Políticas de promoción de sectores eólicos periféricos. Estudo do sector eólico galego
Main Article Content
Abstract
A enerxía eólica pode desempeñar un papel notable nas sociedades modernas
mediante a diversificación enerxética, a loita contra o cambio climático e a creación de
emprego e sendas tecnolóxicas. Neste sentido, a promoción desta fonte de enerxía
renovable é unha das prioridades nas axendas actuais de política enerxética. Non
obstante, existen certas singularidades estruturais en contextos periféricos que poderían
cuestionar as políticas de promoción sectoriais tradicionais.
Os principais obxectivos desta tese de doutoramento consisten en cuantificar o
impacto económico do sector eólico periférico galego na economía rexional, así como
analizar a interacción entre as capacidades produtivas locais e os axentes multinacionais
para modernizar este sector. Asemade, o deseño e implementación dun programa integral
de actuacións para modernizar este sector tamén constitúe un obxectivo clave. En relación
co estudo do impacto económico do sector eólico galego, a metodoloxía baséase nos
modelos input-output e na análise da cadea de valor sectorial. A análise das interaccións
sectoriais fundaméntase nunha nova metodoloxía que combina o enfoque sistémico e
evolucionista dos sistemas de innovación e a perspectiva das cadeas de valor globais. O
enfoque de políticas estratéxicas tamén se aplica no deseño e implementación do
programa de actuación e a súa sincronización.
Esta tese de doutoramento estrutúrase en sete capítulos, ademais da introdución,
conclusións, bibliografía e anexos. No primeiro capítulo analízanse os fundamentos dos
diferentes enfoques teóricos adoptados neste traballo. O segundo capítulo presenta as
principais características e tendencias do sector eólico a nivel mundial, centrándose na
evolución histórica e nos principais mercados e axentes presentes. O seguinte capítulo
analiza os instrumentos de promoción do sector eólico, clasificándoos segundo o seu
horizonte temporal e a súa orientación. O capítulo cuarto estuda diferentes experiencias
de desenvolvemento do sector eólico a nivel internacional, así como os principais modelos
de desenvolvemento rexional existentes en España. O quinto capítulo aborda a evolución
histórica e a situación actual do sector eólico galego. O sexto capítulo céntrase en
cuantificar o impacto económico do desenvolvemento da enerxía eólica na economía
galega no período 2000-2010. Finalmente, o sétimo capítulo presenta o conxunto de
políticas dirixidas a fomentar a emerxencia e consolidación do sector eólico galego.
As evidencias empíricas subliñan o impacto económico significativo do sector eólico
na economía galega, en termos de creación de emprego e contribución ao PIB,
especialmente no sector industrial. Porén, a falta de masa crítica e a debilidade
institucional, a inestabilidade lexislativa e o baixo desempeño innovador debilitan o
desenvolvemento sectorial, desencadeando unha desaceleración importante. Ademais, a
análise destaca o papel clave da complementariedade das políticas de fomento de
mercados e de atracción de investimento estranxeiro directo, así como a diversificación
cara unha economía ecolóxica mediante o fortalecemento do tecido produtivo local.
Keywords:
Article Details
Most read articles by the same author(s)
- Pedro Varela Vázquez, María del Carmen Sánchez Carreira, Estado de desenvolvemento do sector da enerxía eólica en Galicia desde unha , Revista Galega de Economía: Vol 23 No 1 (2014)