Temática e alcance

Moenia publica volumes anuais, alternando os adicados a Lingüística (números impares) e a Literatura (números pares). Nos volumes de orientación lingüística son áreas de atención preferente a Lingua española, a Lingüística xeral e máis a Filoloxía clásica, e só excepcionalmente se admiten traballos vencellados a outras áreas. Nos volumes orientados cara á investigación literaria son áreas de atención preferente a Literatura española, a Filoloxía galega e máis a Teoría da Literatura, aínda que é habitual a admisión de traballos sobre a literatura en calquera lingua.
A estrutura habitual dos volumes da revista inclúe artigos e recensións. Non infrecuentemente, sobre todo nos volumes adicados a Literatura, existe algunha sección monográfica que constitúe un primeiro bloque de artigos. Nos adicados a Lingüística é habitual que se diferencien os artigos propiamente ditos das “notas”, concebidas como traballos de moi pequena extensión ou ben que versen sobre un tema investigador moi concreto.

Proceso de revisión por pares

Os artigos orixinais recibidos para a súa posible publicación en Moenia serán revisados por dous especialistas, seleccionados tendo en conta a súa competencia no tema científico concreto do artigo de que se trate. Os revisores disporán dun prazo de dous meses para remitir os seus informes, nos que prestarán atención á calidade científica do traballo, ao aproveitamento da bibliografía existente sobre o tema, á súa idoneidade para ser publicado nas páxinas dunha revista das características de Moenia e aos seus aspectos formais.

Frecuencia de publicación

Anual

Política de acceso aberto

Moenia facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Indexada en

A revista, de periodicidade anual, aparece indexada en ERIH PLUS, LLBA, MLA, LINGUISTIC BIBLIOGRAPHY, ESCI, REGESTA IMPERII, REDIB, Fuente Academica Premier, PASCAL, ISOC, ULRICH, DIALNET e está presente no 43,39% das universidades españolas coa titulación (22/51).
Moenia sitúase, no periodo 2004-2008, no posto 23 de 50 entre as revistas españolas de Lingüística Xeral de maior impacto (RESH). O indicador que mide o impacto é a taxa de citación e para calculala tivéronse en conta as citas nas principais revistas científicas españolas e as citas recibidas no Web of Science.

Exención de responsabilidade

Moenia non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Formulario de revisión

Formulario de avaliación

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Protocolos de interoperabilidade

Moenia proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

https://revistas.usc.gal/index.php/moenia/oai

Historia

Moenia xurdiu en 1995 como primeira publicación periódica de carácter científico posta en marcha no campus universitario de Lugo e ante a forte demanda nos ámbitos universitarios do mundo hispánico de publicacións periódicas nos terreos da Lingüística e a Literatura. Concebiuse como revista tematicamente dobre, que faría alternar volumes adicados a Lingüística (anos impares) e a Literatura (anos pares). Consecuentemente, a dirección da revista é compartida polos profs. drs. Alexandre Veiga e Claudio Rodríguez Fer, das áreas de coñecemento de Lingua española e Literatura española respectivamente. Na actualidade o labor de secretaría é paralelamente compartido por dúas persoas, os profs. drs. Miguel González Pereira (Lingüística) e Ana Chouciño Fernández (Literatura).

Dende os primeiros momentos buscou centrar os seus intereses científicos nas áreas da lingua e a literatura españolas, a filoloxía galega, a filoloxía clásica, a lingüística xeral e a teoría da literatura, aínda que as súas páxinas poden acoller tamén traballos que versen sobre literaturas en linguas diversas.

A selección de membros do comité científico foi levada a cabo dende o comenzo cun elevado nivel de esixencia, incluíndo nomes de primeiras figuras da investigación filolóxica e lingüística tanto española como estranxeira. Da composición inicial do comité científico formaron parte algúns investigadores xa falecidos da categoría de Emilio Alarcos Llorach, Eugenio Coseriu, Manuel C. Díaz y Díaz, Claudio Guillén, Rafael Lapesa, José Luis Rivarola ou Alonso Zamora Vicente.

Durante o primeiro período na historia da revista, ata 2011 publicada en volumes anuais impresos, as páxinas de Moenia honráronse en publicar traballos da autoría das máis recoñecidas figuras dea investigación internacional nos ámbitos investigadores propios da revista, entre elas Eugenio Coseriu, Noam Chomsky, Tullio de Mauro ou académicos da R.A.E. como Emilio Alarcos Llorach, Ignacio Bosque, Rafael Lapesa, Fernando Lázaro Carreter, Salvador Gutiérrez Ordóñez, Darío Villanueva ou Alonso Zamora Vicente, xunto con outros moitos nomes merecedores do máis alto recoñecemento científico á beira dos de investigadores nalgún caso noveis que atoparon nesta publicación un excelente marco para daren saída aos produtos do seu labor investigador. A pluralidade na formación académica dos seus contribuidores foi outro dos intereses da revista dende o seu comenzo e, así, igualmente durante a súa primeira etapa como publicación en papelMoenia deu saída a traballos procedentes de universidades non só españolas, senón pertecentes a países como Alemania, Arxentina, Bélxica, Bulgaria, Brasil, Canadá, China, Cuba, Estados Unidos, Eslovaquia, Francia, Finlandia, Grecia, Holanda, Italia, Marrocos, México, Portugal, Perú, Polonia, Reino Unido, República Checa e máis Xapón. A planificación de Moenia como revista internacional dende o seu primeiro número cristalizou igualmente na elección dos membros do seu comité científico, como máis tarde na incorporación dalgúns investigadores estranxeiros ao comité de redacción.