Call for papers. Avanzando no Comportamento Proambiental: Desde o Lugar de Traballo até as Accións do Consumidor
Publicado o 2024-05-30Prezados/as colegas:
Na actualidade, alcanzar a sustentabilidade medioambiental é un dos retos máis relevantes para a sociedade. Os comportamentos das empresas e os consumidores poden desempeñar un papel crave para mellorar a sustentabilidade medioambiental global. Por exemplo, as empresas poden deseñar e aplicar prácticas medioambientais dirixidas a reducir o consumo de enerxía e recursos ou animar aos empregados a realizar un comportamento que contribúa a que as organizacións sexan máis ecolóxicas.
Ademais, é necesario coñecer mellor as repercusións medioambientais de determinados bens e servizos, entendendo tamén a percepción que teñen os consumidores dos produtos ecolóxicos e as súas motivacións para levar a cabo comportamentos respectuosos co medio ambiente.
Gustaríanos convidarvos a realizar contribucións a un Número Especial da Revista Galega de Economía/Galician Journal of Economics dedicado á análise do comportamento proambiental no traballo e dos consumidores.
Os temas potenciais inclúen, pero non se limitan a:
- Iniciativas ecolóxicas no lugar de traballo e compromiso dos empregados.
- Actitudes e comportamentos dos empregados cara aos comportamentos proambientais.
- O papel do liderado no fomento de comportamentos proambientais no traballo.
- Estratexias para reducir as materias primas, os residuos e mellorar a eficiencia enerxética no lugar de traballo.
- Fomento do transporte ecolóxico para ir ao traballo.
- Compra ecolóxica, envasado ecolóxico e xestión ecolóxica da cadea de subministración.
- Prácticas ecolóxicas de xestión dos recursos humanos.
- Percepcións e actitudes dos consumidores cara aos produtos ecolóxicos.
- Estratexias de marketing ecolóxico e comportamento do consumidor.
- Etiquetaxe ecolóxica e comportamento do consumidor.
- Factores que inflúen nas decisións de compra ecolóxicas.
Prazo para o envio de orixinais:
Os traballos enviados deben ser orixinais. Todas as propostas someteranse a unha revisión anónima dobre cego para garantir a alta calidade científica e a pertinencia do tema. O número especial estará aberto á presentación de traballos a partir do 1 de xuño de 2024. Aceptaranse novos manuscritos até o 31 de decembro de 2024. Os artigos aceptados publicaranse on-line aproximadamente un mes despois da súa aceptación.
Editoras/es convidadas/os:
Dra. Paula Álvarez González (p.alvarez.gonzalez@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, España)
Dra. María Jesús López Miguéns (chusl@uvigo.es, Universidade de Vigo, España)
Dra. Sandra Castro González (sandra.castro@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, España)
Dr. Pascal Paillé (pascal.paille@neoma-bs.fr, NEOMA Business School, Francia)