Nos estertores dun réxime incompatible coa ‘política’ chegamos á universidade unha xeración de mozos e mozas entusiastas diante da inexorable perspectiva de contribuír a pasar páxina dun tempo que afogaba a conciencia de ser, e de estar, nunhas coordenadas de vida, individual e colectivamente falando, pouco dadas ao recoñecemento da liberdade de pensamento e de crítica como grande alicerce para a reconstrución dun sistema de convivencia normalizado no panorama da Europa á que mirábamos con envexa e anhelo de pertenza.
E foi así que en xaneiro de 1974, por mor do gracioso paradoxo dun desvarío ministerial a propósito dun cambio no calendario académico, atopámonos ás portas dunha Universidade Compostelá abertas para nos na aula magna da Facultade de Medicina, convertida xa en xermolo de tantos como engaiolantes encontros de xuventude, mudando algúns deles en verdadeiras amizades ata hoxe.
Tan edificante proceso foise encarrilando nun percorrido académico dunha grande presenza nas aulas e nunha cidade que respiraba universidade por todos os seus poros, nas súas espléndidas rúas e marabillosos currunchos pétreos.
Lembro que asistir a clase non era percibido como obriga. Máis ben, éramos moitos/as os/as que acudíamos coa expectativa de ir colmando unha fame de aprendizaxe que, alén das formais sínteses proporcionadas polo profesorado asignado, era a miúdo o prólogo de animadas conversas cando non de fervenzas dialécticas, e mesmo argumentadas controversias, que chegamos a considerar a modo de formación suplementaria entre iguais, ben dispostos/as a defender posicións propias sen deixar de escoitar as alleas, o que tiña vantaxes por veces, tratando de entender e comentar textos non precisamente doados, no intre de desentrañar o senso dunha cita complicada sobre a marcha, ou simplemente resolver un problema disciplinar.
Velaí o apertado resumo de como as circunstancias axudaron a conformar un carácter firme e abertamente disposto ao estudo da Pedagoxía como Ciencia da Educación comprometida na comprensión e mellora do ser humano.
Sirva, pois, este apunte como soporte de afectiva cognición para unha sección que tiven o gusto de coordinar no oportuno monográfico da Revista de Innovación Educativa cando se fan cincuenta anos dos estudos universitarios de Pedagoxía en Galicia.
Permítaseme a licencia de dicir que o importante non ten sido tanto referir claves interpretativas da teoría, a historia, e aínda determinadas dimensións socio políticas da educación en xeral, ou dun xeito máis abstracto á vista do contexto imperante fai medio século neste país, senón pór en valor a análise dun discurso, modulado en cada biografía, a fin de que mozos/as, e non tan mozos/as, vexamos na memoria e na reflexión unha vía chea de recursos intelectuais, de inequívoco alcance práctico, pensando na (re)construción do porvir desde un depurado coñecemento da educación grazas ao seu estudo na universidade.
Naturalmente, a efeméride é a ocasión propicia para sacar proveito do que a experiencia compartida nos ten deparado ao longo dunha época extraordinaria por tantos motivos, que cada un/unha situará ou privilexiará na escala valorativa da súa andaina vital, mesturando de seguro olladas de natureza individual coas máis social, histórica ou mesmo ideoloxicamente conectadas.
Porque aínda coincidindo en tempo e lugar, iso non asegura idénticas percepcións, e tampouco reflexións de calado nunha liña que afonde na comprensión global do acontecido, nin na relevancia dos xiros interpretativos nas posicións individuais e colectivas sobre o papel (basicamente crítico) da educación no avance democrático dun Estado cun sistema de ensino tan necesitado de renovación pedagóxica.
E así, pois, que os lúcidos relatos argallados por Gonzalo Vázquez Gómez, Antón Costa Rico e Luís M. Sobrado Fernández, ben que semellan agasallos na mellor tradición epistemolóxica, a saber, aquela que favorece a revelación que alumea algunha que outra incógnita, xa sexa polos puntos de vista, os datos e os nomes incorporados, ou os acenos ao abeiro de situacións vividas naquel convulso escenario universitario.
Referimos con isto unha gama de boas sensacións, difíciles de encadrar, que temos arrastrado no tempo quen participamos das súas leccións nas aulas de Mazarelos e de Fonseca, antes de principiar co noso singular procesamento de ideas e a entusiasta deriva, ao carón de solventes mentorías, cara a proxectos de traballo, primeiro de tese de doutoramento, e máis adiante recreando liñas de investigación gradualmente aliñadas coas doutros/as colegas, mesmo alén da USC e do propio Sistema Universitario de Galicia (SUG). Dando pulo a un determinado canon académico acorde co reward system que estrutura a ruta de contratos e o acceso a unha función docente estable ou permanente na institución.
Comentar o acontecido fai xa cinco decenios desde a perspectiva de quen estivo alí e amosou empeño en sacar adiante os estudos de Filosofía e Ciencias da Educación nunha universidade tan centenaria como democraticamente expectante, tal vez podería parangonarse coa lembranza dunha viaxe iniciática, pletórica de ledicia, na que se superpoñen episodios de variada índole, nunha travesía dialecticamente informada por retos persoais e profesionais que, malia ser resoltos en conxunturas favorábeis, deixaron pegada en cada un dos roteiros individuais transitados.
O certo é que tampouco deixamos de recoñecernos na narrativa desenvolvida preto deses desafíos, enfrontados no percorrido dunha educación superior sometida a unha reforma -que non revolución- permanente, sen outro rumbo que o da súa continua adaptación a unha emerxente sociedade do coñecemento baseada nun trepidante crecemento da tecnoloxía computacional que nos ten traído ata onde hoxe estamos, ás portas -se non xa dentro- dunha universidade de algoritmos, na que a intelixencia artificial (IA) está a piques de tomar o mando cognitivo no quefacer docente e investigador.
A inquedanza desa posición, caso de volverse hexemónica, tería que ver co potencial menoscabo da capacitación crítica de alumnas e alumnos, que non parece importar demasiado, nin sequera ao estudantado, cando tanto se teñen debilitado os patróns referenciais de formas de aprender na modernidade, sen estar clarexados de todo os efectos dunha abondosa e ceda exposición infanto-xuvenil aos dispositivos dixitais, nas súas múltiples modalidades e direccións.
Coa probabilidade de que o antedito teña consecuencias sobre a xeración do saber nunha era de grande hibridación conceptual e cultural nos imaxinarios sociais complexos das clásicas democracias liberais, nas que as relacións entre coñecemento e poder deixaron de seren xerárquicas fai tempo. Sen ir máis lonxe, a maneira en que o espazo educativo europeo devén reestruturado no contexto socio histórico da Unión podería exemplificar cambios de percepción sobre a racionalidade organizativa das decisións en materia de educación ().
Doutra banda, o significado vertebrador dos eixos que teñen orientado o noso agrupamento analítico segundo coordenadas disciplinares e investigadoras (caso de Gonzalo Vázquez e a Teoría da Educación, ou de Antón Costa e a Historia da Educación), ou aínda de axuste a continxencias espazo-temporais (a visión socio-política na comprensión dunha dinámica institucional e académica, a cargo de Luís M. Sobrado), é hoxe relevante como o era daquela, independentemente dos factores que inflúen nas cambiantes relacións no seo dunha comunidade, xa que é a paradoxal continuidade e reciprocidade desa combinatoria axial (teoría-historia-política) un dos resortes comprensivos do mesmo factum educación, mesmo no intre de tentar afondar na comunicación de sentido cando falamos de atender a formación de futuros/as Mestres/as, profesores/as, educadores/as sociais e, naturalmente, pedagogas/os.
Por máis que a educación constitúa un ámbito de traballo politizado, ao igual que outros na ancha explanada das ciencias sociais, e que tanto a teoría como a historia da educación poderían ter cabida no espazo intelectual da política, o que verdadeiramente importaría sería loitar a prol de máis recoñecemento público para ambas (; ).
Avanzaremos nesa ruta a base de novas ideas que fornezan enfoques de orientación práctica sobre o terreo, incluíndo críticas razoables e reivindicacións de maior coidado da educación e de claro soporte á investigación educativa, máxime se as persoas que nos afanamos neste labor fósemos capaces de ter aprecio pola investigación como unha comunidade de intereses, susceptible de consensuar mínimos de atención e recoñecemento internos, e velar tamén por algún que outro código de respecto desde a administración, que sexa garante de equidade na esfera pública da sociedade civil.
Apelamos ao concepto de sociedade civil, un tanto esnaquizado hic et nunc, porque precisamos volver a enchelo de significados morais e ideais compartidos, co propósito de enxergar espazos de máis liberdade e menos intolerancia ao noso arredor.
Cumpriría, tal vez, animar unha re-lectura narrativa da Misión da Universidade que Ortega soubo enxergar en 1930, e que agora hai que volver a proxectar no marco dunha lóxica educativa (que non só de aprendizaxe), en absoluto allea a unha irreversible dixitalización de contidos e procedementos ().
Como negar que a pedagoxía e o mundo da educación no seu conxunto están cada vez máis afectados pola tecnoloxía dixital? Se as nosas formas e prácticas de vida mudan, ao tempo que cambia o xeito como vemos e pensamos a realidade, é prístino que a educación e os procesos educativos nesta era están xa sendo referidos nunha perspectiva de cognición humana, cultural e socialmente afectada polo impacto da tecnoloxía.
Referencias
1
García del Dujo, A., Vliegue, J., Muñoz-Rodríguez, J.M., e Martín-Lucas, J. (2021). Pensar la (teoría de la) educación desde la tecnología de nuestro tiempo. Teoría de la Educación. Revista Interuniversitaria, 33(2), 5-26. https://doi.org/10.14201/teri.25432
2
3
4
Wortmann, K. (2023) ¿En qué sentido, si lo hubiera, es la teoría de la educación ‘política’? Una perspectiva pragmatista. Teoría de la Educación. Revista Interuniversitaria, 35(2), 1-20 https://doi.org/10.14201/teri.31083