Temática e alcance

Revista da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

A Revista Galega de Economía é unha revista científica que publica artigos orixinais relacionados coa economía e a empresa.

Vai dirixida á comunidade científica e universitaria nacional e internacional, así como a todos os profesionais dos ámbitos citados anteriormente.

A Revista Galega de Economía poderá incluír, ademais da sección principal de Artigos, as seguintes seccións complementarias nos números ordinarios:

  • Notas breves (textos referidos a aspectos puntuais dunha investigación en curso).
  • Recensións bibliográficas (información crítica sobre novidades editoriais publicadas en temas relacionados coa economía, coa administración e dirección de empresas e coas ciencias sociais).
  • Resumos de teses de doutoramento de Economía ou de Administración e Dirección de Empresas lidas en calquera das universidades de Galicia.

A Revista Galega de Economía admite traballos en galego, castelán, portugués e inglés.

Proceso de revisión por pares

ARTIGOS

Preservaranse en todos os trámites tanto a identidade dos autores como a dos avaliadores (dobre cego).

Os criterios que se valorarán no traballo tanto na avaliación inicial como na externa serán a orixinalidade, a re-levancia e o interese científico, así como a adecuación á cobertura da revista e ás normas de publicación desta.

No modelo de informe que se lles achega aos avaliadores recóllense aspectos relacionados co contido e con cuestións formais e de estilo.

O proceso desde que se recibe o artigo ata que obtén o visto e prace para ser aprobado polo Consello de Redacción será de cinco meses como máximo.

Recepción, avaliación, Aceptación

  • Recepción: Revista acusará recibo do traballo nun prazo máximo de 10 días.
  • Avaliación inicial: Será realizada por algún dos membros do CR ou por outros especialistas da área designados polo CR e decidirán o seu pase á revisión externa. Se o traballo non supera esta avaliación será rexeitado, comunicándollelo aos autores e achegándolles unha copia do informe.
  • Avaliación externa: Se a “avaliación inicial” é positiva, o traballo será enviado a dous especialistas externos. O envío do orixinal para avaliar non implica compromiso ningún de aceptación, pois só despois de ter recibido os informes a Revista tomará unha decisión sobre o manuscrito.
  • Os avaliadores disporán de 30 días para realizar o informe que se lles achega. Se os dous informes recibidos son contraditorios, o traballo será enviado a un terceiro avaliador. Unha vez recibidos os informes serán enviados aos autores nun prazo máximo de 10 días.
  • Aceptación, aceptación condicional, rexeitamento:
    • a) Se o informe dos avaliadores externos é favorable: o traballo será aceptado.
    • b) Se os informes dos avaliadores externos son favorables, pero condicionan a publicación do traballo á realización de modificacións: comunicaráselles aos autores que deberán considerar esas modificacións, e disporán dun prazo de 30 días para lle remitir á Revista un informe cos cambios realizados, así como unha nova versión do traballo. Esta segunda versión será revisada polo editor encargado e, de consideralo necesario, polo/s revisor/es externo/s, tras o cal tomarase unha decisión.
    • c) Se os dous informes dos avaliadores externos son desfavorables: o traballo será rexeitado.
  • Aprobación polo CR: o CR reunirase como mínimo tres veces ao ano podendo realizarse algunha desta reunións de forma virtual.

Publicación de traballos. Con carácer xeral, os traballos publicaranse atendendo á data de aceptación. Non se publicarán nun mesmo número dous traballos dun mesmo autor, aínda que sexa en seccións diferentes.

Corrección de probas. As probas só lle serán enviadas ao autor indicado para correspondencia, que deberá devolvelas nun prazo de 7 días a partir da data de recepción. O atraso na devolución das probas implicará a publicación do traballo sen as co-rreccións do seu autor. Non se aceptarán baixo ningún concepto correccións que supoñan alteracións no texto (incorporación, modificación ou eliminación de texto, táboas, cadros, gráficas, notas ao rodapé...). Das segundas probas encargarase o editor.

NOTAS BREVES

O procedemento de avaliación é o mesmo que o que se describe para os artigos, aínda que só se solicita un informe.

RECENSIÓNS BIBLIOGRÁFICAS

Serán revisadas por algún dos membros do Consello de Redacción (CR) ou por outros especialistas da área designados polo CR, quen decidirán sobre a súa publicación.

Frecuencia de publicación

Revista Galega de Economía ten periodicidade semestral –o número 1 corresponde a xuño e o número 2 a decembro–, aínda que pode publicar un número monográfico extraordinario por ano no mes de setembro.

Política de acceso aberto

A partires de 2019 esta revista proporciona os seus contidos en acceso aberto inmediato e a texto completo, baixo o principio de que permitir o acceso libre aos resultados da investigación repercute nun maior intercambio do coñecemento a nivel global.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Difusión, impacto e calidade editorial

DIFUSIÓN

Bases de datos de calidade

  • DICE (16/173 na área Economía)
  • MIAR (9/143 na área Economía e Empresa)

Bases de datos multidisciplinares

  • SCOPUS, Fuente Académica Premier, Open Acess, Digital Library, TOC Premier, DOAJ, REDALYC, ISOC, ULRICH, DIALNET, Academic Journal Database, DIALNET.

Bases de datos especializadas

  • IDEAS-REPEC, ECONIS, GEOBASE, Current Index to Statistics, Advanced Polymers Abstracts, Aerospace & Higth Technology Database, Ceramic Abstracts/World Ceramic Abstracts, Composites Industry Abstracts, CSA Civil Engineering Abstracts, CSA EngineeringResearch Database, CSA High Technology Research Database with Aerospace, CSA Materials Research Database with METADEX, CSA Mechanical & Transportation Engineering Abstracts, CSA Technology Research Database, Earthquake Engineering Abstracts, Material Business File, Computer and Information Systems Abstracts Journal, Corrosion Abstracts.

Catálogos de bibliotecas

  • – 15 Bibliotecas universitarias británicas
  • – 15 bibliotecas universitarias e bibliotecas especializadas alemás
  • – 20 bibliotecas universitarias españolas
  • – 1 biblioteca universitaria portuguesa
  • – Bibliotecas universitarias e bibliotecas especializadas italianas (ligazón a Redalyc)
  • – Máis de 200 biblioteca universitarias de EE.UU.
  • – Library of Congress
  • – Amicus (Canadá)

IMPACTO

Citas recibidas

  • – IN-RECS Economía (2011): 4º cuartil, posto 73 de 133
  • – SciMAGO Journal & Country Rank-SJR: Q4 na cate-goría Geography, Planning and Development
  • – RESH: impacto 2005-2009: posto 43 de 143

Descargas

  • REDALYC: 6.514 de media mensual de artigos descargados no período 2012

CALIDADE EDITORIAL

  • – LATINDEX: 33 de 33 criterios
  • – DICE, internacionalidade das contribucións (ic): 11,43
  • – ANEP/FECYT: B
  • – CNEAI: 13 de 19 criterios
  • – ANECA: 18 de 21 criterios
  • – CIRC: B

Exención de responsabilidade

A Revista Galega de Economía non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: http://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/codigoetico.html

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Política antiplaxio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.

Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Protocolos de interoperabilidade

Revista Galega de Economía proporciona unha interface OAI-PMH (Open Archives Initiative – Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata

Ruta para os colleiteiros:

http://www.usc.es/revistas/index.php/rge/oai

Fontes de financiamento

A edición desta revista está cofinanciada pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).