Cada artigo debe estar precedido por un resumo que presente os principais resultados e as conclusións máis importantes, cunha extensión máxima de 200 palabras. Ademais do idioma orixinal no que se escriba o artigo, presentarase tamén un resumo en inglés.

 

Palabras clave

Deben incluírse ata 5 palabras clave situadas despois de cada resumo distintas das incluídas no título. Ademais do idioma orixinal no que se escriba o artigo, presentaranse tamén as palabras clave en inglés.

 

Organización do texto

A estrutura do artigo debe axustarse na medida do posíbel á seguinte distribución de apartados: Introdución, Material e métodos, Resultados e discusión, Agradecementos e Bibliografía. Os apartados irán resaltados en negriña e tamaño de letra 12. Se se necesita a inclusión de subapartados estes non estarán numerados e tipografaranse en tamaño de letra 11.

 

Introdución

A introdución debe indicar o propósito da investigación e prover unha revisión curta da literatura pertinente.

 

Material e métodos

Este apartado debe ser breve, pero proporcionar suficiente información como para poder reproducir o traballo experimental ou entender a metodoloxía empregada no traballo.

 

Resultados e Discusión

Neste apartado exporanse os resultados obtidos. Os datos deben presentarse tan claros e concisos como sexa posíbel, se é apropiado na forma de táboas ou de figuras, aínda que as táboas moi grandes deben evitarse. Os datos non deben repetirse en táboas e figuras. A discusión debe consistir na interpretación dos resultados e da súa significación en relación ao traballo doutros autores. Pode incluírse unha conclusión curta, no caso de que os resultados e a discusión o propicien.

 

Agradecementos

Deben ser tan breves como sexa posíbel. Calquera concesión que requira o agradecemento debe ser mencionada. Os nomes de organizacións financiadoras deben escribirse de forma completa.

 

Bibliografía

A lista de referencias debe incluír unicamente os traballos que se citan no texto e que se publicaron ou que foron aceptados para a súa publicación. As comunicacións persoais deben mencionarse soamente no texto “(com. pers.)”. No texto, as referencias deben citarse polo autor e o ano e enumerarse en orde alfabética na lista de referencias bibliográficas.

 

Exemplos de citación no texto:

Descricións similares danse noutros traballos (Fernández 2005a, b; Rodrigo et al. 1992).

Andrade (1949) indica como....

Segundo Mario & Tineti (1989) os factores principais están....

Moore et al. (1991) suxiren iso...

 

Exemplos de lista de referencias bibliográficas:

 

Deberase incluír o identificador DOI nos artigos que dispoñan do mesmo. Este situarase ao final da cita:

Allen, J. R. M., Huntley, B. & Watts, W. A. (1996). The vegetation and climate of northwest Iberia over the last 14000 yr. Journal of Quaternary Science 11: 125-147. https://doi.org/10.1002/(SICI)1099-1417(199603/04)11:2<125::AID-JQS232>3.0.CO;2-U.
 

 

 


Artigo de revista:

Mahaney, W.M.M., Wardrop, D.H. & Brooks, P. (2005). Impacts of sedimentation and nitrogen enrichment on wetland plant community development. Plant Ecology 175(2): 227-243.

Capítulo nun libro:

Campbell, J.G. (1981). The use of Landsat MSS data for ecological mapping. In: Campbell J.G. (Ed.) Matching Remote Sensing Technologies and Their Applications: 506-517. Remote Sensing Society. London.

Lowel, E.M. & Nelson, J. (2003). Structure and morphology of Grasses. In: R.F. Barnes, H.K Brok & L.M. Hugs (Eds.). Forrages. An introduction to grassland agriculture: 25-50. Iowa State University Press. Vol. 1.

Libro completo:

Jensen, W (1996). Remote Sensing of the Environment: An Earth Resource Perspective. Prentice-Hall, Inc. Saddle River, New Jersey.

Unha serie estándar:

Tutin, T.G. et al. (1964-80). Flora Europaea, Vol. 1 (1964); Vol. 2 (1968); Vol. 3 (1972); Vol. 4 (1976); Vol. 5 (1980). Cambridge University Press, Cambridge.

Obra institucional:

MAPYA (2000). Anuario de estadística agraria. Servicio de Publicaciones del MAPYA (Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación), Madrid, España.

Documentos legais:

BOE (2004). Real Decreto 1310/2004, de 15 de enero, que modifica la Ley de aprovechamiento de residuos ganaderos. BOE (Boletín Oficial del Estado), nº 8, 15/1/04. Madrid, España.

Publicacións electrónicas:

Collins, D.C. (2005). Scientific style and format. Dispoñíbel en: http://www.councilscience.org/publications.cfm [5 xaneiro, 2005]

Os artigos que fosen aceptados para a súa publicación incluiranse na lista de referencias bibliográficas co nome da revista e o epíteto "en prensa" en lugar do ano de publicación.

 

Ilustracións e táboas

Todas as figuras (fotografías, gráficos ou diagramas) e as táboas deben citarse no texto, e cada unha deberá ir numerada consecutivamente. As figuras e táboas deben incluírse ao final do documento, cada unha nunha folla separada, na que se indicará, para facilitar a súa identificación, o número de táboa ou figura. Para o envío de figuras en forma electrónica vexa máis adiante.

Debuxos lineais: envíe impresións de boa calidade. As inscricións deben ser claramente lexíbeis. O mínimo grosor de liña será de 0,2 mm en relación co tamaño final. No caso de Ilustracións en tons medios (escala de grises): Envíe por favor as impresións ben contrastadas. A ampliación débese indicar por barras de escala. Acéptanse figuras en cores.

 

Tamaño das figuras

As figuras deben axustarse á anchura da columna (8,5 centímetros de ancho) ou a dúas columnas (17,5 centímetros de ancho). A lonxitude máxima é 23,0 centímetros. Deseñe as súas ilustracións pensando no tamaño final, procurando non deixar grandes espazos en branco. Todas as táboas e figuras deberán ir acompañadas dunha lenda. As lendas deben consistir en explicacións breves, suficientes para a comprensión das ilustracións por si mesmas. Nas mesmas incluirase unha explicación de cada unha das abreviaturas incluídas na figura ou táboa. As lendas enviaranse no idioma orixinal do artigo e en inglés.

As lendas débense incluír ao final do texto, tras as referencias bibliográficas e deben estar identificadas (ex.: Táboa 1 Características...). Os mapas incluirán sempre o Norte, a latitude e a lonxitude.

 

Preparación do manuscrito para o seu envío

 

Xuntamente cos documentos que correspondan ao traballo, enviarase, unha carta de presentación do traballo, así como unha proposta de alo menos dous posíbeis avaliadores.

 

Texto

Grave o seu arquivo de texto nun formato compatíbel con Microsoft Word ®.

 

Táboas e Figuras

Cada táboa e figura gardarase nun arquivo distinto co número da táboa e/ou figura. Os formatos preferidos para os gráficos son: Para os vectores, formato EPS, exportados desde o programa de debuxo empregado (en todo caso, incluirán unha cabeceira da figura en formato TIFF) e para as ilustracións en tons de grises ou fotografías, formato TIFF, sen comprimir cunha resolución mínima de 300 ppp. En caso de enviar os gráficos nos seus arquivos orixinais (Excel, Corel Draw, Adobe Ilustrator, etc.) estes acompañaranse das tipografías utilizadas. Cada figura enviarase nun arquivo diferente e se nomeara empregando o seu número correspondente (ex.; Figura1, Figura2, etc.). O material gráfico escaneado deberá aterse aos seguintes parámetros: Debuxos de liñas: o escaneado realizarase en liña ou mapa de bits (nunca escala de grises) cunha resolución mínima de 800 ppp e recomendada de entre 1200 e 1600 ppp. Figuras de medios tons e fotografías: escanearanse en escala de grises cunha resolución mínima de 300 ppp e recomendada entre 600 e 1200 ppp.

 

Envío do manuscrito

 

Como se indicou anteriormente, o manuscrito e cada unha das figuras e táboas deben enviarse como arquivos separados, con nomes que indican o contido (por exemplo, Manuscrito.DOC, Táboa-1.DOC, Fig. -1.EPS). Os nomes de ficheiros non deben superar os 8 caracteres e non deben incluír acentos nin caracteres especiais. En todos os casos o programa empregado para crear o ficheiro debe ser claramente identificable.

 

Envío electrónico:

 

Os autores enviarán unha copia dixital dos arquivos convintemente preparados á dirección de e-mail:

 

recursos.rurais@ibader.gal

info@ibader.gal

O a través do portal https://revistas.usc.gal/index.php/rr

Enviar: unha carta de presentación cos datos do autor (incluído o correo electrónico), o documento de texto co manuscrito, as táboas e ficheiros de cifras correspondentes e unha proposta de polo menos dous avaliadores para a revisión do traballo.

 

Envío convencional:

 

Enviar un orixinal e dúas copias do artigo completo ao Comité Editorial, unha copia dixital, acompañados dunha carta de presentación na que ademais dos datos do autor, figuren a súa dirección de correo electrónico e o seu número de fax, á seguinte dirección:

 

IBADER

Comité Editorial da revista Recursos Rurais

Universidade de Santiago.

Campus Terra s/n

E-27002 LUGO - Spain

 

Copyright

Ao publicar en Recursos rurais, o autor cede todos os dereitos de explotación do seu artigo á Recursos Rurais (IBADER-USC), que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é a titular do copyright.

 

Comité Editorial, Xaneiro 2021