Contido principal do artigo

Santiago Rodríguez Caramés
Universidade de Santiago de Compostela
España
https://orcid.org/0000-0002-4579-0558
Biografía
No 22 (2023), Colaboracións
DOI https://doi.org/10.15304/quintana.22.8219
Recibido: 22-01-2022 Aceptado: 07-03-2022 Publicado: 30-09-2023
Imaxes
Copyright Como citar Artigos máis lidos do mesmo autor/a(s) Citado por

Resumo

A comezos dos anos setenta, a situación da arquitectura galega habería mudar: créanse o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e mais a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, ao tempo que se van incorporando unhas renovadoras xeracións de arquitectos formadas á calor dos devezos de liberdade da España tardofranquista. Neste proceso serán fundamentais as ligazóns que estabelecerán os arquitectos galegos —fundamentalmente aqueles que estudaran en Barcelona— coas experiencias catalá e italiana. Figuras como Salvador Tarragó, Carlos Martí ou Aldo Rossi serán fundamentais na renovación profesional e disciplinar da arquitectura galega xa nos anos setenta a través de exposicións, seminarios ou congresos que fortalecerán estes vínculos ao longo das seguintes décadas. Experiencias como o Seminario Internacional de Arquitectura de Compostela (1976) veñen sendo sinaladas, ademais, como fitos fundacionais da conxuntura arquitectónica galega recente e acumulan un amplo ronsel de sorte historiográfica e crítica ao se analizar este período. Estas conexións darán lugar, por unha banda, á recepción de todo un corpus teórico sobre arquitectura, urbanismo e territorio, chave na posta en dúbida da arquitectura moderna, e, por outra banda, porán moitos arquitectos galegos nunha posición privilexiada na crítica estatal e internacional. Esta pegada italo-catalá abranguerá, así mesmo, a propia obra construída ou proxectada, podendo rastrexarmos algúns exemplos.