O MUNDO DE HOXE: O SOÑO EUROPEO NA ENCRUCILLADA
Contenido principal del artículo
Resumen
sinatura do Tratado de Roma-, abría as súas portas en Santiago de Compostela a facultade
de Económicas da universidade galega, de cuxa primeira promoción tiven a sorte e a
satisfacción de formar parte. En España estabamos en plena ditadura, e Europa e o
proxecto europeo representaban un ideal e a esperanza de liberdade e de modernidade
para a mocidade daquela xeración.
Pero, a necesidade de abrir portas e fiestras a Europa era unha aspiración que viña de moi
lonxe. Xa estaba contida naquela proclama reivindicativa da primeira asamblea de
produtores agrarios: “queremos respirar o ar de Europa”, impulsada nos inicios do século
dezanove por Joaquín Costa, aquele ilustre pensador social inspirador do
Rexeneracionismo e autor dea obra “ Oligarquía e caciquismo agrario”, que aprendemos a
ler naqueles anos de facultade. Tamén estaba xa na idea de Ortega y Gasset sintetizada na
súa memorable frase “España é o problema e Europa a solución”.
Pero o illamento e o ensimesmamento propios da España da Restauración Canovista, cos
seus aranceis e políticas proteccionistas -sustentadas polos pactos entre os ferreteiros
vascos, o téxtil catalán e o latifundio castelán e andaluz-, chegarían ao paroxismo coa
autarquía característica do rexime xurdido da rebelión militar de 1936. Pódese afirmar,
pois, que a extraordinaria transcendencia – económica, social e política- da entrada de
España na CEE, a súa dimensión histórica, explícase polo feito de que con ela se pon fin á
frustración de séculos producida polo illamento e separación de Europa.
Dende a caída do Imperio Romano, Europa viviu sempre no medio do enfrontamento e da
fragmentación de nacións, grupos étnicos e relixiosos. A relativa confianza e seguridade
propios dos últimos anos do século dezanove en Europa, e o optimismo que caracteriza á
primeira década do século vinte, coincidindo coa primeira onda globalizadora, co
crecemento económico e do comercio -tal e como analiza maxistralmente Tony Judt na súa
Historia de Europa-, non ían durar moito e ían suceder, en moi pouco tempo, aos peores
acontecementos da historia da Europa moderna.