A UNIVERSIDADE DE ONTE A HOXE: DA ANTIGÜIDADE Á CALIDADE. SITUACIÓN DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA.
Main Article Content
Abstract
teimaba en abesourar documentos antigos á procura da máis remota orixe posible. Nese
ambicioso desexo chegou a imaxinar que nacera en 1088, ata que alguén lle advirtiu que o
documento en que se apoiaba era unha clara falsificación medieval e houbo de se
conformar con 1188, no mellor dos casos. Pero outras non lle foron detrás e trataron de se
igualaren en antigüidade con ela, e a estas alturas nin elas o saben nin nós temos claro cal
é a súa antigüidade nin cal delas é a máis antiga. Nin sequera a nosa querida universidade
compostelá líbrase de tal sospeita, pois non son poucos os que non comparten que o seu
nacemento ou creación se remonte a 1495, como habitualmente se nos fai crer.
En todo caso, a Universidade como institución cunha organización formal data da Europa
medieval, malia que ten antecedentes nas culturas grega, romana e arábiga. Nas súas
orixes xorden como unha evolución das escolas medievais coñecidas como studium
generale, que tiñan como misión educar aos empregados e monxes en niveis superiores
aos que se ensinaba nas escolas monásticas e catedralicias. Nelas aprendíanse as artes
liberais: gramática, lóxica, retórica, xeometría, aritmética, astronomía e música. A
continuación, os alumnos tiñan a posibilidade de continuar os seus estudos nunha das
facultades superiores: leis, teoloxía e medicina.
Este esquema replícase por toda Europa Occidental de forma case homoxénea ata o século
XVI no que a contidos se refire, pero con distintas variantes no relativo á administración e
xestión da institución, auspiciadas e fundadas por papas, emperadores e reis, que lles
permitían gobernarse de forma autónoma, co requisito de non difundir nin o ateísmo nin a
herexía. O prezo da autonomía, porén, era que as universidades se debían financiar elas
mesmas. Desta forma os profesores cobraban honorarios e, para garantir a súa mantenza,
tiñan que compracer aos seus estudantes. Estas primeiras universidades non tiñan
edificios permanentes e posuían escasas propiedades, estando suxeitas á perda de
estudantes e mestros descontentos que se podían desprazar a outra cidade e estabelecer o
seu lugar de estudo aló. Esta foi a causa fundacional dalgunhas das máis prestixiosas
universidades europeas.