1. Introdución
A crise económica do 2008 e a lenta recuperación dende entón, especialmente en termos de emprego, xeraron un ambiente propicio para instaurar na opinión pública española a idea dunha xeración perdida. En efecto, a taxa de desemprego dos menores de 25 anos instalouse en niveis asfixiantes, sempre superiores ao 30% durante o período 2009-2020, cun máximo do 55.5% no 2013, moi por riba dos niveis da Unión Europea (UE) e da Eurozona, onde nunca chegou a superarse o limiar do 25%. Aqueles que teñen a sorte de contar cun emprego enfróntanse a unha gran precariedade, que podemos exemplificar na elevada taxa de temporalidade ou no estancamento salarial.
A emigración internacional aparece, daquela, como unha saída lóxica para afrontar esta situación. Se España se convertera claramente nun país de inmigración neta na década previa, o incremento da emigración a partir do 2008 levou a que o país presentase de novo saldos negativos. Este fenómeno atraeu o interese dos medios e do mundo académico e instaurouse no debate político (). O discurso máis estendido destacaba a xuventude dos emigrantes e a súa maior cualificación, en contraposición ás vagas migratorias previas, normalmente subliñando o termo “a xeración máis preparada da nosa historia”, que remitía directamente á chamada fuga de cerebros, que se popularizou no noso país nestes anos.
Unha análise máis pormenorizada dos datos amosa unha maior complexidade. Aínda recoñecendo a debilidade das fontes estatísticas dispoñibles, compróbase que esta emigración estivo claramente dominada polos inmigrantes naturalizados que retornaron aos seus países de orixe ou abandonaron o país para probar fortuna noutros menos afectados pola crise económica. Alén diso, se ben o perfil tipo dos emigrantes españois amosaba un alto nivel formativo, a emigración de baixa cualificación non era en absoluto desprezable (). Aínda que a emigración dos nados en España foi menor, indubidablemente aumentou, o que pode ter consecuencias no futuro. Por exemplo, se estes emigrantes se consolidan nos seus países de asentamento e serven de plataforma para facilitar a emigración sucesiva nos vindeiros anos, o que sería consecuente co papel que acostuman desempeñar as redes migratorias ().
En calquera caso, a fuga de cerebros non semella (aínda) un problema de calado significativo para España. Os datos sitúan o país como un dos menos afectados a nivel mundial (; ). Nos últimos anos, o interese desprazouse a un problema moito máis evidente: as migracións internas e as súas consecuencias en termos de desequilibrio territorial. A idea dun gran centro, Madrid, que aglomera o conxunto de empregos de alta cualificación grazas a ser a localización predilecta das sedes das multinacionais e dos organismos públicos, drenando o talento das areas circundantes, está detrás de boa parte da narrativa sobre a España baleira (). Se ben non deixa de ser certo, especialmente para Castela e León e Castela-a Mancha, o panorama é máis complexo, cunha clara predominancia do eixe Mediterráneo e das zonas costeiras sobre as interiores.
Onde se sitúa Galicia dentro deste esquema xeral das cousas? Ás notas introdutorias xa presentadas habería que engadir o pasado emigratorio da comunidade, que sen dúbida fai que este debate asente e se intensifique no territorio. Agora ben, podemos contrastar a difusión deste discurso coa ausencia de estudos rigorosos sobre a temática. Dentro do noso coñecemento, só podemos citar tres: un deles analiza a mobilidade interna a partir de datos de contratación derivados do Servizo Publico de Emprego para o período 2003–2010, chegando á conclusión de que o colectivo emigrante é marcadamente novo e altamente formado. O elevado volume desta emigración podería constituír un problema de fuga de cerebros, motivado polas deficiencias do mercado laboral galego e os seus elevados niveis de precariedade (). Outro máis recente, emprega multitude de fontes entre as que destacan unha macro-enquisa realizada entre os diplomados da Universidade de Vigo desde a súa creación, o que permite estudar a emigración deste colectivo para o período 1990–2015. A súa conclusión básica é que Galicia é unha exportadora de talento a outras CC.AA., ao tempo que presenta un saldo positivo na migración internacional, sen que sexa posible determinar o nivel educativo neste caso (). Pola súa banda, o terceiro traballo emprega diversas fontes para estudar a emigración contemporánea, centrándose en boa medida na estrutura por idades da diáspora galega nos distintos destinos e amosando que boa parte do seu crecemento se debe ás segundas xeracións, descendentes dos emigrantes galegos do século XX que, malia ter nacido fóra do país, manteñen a vinculación con Galicia ().
O noso estudo vén, pois, a cubrir este significativo baleiro ofrecendo unha panorámica xeral da situación da emigración contemporánea en Galicia que nos permita, ademais, facer un primeiro balance sobre a existencia, ou non, dunha problemática de fuga de cerebros. A nosa achega principal con respecto aos estudos anteriores vén dada pola elaboración dunha metodoloxía propia que permite estimar stocks de emigrantes internacionais por rexión de orixe en lugar de por país, como é tradicional. Complementamos esta achega metodolóxica co estudo de dúas fontes de datos propias, proporcionadas respectivamente polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e polo SEPE. Os nosos resultados amosan que Galicia é, con diferenza, a comunidade máis afectada pola fuga de cerebros, aínda que existen importantes matices. Precisamente, a outra contribución principal do noso traballo consiste en ofrecer unha comparativa da situación galega coa das outras CC.AA., feito que consideramos básico para entender realmente a posición relativa da comunidade.
No que segue, a estrutura do artigo é a seguinte: despois desta introdución, realizamos unha breve revisión da literatura da temática. Posteriormente, presentamos os materiais e métodos dispoñibles para o estudo das migracións en Galicia, incluíndo a metodoloxía desenvolvida por nós para estimar os stocks de emigrantes internacionais por nivel educativo e CC.AA. de orixe. No apartado de resultados, presentamos a panorámica xeral da emigración externa e da emigración interna en dous epígrafes diferenciados. Nos epígrafes seguintes analizamos a fuga de cerebros, tamén a nivel externo e interno. Posteriormente, reflexionamos sobre o papel da inmigración como forza compensatoria da emigración. Para finalizar, pechamos o traballo coas nosas conclusións.
2. Revisión da literatura
Contrariamente a algunhas suposicións, a “fuga de cerebros” é xa un vello debate para os economistas (). Resumindo, esta fuga de cerebros pode definirse como a preocupación tanto pola elevada emigración de individuos altamente formados como polas potenciais repercusións negativas que esta emigración pode ter para os seus territorios de orixe. Enténdese de forma implícita que as persoas altamente cualificadas teñen unha contribución superior á hora de acadar e soster o desenvolvemento económico. Por unha parte, considérase que o nivel de estudos da poboación é un proxy válido para captar o esquivo concepto de capital humano, que se supón chave do desenvolvemento económico nos modelos de crecemento endóxeno. A nivel teórico, unha maior cualificación media dos traballadores debería reflectirse nunha maior produtividade e mesmo nun avance tecnolóxico máis rápido ou intenso.
Existen, polo tanto, dúas cuestións cruciais para concluír se podemos falar dun problema de fuga de cerebros: determinar se a emigración de persoas altamente cualificadas é moi elevada (o que debe ser entendido sempre a nivel relativo) e determinar se esta emigración ten efectos negativos en Galicia. Debemos apuntar que a segunda cuestión ten dado lugar a un amplo debate teórico, no que se propuxeron diversos mecanismos que poden mitigar, ou mesmo anular completamente, estes potenciais efectos negativos: o envío de remesas, a migración de retorno, a formación e impulso de vínculos comerciais co país no que se asentan importantes diásporas ou o efecto incentivador no investimento en educación. Así e todo, probar a existencia destes efectos a nivel empírico foi, ata o de agora, moi complexo.
Se as consecuencias desta emigración xeraron certa polémica, existe máis consenso ao indicar que a causa (ou determinante) destes movementos é maioritariamente económica. O modelo neoclásico parte do concepto de capital humano como investimento que os individuos realizan en si mesmos (). Segundo esta lóxica, as migracións son unha forma racional de maximizar a utilidade (retorno) deste investimento, unha vez descontados os posibles custos (). Esta visión foi mellorada cunha achega básica do campo da socioloxía: o concepto das “redes migratorias”. A existencia dunha comunidade xa asentada de inmigrantes dun determinado territorio, comunidade, país ou etnia reduce os custos de asentamento de posteriores inmigrantes que comparten esa procedencia. Conxuntamente cos xa sinalados, considéranse outros factores de atracción ou expulsión, que actúan respectivamente nos países de destino ou orixe e que se incorporan en modelos econométricos derivados do “modelo de gravidade” (; ).
Xa que a migración depende, polo xeral, das disparidades nos niveis de vida e das oportunidades laborais, o territorio cobra especial importancia na análise. A concentración das actividades intensivas en coñecemento, especialmente nas grandes cidades, pode ter un impacto directo sobre os fluxos migratorios de persoas altamente cualificadas. Esta tendencia á aglomeración explícase por factores económicos (; ; ) que non se tiveron en demasiada consideración dentro da literatura da fuga de cerebros, coas notables excepcións de , que desenvolveu un modelo teórico onde a existencia de rendementos crecentes xera unha fuga de cerebros auto-sostida, ou , que máis recentemente desenvolveu un modelo similar.
No campo da economía urbana, tivo lugar un debate sobre se o atractivo á hora de captar estes inmigrantes é a causa ou a consecuencia do dinamismo económico (). En calquera caso, causa ou consecuencia, as persoas altamente cualificadas tenden a aglomerarse nun reducido número de cidades dinámicas, cualificadas ás veces de “cidades globais” (). No caso de España, recentes estudos de denuncia sobre a “España baleira” teñen subliñado como as cidades de tamaño medio comezan xa a perder poboación ante a incapacidade de competir cos grandes núcleos urbanos de Madrid e Barcelona, que se configuran como os polos de dinamismo do país ().
3. Materiais e métodos
O primeiro paso que temos que dar consiste en establecer unha definición operativa do que entendemos por emigrante cualificado. Na teoría, ese capital humano abstracto que atesouran estes individuos debería vir sinalizado por ter un maior nivel educativo, ser preciso para desempeñar tarefas específicas ou trasladarse, directamente, nunha maior produtividade e por tanto nunha meirande remuneración polo seu traballo (). Na medida do posible, empregaremos a definición de individuo cualificado con base no nivel educativo, xa que é o máis operativo cos datos dos que dispoñemos habitualmente. En adiante, clasificaremos como cualificados aqueles individuos que teñan polo menos un ano de educación terciaria ou superior completa, equivalente a un nivel 5 no International Standard Classification of Education (ISCED) 2011.
A nosa seguinte puntualización sinala que, ao falar do estudo das migracións con perspectiva rexional, debemos referirnos tanto a migración externa como a interna. Dentro de ambas, existen dúas formas fundamentais de presentar a información no referente á emigración, ben amosando os stocks de emigrantes ou ben referíndonos aos fluxos migratorios. En canto ás súas diferenzas:
- a)
Os stocks amosan cantas persoas orixinarias dun determinado territorio se atopan residindo fóra del nun determinado momento do tempo. Actúan así, como fotos fixas que permiten contrastar cales son os territorios máis afectados pola emigración (ou máis atractivos para os inmigrantes). Porén, este tipo de información ten varias eivas: os stocks de emigrantes non deixan de ser consecuencia dos fluxos acumulados durante anos. Que un territorio presente unha elevada proporción dos seus nativos residindo no exterior non quere dicir, necesariamente, que ese territorio teña un problema de emigración no momento actual (como veremos máis adiante).
- b)
Os fluxos, pola súa parte, determinan cantas persoas saen ou entran dun determinado territorio durante unha franxa temporal determinada (xeralmente un ano). Son, pois, os axeitados para medir a intensidade da emigración e da inmigración actual, e ademais capturan as variacións de tendencia provocadas polos cambios de conxuntura (como as crises económicas, os conflitos bélicos, etc.).
3.1. Materiais e métodos para o estudo da migración internacional
A práctica máis espallada para a determinación da fuga de cerebros na emigración internacional emprega xeralmente os stocks de emigrantes por nivel educativo. Ante a ausencia de datos de emigración de calidade e con información precisa sobre o nivel educativo nos países de orixe, desenvólvese unha metodoloxía alternativa que consiste en recompilar todos os censos posibles para obter información dos inmigrantes presentes en cada país de destino. Na medida en que o conxunto de destinos acada niveis considerables, pódese considerar representativo da emigración total. Inicialmente, o traballo realizouse tomando os países da OCDE como destino (), e máis tarde foi ampliado ao resto de países (; ). Na actualidade, é a propia OCDE a que publica unha base de datos con esta información, coñecida como DIOC ou DIOC-E.
O principal problema desta metodoloxía é o relativo “desfasamento” para actualizar os datos. En efecto, os datos máis recentes son do 2015/16 para o conxunto de países da OCDE é do 2010/11 para o conxunto dos países do mundo con información dispoñible. Dado que a seguinte ronda de censos está programada para o 2020/21, e tendo en conta os previsibles problemas derivados pola pandemia mundial da COVID19, é probable que a versión da DIOC-E non se actualice ata ben entrado o 2025. En calquera caso, esta metodoloxía non nos permite estudar a emigración rexional, xa que identifica os inmigrantes unicamente por país de orixe.
Temos, pois, que atopar fontes primarias de emigración que inclúan unha desagregación por rexión de orixe dos emigrantes e, a poder ser, con información sobre o nivel educativo dos mesmos. Afortunadamente, España é un dos poucos países que dispón desta información e a fai pública. Concretamente, os datos do padrón de españoles residentes no extranxeiro (PERE) ou do censo electoral de residentes ausentes de España (CERA), permítennos calcular stocks de emigrantes por rexión de procedencia e país de destino. Desafortunadamente, debemos advertir que estes datos están sistematicamente infravalorados debido ao problema do subrexistro consular (). Porén, se supoñemos que non existe unha diferenza estatisticamente significativa na propensión a rexistrarse segundo a comunidade autónoma de nacemento, podemos calcular as proporcións rexionais na emigración a cada país de destino e aplicar logo eses coeficientes rexionais ao número de inmigrantes nados en España presentes no censo dese país, de acordo á formula:
Onde é o stock de emigrantes con nivel educativo s orixinarios da rexión i presentes no país J no ano t. A rexión i é unha máis do conxunto de rexións que conforman o país I, de acordo coa expresión i ∊ {1, ..., n} ∊ I. No noso caso, cada unha das 19 CC.AA. de España. Para calcularmos esta cifra, multiplicamos o stock de emigrantes do país I, con nivel educativo s, presentes no país de destino J no ano t, tomado directamente do DIOC-E, pola proporción que cada rexión i representa no total de emigrantes do país I no destino J no ano t. Estas proporcións calcúlanse coas estatísticas de emigración rexional (CERA, no noso caso), dividindo directamente o número de emigrantes de cada rexión polo total do país. Esta metodoloxía permite dúas cuestións: estimar un número de emigrantes máis aproximado á realidade e, por outra banda, imputar o seu nivel educativo. Pola contra, esta estimación “realista” só nos vai dar unha imaxe arredor do 2000/01 e do 2010/11, e está suxeita a erros derivados das suposicións.
Para complementarmos esta imaxe da emigración internacional, imos empregar as fontes primarias que permiten o estudo dos fluxos emigratorios cara ao exterior. A única fonte posible vén dada pola Estatística de Variacións Residenciais (EVR). Esta estatística recolle os cambios de domicilio no Padrón Municipal, incluíndo por primeira vez no ano 2002 aqueles cambios de domicilio con destino no estranxeiro. Estes fluxos teñen o gran problema de estar igualmente infravalorados. Existen algúns estudos que poñen en comparativa a magnitude dos fluxos recollidos nos rexistros de entrada nos países de destino cos fluxos recollidos nas estatísticas de emigración dos países de saída (). No noso caso, empregando unha metodoloxía e unha ecuación similar a 1, estimamos noutro traballo unha serie corrixida dos fluxos emigratorios para o caso de Galicia, agregando os 15 principais destinos da emigración galega dos que existen datos dispoñibles (). Pola contra, non existen moitos precedentes á hora de estimar fluxos migratorios por nivel educativo. Un dos poucos neste senso é o elaborado por , que intentan harmonizar a clasificación internacional uniforme de ocupacións (ISCO) cos distintos tipos de visados de varios países para calcular unha serie coa que estudar o efecto da crise económica nos fluxos migratorios. A complexidade do método non o fai recomendable para o noso caso.
3.2. Materiais e métodos para o estudo da migración interna
No campo da migración interna, temos tres alternativas para calcular os stocks de emigrantes por comunidade. O mellor de todos eles pola cantidade e calidade dos seus datos é, sen dúbida, o censo español do 2011. O principal problema, como é lóxico, é que só nos pode proporcionar unha imaxe estática da situación naquel momento. Pola contra, a estrutura do cuestionario da Enquisa de Poboación Activa (EPA) contén boa parte das variables necesarias para estudar a migración, incluído o nivel de estudos. Outra opción sería empregar directamente os datos do Padrón Municipal, cousa que faremos para mostrar taxas de migración con stocks equivalentes ás derivadas do CERA.
Á hora de falarmos dos fluxos de migración interna, tamén podemos empregar a propia EPA, que recolle aqueles individuos que cambiaron de domicilio no último ano. A EVR ofrece eses datos a nivel administrativo, pero non recolle o nivel educativo. Despois de contactar cos responsables de estatística do Servizo Público de Emprego (SEPE), obtivemos unha estatística que contén o número de contratos laborais asinados cada ano, por nivel educativo, nacionalidade e lugar de residencia do traballador. Á súa vez, contén a información sobre o lugar do posto de traballo, o que nos permite elaborar matrices de migración por provincia de orixe e destino. Outras estatísticas alternativas, que identificamos pero descartamos pola súa menor relevancia ou polas súas maiores eivas para o noso estudo, son a estatística de mobilidade nas fontes tributarias, publicada cada ano pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), e que recolle as migracións coma a discrepancia entre o domicilio fiscal do traballador e o da empresa, e mais a mostra continua de vidas laborais da Seguridade Social, que proporciona información lonxitudinal dunha mostra dos seus afiliados.
4. Resultados
Para unha mellor comprensión dos nosos resultados, imos dividilos de forma esquemática en varios apartados que se centran nalgunha temática concreta.
4.1. A volta da emigración internacional?
Galicia, ao igual que no pasado, presenta unha singular prevalencia da emigración externa cando se compara co resto das rexións españolas, como podemos observar na Figura 1 (a), que mostra taxas de emigración calculadas cos stocks de emigrantes rexistrados no CERA. Podemos ver unha notable tendencia ascendente que se frea progresivamente nos últimos anos da serie. Pola contra, se nos centramos nas persoas nadas en Galicia, podemos observar unha clara diminución progresiva na Figura 1 (b).
A sobre-representación dos galegos na emigración española desde a última metade do século XIX ata a década de 1980 é a que explica esta aparente contradición. En ausencia de fluxos migratorios de alta intensidade nos 90 e na primeira metade da década dos 2000, a tendencia natural da comunidade galega no exterior é decrecente: a medida que os emigrantes envellecen e morren, e non son substituídos por novos emigrantes procedentes de Galicia, redúcese automaticamente o seu stock. Para exemplificar este avellentamento, baste dicir que a día 1 de xaneiro de 2020 o 65.6% do total dos 150.127 nativos galegos rexistrados no PERE tiña 65 anos ou máis. Outra historia é o número total de galegos rexistrados como residentes no exterior no CERA. Unha parte moi significativa deles non naceu en Galicia: trátase de descendentes dos emigrantes de primeira xeración ou de estranxeiros nacionalizados españois que residiron en Galicia e abandonaron o país posteriormente. Tomando as persoas de 16 a 64 anos, a día 1 de xaneiro de 2020 había 311.764 españois no estranxeiro rexistrados en Galicia, pero só 49.350 naceran na comunidade (menos do 16%).
Con todo, esta figura non nos pode levar a concluír que a emigración galega estea a descender nos últimos anos. Simplemente, o seu volume non é suficiente para compensar o avellentamento do stock de emigrantes. Esta é, en parte, unha conclusión lóxica polo menor tamaño das cohortes actuais. Polo tanto, debemos analizar os fluxos migratorios ao estranxeiro para responder a pregunta de se a emigración galega está a aumentar. Un dos grandes dilemas ao analizar esta cuestión é se debemos preocuparnos pola saída de persoas desde a comunidade, ou se temos que empregar un criterio máis restritivo e analizar unicamente a saída dos nacionais españois ou dos nados en Galicia.
A nivel práctico, sabemos que a meirande parte da emigración posterior á crise económica do 2008 estivo protagonizada polos estranxeiros que abandonaron o país. Neste senso, analizar a saída bruta de persoas de cada CA podería sobreestimar a emigración daquelas comunidades onde estes estranxeiros están máis presentes. Isto é o que podemos observar na Figura 2 (a), onde Galicia aparece, sorprendentemente, como unha das rexións con menores taxas de migración cara ao exterior. Empregar o criterio da nacionalidade podería mitigar este problema só en parte, xa que existe un importante colectivo de inmigrantes que accedeu á nacionalidade nas décadas anteriores. Optamos, pois, por empregar un criterio máis restritivo e analizar a emigración de persoas nadas en cada CA, con independencia do lugar desde onde se produza a saída. É dicir, unha persoa nada en Galicia, emigrando ao estranxeiro desde Madrid, aparecerá recollida nos nosos datos, e viceversa. Este enfoque ten a vantaxe de que as persoas aquí recollidas son as que alimentan o stock de emigrantes mostrado na Figura 1 (b) e, polo tanto, é o que nos permitirá dicir se a emigración contemporánea está a aumentar ou non.
Podemos ver como o panorama cambia de forma notable. Galicia aparece agora como unha das rexións con maiores taxas de emigración na Figura 2 (b). O máis importante, na nosa opinión, é o notable incremento a partir do 2008 e o feito de que as taxas de emigración se manteñan en niveis superiores aos anteriores á crise de forma constante, en liña coas preocupacións expresadas por . Na medida en que esta situación persista, poderase agravar o problema de emigración externa en Galicia e en España. Ademais, debemos lembrar que esta serie está en boa medida infravalorada e non capta o 100% da emigración, polo que as taxas reais deben ser máis elevadas para todas as CC.AA.
4.2. O problema da emigración interna?
Á hora de estudarmos a emigración interna, imos seguir unha metodoloxía equivalente. Comezamos mostrando os stocks de poboación que viven fóra da súa CA de nacemento cos datos do Padrón Municipal. Podemos ver na Figura 3 (a) como, polo xeral, estes stocks teñen unha tendencia decrecente, polos mesmos motivos comentados no apartado anterior. Na Figura 3 (b) amosamos as taxas de emigración calculadas cos fluxos migratorios da EVR, onde podemos ver que Galicia é a CA coa menor taxa, pero cun crecemento constante. Moi probablemente, o incremento da emigración interna recollido na Figura 3 (b) aínda non acadou niveis similares ás migracións das décadas dos 60, polo que a tendencia natural dos stocks de emigrantes é decrecente. Galicia comparte tendencia coas outras CC.AA., pero aparece como unha das menos afectadas pola emigración interna e moi lonxe das tres CC.AA. máis afectadas por esta emigración, que son Castela–a Mancha, Castela e León e Estremadura.
Na medida en que a tendencia ascendente continúe, a magnitude da emigración interna podería converterse nun problema de maior gravidade para Galicia. Outra importante puntualización é que, a pesar da reducida emigración de galegos e galegas cara a outras CC.AA., a inmigración cara a Galicia é aínda menor. A comunidade presenta, polo tanto, un saldo negativo de forma crónica, como imos ver máis adiante.
4.3. Unha fuga de cerebros? Nivel educativo dos emigrantes
Unha das cuestións básicas do debate sobre a emigración galega dos últimos anos é ata que punto podemos afirmar que se trata dunha fuga de cerebros. Neste apartado, tentaremos abordar esta cuestión tanto a nivel externo coma interno.
4.3.1. Unha fuga de cerebros externa?
No relativo á emigración internacional desenvolvemos unha metodoloxía propia que nos permite inferir o nivel educativo dos emigrantes a partir dos datos da base DIOC-E da OCDE. Os resultados deste exercicio amósanse na Figura 4. Podemos ver como Galicia aparecería, neste caso, como a CA con maiores taxas de emigración, tanto de persoas de baixa como de alta cualificación. Porén, esta diferenza acúrtase de forma acelerada nos dez anos que van desde o 2000 ata o 2010. Estes datos son coherentes coa evolución da Figura 1 (b). A sobre-representación de Galicia no exterior explica estas elevadas taxas de emigración, que se reducen nos últimos anos. A nivel interpretativo, os nosos cálculos estiman que arredor do ano 2010 residían fóra de Galicia o 7.2% de todas as persoas cualificadas e o 5.4% das persoas sen cualificar en idade laboral nadas na comunidade. Esta taxa queda lonxe da media para España, que se sitúa, respectivamente, no 2.52% e no 1.96%.
Aínda que se produciu un descenso do 2001 ao 2011, debemos sinalar que a proporción de emigrantes galegos altamente cualificados aumentou do 20.5% ao 32.8% do total, nunha tendencia xeral que inclúe a todas as CC.AA., como podemos ver na Figura 5 (a). Cos datos do censo do 2011, apenas o 28.6% da poboación desa franxa de idade nada en Galicia e que residía na comunidade tiña estudos terciarios nese momento, polo que o cociente entre os dous valores é superior a 1 (1.15). Podemos observar con estas taxas un fenómeno ben coñecido: a selección positiva dos emigrantes. É dicir, as persoas de maior nivel educativo acostuman ter unha maior propensión a emigrar e, polo tanto, están sobre-representadas no colectivo de emigrantes. Existen varias explicacións teóricas para este fenómeno: pode ser unha consecuencia lóxica das políticas de inmigración, que cada vez con maior énfase buscan atraer persoas cualificadas en detrimento dos traballadores sen cualificar, tamén pode deberse á maior capacidade das persoas cualificadas para asumir os custos da emigración (tanto económicos como de adaptación ao novo ambiente), ou simplemente pode reflectir o maior retorno do seu investimento en educación no estranxeiro.
Se entramos a valorar os destinos da emigración galega, podemos comprobar como os máis recentes presentan unha maior proporción de emigrantes altamente cualificados (ver Figura 5 (b)). As nosas estimacións mostran como case o 65% dos emigrantes galegos no Reino Unido (un dos destinos paradigmáticos da vaga migratoria máis recente) contaría con estudos terciarios, por apenas un 13% dos que residen na Arxentina e un 24% dos que residen en Suíza (paradigmas da emigración transoceánica de finais do s. XIX e inicios do XX e da emigración europea dos 60, respectivamente). Estas cifras son consecuentes co amosado no traballo de , no que tamén se observa como a diáspora galega no Reino Unido é máis recente que as diásporas presentes en Francia e Alemaña, o que explica o maior nivel educativo medio dos emigrados neste país. No cómputo xeral, a proporción de emigrantes cualificados mantívose ou aumentou nos principais destinos.
Neste senso, a idea de que os galegos e galegas que emigran teñen maior cualificación que no pasado parece obvia, pero non podemos supoñer que exista una selectividade maior dos emigrantes. Isto é, o feito de que os emigrantes do pasado tivesen menor cualificación explícase polo menor nivel medio de estudos das súas xeracións, pero é posible que a selección positiva xa estivese presente naqueles momentos. Por exemplo, os estudos da emigración transoceánica do século XIX e inicios do XX apuntaron o alto nivel de alfabetización dos emigrantes en comparación á poboación galega (), o que pode levar a caracterizar o fenómeno como unha primitiva “fuga de cerebros” ().
Debemos tamén recoñecer as dificultades e as eivas desta metodoloxía. A nosa suposición fundamental é que non existe unha diferenza significativa na propensión a rexistrarse como residente no exterior segundo a CA de nacemento dos individuos. Pola contra, as diferenzas prodúcense pola distancia do país con respecto a España, pola dispoñibilidade de estruturas consulares accesíbeis ou pola duración da experiencia migratoria. É dicir, son na súa maioría condicionantes específicos do destino e do tempo os que producen estas diferenzas. Na medida en que nós calculamos unha serie corrixida polos pares CA de orixe e país de destino, podemos ter certa confianza en que sexan representativos da situación real. O outro posible problema é que as cifras do DIOC-E 2010 non recollan aínda os efectos do incremento na emigración externa posterior á crise do 2008, que podemos observar na Figura 2 (b).
4.3.2. Unha fuga de cerebros interna?
A nivel interno, temos máis opcións dispoñibles. Alén do censo e da EPA, que nos permiten amosar stocks de emigrantes por nivel educativo, preferimos centrarnos nos datos administrativos de contratación do SEPE. Podemos ver como a situación de Galicia é semellante aos datos de migración interna da Figura 3 (b): Galicia atópase no grupo de CC.AA. con reducida emigración pero, ao mesmo tempo, presenta un saldo cronicamente negativo debido á súa escasa capacidade de atracción.
Pola propia natureza dos datos, a Figura 6 reflicte migracións de carácter laboral. Podemos dicir, pois, que subliña o escaso dinamismo do mercado de traballo galego como o principal problema que explica a posición migratoria da comunidade en España. Debemos destacar como a mobilidade dos traballadores sen estudos superiores (aos que nos referimos como de baixa cualificación) inicia o período por enriba da mobilidade dos traballadores cualificados, cunha fonda diminución á consecuencia da crise do 2008. No período inicial teñen especial relevancia os fluxos migratorios asociados ao turismo e á construción, coas Illas Canarias como destino preponderante incluso por riba da Comunidade de Madrid. A fin da fase expansiva e a diminución de oportunidades laborais no resto de España explica o notorio descenso da mobilidade, que só se recupera na seguinte fase expansiva. Pola contra, a diminución na mobilidade dos traballadores altamente cualificados é moito máis reducida e recupérase cedo cun incremento sostido desde entón. Na actualidade, os traballadores cualificados xa teñen unha taxa de mobilidade maior, aínda que cunha diferenza non demasiado significativa, que os traballadores sen cualificar. Nos dous casos, o saldo de Galicia é marcadamente negativo desde o 2003. A CA “perde” arredor dun 5% do total de contratos realizados a traballadores cualificados. Na medida en que estas emigracións sexan temporais e se salden co retorno destes emigrantes á CA, pódese argumentar que non son tan negativas. Na medida en que unha parte deste 5% se converta en emigracións permanentes ou de longo prazo, a nosa CA estará a perder unha parte non desprezable da súa poboación en idade laboral cada ano, o que vai agravar as xa precarias dinámicas demográficas.
Se entramos a valorar en máis detalle os destinos da emigración altamente cualificada, podemos comprobar como existe unha clara tendencia á concentración en Madrid, moi evidente na Figura 7. Na actualidade, unha cifra próxima ao 35% dos contratos a traballadores cualificados que se desprazan fóra da súa CA ten o seu centro de traballo na capital, por apenas un 15% en Cataluña (datos do SEPE para o ano 2018). Ambas as dúas CC.AA. sitúanse a moita distancia do resto nesta capacidade de atracción, sendo notoria a mellor evolución de Madrid a partir de cifras máis próximas no inicio da serie. Pódese apreciar unha maior concentración dos traballadores cualificados, xa que estes dous territorios acumulaban “só” o 29% e o 12% dos contratos con mobilidade de traballadores de baixa cualificación nese mesmo ano.
Alén da concentración, Madrid pechou o 2018 como a CA con maior saldo positivo nos contratos a traballadores, tanto altamente cualificados como de baixa cualificación. Estes datos, no seu conxunto, parecen confirmar os apuntados por outros estudos sobre a “España baleira”, e poderían ter importantes consecuencias no desenvolvemento económico rexional e na converxencia a medio prazo.
4.4. Inmigración externa e balance xeral
Para acabar de matizar a nosa panorámica xeral, debemos ter en conta unha cuestión fundamental: España converteuse nas últimas décadas nun país de inmigración neta. Neste senso, os posibles problemas derivados da emigración, e particularmente da fuga de cerebros, poden ser cuestionados. Este razoamento é perfectamente defendible, pero aquí imos puntualizalo con dúas cuestións fundamentais que non poden ser obviadas:
-
A inmigración distribúese de forma desigual. Os inmigrantes tenden a aglomerarse naquelas CC.AA. que xa son receptoras netas de inmigración interna. Polo tanto, a inmigración externa pode compensar en certa medida a emigración pero, case irremediablemente, vai empeorar os desequilibrios territoriais xa existentes. Usando un exemplo moi gráfico, con datos do Padrón Municipal España pasou de 1.173.767 inmigrantes en 1998 a 6.753.098 no 2019 (+5.579.331). No mesmo período, Galicia só aumentou o seu stock de inmigrantes estranxeiros en 140.338 persoas, apenas o 2.5% do incremento total no Estado, de xeito que o peso de Galicia no total da poboación española se reduciu do 6.84% ao 5.74%.
-
Os datos permiten pensar que o nivel educativo medio dos inmigrantes é menor que o dos nativos e os emigrantes no caso español. Podemos velo cos datos do DIOC-E e dos censos españois: no 2001, o 22.36% dos inmigrantes estranxeiros presentes en España tiña estudos superiores, por un 21.79% dos nativos. Pola contra, no ano 2011 só o 23.55% dos estranxeiros tiña estudos superiores, por un 31.15% dos nativos. Ademais, calculamos con datos do DIOC-E que no 2001 o 23.53% dos emigrantes españois tiña estudos superiores, por un 37.89% no 2011. Pode verse como a cualificación media das novas xeracións españolas aumentou, namentres o nivel educativo dos inmigrantes se mantivo.
En resumo, varias das rexións máis afectadas pola emigración son tamén (de forma non sorprendente) as que teñen menor capacidade para captar inmigrantes. No longo prazo a inmigración vai desequilibrar aínda máis as disparidades territoriais. De igual forma, os inmigrantes atraídos por España son, en termo medio, de menor cualificación que os emigrantes que abandonan o país, polo que non poden compensar unha eventual fuga de cerebros.
5. Conclusións
O presente estudo tiña como obxectivo ofrecer unha visión panorámica da emigración contemporánea galega. Nese sentido, o noso traballo complementa e amplía os estudos previos de , e . Como novidade, neste traballo presentamos por primeira vez unha estimación do stock de emigrantes galegos no exterior considerando o seu nivel de estudos, o que nos permite facer unha aproximación ao problema da fuga de cerebros.
Os nosos resultados indican, en primeiro lugar e referíndonos á emigración exterior, que os galegos e as galegas seguen a estar sobre-representados na diáspora española, o que se debe en gran medida ao crecemento das segundas e sucesivas xeracións nos países de destino. A emigración actual cara ao estranxeiro aumentou de forma significativa tras a crise económica do 2008 e segue a ser das máis elevadas de España, pero perdeu o diferencial característico da historia migratoria galega e non constitúe agora un fenómeno tan extraordinario. Aínda que os datos dispoñibles non permiten facer unha análise profunda do nivel educativo dos emigrantes que abandonan o país, si podemos amosar como varía a cualificación do stock de emigrantes no exterior entre os anos 2000/1 e 2010/11. Así, obsérvase que o nivel educativo dos emigrantes aumentou de forma significativa nese período, sendo ademais os destinos máis recentes da emigración galega (Reino Unido, Estados Unidos, Irlanda, etc.) aqueles onde a cualificación dos emigrantes é maior. Xa que logo, temos un indicio de que os continxentes que actualmente emigran son de cualificación elevada, o que é consistente co fenómeno da fuga de cerebros.
En segundo lugar, no relativo á migración interna, Galicia presenta unha nomeada posición periférica. Os seus fluxos de emigración son máis reducidos que os doutras CC.AA. máis próximas aos grandes polos de atracción de inmigrantes, como Castela e León, Castela–a Mancha ou Estremadura, pero ao mesmo tempo presenta un saldo cronicamente negativo, dado o seu escaso poder de atracción de inmigrantes. Os datos de contratación do SEPE amosan que o principal problema é a falta de dinamismo do mercado laboral galego e presentan dous períodos diferenciados: durante a expansión económica previa á crise do 2008 a emigración de baixa cualificación mantíñase en niveis elevados, por enriba da emigración de traballadores cualificados. A situación invértese coa crise do 2008, posiblemente debido ao afundimento de oportunidades laborais en sectores de baixa cualificación (turismo, construción, servizos) no resto de España. A emigración cualificada crece de forma constante na última década, e nos últimos anos comeza a recuperarse a emigración sen cualificar. A tendencia máis destacada no caso da emigración interna, e moi especialmente no caso dos individuos cualificados, é a aglomeración nuns poucos destinos, nomeadamente a Comunidade de Madrid, que superou claramente a Cataluña en capacidade de atracción e se converteu, con diferenza, no grande centro receptor destes fluxos. Na medida en que esta tendencia continúe, o resto de rexións poderá ver drenada unha parte significativa do seu capital humano, o que pode ter repercusións directas sobre o crecemento económico e a converxencia.
Agradecementos
Agradecemos ao equipo de explotación de datos do SEPE por proporcionarnos os datos relativos á mobilidade na contratación. Así mesmo, dámoslle as grazas ao Servizo Xeral de Difusión Estatística do INE por proporcionarnos os datos do CERA. Os comentarios de María del Carmen Sánchez Carreira foron de grande axuda para mellorar o artigo, así como os dous revisores e editores da RGE.
Bibliografía
1
Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (2006). Estudo da inserción laboral dos titulados no sistema universitario de Galicia 2001-2003. Editorial ACSUG http://www.acsug.es/sites/default/files/G-InLab_01_03.pdf
2
Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (2019). Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2013-2014. Editorial ACSUG http://www.acsug.es/es/insercion/graduados/eil1314
3
Artuc, E., Docquier, F., Özden, Ç., & Parsons, C. (2015). A Global Assessment of Human Capital Mobility: The Role of Non-OECD Destinations. World Development, 65, 6-26. https://doi.org/10.1016/j.worlddev.2014.04.004
4
Bentolila, S., Felgueroso, F., Jansen, M., & Jimeno, J. F. (2021). Lost in Recession: Youth Employment and Earnings in Spain. Fedea Working Paper, 2021/12. https://EconPapers.repec.org/RePEc:fda:fdaeee:eee2021-12
5
6
Czaika, M., & Parsons, C. R. (2017). The Gravity of High-Skilled Migration Policies. Demography, 54(2), 603-630. https://doi.org/10.1007/s13524-017-0559-1
7
Czaika, M., & Parsons, C. R. (2018). High-Skilled migration in times of global economic crisis. En Czaika (ed) High-Skilled mi-gration. Drivers and policies (pp. 20-47). Oxford University Press. DOI:10.1093/oso/9780198815273.003.0002
8
d’Aiglepierre, R., David, A., Levionnois, C., Spielvogel, G., Tuccio, M., & Vickstrom, E. (2020). A global profile of emi-grants to OECD countries: Younger and more skilled migrants from more diverse countries. OECD Social, Employment and Migration Working Papers, 239. https://doi.org/10.1787/0cb305d3-en
9
Docquier, F., & Marfouk, A. (2006). International Migration by Education Attainment, 1990-2000. En Ç. Özden & M. Schiff (Eds.), International Migration, Remittances, and the Brain Drain (pp. 151-199). Palgrave Macmillan & The World Bank.DOI: 10.1596/978-0-8213-6372-0
10
Docquier, F., & Rapoport, H. (2012). Globalization, Brain Drain, and Development. Journal of Economic Literature, 50(3), 681-730. https://doi.org/10.1257/jel.50.3.681
11
Domingo, A., & Blanes, A. (20178). The Galician Diaspora in the Twenty-First Century: Demographic Renovation as a Response to the Economic Crisis. En DePalma, R. & Pérez-Caramés, A. (Eds.), Galician Migrations: A Case Study of Emerging Super-diversity (pp. 93-111). Springer International Publishing. https://doi.org/10.1007/978-3-319-66305-0_8
12
13
Florida, R. (2002). The economic geography of talent. Annalsof the Association of American Geographers, 92(4), 743-755. https://www.jstor.org/stable/1515298
14
Godwin, M., Gregory, J., & Balmer, B. (2009). The Anatomy of the Brain Drain Debate, 1950–1970s: Witness Seminar. Contemporary British History, 23(1), 35-60. https://doi.org/10.1080/13619460801990088
15
González Ferrer, A., & Moreno Fuentes, F. J. (2017). Back to the Suitcase? Emigration during the Great Recession in Spain. South European Society and Politics, 22(4), 447-471. https://doi.org/10.1080/13608746.2017.1413051
16
González Leonardo, M., & López Gay, A. (2019). The new paradigm of internal migration in Spain: More mobile, ur-ban and skilled migrants. The case of Castile and León. Scripta Nova, 23. https://doi.org/10.1344/sn2019.23.21615
17
González Leonardo, M., López Gay, A., & Recaño, J. (2019). Descapitalización educativa y segunda oleada de despoblación. Perspectives Demogràfiques, 16, 1-4. DOI:10.13140/RG.2.2.12099.22560
18
Grogger, J., & Hanson, G. H. (2011). Income maximization and the selection and sorting of international migrants. Journal of Development Economics, 95(1), 42-57. https://doi.org/10.1016/j.jdeveco.2010.06.003
19
Izquierdo, M., Jimeno, J. F., & Lacuesta, A. (2015). Spain: From Immigration to Emigration? Documentos de Trabajo Banco de España, 1503. https://www.bde.es/f/webbde/SES/Secciones/Publicaciones/PublicacionesSeriadas/DocumentosTrabajo/15/Fich/dt1503e.pdf
20
Krugman, P. (1991). Increasing Returns and Economic Geography. Journal of Political Economy, 99(3), 483-499. https://doi.org/10.1086/261763
21
Laxe González, F., Bermúdez Martín, F., & Palmero Martín, F. (2013). Deficiencias estructurales, emigración interregional y fuga de cerebros: El caso de Galicia. Revista Galega de Economía, 22(2), 9-30. https://doi.org/10.15304/rge.22.2.1531
22
Malul, M. (2015). The process of brain drain in peripheral regions. Applied Economics Letters, 22(17), 1419-1423. https://doi.org/10.1080/13504851.2015.1037429
23
Miyagiwa, K. (1991). Scale Economies in Education and the Brain Drain Problem. International Economic Review, 32(3), 743-759. https://doi.org/10.2307/2527117
24
Parsons, C., Rojon, S., Samanani, F., & Wettach, L. (2014). Conceptualising International High-Skilled Migration. IMI working paper, 104. https://www.imi-n.org/publications/conceptualising-international-high-skilled-migration
25
Porter, M. E. (1998). Clusters and the new economics of competition. Harvard business review, 76(6), 77-90. https://hbr.org/1998/11/clusters-and-the-new-economics-of-competition
26
Romero Valiente, J. M. (2017). Patrones y diferencias sociodemográficas en el registro estadístico de la emigración española actual. Estudios Demográficos y Urbanos, 32(1 (94)), 163-197. https://www.jstor.org/stable/44272853
27
Sassen, S. (1992). The Global City: New York, London, Tokyo. Political Science Quarterly, 107(2), 370–371. https://doi.org/10.2307/2152688
28
Schultz, T. W. (1961). Investment in Human Capital. The American Economic Review, 51(1), 1-17. https://www.jstor.org/stable/1818907
29
Selva, C., & Recordà, A. (2018). Spanish youth is emigrating: A bibliometric approach to the media coverage. PLOS ONE, 13(6). https://doi.org/10.1371/journal.pone.0198423
30
Sjaastad, L. A. (1962). The Costs and Returns of Human Migration. Journal of Political Economy, 70(5-2), 80-93. https://doi.org/10.1086/258726
31
Storper, M., & Scott, A. J. (2009). Rethinking Human Capital, Creativity and Urban Growth. Journal of Economic Geography, 9(2), 147-167. https://doi.org/10.1093/jeg/lbn052
32
Vaquero García, A., Fernández López, S., Espada Recarey, L., & Martínez Cacharrón, V. M. (2020). Fuga de talento en Galicia ¿Mito o realidad? (32). Foro económico de Galicia. (d285f0bd-decc-4264-b359-4aa4f54587b1.pdf(foroeconomicodegalicia.es))
33
Vázquez González, A. (2002). La alfabetización de los emigrantes gallegos a América (1850-1960): Luces y sombras. Sarmiento Anuario galego de historia da educación, 6, 135-161. http://hdl.handle.net/2183/7762
34
Vence Deza, X., & González López, M. (2014). Regional Concentration of Knowledge-Intensive Business Services in Europe. Environment and Planning C: Government and Policy, 32(6), 1036-1058. https://doi.org/10.1068/c11171r
Notas
[2] Véxase, para unha revisión das precarias condicións laborais da xuventude española, o recente estudo de .
[3] Aínda que segue a niveis reducidos, si que semella que a emigración está a aumentar. Dado que os datos máis recentes deste estudo se refiren ao 2015-2016 e non inclúen a totalidade dos países, haberá que esperar a ter datos máis actuais para poder facer unha nova valoración.
[4] Tomando directamente os datos das enquisas de inserción laboral dos diplomados do sistema universitario galego elaboradas periodicamente pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), podemos comprobar que se produciu un incremento na proporción dos que acceden ao mercado laboral fóra de Galicia. Desde un 12.8% na primeira enquisa no 2004 ata un 19.9% da última enquisa do 2017 (, ).
[5] Para unha introdución ao estado da cuestión da fuga de cerebros, consultar . É de subliñar que moita da literatura sobre a fuga de cerebros se centrou no impacto para os países en desenvolvemento, polo que algúns dos seus aspectos (o papel das remesas, por exemplo) poden non ser de aplicación directa para o caso de Galicia.
[6] Ao custo económico do transporte engádense outros custos de adaptación ao novo medio, de adquisición de competencias no novo idioma (se fose o caso), etc.
[7] De forma resumida, suponse que a produtividade e a remuneración de cada individuo altamente cualificado dependen (positivamente) de traballar nunha contorna ou territorio onde se aglomeren outras persoas da mesma cualificación. Esta implicación, a priori simple, ten consecuencias importantes á hora de explicar á dinámica da fuga de cerebros.
[8] Unha das hipóteses máis coñecidas é a de , que defende que na economía actual o dinamismo económico das cidades vén determinado pola súa capacidade para atraer e manter a chamada “clase creativa”, un conxunto de individuos moi cualificados e altamente móbiles que toman as súas decisións de asentamento segundo a oferta cultural e o grao de tolerancia fronte á diversidade, entre outras.
[9] International Standard Classification of Education. Elaborada pola UNESCO para estandarizar as estatísticas de educación internacionais. No caso de España, inclúe tanto os estudos universitarios como os graos de formación profesional de nivel superior.
[10] Á hora de determinar a procedencia dos inmigrantes, existen dous criterios fundamentais: ben segundo o seu país de nacemento, ou segundo a súa nacionalidade. O primeiro método é o preferido, porque elimina distorsións naqueles casos nos que existe un gran número de inmigrantes naturalizados que adquiren a nacionalidade do país no que residen (o caso de España, singularmente).
[11] Na práctica, o PERE (Padrón de Españois Residindo no Estranxeiro) é a serie de explotación estatística dos datos de matrícula consular. Adicionalmente ao PERE, tamén se derivan destes datos consulares a CERA (Censo de Electores Residentes Ausentes), neste caso con fins de publicidade electoral. A única diferenza é que o CERA só inclúe os maiores de 18 anos capacitados legalmente para votar. Os datos da matrícula consular intentan replicar na medida do posible os datos contidos no Padrón Municipal. Despois de consultar as autoridades estatísticas do INE, confirmóusenos que o nivel educativo orixinariamente rexistrado no PERE e no CERA non ten demasiada utilidade a niveis prácticos polas súas eivas (gran cantidade de datos ausentes e falta de actualización dos mesmos).
[12] No caso de que o país de destino defina os inmigrantes españois de acordo á súa nacionalidade, calculamos a proporción rexional para as 19 comunidades autónomas e para os nacionais españois nados no estranxeiro (tamén presentes no CERA).
[13] Aínda que as cidades autónomas de Ceuta e Melilla se inclúen nestes cálculos, non aparecen nas figuras posteriores por non ser comparables a unha CA.
[14] Idealmente, deberiamos calcular estas proporcións por nivel educativo s para obter estimacións máis precisas. Como xa comentamos, o nivel educativo rexistrado no CERA non nos permite este procedemento.
[15] Para corrixir varios defectos desta estatística o propio INE elabora, desde o 2008, unha “estatística das migracións”. En calquera caso, esta serie non serve para observar na súa plenitude os efectos da crise económica, e non varía significativamente a nosa análise coa EVR.
[16] O principal problema (ou non) da estatística é que recolle o número de contratos. Como a temporalidade é endémica no mercado laboral español, o número de contratos é superior ao número de persoas contratadas, é dicir, cada persoa asina de media varios contratos ao longo dun ano. Os nosos datos amosarían, entón, o número de veces que as persoas de cada provincia se desprazan por motivos laborais, pero non necesariamente o número de persoas que se desprazan, aínda que debe existir unha relación directa entre as dúas variables.
[17] As cifras para o ano 2001 amosaban que o 18.4% da poboación galega desa franxa de idade tiña estudos terciarios, por un 20.5% dos emigrantes, o que supón unha selectividade positiva pero lixeiramente inferior (1.12).
[18] Nun fenómeno denominado ás veces de “battle for brains” e que se practica en boa parte dos países desenvolvidos, que son os principais receptores de inmigrantes, como os Estados Unidos, Australia, Canadá ou o Reino Unido.
[19] Precisamente, este último traballo enmárcase na literatura sobre o chamado brain gain ou efecto incentivador da fuga de cerebros no investimento en educación. O autor atopa que a emigración transoceánica galega do século XIX e inicios do XX impactou de forma positiva e contribuíu a elevar o nivel educativo das xeracións sucesivas. Isto puido deberse á fundación de escolas sufragadas polos emigrantes e, a un nivel máis sociolóxico, a unha maior valorización da propia educación.
Apéndices
Anexo
A taxa de emigración na Figura 1 (a) calcúlase dividindo o número de españois inscritos no CERA por CA de inscrición entre o número de habitantes de máis de 18 anos segundo o Padrón Municipal. A taxa de emigración na Figura 1 (b) calcúlase dividindo o número de españois inscritos no CERA por CA de nacemento (trátase dunha serie proporcionada após petición ao INE e que inclúe só as persoas de 18 a 64 anos) entre o número de habitantes de 18 a 64 nados en cada CA segundo o Padrón Municipal. Para obter unha taxa que varía de 0 a 100, nos dous casos, os propios termos do numerador súmanse no denominador e multiplícase a expresión por 100.
A taxa de emigración da Figura 2 (a) calcúlase dividindo o número de movementos rexistrados na EVR que implican a saída de persoas de 16 a 64 anos desde cada CA ao estranxeiro entre o número de habitantes da mesma franxa de idade en cada CA segundo o Padrón Municipal. A taxa de emigración da Figura 2 (b) calcúlase dividindo o número de movementos cara ao estranxeiro das persoas de 16 a 64 anos nacidas en cada CA polo número de habitantes da mesma franxa de idade nados en cada CA. En ambos os casos, multiplícase a expresión por 1.000 para amosar unha taxa de emigración por cada 1.000 habitantes.
A taxa de emigración da Figura 3 (a) calcúlase dividindo o número de persoas de 16 a 64 nadas nunha CA que viven fóra desa mesma CA (segundo datos do Padrón Municipal) entre o número total de persoas nadas na CA (independentemente do lugar onde residan). Posteriormente, multiplícase a expresión por 100. A taxa de emigración da Figura 3 (b) calcúlase dividindo o número de movementos rexistrados na EVR que implican a saída de persoas de 16 a 64 anos desde cada CA a outra CA diferente entre o número de habitantes da mesma franxa de idade en cada CA segundo o Padrón Municipal. Posteriormente, multiplícase a expresión por 1000.
As taxas de emigración da Figura 4 calcúlanse dividindo o stock de emigrantes de nivel educativo baixo/alto estimado para cada CA, segundo a nosa metodoloxía a partir da combinación dos datos do CERA e da base DIOC-E da OCDE, entre o número de nativos desa CA do mesmo nivel educativo segundo o censo español do 2001 e do 2011, respectivamente. Posteriormente, multiplícase esa expresión por 100 para obter as taxas.
A Figura 5 mostra a porcentaxe de emigrantes altamente cualificados sobre os emigrantes internacionais totais, por CA de orixe dos emigrantes (a) ou por país de destino cando a orixe é Galicia (b). Neste último caso, representamos 13 dos 15 principais destinos dos fluxos de emigración dos nativos galegos desde o 2002 ata o 2012 segundo a EVR (aqueles para os que o DIOC-E presenta datos no 2000/01 e no 2010/11).
As taxas de emigración da Figura 6 calcúlanse con datos do SEPE, dividindo o número de contratos a traballadores con/sen estudos superiores cuxo centro de traballo é diferente á CA de residencia entre o número total de contratos firmados por traballadores dese mesmo nivel educativo que residen na CA (é dicir, o número de residentes que firman contratos de traballo fóra da CA). Os saldos netos da migración da Figura 5 calcúlanse dividindo a diferenza entre contratos entrantes e saíntes entre o número de contratos que se firmaron por traballadores da CA dentro da propia CA. En ambos os dous casos multiplicamos estas cifras por 100 para obter as taxas. En todos os casos, os cálculos inclúen unicamente os traballadores con nacionalidade española.
A Figura 7 mostra a porcentaxe de contratos a traballadores españois con mobilidade que teñen o seu destino en cada CA.