Temática e alcance

Innovación Educativa é unha publicación periódica de carácter anual no ámbito da educación, cuxo obxectivo fundamental é o de fomentar a reflexión sobre iniciativas innovadoras de calquera área e nivel educativo, así como estimular a súa realización e difusión entre os profesionais do ensino,  investigadores e investigadoras, estudantado e, en xeral, entre quen se preocupe por cuestións de carácter pedagóxico e didáctico.

Proceso de revisión por pares

O Consello de Redacción acusará recibo e examinará os orixinais recibidos (nun prazo aproximado de 15 días), para comprobar que cumpren coas directrices formais e temáticas dadas aos autores e, no seu caso, poderá sinalar posibles correccións ou rexeitar por completo o traballo.

A continuación, cada orixinal que pase o filtro anterior someterase a un proceso de dobre avaliación anónima externa (tipo “dobre cego”, mantendo oculta a identidade de avaliadores e autores), por parte de expertos na temática do traballo designados polo Comité de Redacción en función da súa traxectoria investigadora. En caso de dúas avaliacións contraditorias, buscarase a dun terceiro revisor, nas mesmas condicións.

Todos os informes de avaliación (mantendo o anonimato) será enviados aos autores que, en caso de aceptación do artigo, deben tomar en consideración os posibles comentarios, propostas de mellora, dúbidas, etc. e volver a reenviar o traballo cos oportunos cambios. O proceso de revisión repítese de novo (mantendo o anonimato), de maneira que, en caso de que a segunda revisión dos avaliadores sexa de novo favorable, é altamente probable que o artigo sexa definitivamente aceptado para a súa publicación.

Innovación Educativa publica un número anual, normalmente entre novembro e decembro. Os orixinais deben ser enviados para a súa avaliación antes do 15 de xuño. A revista ten por costume enviar os resultados da avaliación externa antes de finais do mes de novembro, mentres que os autores deberán realizar as posibles correccións dos traballos aceptados nun período non superior a 20 días a partir de que se lles envíen os informes de avaliación. O Comité de Redacción normalmente comunica nun prazo de 15 días a aceptación definitiva.

Frecuencia de publicación

Anual

Política de acceso aberto

Innovación Educativa facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

A publicación non ten ningún custo para os autores.

Difusión, impacto e calidade editorial

DIFUSIÓN

Bases de datos de calidade

  • ERIH PLUS
  • DICE, valoración da difusión internacional: 10,5; posto 32 de 232 revistas na área Ciencias da Educación; 8/61 en Didáctica e  Organización escolar
  • MIAR, difusión (icds): 4,342: 56/147 en Educación

Bases de datos multidisciplinares

  • ESCI, Fuente Académica Premier, TOC Premier, ISOC, ULRICH, DIALNET, REDIB.

Bases de datos especializadas

  • IRESIE

Catálogos de bibliotecas

  • 24 bibliotecas universitarias españolas da especialidade
  • Library of Congress
  • Amicus (Canadá)

IMPACTO

Citas recibidas

  • RESH: impacto 2004-2008: posto 50 de 202 na área de Educación no periodo 2005-2009
  • IN-RECS Educación (2010): 3º cuartil

CALIDAD EDITORIAL

  • CARHUS: C
  • LATINDEX (Catálogo 2.0, 2023): 38 de 38 criterios
  • CNEAI: 14 de 18 criterios (ano 2011)
  • ANECA: 17 de 22 criterios (ano 2011)
  • CIRC: B

Exención de responsabilidade

Innovación Educativa non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.

Formulario de revisión

Formulario de revisión

Directrices éticas

A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.

Editorial

A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.

Dirección da revista

A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.

Avaliadores

Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.

Autores

Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado.

Nos traballos de autoría múltiple debe identificarse o autor responsable, que será tamén o autor de contacto. É responsabilidade do autor responsable garantir o recoñecemento de todos os autores que comparten a responsabilidade do traballo e asegurar que todos coñecen e aprobaron a versión final do documento.
Os nomes dos autores deben figurar en ordenación alfabética polo primeiro apelido no caso de que todos contribuísen do mesmo xeito no traballo. Se a contribución de cada autor é diferente, recoméndase facelo constar nunha nota utilizando a terminoloxía convencionalizada CRediT: https://casrai.org/credit/

O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.

Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.

Política antiplagio

Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.

Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.

Protocolos de interoperabilidade

Esta revista proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores:

https://revistas.usc.gal/index.php/ie/oai

Historia

Innovación Educativa foi creada no ano 1991 polo Profesor Carlos Rosales, do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago de Compostela, que foi o seu Director ata o ano 2007. En 2008, a revista pasa a ser dirixida polo Profesor Eulogio Pernas, converténdose o seu creador en Director Honorífico. O Profesor Anxo S. Porto exerce na actualidade a función de Secretario. Os 5 primeiros números foron publicados pola Editorial Tórculo de Santiago de Compostela e, a partires do número 6 (ano 1996), a edición técnica, subscrición e intercambio pasa a ser responsabilidade do Servizo de Publicacións da USC. Dende o número 9 (ano 1999), o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC sumouse á edición, conxuntamente co Departamento de Didáctica e Organización Escolar (na actualidade Área de Didáctica e Organización Escolar).