1. INTRODUCIÓN
A pandemia xerada pola Covid-19 afecta aos diversos ámbitos socioeconómicos, o que se manifesta na evolución das desigualdades sociais. A literatura existente a nivel global sinala varios aspectos moi relevantes, entre os que destaca, maioritariamente, a tendencia ao aumento das desigualdades de renda e o impacto asimétrico na sociedade, que levou a que a desigualdade dentro dos grupos sociais variase de forma diferente e que a desigualdade entre grupos se incrementase. Neste contexto, un maior coñecemento do efecto da pandemia nas desigualdades de renda cobra maior relevancia por dúas razóns. A primeira refírese a caracterizar aos grupos sociais máis afectados pola pandemia. A segunda céntrase en coñecer en que medida as prestacións sociais frearon o incremento da desigualdade e para que grupos foron efectivas.
O obxectivo principal deste traballo é coñecer o efecto da pandemia nas desigualdades de renda en Galicia no ano 2020. Para acadar este obxectivo, o artigo propón tres hipóteses principais. A primeira hipótese asume que a pandemia supuxo un cambio na evolución previa das desigualdades, levando a un incremento destas que lle pon fin á etapa de redución previa durante a recuperación económica. A segunda hipótese afirma o efecto heteroxéneo da pandemia nos distintos tipos de fogares segundo as súas diferentes características, e que isto levou a que a desigualdade se incrementase en maior medida nos fogares nos que os sustentadores principais son inmigrantes, mulleres, persoas con baixo nivel de formación ou persoas novas. A terceira hipótese refírese a que as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante na redución das desigualdades de renda dende unha perspectiva global, se ben o seu efecto é heteroxéneo nos diferentes tipos de fogares.
Este traballo analiza o caso de Galicia, que é digno de estudo debido a dúas razóns principais. A primeira é a ausencia de estudos que analicen de forma específica o efecto da pandemia nas desigualdades no ámbito rexional. A segunda é o perfil socioeconómico particular de Galicia, cunha demografía caracterizada por un avanzado envellecemento e un elevado peso da poboación dependente. Ademais, trátase dunha rexión que mostra unha incidencia menor nas primeiras fases da pandemia no contexto español. Deste forma, este artigo supón unha achega anovadora tanto polo seu carácter rexional como polo feito de analizar un perfil rexional particular.
Para realizar esta análise empréganse diferentes coeficientes que miden a desigualdade de renda, como os da familia de Atkinson, o Gini e a Desviación Media Logarítmica (MLD), así como os intervalos interdecílicos de acumulación da renda. Analízase o período comprendido entre 2014, ano do inicio da recuperación económica, e 2020, ano do inicio da pandemia. A fonte de información utilizada son os microdatos da Enquisa Estrutural dos Fogares do módulo xeral das edicións realizadas entre os anos 2015 e 2021. Cómpre indicar que a aparente discordancia nas datas se deriva de que a recollida de datos se refire ao ano previo ao da edición. Así, por exemplo, a última edición dispoñible é a do ano 2021, que corresponde aos datos de 2020.
Os resultados da investigación indican que a pandemia levou a un incremento das desigualdades de renda globais en Galicia rompendo a tendencia da etapa anterior, que o impacto afectou en maior medida á desigualdade de certos grupos de fogares cunhas determinadas características, e que as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante e heteroxéneo á hora de moderar o incremento das desigualdades nos diferentes grupos sociais.
O presente traballo divídese en catro apartados, ademais desta introdución. O segundo apartado presenta a revisión da literatura sobre o efecto asimétrico da pandemia no ámbito internacional, español e galego, e unha breve contextualización sobre a realidade das desigualdades en Galicia previas á pandemia da Covid-19. O seguinte apartado describe a metodoloxía e as fontes de datos empregadas para a análise empírica. En cuarto lugar, preséntanse os resultados para o período analizado en perspectiva global e para os subgrupos estudados. Finalmente, preséntanse as principais conclusións.
2. O EFECTO DA COVID-19 NAS DESIGUALDADES
Con anterioridade á Covid-19, a literatura existente sobre os efectos das pandemias nas desigualdades económicas era moi limitada, o que se explica principalmente pola ausencia de datos sobre casos semellantes, que se produciron hai máis dun século. Os traballos que abordan as pandemias reflicten un debate con dúas posicións claramente diferenciadas: algúns traballos consideran que as pandemias actúan como niveladoras, reducindo a desigualdade previamente existente, chegando a describilas como “The Great Leveler” (; ), mentres que para outros traballos as pandemias incrementan as desigualdades, considerando o seu impacto asimétrico. Neste sentido, analizando o contexto español durante a pandemia da gripe española de principios do século XX, amosan efectos heteroxéneos nos salarios reais, dependendo de distintos factores como a ocupación ou a rexión. Concretamente, as persoas dedicadas á produción de bens ou servizos non esenciais e as pertencentes a rexións máis urbanizadas foron as máis afectadas, ao ser as que perderon maior renda. Por outra banda, estes autores mostran como os retornos de capital non sufriron efectos negativos significativos. Como resultado desas dinámicas, os traballadores, principalmente dos ámbitos urbanos e das clases máis baixas, víronse notablemente afectados pola pandemia. Isto provocou un incremento significativo das desigualdades de renda nese contexto pandémico en España. Nun contexto internacional, e cunha perspectiva máis ampla, analiza varias pandemias cunha menor incidencia acaecidas no período 1950-2019 a nivel mundial, concluíndo que os países afectados por unha pandemia sufriron un maior incremento da desigualdade de renda, ao igual que da desigualdade segundo o sexo, pero non da desigualdade de riqueza.
A crecente literatura existente ata o momento sobre o efecto da pandemia da Covid-19 na sociedade considera que as pandemias xeran desigualdades e afondan nas anteriormente existentes. Poden identificarse tres conclusións principais sobre o impacto da pandemia nas desigualdades de renda. A primeira é que a pandemia xerou un cambio na dinámica previa das desigualdades de renda, producindo un incremento das desigualdades que rompe coa tendencia á redución previa. A segunda conclusión refírese a que o impacto no ámbito rexional e social é heteroxéneo, pois aumenta máis a desigualdade en certos grupos sociais máis vulnerables caracterizados por diferentes aspectos, como o baixo nivel de formación, o sexo ou a idade. A terceira conclusión céntrase en que as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de mitigar os efectos da pandemia nas desigualdades de renda. Estes feitos son analizados en maior detalle nos tres subapartados que conforman esta sección.
2.1 A pandemia e o cambio na evolución das desigualdades de renda
O efecto da Covid-19 propicia un cambio relevante na evolución das desigualdades existentes anteriormente (). Concretamente, as desigualdades increméntanse de forma xeral, cando estas viñan decrecendo nos últimos anos, e nos casos nos que xa viñan crecendo, seguiron dita tendencia, mais en maior medida.
Centrándonos no caso de España, cabe sinalar que o nivel de desigualdade antes da pandemia aínda viña marcado polos efectos da crise do 2008. Esta crise elevou o nivel de desigualdade en España e levou a que este fose alto previamente á pandemia (; ; ). Os estudos iniciais para a realidade española amosan un incremento das desigualdades de renda. Concretamente, entre os anos 2018 e 2021, o valor do coeficiente de Gini incrementouse do 0,340 ao 0,379, debido á diminución da renda correspondente aos estratos de renda máis baixos, que se trasladou exclusivamente á metade superior da distribución (). No caso de Galicia, apenas existen estudos específicos sobre as desigualdades durante e tras a pandemia, entre os que destaca o de , que analiza o seu efecto no desemprego. En concreto, os estudos existentes remóntanse ás últimas décadas do século XX () e ao período inicial da crise de 2008 (). destacan o cambio no perfil da pobreza e das desigualdades, pasando de ser fundamentalmente do eido rural e afectando ás persoas de maior idade a ser de eido urbano e de persoas novas. conclúen que a crise iniciada en 2008 incrementou considerablemente as desigualdades e a pobreza, afectándolles especialmente a algúns grupos da sociedade, como os fogares sustentados por estranxeiros, persoas novas, mulleres ou persoas con baixo nivel de formación e que residen nas cidades.
Os estudos que abordan esta cuestión noutros ámbitos xeográficos son aínda limitados e incompletos por diversas cuestións, como o uso de microsimulacións e o limitado período temporal analizado. A maior parte da literatura atopa un incremento das desigualdades e da pobreza que é, en certa medida, minorado polas políticas públicas aplicadas para limitar a perda de ingresos. Nesta liña, , nunha análise referida a catro países moi afectados pola pandemia, como son Bélxica, Italia, Reino Unido e España, amosan un incremento considerable da pobreza acompañado dun aumento máis moderado da desigualdade de renda. analiza o caso de Nova Zelandia, empregando unha conceptualización multidimensional sobre o benestar que inclúe a renda. Os impactos foron heteroxéneos na poboación, levando a que certos colectivos máis vulnerables (familias cun menor nivel de renda e cun menor nivel de formación) fosen afectados en maior medida, incrementando as desigualdades de renda no país.
2.2 As asimetrías no efecto da pandemia e os seus efectos na desigualdade económica
A literatura analiza múltiples perspectivas sobre o efecto da pandemia na sociedade. Un dos aspectos máis estudados é a asimetría no seu efecto tanto en termos sociais como territoriais. Hai un consenso maioritario no feito de que en ambas as dúas dimensións, territorial e social, a pandemia tivo un impacto heteroxéneo.
Comezando polas disparidades entre territorios, estas atenden tanto a desigualdades entre países como a desigualdades entre rexións, entendendo como tales determinadas divisións territoriais dos anteriores. No caso dos países, diferentes traballos amosan que o impacto da pandemia, tanto en termos económicos como sanitarios, foi desigual (; ; ; ). Así, a pandemia tivo unha maior incidencia, en termos sanitarios, nos países cunhas características concretas, como unha maior concentración da poboación ou unha terciarización da economía.
Para o caso das rexións, diferentes autores indican que tanto o impacto sanitario coma o económico, ou inclusive os efectos das mesmas políticas de contención, non tiveron os mesmos efectos en todas as rexións dun mesmo país, debido principalmente ás súas diferentes características (; ; ; ; ; ; ). Algunhas das características máis relevantes son a posición central ou periférica da rexión no sistema económico nacional, o patrón de mobilidade ou a estrutura produtiva rexional.
No correspondente ás disparidades sociais, a literatura amosa como a pandemia non afectou de forma homoxénea, existindo colectivos cunhas características determinadas que sufriron as consecuencias en maior medida. Os principais factores tras unha maior incidencia da pandemia parecen ser un menor nivel de formación (; ; ; ), ser autoempregados (; ), unha baixa intensidade no emprego (), a capacidade para traballar de forma non presencial (), o sexo (; ; ), pertencer a un fogar de renda baixa (; ; ), pertencer a un fogar no que o sustentador principal é unha persoa nova (; ; ), pertencer a un fogar cun sustentador principal de idade avanzada (), vivir no ámbito rural () e non ser propietarios de vivenda ().
2.3 O papel das prestacións públicas para frear o incremento das desigualdades
Dada a situación tan peculiar da pandemia, as políticas sociais previamente existentes ampliáronse cun conxunto de novas medidas sociais que trataban de compensar, de xeito parcial ou total, as perdas xeradas pola pandemia e os efectos derivados das restricións impostas para o seu control. A maior parte da literatura amosa o papel relevante desas medidas á hora de suavizar o efecto da pandemia na sociedade e, máis concretamente, nas desigualdades e na pobreza, nos primeiros momentos da pandemia, algo que xa se dera en situacións de crises previas ().
Analizando o ámbito europeo, describen como as políticas de substitución de renda (ou prestacións sociais) cubriron aproximadamente o 65% das perdas xeradas pola pandemia. Porén, a capacidade do Estado do benestar de cada país e rexión é distinta, o que leva a diferentes resultados, como indican outros traballos (; ; ). A maiores, os anteriores traballos tamén amosan diferentes niveis de cobertura entre os diferentes grupos sociais. No caso español, presentan unhas conclusións semellantes no que se refire ao papel das políticas de protección social e de loita contra a exclusión laboral e social en España durante a pandemia.
Desta forma, á hora de medir o impacto da pandemia nas desigualdades, os efectos das políticas públicas semellan claves para entender de forma correcta o acaecido coa súa evolución.
3. METODOLOXÍA E FONTES
A metodoloxía empregada neste traballo consiste no cálculo e comparación de indicadores para a medición da evolución das desigualdades de renda en Galicia no período 2014-2020 nos fogares incluídos na Enquisa Estrutural dos Fogares (). En cada unha das edicións inclúense aproximadamente 9.200 fogares de Galicia.
Os indicadores empregados, que se presentan na Táboa 1, son os coeficientes de desigualdade da familia de Atkinson () con parámetros 0,5, 1 e 1,5; o coeficiente de Gini e o MLD, acompañados dos intervalos interdecílicos. Elíxense estas medidas pola súa complementariedade. Os coeficientes da familia de Atkinson permiten ter en conta diferentes graos de aversión á desigualdade. O coeficiente de Gini proporciona unha visión centrada na situación dos estratos medios da renda. O MLD permite medir en que medida a desigualdade entre e dentro dos grupos é relevante á hora de explicar as desigualdades globais. Por último, os intervalos interdecílicos axudan a saber como varía a distribución da renda nos diferentes estratos.
Co fin de medir o impacto nos diferentes grupos sociais, calcúlanse os ditos coeficientes para diferentes grupos de poboación segundo os factores sinalados polos estudos revisados na anterior sección, e que abordan o impacto da pandemia na sociedade e a situación previa das desigualdades en Galicia. Estes factores son a provincia, a tipoloxía de municipio, o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos do sustentador principal (SP) do fogar.
En canto ás fontes de renda incluídas na análise, é relevante diferenciar entre as fontes de ingreso procedentes do mercado e aquelas procedentes de prestacións públicas que substitúen a perda ou carencia de renda. Isto permite observar cal foi o efecto das prestacións públicas na evolución das desigualdades. A Táboa 1 recolle as tres variables de ingreso empregadas na análise: ingreso total (IT), ingreso total sen prestacións de desemprego (ISPD) e ingreso total sen prestacións (ISP), que non inclúe as prestacións por desemprego. Tamén se recollen as fontes de ingreso que compoñen cada unha desas variables.
Fonte: elaboración propia.
Nota: “X” indica que a variable de ingreso inclúe a dita fonte.
4. RESULTADOS
Nesta sección preséntanse os resultados obtidos da aplicación da metodoloxía empregada no traballo e descrita no apartado anterior. Desta forma, en primeiro lugar, recóllese a análise da evolución global das desigualdades, co fin de contrastar se a pandemia supuxo un cambio na dinámica das desigualdades e se levou ao seu incremento. En segundo lugar, analízase o efecto nas desigualdades entre e dentro dos diferentes grupos de fogares segundo o territorio e as súas características, incidindo en maior medida nos factores que amosan unha maior heteroxeneidade entre grupos. Finalmente, abórdase a análise do papel de distintas prestacións sociais na variación das desigualdades no inicio da pandemia.
4.1 A evolución das desigualdades no conxunto da sociedade
A evolución das desigualdades no conxunto da sociedade durante a pandemia semella ir en liña coa literatura existente. A análise da distribución da renda cos intervalos interdecílicos nos anos 2014, 2019 e 2020 recóllese na Táboa 2. Na dita táboa obsérvase como o período de recuperación económica conduciu de forma xeral a unha certa redistribución cara aos chanzos inferiores. Esta tendencia vese interrompida coa pandemia para os dous tipos de ingresos sen prestacións, pero non para o ingreso total. Desta forma, os ingresos do mercado semellan terse distribuído dunha forma máis desigual no inicio da pandemia, aspecto que compensaron as prestacións.
Fonte: elaboración propia.
Dende unha perspectiva global, os coeficientes da familia de Atkinson e Gini para o período 2014-2020, recollidos na Táboa 3, amosan unha panorámica similar á dos intervalos interdecílicos. Concretamente, as desigualdades increméntanse se non se consideran as prestacións. Os resultados tamén mostran que os estratos de renda máis baixos foron os que soportaron maior perda de renda, xa que os coeficientes de Atkinson cunha maior aversión á desigualdade son os que presentan un maior incremento (coa excepción do Atkinson 1,5 para o ISP, que descende levemente).
Fonte: elaboración propia.
4.2 A evolución das desigualdades nos diferentes grupos sociais
A literatura identifica múltiples factores explicativos do efecto da pandemia nas desigualdades da renda. Este artigo analiza a evolución da desigualdade dentro dos diferentes grupos sociais conformados por estes factores mediante o cálculo de diversos coeficientes. No caso de Galicia, os factores máis relevantes son a tipoloxía do municipio no que habita o fogar e a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos do SP do fogar. Por iso, este apartado céntrase nestes factores, presentando máis información no anexo sobre outros aspectos que teñen menor relevancia.
Comezando pola perspectiva territorial, as Táboas 11 e 12 do anexo recollen a evolución por provincias do MLD e dos outros coeficientes, respectivamente. Os resultados da análise a nivel provincial mostran que na etapa previa á pandemia as desigualdades viñan reducíndose tanto entre como dentro das provincias, o que cambiou co inicio da pandemia. En cambio, cando se exclúen as prestacións do ingreso, o incremento da desigualdade é similar en todas as provincias. Centrándose no nivel provincial, destaca que a provincia de Pontevedra foi a que máis incrementou as súas desigualdades, mentres que as outras provincias mantiveron unha evolución similar.
Analizando os efectos segundo a tipoloxía do municipio, obsérvase que este é un factor moi relevante á hora de explicar a evolución das desigualdades. A enquisa diferencia catro tipos de municipios segundo a súa poboación. A Táboa 4 recolle a evolución do MLD para as ditas tipoloxías e a Táboa 5 recolle a evolución do resto de coeficientes. Pode observarse que na etapa previa á pandemia as desigualdades viñan descendendo en todos os tipos de municipios e que a pandemia incidiu nas desigualdades dunha forma distinta segundo as diferentes tipoloxías. Os municipios de maior tamaño son os máis afectados, o que se observa sobre todo a través dos coeficientes de maior aversión ao risco.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
A análise das desigualdades segundo o sexo do sustentador principal do fogar mostra a diminución das desigualdades entre homes e mulleres nos anos previos, tendencia que interrompe a pandemia e que leva a que as desigualdades entre homes e mulleres cobren maior relevancia. Concretamente, a desigualdade entre os dous grupos increméntase tras a pandemia (como amosa o peso das diferenzas entre grupos do MLD). Mentres a desigualdade entre fogares con SP home se reduce, para os fogares con SP muller increméntase. As Táboas 13 e 14 no Anexo amosan a evolución para ambos os dous sexos do coeficiente MLD e dos demais coeficientes, respectivamente.
Outro aspecto relevante na literatura refírese ás desigualdades segundo a procedencia ou nacionalidade. O estudo das desigualdades nos fogares segundo a nacionalidade do SP do fogar distingue tres grupos: fogares con SP con nacionalidade española, con nacionalidade española e outra nacionalidade, ou con nacionalidade estranxeira. Os resultados, que se presentan nas Táboas 6 e 7, amosan que se trata dun aspecto moi relevante para explicar a evolución das desigualdades no período analizado. A evolución do peso da desigualdade entre grupos mostra a tendencia ao crecemento da desigualdade entre os tres tipos de ingresos no ano 2020. En canto á desigualdade dentro dos diferentes grupos, os coeficientes recollidos na Táboa 7 evidencian como os fogares con SP con nacionalidade española presentan un menor nivel de desigualdade ca os fogares con SP coa dobre nacionalidade e con nacionalidade exclusivamente estranxeira. Ademais, o impacto da pandemia revela comportamentos diferentes en cada grupo, amosando un incremento substancial da desigualdade nos fogares con dobre nacionalidade e nacionalidade estranxeira, coa excepción dos coeficientes de máis sensibilidade á desigualdade que sinalan un descenso ou un mantemento da desigualdade, nos fogares con individuos con nacionalidade estranxeira.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Un dos aspectos máis relevante nos estudos sobre o efecto da pandemia é o da idade. Para analizar este aspecto, a mostra de fogares divídese en 13 grupos segundo a idade do seu SP. A Táboa 8 recolle a evolución do MLD para os trece grupos e as Táboas 15, 16 e 17 no Anexo, a evolución dos demais coeficientes segundo a idade. As conclusións máis relevantes con respecto á idade coinciden coa literatura para o caso de España. Así, a pandemia afectoulles aos diferentes grupos de idade dunha forma heteroxénea, incrementando as desigualdades previamente existentes entre eses grupos e rompendo a dinámica da recuperación económica, especialmente para a variable do ISP. No que se refire ás desigualdades dentro de cada grupo, variaron de forma distinta en cada tipo de ingreso. En concreto, os fogares máis novos incrementaron as súas desigualdades para todas as variables de ingreso consideradas, os fogares nos que o sustentador principal é de idade central viron contido o aumento das desigualdades principalmente grazas ás prestacións de desemprego e, finalmente, os fogares de maior idade mantiveron os niveis de desigualdade debido ás demais prestacións.
Fonte: elaboración propia.
Outro factor abordado na literatura sobre o impacto da pandemia é o nivel de formación. Para analizar isto, neste artigo emprégase o nivel de estudos do SP do fogar, existindo catro niveis na enquisa: educación primaria e inferior (E1); primeira etapa de educación secundaria e similar (E2); segunda etapa de educación secundaria e educación pos-secundaria non superior (E3); e educación superior (E4). Os resultados preséntanse nas Táboas 9 e 10, nelas destacan tres aspectos principais. O primeiro refírese á existencia dun cambio na evolución das desigualdades entre grupos previa á pandemia, sendo o cambio entre grupos moi relevante á hora de explicar a evolución das desigualdades, como amosa a Táboa 9. O segundo aspecto que cómpre sinalar é o distinto nivel de desigualdade segundo o tipo de ingreso analizado, debido a que as prestacións sociais desempeñan un papel “igualador” nos dous grupos con menor nivel de estudos. Finalmente, o impacto da pandemia levou a un incremento da desigualdade dentro dos grupos cun menor nivel de formación, o que contrasta coa tendencia oposta que reflicten os grupos de estudos superiores, como se pode observar na Táboa 10.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
4.3 O papel das prestacións na mitigación das desigualdades
As prestacións desempeñaron un papel moi relevante á hora de mitigar a perda de rendas xerada pola pandemia. Os resultados da análise empírica, que se mostran nas táboas anteriores, permiten concluír que as distintas prestacións, tanto de desemprego como doutro tipo, exerceron un papel moi relevante na moderación do impacto da pandemia. Ademais, compróbase que a súa cobertura incidiu de forma heteroxénea na poboación. Estes resultados van en liña coa literatura existente sobre a temática que foi presentada sinteticamente no apartado 2.
Adoptando unha visión xeral, a exclusión das prestacións por desemprego, e de todas as prestacións, amosa como os individuos situados nos estratos máis baixos verían reducida a súa renda en maior medida (ver Táboa 2) e como os coeficientes de desigualdade se terían incrementado máis, tanto se se exclúen o total das prestacións como se só se exclúen as prestacións por desemprego. Isto reflicte o papel clave das prestacións para manter os ingresos dos fogares de menor renda.
Á hora de analizar o papel das prestacións por grupos sociais, os resultados amosan efectos distintos en cada grupo, sendo estes especialmente relevantes a nivel territorial e segundo a nacionalidade e idade do SP do fogar. No ámbito provincial, Pontevedra mostra incrementos da desigualdade para o ISPD e o ISP, o que non ocorre nas outras tres provincias (ver Táboa 12 do Anexo). En canto aos efectos segundo a idade do SP, estes tamén son claramente diferentes (ver Táboa 10). En particular, os fogares máis novos (SP con menos de 30 anos) víronse claramente menos beneficiados polas prestacións públicas que os fogares de idade media (SP no rango de 30-65 anos) e de maior idade (SP con 65 ou máis anos). Isto débese a que os fogares de idade media se viron notablemente beneficiados polas prestacións de desemprego, que mitigaron o incremento das desigualdades dentro dos grupos que a compoñen como amosa a evolución do ISPD. Por outra banda, os fogares de maior idade víronse maiormente beneficiados polas outras prestacións, como amosa a evolución do ISP. Outro factor que revela o diferente papel dentro da sociedade das prestacións é o das diferentes nacionalidades. Concretamente, como reflicte a Táboa 7, nos fogares con SP con nacionalidade española as prestacións tiveron un papel moito máis relevante que nos fogares con dobre nacionalidade ou con nacionalidade estranxeira, amosando unha cobertura desigual que beneficia claramente aos fogares autóctonos.
5. CONCLUSIÓNS
As desigualdades de renda desempeñan un papel clave na análise económica actual. A pandemia actual parece ter afectado ás desigualdades de renda, aínda que a literatura existente é aínda limitada, especialmente a nivel rexional. Este artigo estuda os efectos da Covid-19 nas desigualdades de renda en Galicia. Para isto, calcúlanse diferentes indicadores de desigualdade da renda entre os anos 2014 e 2020 e, analízase a súa evolución tanto para o conxunto da sociedade como para os diferentes grupos sociais. Ademais, para estudar o papel das prestacións públicas neste contexto, empréganse diferentes variables de ingresos. Desta forma, este artigo achega novo coñecemento sobre os efectos da recente pandemia e amplía as análises xa realizadas ao empregar unha perspectiva rexional.
A análise realizada sobre o impacto da pandemia da Covid-19 nas desigualdades de renda en Galicia permite extraer varias conclusións de relevancia que non foran suficientemente estudadas no contexto rexional.
A pandemia xerou un cambio na dinámica das desigualdades en Galicia con respecto ao período de recuperación económica previa. Este cambio levou a que o descenso das desigualdades previo á pandemia se interrompese tras a chegada da Covid-19, dando lugar a un incremento notable das desigualdades. Estes cambios reflicten o diferente impacto da pandemia na sociedade, na que os fogares novos, con dobre nacionalidade, con menor nivel de formación e sustentados por mulleres foron os máis prexudicados. Finalmente, o papel das prestacións públicas foi clave á hora de contrarrestar a perda de rendas na sociedade e o incremento das desigualdades en Galicia, aínda que estas prestacións non cubriron dunha forma homoxénea todos os grupos sociais. Estas conclusións xerais poden ser complementadas por algunhas conclusións máis específicas sinaladas polos resultados.
Coa pandemia, as desigualdades entre os diferentes grupos sociais gañaron peso. Concretamente, as desigualdades entre fogares segundo algunhas características do seu SP, como a súa nacionalidade, nivel de estudos e idade, son as máis relevantes. Outros aspectos como o sexo do SP, a provincia ou o tamaño do municipio de residencia tamén son significativos.
O impacto nas desigualdades de renda dentro dos diferentes grupos sociais tamén foi heteroxéneo, amosando como a pandemia non lles afectou internamente a todos os grupos por igual. En particular, obsérvase como a provincia de Pontevedra foi a máis afectada e a menos cuberta polas prestacións, xa que as súas desigualdades internas se incrementaron independentemente da variable de ingreso considerada. No que se refire ao tamaño do municipio de residencia, detéctase como as desigualdades medraron en maior medida nos municipios de maior tamaño, especialmente nos de 50.000 ou máis habitantes, ca nos de menor tamaño (menos de 20.000 habitantes).
En canto ás desigualdades por sexo do SP do fogar pódese observar que as diferenzas entre os fogares con SP home e os fogares con SP muller aumentaron tras a pandemia. Ademais, as desigualdades entre os fogares con SP muller incrementáronse, mentres que as dos fogares con SP home descenderon.
No que concirne ás desigualdades en función da nacionalidade do SP do fogar, obsérvase que as diferenzas entre os grupos medraron de forma moi considerable. Ademais, a pandemia incidiu nas desigualdades dentro de cada grupo de forma dispar, incrementándose a desigualdade en maior medida nos fogares con SP con dobre nacionalidade (española e outra) e con nacionalidade estranxeira. Cómpre sinalar un matiz importante, como é o feito de que, segundo os coeficientes máis sensibles á desigualdade, os fogares con SP estranxeiro de menor renda semellan non ter perdido ingresos. Isto poderíase explicar pola súa marcha de Galicia cara a outras rexións ou polo retorno aos seus países de orixe froito da deterioración da situación económica debido ao seu menor arraigamento no territorio.
A análise da desigualdade segundo o nivel educativo apunta a que a desigualdade entre grupos é a máis importante á hora de explicar as desigualdades globais. Ademais, a pandemia afectoulles de forma desigual aos distintos grupos, sendo os grupos que teñen un menor nivel de estudos os que tiveron un maior incremento das desigualdades internas despois da pandemia.
No correspondente ao papel das prestacións públicas durante a pandemia, cabe sinalar tres conclusións que van en liña coa literatura existente. A primeira é que as prestacións públicas desempeñaron un papel relevante de cara a reducir o incremento das desigualdades, como demostra a desagregación entre as tres tipoloxías de ingresos. Por outro lado, o papel das prestacións sociais non foi homoxéneo entre grupos, levando a que certos grupos de poboación estean menos protexidos. Por último, os fogares con SP con dobre nacionalidade ou estranxeiro e os fogares con SP novo foron os que menos se beneficiaron das prestacións.
Os resultados deste traballo tamén teñen implicacións para a política económica en Galicia e noutras rexións semellantes. A importancia que mostran as prestacións sociais á hora de suavizar o impacto da pandemia suxire a necesidade de mellorar a cobertura de prestacións sociais para os grupos sociais que se viron claramente menos beneficiados nos inicios da pandemia, entre os que destaca o grupo das persoas máis novas. Tamén cómpre destacar que os fogares con SP estranxeiro foron máis vulnerables á pandemia.
As principais limitacións da análise aquí presentada derívanse do pouco tempo transcorrido, que impide ver o impacto global da pandemia, ou da falta de representatividade dos fogares dos extremos da distribución, aspecto sinalado por . As principais ampliacións deste estudo deberían ir na liña de estender o período temporal analizado, indagar en maior medida nalgunha das dimensións estudadas, comparar a realidade galega coa doutras rexións españolas e europeas ou afondar no efecto da pandemia no declive do rural ou nas persoas que participan na economía somerxida.
Autoría do traballo
Conceptualización, J. M. A. e M. C. S.-C.; Tratamento de datos, J. M. A.; Análise formal, J. M. A.; Adquisición de fondos, J. M. A. e M. C. S.-C.; Investigación, J. M. A. e M. C. S.-C.; Metodoloxía, J. M. A.; Administración do proxecto, J. M. A.; Software, J. M. A.; Supervisión, J. M. A.; Validación, J. M. A.; Visualización, J. M. A.; Redacción do borrador inicial, J. M. A.; Redacción das revisións e edición, J. M. A. e M. C. S.-C. Todos os autores leron e están de acordo coa versión publicada do manuscrito.
Agradecementos
Os autores agradecen o financiamento recibido da Xunta de Galicia (Programa de axudas de apoio á etapa predoutoral ED481A 2021/084; e Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do SUG, Grupo de Referencia Competitiva GRC GI-1178 ‒Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento‒ ICEDE GRC ED431C 2022/15), da Unión Europea (Erasmus+ SDGsJR, Ref. 2019-1963/001-001) e da Fundación Segundo Gil Dávila.
Bibliografía
1
Amoedo, J. M., Atrio-Lema, Y., Sánchez-Carreira, M. C., & Neira, I. (2022). The heterogeneous regional effect of mobility on Coronavirus spread. European Physical Journal: Special Topics, https://doi.org/10.1140/epjs/s11734-022-00533-6
2
Armillei, F., Filippucci, F., & Fletcher, T. (2021). Did Covid-19 hit harder in peripheral areas? The case of Italian municipalities. Economics and Human Biology, 42 https://doi.org/10.1016/j.ehb.2021.101018
3
4
5
6
7
8
Basco, S., Domènech, J., & Rosés, J. R. (2021). The redistributive effects of pandemics: Evidence on the Spanish flu. World Development, 141 https://doi.org/10.1016/j.worlddev.2021.105389
9
Bonacini, L., Gallo, G., & Scicchitano, S. (2021). Working from home and income inequality: risks of a ‘new normal’ with COVID-19. Journal of Population Economics, 34(1), 303-360. https://doi.org/10.1007/s00148-020-00800-7
10
Brzezinski, M. (2021). The impact of past pandemics on economic and gender inequalities. Economics and Human Biology, 43 https://doi.org/10.1016/j.ehb.2021.101039
11
12
Cantó, O., Figari, F., Fiorio, C. V., Kuypers, S., Marchal, S., Romaguera-de-la-Cruz, M., Tasseva, I. V., & Verbist, G. (2021). Welfare resilience at the onset of the COVID-19 pandemic in a selection of European countries: impact on public finance and household incomes. Review of Income and Wealth, https://doi.org/10.1111/roiw.12530
13
Capello, R., & Caragliu, A. (2021). Regional growth and disparities in a post-COVID Europe: A new normality scenario. Journal of Regional Science, 61(4), 710-727. https://doi.org/10.1111/jors.12542
14
Chen, Y. -., Ni, L., Xu, D. -., & Yang, J. (2021). Visualising regional disparities in the risk of COVID-19 at different phases of lockdown in England. Environment and Planning A, 53(5), 883-886. https://doi.org/10.1177/0308518X20984165
15
16
Corbelle, F., & Troitiño, A. (2013). Desigualdade e pobreza en Galicia nos anos 2007 e 2019. Como se distribúen os efectos da crise? Revista Galega de Economía, 22(ext), 167-200. https://doi.org/10.15304/rge.22.Extra.1406
17
18
Dang, H., & Nguyen, C. V. (2021). Gender inequality during the COVID-19 pandemic: Income, expenditure, savings, and job loss.World Development, 140. https://doi.org/10.1016/j.worlddev.2020.105296
19
de la Rica, S., Gorjón, L., & Romero, G. (2022). Desigualdades ante el empleo. En L. Ayala y O. Cantó (Ed.), Desigualdad y Pacto Social. Características y factores que explican que España sea uno de los países más desiguales de Europa (pp. 25-41). Desigualdad y Pacto Social, Informe, 1. El Observatorio Social, Fundación La Caixa.
20
21
Farré, L., Fawaz, Y., González, L., & Graves, J. (2022). Gender inequality in paid and unpaid work during Covid‐19 times. Review of Income and Wealth, 68(2), 323-347. https://doi.org/10.1111/roiw.12563
22
23
Figari, F., Fiorio, C., Gandullia, L., & Montorsi, C. (2020). La resilienza del sistema italiano di protezione sociale all'inizio della crisi COVID-19: evidenze territoriali. Politica Economica, 36(1), 3-33. https://doi.org/10.1429/97786
24
25
26
Ginsburgh, V., Magerman, G., & Natali, I. (2021). COVID-19 and the role of inequality in French regional departments. European Journal of Health Economics, 22(2), 311-327. https://doi.org/10.1007/s10198-020-01254-0
27
Grimes, A. (2022). Measuring pandemic and lockdown impacts on wellbeing. Review of Income and Wealth, 68(2), 409-427. https://doi.org/10.1111/roiw.12585
29
Hidalgo-Pérez, M. A. (2022). La baja intensidad laboral, en la raíz de la desigualdad. En L. Ayala y O. Cantó (Ed.), Radiografía de medio siglo de desigualdad en España. Características y factores que explican que España sea uno de los países más desiguales de Europa. (pp. 42-58). Desigualdad y Pacto Social, Informe 1. El Observatorio Social, Fundación La Caixa.
30
Immel, L., Neumeier, F., & Peichl, A. (2022). The unequal consequences of the covid‐19 pandemic: evidence from a large representative German population survey. Review of Income and Wealth, 68(2), 471-496. https://doi.org/10.1111/roiw.12571
31
Instituto Galego de Estatística. (2022). Enquisa estrutural a fogares. Ficheiro de microdatos (edicións 2014-2020). https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=004002003001eidioma=es
32
Jenkins, S. P. (1995). Accounting for inequality trends: decomposition analyses for the UK, 1971-86. Economica, 29-63. https://doi.org/10.2307/2554775
33
Jordà, Ò, Singh, S. R., & Taylor, A. M. (2022). Longer-run economic consequences of pandemics. Review of Economics and Statistics, 104(1), https://doi.org/10.1162/rest_a_01042
34
Kuypers, S., Marx, I., Nolan, B., & Palomino, J. C. (2022). Lockdown, earnings losses and household asset buffers in Europe.Review of Income and Wealth, 68(2), 428-470. https://doi.org/10.1111/roiw.12594
35
Menkhoff, L., & Schröder, C. (2022). Risky asset holdings during Covid‐19 and their distributional impact: evidence from Germany. Review of Income and Wealth, 68(2), 497-517. https://doi.org/10.1111/roiw.12549
36
Módenes, J. A. (2022). Inestabilidad y problemas de acceso a la vivienda, una realidad cada vez más extendida. En L. Ayala y O. Cantó (Ed.), Desigualdad y Pacto Social. Características y factores que explican que España sea uno de los países más desiguales de Europa (pp. 29-75). Observatorio Social La Caixa.
37
Pena-Boquete, Y., & Dios-Murcia, I. (2021). Factors behind the employment loss in Galicia: Great Recession of 2008 vs. the first wave of the COVID-19 pandemic. Revista Galega de Economía, 30(1), 1-18. https://doi.org/10.15304/rge.30.1.7451
38
39
Qian, Y., & Fan, W. (2020). Who loses income during the COVID-19 outbreak? Evidence from China. Research in Social Stratification and Mobility, 68. https://doi.org/10.1016/j.rssm.2020.100522
40
Romanova, O. A., & Ponomareva, A. O. (2021). The structural factor of regional economic stability in Russia during the coronacrisis period. R-Economy, 7(3), 158-169. https://doi.org/10.15826/recon.2021.7.3.014
41
42
Scheidel, W. (2017). The Great Leveler: violence and the history of inequality from the Stone Age to the twenty-first century. Princeton University Press, https://doi.org/10.1515/9781400884605
Notas
[1] O MLD, coñecido polas siglas en inglés Mean Log Deviation (Desviación Media Logarítmica), é unha medida da desigualdade presentada en numerosos estudos (). Unha das súas vantaxes é a facilidade para calcular a achega á desigualdade dunha mostra concreta das diferenzas dentro e entre grupos (). Isto permite saber en que medida a desigualdade entre grupos é relevante á hora de explicar a evolución das desigualdades globais. Deste xeito, o coeficiente obtido é sempre igual para a mesma mostra, independentemente do criterio empregado para dividir os grupos, e vén acompañado das porcentaxes da desigualdade explicadas polas diferenzas entre grupos e dentro dos grupos.
[2] Neste último caso cabe sinalar que se usan simulacións empregando Euromod, o que implica que non se utilizan datos reais do período.
[3] , empregando datos de seis países con niveis de desenvolvemento e localizacións xeográficas heteroxéneas, amosan como a probabilidade de perder o seu posto de traballo é un 24% superior para as mulleres e como os seus ingresos caen un 50% máis que o dos homes.
[4] Para o cálculo dos diferentes indicadores, e co fin de obter unha mostra significativa para o conxunto de Galicia e para os grupos sociais estudados, pondérase cada fogar empregando o factor de elevación recollido na enquisa.
[5] Co fin de ter en conta o tamaño do fogar, o seu ingreso total divídese polo número de individuos que o compoñen, empregando a escala da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) modificada.
[6] Este feito pode explicarse pola emigración ou retorno dos inmigrantes debido á pandemia e á existencia dun menor arraigamento ao territorio do que os outros grupos que, ou son nativos, ou xa teñen un lazo legal ao contar coa dobre nacionalidade.
Apéndices
ANEXO
Este anexo presenta estatísticas complementarias ás incluídas no apartado de resultados. As seguintes táboas mostran os indicadores de desigualdade analizados no traballo para cada unha das tres variables de ingreso utilizadas na investigación, que son ingreso total (IT), ingreso sen prestacións de desemprego(ISPD) e ingreso sen prestacións (ISP), segundo o criterio considerado.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.
Fonte: elaboración propia.