Antes de pasar a comentar o contido do presente número da revista QUINTANA é imprescindible dar conta de dúas noticias que, por dolorosas e inesperadas, afectáronnos de maneira moi profunda. Unha delas foi o falecemento da nosa compañeira de departamento, a profesora Ana Goy Diz, que exerceu como catedrática no Campus de Lugo e que nos deixou xusto nun momento no que máis brillaba a súa vocación docente e produción investigadora. A segunda, a morte tamén do profesor Delfín Rodríguez Ruíz, catedrático da Universidade Complutense de Madrid que, case desde o principio, acompañounos como colaborador da revista e que formou parte ademais do seu Comité Científico. A eles, pois, o noso máis indeleble recordo.
Xa cun carácter máis positivo, e como mostra do noso desexo de ser cada vez máis visibles e operativos, compráceme comentar que fomos incorporados na base de datos Mir@bel, que foi creada en Francia, en 2009, polos profesionais de bibliotecas e documentación coa intención de compartir o acceso ás revistas científicas en liña. Por último, debe mencionarse tamén que o novo proceso de edición implementado pola USC para todas as súas revistas vai permitir, a partir deste mesmo número, colgar os seus contidos sen ter que esperar a que estea completo o número na súa totalidade, o que supón unha grande novidade cara o futuro e, sen dúbida, un proceso que dotará á revista dunha maior axilidade e inmediatez.
Dito isto, o número 21 que presentamos está dedicado ao Tema monográfico que leva por título Arte en tempos de pandemia: corpos, doenzas e resiliencias, aproveitando a circunstancia da recente expansión da COVID-19 que estamos aínda padecendo. E nel, seis destacados investigadores tiveron a amabilidade de participar como convidados. Entre eles María Lucía Lahoz Gutiérrez que nos traza un percorrido sobre o corpo e a súa figuración medieval, preferentemente escultórica e tridimensional, deixando ver que este busca construírse como unha imaxe histórica e cultural que se materializa á súa vez en moi diferentes ideoloxías. Paloma Moral de Calatrava trata de probar, pola súa banda, que os enfermeiros que atendían os hospitais medievais encarnaban dalgunha maneira a figura do Bo Samaritano e que por iso empregaron o coidado ao corpo como unha escusa para ocuparse tamén da alma dos doentes. Alberto Ruiz de Samaniego opta, en cambio, por unha reflexión sobre as visións artísticas do monstruoso que, en moitas ocasións, entroncan cun modo da existencia humana que tivo que ver coa ameaza de extinción e coa fronteira dunha vida que se proxecta no límite. Rut Martín Hernández, outra especialista, realiza un estudo das prácticas artísticas que abordan os imaxinarios das pandemias do VIH/SIDA e da COVID-19 tan presentes nas últimas décadas do mundo contemporáneo. Eva Marxen mostra, así mesmo, como as artes serviron como forma de resistencia para enfrontar os efectos da pandemia e do confinamento centrándose no caso particular da comunidade filipina de Barcelona que viviu esta situación dunha maneira moi específica. Finalmente, Ángel Medina analiza como a música chegou a ter nun tempo unha relación coa medicina humoral á vez que pode tamén derivarse ao plano simbólico para o coidado das almas dos vivos ou usarse nos sufraxios, destacando o pensamento do médico inglés Robert Fludd que tivo que ver tamén co mundo musical.
O apartado de Colaboracións, libre xa do fío argumental condutor, abarca, como é habitual, un amplo número de investigacións moi diferentes entre si e que afrontan a práctica totalidade do que entendemos por cultura artística. Así, Silvana Flores estuda o cinema mexicano de pistoleiros dos anos sesenta, mentres Javier Gándara Feijóo fai o propio cunha “Representación a San Roque” que constitúe unha curta obra de teatro bilingüe con música incidental que foi escrita na Galicia do século XVIII. Roberto González Ramos trata, pola contra, aínda que no mesmo século, outra cuestión diferente como é a análise da educación artística e a praxe artístico-visual que posuía a maior parte da nobreza española dese tempo. Miguel Herguedas Vela e Jesús Félix Pascual Molina poñen a súa atención, pola súa banda, en coñecer o mosteiro da nosa Señora de Prado de Valladolid na súa relación coa liñaxe dos infantes de Granada. Non menos diversidade engaden os estudos de María Cristina Hernández Castelló que profunda no sentido e significación que existiu na doazón de reliquias ao Hospital de Santa Cruz de Toledo por parte do Cardeal Mendoza; de Agar Ledo Arias propoñendo unha aproximación á presenza española na Bienal de Venecia ao examinar o Pavillón de España no contexto político do aperturismo do réxime franquista dos anos cincuenta; de Pedro de Llano que aborda a análise dunha obra realizada por Maria Eichhorn, en Vigo en 2008, a “Carta a Angelina Estévez”, que considera moi representativa dun momento de cambio da artista, ou de Javier Mañero Rodicio ao profundar nas confluencias entre o surrealismo e a ciencia ficción. Á súa vez, o século XVIII volve a ser protagonista no estudo de Maria João Pereira Coutinho ao analizar a arquitectura e ornamentación que deu forma ás festas que tiveron lugar en Portugal con motivo da canonización dos xesuítas Estanislao Kostka e Luís Gonzaga. Sadaf Pourmahmoud, en cambio, ábrese á análise dos conceptos de “símil” e “purificación” na filosofía decorativa da arte islámica iraniana a través do punto de vista do místico sufí, filósofo e poeta Ibn Arabi. Raquel Sáenz Pascual estuda as pinturas murais de Santo Asensio de los Cantos (A Rioxa) de principios do século XIII inmersas, por tal motivo, nun mundo figurativo de fortes resonancias gótica. Olaya Sanfuentes mostra, a súa vez, a complexidade que entraña o “fanal” -unha cápsula de vidro de cristal cunha escultura do Neno Xesús dentro, rodeada de miniaturas que representan a natureza- coma se fose unha representación tridimensional do hortus conclusus que serve como recordatorio da procura e peregrinaxe mental cara ao espazo de renovación. Por último, pecha este bloque aberto e heteroxéneo, o traballo conxunto de Imanol Zumalde e José Luis Castro de Paz que, coa súa “arboleda perdida”, interésanse polo rol temático que xoga o motivo forestal na cinematografía vasca e galega a través dun grupo de obras de referencia que van de Tasio ata O que arde, todas claves na filmografía vasco-galaica das últimas décadas.
Escritos sobre..., outra das nosas seccións habituais, rescata esta vez un texto non moi coñecido do afamado arquitecto e intelectual galego Antonio Palacios Ramilo que, baixo o título Proxecto da nova rúa Galicia en Santiago de Compostela (1932), acompáñase dun completo estudo preliminar realizado polo noso compañeiro Jesús Ángel Sánchez García.
Non falta obviamente a sección Feitos e tendencias que dá conta, a través da pluma de Carlos Villanueva, da recente exposición titulada Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo: Reflexións sobre una exposición necesaria. En fin, que só queda por indicar que o número remata co seu xa clásico apartado de Recensións onde diferentes investigadores comentan e valoran distintas publicacións saídas á luz en datas moi recentes e que demostran, entre outras cousas, a vitalidade existente nos estudos de Historia da Arte.
Agora ben, como en anos anteriores, o número de QUINTANA que presentamos non sería posible sen o esforzo de moitas persoas que souberon construílo e sacalo á luz. Como director, pois, debo mostrarlles o meu máis sincero agradecemento. Especialmente aos tres secretarios, Jesús Ángel Sánchez García, Julio Vázquez Castro e Miguel Anxo Rodríguez González que, ano tras ano e cada vez con máis cargas e obrigacións que cumprir, prodigan traballo e xenerosidade para que o número salga sempre nas mellores condicións. Merecen tamén destacarse as dúas bolseiras de colaboración e alumnas do grao de Historia da Arte, María Carrión Longarela e Celia Vila Fernández, por realizar a plena satisfacción a primeira revisión de textos e a preparación dos seus formatos; por suposto deben mencionarse os membros do Comité Científico e de Redacción da revista, os avaliadores anónimos que revisaron a calidade e orixinalidade dos artigos, do mesmo xeito que todos os investigadores convidados que, de maneira brillante e profesional, aceptaron contribuír cos seus coñecementos ao tema monográfico que abre o número. Non quero esquecer aos compañeiros do Departamento de Historia da Arte polo seu importante apoio, o mesmo que ao director e técnicos do Servizo de Publicacións da nosa Universidade polas súas valiosas indicacións. Polo tanto, o meu agradecemento sincero a todos eles e, unha vez máis, longa vida a este proxecto ilusionante que segue sendo para todos nós a revista QUINTANA.