Acerca do Xornal
Temática e alcance
Revista da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
A Revista Galega de Economía/Galician Journal of Economics (RGE/GJE) é unha revista científica que publica artigos orixinais relacionados coa economía e a empresa.
Vai dirixida á comunidade científica e universitaria nacional e internacional, así como a todos os profesionais dos ámbitos citados anteriormente.
A RGE/GJE poderá incluír, ademais da sección principal de Artigos, as seguintes seccións complementarias nos números ordinarios:
- – Notas breves (textos referidos a aspectos puntuais dunha investigación en curso).
A RGE/GJE admite traballos en galego, castelán, portugués e inglés.
Proceso de revisión por pares
ARTIGOS
Preservaranse en todos os trámites tanto a identidade dos autores como a dos avaliadores (dobre cego).
Os criterios que se valorarán no traballo tanto na avaliación inicial como na externa serán a orixinalidade, a relevancia e o interese científico, así como a adecuación á cobertura da revista e ás normas de publicación desta.
No modelo de informe que se lles achega aos avaliadores recóllense aspectos relacionados co contido e con cuestións formais e de estilo.
O proceso desde que se recibe o artigo ata que obtén o visto e prace para ser aprobado polo Consello de Redacción (CR) será de cinco meses como máximo.
Recepción, avaliación, Aceptación
- Recepción: A Revista acusará recibo do traballo nun prazo máximo de 10 días.
- Avaliación inicial: Será realizada por algún dos membros do CR ou por outros especialistas da área designados polo CR e decidirán o seu pase á revisión externa. Se o traballo non supera esta avaliación será rexeitado, comunicándollelo aos autores e achegándolles unha copia do informe.
- Avaliación externa: Se a “avaliación inicial” é positiva, o traballo será enviado a dous especialistas externos. O envío do orixinal para avaliar non implica compromiso ningún de aceptación, pois só despois de ter recibido os informes a Revista tomará unha decisión sobre o manuscrito.
- Os avaliadores disporán de 30 días para realizar o informe que se lles achega. Se os dous informes recibidos son contraditorios, o traballo será enviado a un terceiro avaliador. Unha vez recibidos os informes serán enviados aos autores nun prazo máximo de 10 días.
- Aceptación, aceptación condicional, rexeitamento:
- a) Se o informe dos avaliadores externos é favorable: o traballo será aceptado.
- b) Se os informes dos avaliadores externos son favorables, pero condicionan a publicación do traballo á realización de modificacións: comunicaráselles aos autores que deberán considerar esas modificacións, e disporán dun prazo de 30 días para lle remitir á Revista un informe cos cambios realizados, así como unha nova versión do traballo. Esta segunda versión será revisada polo editor encargado e, de consideralo necesario, polo/s revisor/es externo/s, tras o cal tomarase unha decisión.
- c) Se os dous informes dos avaliadores externos son desfavorables: o traballo será rexeitado.
- Aprobación polo CR: o CR reunirase como mínimo duas veces ao ano podendo realizarse algunha desta reunións de forma virtual.
Agradecemento aos revisores e revisoras de 2023
Publicación de traballos. Con carácer xeral, os traballos publicaranse atendendo á data de aceptación. Non se publicarán nun mesmo número dous traballos dun mesmo autor, aínda que sexa en seccións diferentes.
Corrección de probas. As probas só lle serán enviadas ao autor indicado para correspondencia, que deberá devolvelas nun prazo de 7 días a partir da data de recepción. O atraso na devolución das probas implicará a publicación do traballo sen as co-rreccións do seu autor. Non se aceptarán baixo ningún concepto correccións que supoñan alteracións no texto (incorporación, modificación ou eliminación de texto, táboas, cadros, gráficas, notas ao rodapé...). Das segundas probas encargarase o editor.
NOTAS BREVES
O procedemento de avaliación é o mesmo que o que se describe para os artigos, aínda que só se solicita un informe.
RECENSIÓNS BIBLIOGRÁFICAS
Serán revisadas por algún dos membros do Consello de Redacción (CR) ou por outros especialistas da área designados polo CR, quen decidirán sobre a súa publicación.
Frecuencia de publicación
A RGE/GJE ten periodicidade semestral aínda que poderán publicarse números monográficos extraordinarios ao longo do ano.
Propostas de Números Extraordinarios
Un Número Extraordinario contén unha recompilación de artigos que se centran nun tema relevante para os obxectivos e alcance da revista. A revista pode convidar a actuar como Editores Convidados sobre temas de interese. Tamén damos a benvida a propostas de Números Extraordinarios que deberán enviarse a revista.rge@usc.gal, incluíndo a seguinte información:
- Título do Número Extraordinario. •Editores Convidados (polo xeral non máis de tres): Nomes, afiliacións, correos electrónicos, ORCID ID e CVs. • Explicación da relevancia do Número Extraordinario para a revista. • Borrador do Call for papers. • Cronograma tentativo
Os editores convidados deben ter un historial extenso e recoñecido na área temática proposta. Valorarase especialmente a súa habilidade e compromiso para promover a difusión e a posta en marcha do Call for Papers.
O Comité de Dirección avaliará a aliñación inicial da proposta cos criterios de calidade, oportunidade e alcance da revista. Tras consultar co Consello de Redacción, o Editor Convidado recibirá unha carta aceptando ou rexeitando a proposta.
Os Editores Convidados teñen a responsabilidade principal de supervisar o proceso de revisión editorial. Recibindo supervisión directa e asistencia do Comité de Dirección da revista. Todos os artigos recibidos pasan polo mesmo rigoroso proceso de revisión por pares e adhírense ás mesmas pautas éticas que os artigos de edicións ordinarias.
Requírese que os Editores Convidados indiquen calquera posible conflito de intereses e poden ser excluídos do proceso de revisión por pares no caso de que xurdan tales conflitos. Ademais, deben absterse de xestionar manuscritos en casos onde existan conflitos de intereses. Isto inclúe, pero non se limita a, colaboracións previas cun ou máis autores ou compartir a mesma institución cun ou máis autores. Se un Editor Convidado é tamén autor dun artigo ou ten outros conflitos de intereses cun manuscrito específico, designarase un Editor Convidado alternativo (se é factible) ou un membro do Consello de Redacción para supervisar a revisión por pares e tomar a decisión final sobre o artigo.
Política de acceso aberto
A partires de 2019 esta revista proporciona os seus contidos en acceso aberto inmediato e a texto completo, baixo o principio de que permitir o acceso libre aos resultados da investigación repercute nun maior intercambio do coñecemento a nivel global.
A publicación non ten ningún custo para os autores.
Indexada en
A RGE/GJE aparece indexada en SCOPUS, Dialnet, InDICEs-CSIC, IDEAS-RePEc, REDALYC, REDIB, DOAJ, e ERIH PLUS, entre outras. Tamén aparece recollida polas ferramentas de avaliación da calidade editorial como MIAR, Latindex ou CIRC.
Exención de responsabilidade
A RGE/GJE non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.
Informe de avaliación
Directrices éticas
A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.
Editorial
A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.
Dirección da revista
A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
Editores:
Os membros do Consello de Redacción revisan os manuscritos, asesoran sobre a política da revista, identifican temas para números especiais e axudan os editores na toma de decisións. A ética de traballo que se espera deles baséase no Comité de Ética Publicitaria (COPE). O seu traballo, na súa totalidade, lévase a cabo seguindo estritas directrices éticas: déixanse de lado o xénero, a raza, a orientación sexual, as crenzas relixiosas e as ideoloxías políticas para manter o máis alto nivel de profesionalismo. Todos observan as leis de confidencialidade e comprométense a non revelar a identidade dos autores a quen non deban ter acceso á información.
- Conflito de intereses entre editores:
Todos os editores seguen as directrices emitidas polo ICMJE que establece que non deben ter un conflito de intereses que poida xerar nesgo ou a aparencia de nesgo na toma de decisións (ver ICMJE | Conflicts of Interest). En virtude dos seus cargos, os editores deben ser especialmente sensibles á cuestión dos conflitos de intereses reais ou percibidos e deben ser especialmente rigorosos ao actuaren para evitalos. Ningún editor obterá ganancia persoal, económica ou material, directa ou indirectamente, da súa participación. Todos eles son responsables de revelar á dirección calquera relación persoal ou financeira que poida nesgar o seu traballo durante o proceso de revisión por pares e recusarse cando tales conflitos sexan de suficiente relevancia. Debido a que non é posible anticipar todas as situacións, os editores deben informar á direccion no momento da solicitude do manuscrito sobre calquera posible conflito de intereses cun posible autor/a ou revisor/a. De maneira similar, se un editor percibe un aparente conflito de intereses, informará á dirección, quen consultará co resto de editores que non se vexan afectados o conflito, e o afectado deberá acatar a súa decisión.
Avaliadores
Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
Autores
Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.
Consentimento informado. En todos os casos de artigos que involucren directamente persoas como suxeitos ou obxectos da investigación, o autor debe obter o consentimento informado de quen participe na investigación; no caso dunha persoa que non sexa quen de dar un consentimento informado, o investigador debe obter o consentimento por poder dun representante debidamente autorizado. En calquera caso o autor comprométese a:
- comunicar ao posible participante toda a información necesaria para que outorgue un consentimento debidamente informado;
- dar ao posible participante unha oportunidade plena de facer preguntas, e estimulalo a que o faga;
- excluír a posibilidade dun engano inxustificado, dunha influencia indebida ou de intimidación;
- procurar o consentimento só despois de que o posible participante teña un coñecemento abondo dos feitos pertinentes e das consecuencias da súa participación, e tivese suficiente oportunidade de considerar a súa participación;
- como regra xeral, obter de cada posible participante un formulario asinado como proba do seu consentimento informado, e
- renovar o consentimento informado de cada participante se ocorren cambios importantes das condicións ou procedementos da investigación.
Antes de solicitar o consentimento dunha persoa para a súa participación nunha investigación, o autor debe proporcionarlle a seguinte información, nunha linguaxe que esa persoa sexa capaz de entender:
- que se convida a cada persoa a ser participante dunha investigación, e os obxectivos e métodos da investigación;
- a duración prevista da participación da persoa;
- os beneficios que razoablemente poderían preverse en favor do participante ou doutras persoas, como resultado da investigación;
- todo risco ou molestia previsible que poida afectar a persoa, asociado coa súa participación na investigación; -todo outro procedemento ou tratamento que puidese ser tan vantaxoso para o participante como o procedemento a tratamento que se somete a proba;
- a medida en que se manterá a confidencialidade dos arquivos nos que se identifique ao participante;
- que a persoa é libre de negarse a participar e terá a liberdade de retirarse da investigación en calquera momento sen sanción ou perda de beneficios aos cales noutras circunstancias tería dereito.
Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html
Modificacións, retracto e supresións
A RGE/GJE a través da USC editora comprométese co mantemento da integridade do rexistro académico. Por iso, os artigos que se publicaron preservaranse de modo inalterado na medida do posible. Con todo, poden xurdir circunstancias nas que se publique un artigo que posteriormente deba ser modificado, retractado ou suprimido.
Neste sentido, as políticas do consello editorial da revista concrétanse nos seguintes puntos:
- - Expresións de preocupación
- - Erros e correccións
- - Retirada dun artigo
- - Retracto dun artigo
- - Supresión dun artigo
- - Expresións de preocupación
Expresións de preocupación
A dirección da revista pode publicar unha expresión de preocupación se considera que os lectores deben ser informados o contido potencialmente enganoso dun artigo. A dirección, consciente das repercusións que tal acto podería ter na reputación dos seus autores/as, só publicarán tal expresión despois de asesorarse cun comité experto independente que emita un xuízo respecto diso.
Erros e correccións
Os autores/as que atopen erros honestos, unha vez publicado o artigo, deben informar á revista dos mesmos. Os erros que non afecten á comprensión do texto (erros tipográficos ou de formato) poden ser rexeitadas a fin de manter a integridade dos traballos publicados. Cando os erros afecten á visibilidade, posibilidades de citación ou correcta comprensión do artigo publicarase unha advertencia do erro conxuntamente cos metadatos do artigo publicado e unha nota do erro conxuntamente co ficheiro co contido do erro, e crearase unha ligazón entre ambas.
Retirada dun artigo
Os autores/as poden solicitar á revista que retire o seu traballo antes da súa publicación. Para ese efecto, deben enviar unha solicitude escrita que inclúa unha xustificación razoada de tal petición e, en caso de co-autoría, debe ser asinada por todos os/as interesados/as.
Retracto dun artigo
Procederase ao retracto un artigo no caso de que:
- - Fose publicado con anterioridade noutra revista ou medio de publicación.
- - Conteña afirmacións falsas de autoría, uso fraudulento de datos ou presentación múltiple.
- - Inclúa comentarios difamatorios ou gratuítos que lesionen a honra persoal ou profesional de terceiros.
- - Conteña conclusións que fosen publicadas anteriormente e non haxa referencias cruzadas ás mesmas.
- - Incorra en plaxio ou autoría inapropiada.
- - Omita un conflito de intereses importante durante o proceso de publicación.
- - Haia autoría en disputa
A decisión de retirar ou suprimir un traballo será tomada polo equipo de dirección da revista, previo asesoramento, se fose preciso, do comité de redacción e baixo as directrices de COPE guidelines
Os retractos dos artigos publicados realizaranse mediante a publicación dunha nota de retracto, enlazada ao artigo publicado e sen alterar o artigo orixinal de ningunha outra maneira que non sexa para agregar unha ligazón destacada á nota. Desta forma, o artigo orixinal permanece no dominio público e a nota de retracto estará indexada.
A nota de retracto incluirá o título da obra, os seus autores/as e unha descrición breve do motivo do retracto. Na versión PDF do artigo porase unha marca de auga en todas as súas páxinas indicado que está retractado; a versión html ou xml, se existe, suprimirase.
Non haberá retractos parciais. Calquera retracto o é da totalidade do traballo.
Supresión dun artigo
Só se retirará un artigo da base de datos cando infrinxa dereitos legais doutros ou sexa obxecto dunha orde xudicial. Nesta circunstancia, aínda que se conservarán os metadatos, o texto substituirase por un aviso que indique que o artigo foi retirado por motivos legais.
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:
- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.
Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.
Política antiplaxio
Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.
Protocolos de interoperabilidade
A RGE/GJE proporciona unha interface OAI-PMH (Open Archives Initiative – Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata
Ruta para os colleiteiros:
Fontes de financiamento
A RGE/GJE finánciase grazas a unha subvención anual establecida por convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e Administración Pública y el Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia. A subvención da Xunta de Galicia responde a que a revista publica artigos de investigación sobre materias socio-económicas e financeiras que, polo seu contido, serven de pauta para deseñar medidas e accións precisas para un mellor desenvolvemento socio-económico da Comunidade Autónoma Galega. Esta colaboración non implica relación de sociedade entre estas institucións e a Universidade de Santiago de Compostela, pertencendo a propiedade do nome e marca da revista e o seu copyright á Universidade de Santiago de Compostela.