Os antropólogos Marcial Gondar Portasany (Pontevedra, 1948), Xaquín Serxo Rodríguez Campos (Forcarei, 1949) e Xosé Ramón Mariño Ferro (Castrofeito, O Pino, 1950) naceron nun mundo no que cohabitaban unha sociedade tradicional do antigo réxime nos seus estertores coa represión, as cartillas de racionamento, os burócratas, o clero e unha oligarquía de novos ricos creada ao abeiro do estraperlo que supuxeran os “alicerces” da ditadura franquista (). Aínda así, eles pertencen a unha xeración que xa non sufrira “el terror que atenazaba a sus mayores, al no haber vivido la guerra y la posguerra” (), e que será a que protagonice as mudanzas das décadas seguintes.
Sinala Justo Beramendi como os avances económicos e sociais que se produciran na Galicia do primeiro terzo do século XX quedaran non só estancados, senón que retrocederon co golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil e a ditadura que comeza o 1 de abril de 1939. “La re-ruralización devuelve el porcentaje de ocupados en el sector primario a valores de finales del siglo XIX sin que ello aumente la producción agropecuaria, que no recuperará los niveles de preguerra hasta bien entrada la década de 1950”. ().
O denominado período de autarquía franquista prolóngase ata 1959, polo que os nenos Gondar, Rodríguez Campos e Mariño Ferro viven xa os últimos compases da súa infancia no tempo do “desarrollismo”, que implica un desenvolvemento da industria e da construción nas cidades e unha “tímida liberalización informativa del régimen”. A situación xa comezara a “aliviarse algo, pero no mucho”, tras a fin da Segunda Guerra Mundial, “tanto porque el escape migratorio empezó de nuevo poco a poco como por la progresiva normalización del mercado”, sinala Justo Beramendi (1981, p. 193). Con todo, os mundos nos que viron a luz primeira os tres antropólogos aos que nos referimos neste artigo distan moito de seren idénticos.
Marcial Gondar Portasany naceu nunha familia de comerciantes en Pontevedra, unha cidade conformada polo gremio de Mareantes e o barrio da Moureira, o fogar no século XIX do pirata Benito Soto —capitán do Burla Negra—; un distrito mariñeiro e popular que aínda nos anos cincuenta do século XX contemplaba o traxín de pescadores que saían faenar máis aló da illa de Ons ().
Pola súa banda, Xaquín Rodríguez Campos é orixinario de Forcarei, na Terra de Montes, fogar de canteiros e unha das comarcas máis despoboadas do interior da provincia de Pontevedra. Foi fillo dun traballador do xulgado e dunha mestra e será, precisamente, na escola da súa nai onde aprendeu o neno Rodríguez Campos as primeiras letras.
Rural e interior é tamén a orixe de Xosé Ramón Mariño Ferro, vido ao mundo nunha familia de Castrofeito, no concello do Pino, xa na área de influencia de Santiago de Compostela. No limiar da Autobiografía dun labrego (2017), na que Mariño Ferro novela a vida dun seu veciño, Manuel García Lemos, o antropólogo indica: “Acompañei a Manuel, a súa muller Leonor e os seus fillos en moitas ocasións a arar as leiras, botar o esterco, rozar o monte, facer estivadas, segar o centeo, sachar as patacas e coller o toxo para quentar o forno” ().
1. O Seminario Diocesano de Santiago de Compostela. Anos 60
Víamos con anterioridade como Justo Beramendi explicaba que xa desde a fin da Segunda Guerra Mundial a emigración volve converterse na “válvula de escape” () para unha parte importante da poboación, e os fluxos non farán máis que incrementarse durante os anos cincuenta e sesenta do século XX. Na Terra de Montes natal de Xaquín Rodríguez Campos, o fotógrafo Virxilio Viéitez actuaba como notario de vodas, bautizos e velorios en postais que viaxaban ultramar e que tamén amosaban o froito das remesas dos emigrados: aparatos de radio e os primeiros automóbiles (). Naquel contexto, os seminarios menores e maiores das cinco dioceses galegas convertéronse nunha alternativa para aqueles mozos do campesiñado e das clases populares que podían cursar ensinanzas medias e tamén, polo prestixio asociado á Igrexa, nun camiño a seguir polos vástagos dunha reducida e incipiente clase media. Esa opción vital foi, precisamente, a que marcou a traxectoria de Marcial Gondar Portasany, Xaquín Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro durante a década dos anos sesenta. Así, os tres pasan polo seminario de Santiago por seren naturais do territorio da arquidiocese compostelá, aínda que cabe matizar unha notable diferenza temporal en canto á vinculación sostida coa Igrexa xa que, no caso de Mariño Ferro, só cursou no seminario un ano da súa traxectoria estudantil.
En todo caso, a relación dos tres antropólogos co seminario ben pode ser ponderada, nun contexto moito máis amplo e un tanto xeral, como un nexo de interese para o posterior exercicio da docencia xa que, ao abeiro dunha renovación que medrará co Concilio Vaticano II (1962-1965), cregos formados fóra do Estado español achegarán a Galicia unha nova perspectiva intelectual e operativa. “Será, porén, nos seminarios onde se exerza un labor máis eficaz. Moitos destes sacerdotes son incorporados ós claustros e nas aulas realizan unha función inestimábel” ().
Asemade, a primeira experiencia compostelá de Gondar Portasany, Rodríguez Campos e Mariño Ferro acontece no tempo das primeiras folgas obreiras na Galicia do franquismo e sitúase nas vésperas do ‘Venceremos nós’, a revolta na que un conglomerado de asociacións estudantís cristiás, marxistas, anarquistas e radicais mantiveron durante 1968 unha “folga prolongada” que foi un “pulso de forza” tanto coa autoridade académica da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC) como coas forzas represivas do réxime ().
2. Camiño de Roma e Madrid
A aproximación académica á antropoloxía de Gondar Portasany, Rodríguez Campos e Mariño Ferro tivo lugar fóra do país. Se os seminaristas galegos dos sesenta comezaban a formarse en Lovaina (Bélxica) e Roma, na universidade Gregoriana desta última cidade estudaron Marcial Gondar (Teoloxía) e Xaquín Rodríguez Campos (Filosofía e Historia das Relixións). Nesa etapa de formación superior e contactos co exterior, tanto Marcial Gondar como Xaquín Rodríguez Campos realizarían estancias en Alemaña, coa idea de completar a súa formación grazas ás lecturas e contactos intelectuais que permitían estas experiencias. Pola súa banda, Xosé Ramón Mariño licenciouse en Madrid, na Universidad Complutense, en 1974, na especialidade de Antropoloxía Americana despois de ter cursado os primeiros anos, que eran comúns con Filosofía e Letras, en Santiago. Con anterioridade estudara un ano no Seminario e segundo el mesmo ten relatado o seu propósito nunca foi ser cura senón misioneiro, para poder estar en contacto con outras culturas. O interese cara a América, incentivado pola eclosión da literatura hispanoamericana da que se ten confesado seareiro, conxugouse cos vínculos de amizade cun sacerdote quen, á súa vez, entrara en contacto cun misioneiro en Bolivia e foi así como conseguiu o traballo de mestre nunha comunidade do Altiplano boliviano na que realiza o traballo de campo para a súa tese doutoral sobre os quechuas.
Nieves Herrero estabelece dúas correntes no desenvolvemento dos estudos de antropoloxía en Galicia. Unha primeira que ten lugar fóra da Academia, a finais do século XIX e principios do XX, e que entronca co movemento galeguista e a Xeración Nós e, á súa vez, co folclore en tanto en canto disciplina para a análise da cultura popular que ten as súas “raíces” no Romanticismo (). Sen embargo, a guerra, o exilio, a represión e a ditadura frearon a acción intelectual da Xeración Nós e do Partido Galeguista. Así, haberá que agardar ata a saída do cárcere de Ramón Piñeiro en 1949 e a creación da editorial Galaxia en 1950 para atopar un nome que foi punto de encontro entre os intelectuais da preguerra e os que servirían de “ponte co porvir”, Fermín Bouza-Brey, no eido da “historia e a etnografía” ().
A segunda liña de desenvolvemento da antropoloxía en Galicia, desta vez xa académica, ten o seu limiar en 1975, coa incorporación dunha materia de antropoloxía no programa de estudos da facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (). Javier San Martín, especialista en Fenomenoloxía, foi o primeiro profesor de antropoloxía na Universidade de Santiago. Segundo afirma Fernández de Rota, a materia estivo, desde un comezo, a ser impartida baixo o “prisma” da antropoloxía social e cultural (). Foi así, de xeito progresivo e acompasado, como Marcial Gondar e Xaquín Rodríguez Campos se converterán en antropólogos ao mesmo tempo que desenvolverán a antropoloxía na USC durante os primeiros oitenta, prefigurando a Área de Antropoloxía á que se incorporará a finais desta década Xosé Ramón Mariño Ferro.
Ao igual cá liña vencellada á Xeración Nós, a antropoloxía académica en Galicia funda a súa base empírica no traballo de campo e na etnografía, mais fronte a aquela, a nova antropoloxía galega desenvólvese a partir de marcos teóricos que abordan o estudo sistemático das “sociedades del pasado y del presente y pretende explicar tanto las diferencias como las semejanzas existentes entre las culturas” (.
3. Primeiros traballos de campo e incorporación á USC
Comentabamos no epígrafe anterior que a chegada da antropoloxía como disciplina e as primeiras investigacións de Gondar Portsany e Rodríguez Campos acontecen como procesos simultáneos. Sen embargo, cando menos nun plano simbólico, os tres “regresan” a Galicia para faceren os seus primeiros traballos de campo. Así, Marcial Gondar volvería ao mundo mariñeiro da súa nenez e investigaría as viúvas do mar, mentres que Xaquín Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro regresarían á orixe para pescudar e trazar etnografías da Terra de Montes e de Castrofeito, respectivamente.
As investigacións de Gondar e Rodríguez Campos darían como resultado as súas teses doutorais defendidas no mesmo ano. Análisis del síndrome de la viudez en la Galicia costera (1983) é o título da tese de Marcial Gondar, dirixida por Carlos Baliñas Fernández; mentres que Xaquín Rodríguez Campos acadou o doutoramento coa monografía Economía, estratificación social y adaptación. Estudio antropológico de la Tierra de Montes (1983), dirixida por Javier San Martín.
Polo que atinxe ao primeiro de entre os traballos de campo de Mariño Ferro, non sairía do prelo ata 1986, baixo o epígrafe de Autobiografía dun labrego. Estudo novelado de antropoloxía (sería reeditado en 2017). Como xa comentamos, Mariño interrompeu o seu labor en Castrofeito para desprazarse a Bolivia (Fernández de la Rota y Monter, 1992). Realizou unha estancia prolongada e un traballo de campo vivindo cunha comunidade quechua, na zona do Potosí, que sería a investigación da súa tese doutoral, Muerte, religión y símbolos en Chaquilla, una comunidad quechua de la Altiplanicie boliviana (1984), dirixida por Ubaldo Martínez Veiga.
Non pasaran dez anos do deseño da materia de Antropoloxía na Universidade de Santiago e xa despuntaba unha primeira xeración de investigadores que foron configurando desde 1976 a área de Antropoloxía Social. Aos tres que estamos tratando aquí hailles que sumar a José Antonio Fernández de Rota e Xosé Antón Santamarina, que impartían docencia nos campus da Coruña e Ourense, respectivamente, os cales, unha vez que se descentralizou o sistema galego de ensino superior, pasaron a integrarse nas áreas de antropoloxía das universidades da Coruña e de Vigo. Xosé Luís Barreiro Barreiro, catedrático emérito da USC e exdecano da Facultade de Filosofía, considera que tanto eles como Nieves Herrero, que se incorporou á universidade antes que Mariño Ferro, “foron e son imprescindibles para a creación, configuración e consolidación da antropoloxía socio-cultural en Galicia. É tarefa das seguintes xeracións manter e mellorar a herdanza recibida”.
En 1987 créanse os cursos de doutoramento de Antropoloxía na Universidade de Santiago, o que abriu a posibilidade á expedición dun título en Antropoloxía por parte da USC. Rodríguez Campos asumiu a coordinación deste programa de doutoramento entre 1989 e 1992. Xa desde o ano 2013 e ata que pasa a catedrático emérito, Rodríguez Campos coordinou o programa de doutoramento internacional en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, do Campus de Lugo da USC e a Universidade Haute Bretagne Rennes II.
Sinala Barreiro Barreiro que a acollida por parte do alumnado, “e mesmo do profesorado”, dese primeiro programa de doutoramento en Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela resultou “magnífica”, xa que supuña “novas perspectivas”. Sobre este aspecto, o exdecano de Filosofía lembra a presentación dunha tese de doutoramento en 1999: “A Emilio González, sendo médico-psiquiatra, foille expedido o título de doutor en Antropoloxía Social, grazas á tese A unidade de saúde mental como 'brocker' cultural: alternativas á xestión nun municipio galego, dirixida por Marcial Gondar”.
Xosé Luís Barreiro Barreiro interpreta que a razón pola que a área de Antropoloxía Social da USC non se desenvolveu na mesma medida que as outras áreas da Facultade de Filosofía ten dúas causas. “O non ter acadado a licenciatura (agora grao) en Antropoloxía e mesmo a estruturación establecida dos saberes por áreas de coñecemento. A Antropoloxía Socio-cultural non figuraba na área de Filosofía. Foi preciso dar unha dura batalla para manter a súa presenza nos planos de estudo da facultade de Filosofía”. Nesa loita pola permanencia de mínimos non foi posible librar a batalla pola implantación dunha licenciatura de segundo ciclo que abriría, no contexto de Estado español, as portas para o Grao en Antropoloxía na reforma de 2007.
4. Etnografía para unha Galicia entre o mundo novo e o mundo vello
O proceso de descentralización e a consideración de Galicia como nacionalidade histórica na Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1981, a creación da Xunta de Galicia e o inicio da normalización lingüística e cultural permitiron unha narrativa que privilexiaba o feito identitario e os antropólogos galegos tiveron a oportunidade (o aquí e o agora) de desenvolver o seu traballo de campo nunha Galicia na que convivían trazos da sociedade campesiña cos primeiros indicios do mundo postindustrial.
Tanto Xosé Luís Barreiro Barreiro como Xerardo Pereiro conveñen que o contexto de transición política que coincidiu coa creación da primeira materia de antropoloxía na universidade galega (en 1975, ano da morte do ditador Franco) e a incorporación de Marcial Gondar, Xaquín Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro á área de Antropoloxía Social da USC favoreceron un traballo científico “dilatado e extenso”, no que Galicia ocupaba un papel protagonista.
Sen ánimo de exhaustividade, trataremos de resumir a continuación as principais liñas de estudo de cada un dos tres autores que nos ocupan neste artigo, así como algunhas das obras máis relevantes que serven como mostra da prolífica traxectoria investigadora de Marcial Gondar Portasany, Xaquín S. Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro.
4.1. Marcial Gondar Portasany
PRINCIPAIS LIÑAS DE ESTUDO |
---|
A morte e o dó |
Medicina e antropoloxía aplicada |
Transformación da sociedade campesiña |
Análisis del síndrome de la viudez en la Galicia costera (1983), a tese doutoral de Marcial Gondar Portasany, marcará unha relevante bibliografía dedicada á investigación sobre a morte e o dó na sociedade rural galega, así como dos recursos simbólicos para facerlle fronte. Nos primeiros anos da súa carreira pescuda as diferentes expresións que ten a morte. Por unha banda, a xa avanzada na tese de como lles afecta a viuvez ás mulleres na comunidade, que recolle no artigo “Voltando a ser nenas. Control familiar e social sobre as viúvas galegas da costa” (1989, revista Sémata). Asemade, abordara xa con anterioridade as escenificacións e rituais na morte, como no artigo de 1982 para a revista Encrucillada que leva por título “Os banquetes fúnebres: notas para unha análise”. Os prantos —no artigo titulado “Lamentaciones rituales: los ‘prantos’ en la Galicia tradicional” (Cuadernos de Estudios Gallegos do CSIC en Galicia, de 1982)—, a Santa Compaña —en “Mundo de los aparecidos: claves para una lectura antropológica de la sociedad gallega tradicional” (Agora. Papeles de Filosofía, 1983)— e as premonicións —en “Prever a morte, ¿unha ilusión?” (tamén en Agora, de 1984)— son outros dos aspectos da morte en Galicia que mereceron o enfoque de Gondar Portasany.
Máis adiante chegaría Romeiros do alén: antropoloxía da morte en Galicia (1989). Valeríalle en 1990 o premio da Fundación da Crítica de Galicia e acadou un total de oito edicións en catro anos. Asemade, do ensaio Mulleres de mortos: cara a unha antropoloxía da muller galega a editorial Laiovento tirou cinco edicións en 1991. Con anterioridade, baixo e epígrafe xenérico de A morte, Gondar Portasany publicara en 1987 unha obra divulgativa para a serie ‘Cadernos do Museo do Pobo Galego’, institución de cuxo padroado forma parte.
Xa a principios da década dos noventa Marcial Gondar participou en equipos “pluridisciplinares” en estudos sobre as persoas maiores e a súa relación cos servizos sociais () e produciu literatura académica relevante no eido da saúde mental. Espiritados: ensaios de etnopsiquiatría galega (1992) é un volume no que colabora co médico psiquiatra Emilio González Fernández (a quen despois lle dirixiría a tese en Antropoloxía Social). Deste traballo foron impresas dúas edicións en galego e outras tres traducidas ao castelán unha década máis adiante, co título Poseídos: ensayos de etnopsiquiatría gallega.
A etnopsiquiatría e o modelo biomédico serán ámbitos recorrentes. Acontece con “Antropoloxía e psiquiatría, consideracións e perspectivas psicosociais na xestión da esquizofrenia”, un traballo publicado polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento en 1997, e sucede coa achega “Identidade galega e xestión da saúde: unha achega desde a antropoloxía aplicada”, que presenta en 1998 no encontro O feito diferencial galego na Antropoloxía e que el mesmo coordinou no Museo do Pobo Galego. No mesmo ámbito da etnopsiquiatría poden inscribirse os documentais dirixidos por Enrique Banet que guionizara para o Arquivo da Imaxe en 1985 e 1989, cos títulos O meigallo e O Corpiño, en colaboración con Elena G. Balkina. O meigallo foi premiado en 1985 no Festival de Cine Etnográfico de Huesca.
Posteriormente, en 2013, asinou na Revista Andaluza de Antropología un artigo que leva por epígrafe El factor cultural como herramienta terapéutica. A vueltas con el modelo biomédico en la atención sanitaria, no que pon a lupa na importancia das dimensións culturais e lingüísticas á hora de mellorar a eficacia curativa dos procedementos dos profesionais da saúde.
A transformación do mundo campesiño galego fora o primeiro obxecto das pescudas de Marcial Gondar, que en 1978 publicou unha monografía titulada ¿Fracaso del cooperativismo agrícola gallego?: (Análisis de un intento de cambio social). Esta conexión co campesiñado prolongouse no tempo e en 1980 asinou xunto a Javier San Martín o capítulo “Racionalidad campesina y relativismo cultural” para o volume colectivo Antropología y racionalidad, que acadaría as seis edicións publicadas e no que tamén escribiu Xaquín Rodríguez Campos ademais de Esperanza Guisán, Joaquín Rodríguez e Juan Vázquez, con prólogo de Carlos París. O interese permanece en traballos 30 anos posteriores como o que lle dedica á parroquia de Caroi (no municipio que hoxe se chama Cerdedo-Cotobade), que é obxecto dun estudo interdisciplinar, .
En 1993, o ano da (re)inventio xacobea de Manuel Fraga, Gondar Portasany dálle ao prelo Crítica da razón galega, un volume incluído na colección ‘Nós os galegos’ de A Nosa Terra e que leva por subtítulo Entre o nós-mesmos e o nós-outros. Nunha entrevista publicada no Suplemento USC o autor afirma: “Para referirnos a ‘nós’, podemos dicir nós (‘nós-mesmos’), que implica unha identidade pechada, ou podemos dicir nosoutros (‘nós-outros’), estamos metendo os outros nese nós; os outros son unha parte de nós” () . Como tamén subliña na introdución, procura neste percorrido abordar os inquéritos que o filósofo Inmanuel Kant entendía previos a todo obrar racional: de onde vimos, onde imos, que podemos agardar.
Marcial Gondar amosa unha visión crítica co relato identitario escollido no proceso autonómico galego e de converxencia europea. O seu é un enfoque que privilexia o compromiso da antropoloxía pola transformación social. Vémolo na súa interpretación pouco compracente do fenómeno Xacobeo, na entrevista que lle realizou o profesor Xosé Antón Neira Cruz para a revista Tempos Novos baixo o epígrafe “Cultura versus Xacobeo” (), e tamén en comunicacións como a que presentou ese mesmo ano no Congreso da Asociación Galega de Antropoloxía e que leva por título “Identidade europea: apuntes de antropoloxía política para antropólogos”. “Galicia/Europa. Una batalla por la identidad” é o capítulo que lle dedica en 2005 ao mesmo tema, no volume colectivo Historia Contemporánea de Galicia (Ariel).
Idéntico compromiso crítico e transformador atopámolo nos traballos de enfoque aplicado, en achegas como “Manifiesto para una nueva economía política de la cultura” (2005), que asina con Lourdes Méndez nun volume coordinado por ambos os dous, ou en “Que facer coa Cidade da Cultura”, artigo que escribe en A Trabe de Ouro en 2006, e en “Territorio e identidade: proposta para unha nova filosofía dos parques empresariais”, que preparou para o Foro do Instituto de Estudos das Identidades celebrado no Museo do Pobo Galego en 2007.
4.2. Xaquín Serxo Rodríguez Campos
PRINCIPAIS LIÑAS DE ESTUDO |
---|
Identidade / etnicidade |
Etnolingüística |
Desenvolvemento local / patrimonio / turismo |
Unha análise comparativa de tres parroquias da súa bisbarra natal, así como o estudo da interdependencia do sistema ecolóxico, a organización social e o sistema cognitivo, constitúe o traballo de doutoramento de Xaquín Rodríguez Campos, a tese Economía, estratificación social y adaptación estudio antropológico de la Tierra de Montes, que foi lida na Universidade de Santiago en 1983. No tempo no que está a ultimar a súa tese, participa coa comunicación “Análise antropolóxica da emigración” no I Coloquio de Antropoloxía de Galicia, que tivo lugar en 1982 no Museo do Pobo Galego e que publicaría o Cuaderno de Estudos Sargadelos en 1984.
Trasládase despois desde Terra de Montes do interior pontevedrés ata o Val de Navia, no oriente de Lugo, onde realiza un traballo de campo que deu como resultado Antropología y etnografía de la Sierra de Ancares, que publicou xunto a Xosé Manuel González Reboredo en 1990. “Destacan sus análisis de estilo etnosemántico sobre las distintas formas de clasificación de las gentes y sobre las implicaciones en el mundo de las creencias, de la ecología propia de este hábitat montañoso” (). Xa está neste traballo o interese pola antropoloxía lingüística que o acompañará na súa carreira investigadora e que veremos en artigos como “Que é a antropoloxía lingüística?” (1995).
Ademais de realizar estancias como profesor convidado e visitante na University of Chicago (1991) e no ISCTE de Lisboa (1998), Xaquín Rodríguez Campos foi un dos contribuídores ao proxecto Galicia da editorial Hércules, no que se ocupou para o seu volume de Antropología (1997) dos capítulos “Las fiestas patronales y la identidad en Galicia” e “La organización social y el territorio en la Galicia tradicional: aldeas, parroquias y municipios”.
Nese mesmo 1995, a Asociación Galega de Antropoloxía, da que era presidente naquela altura, organiza o congreso As linguas e as identidades, que darán como froito o volume As linguas e as identidades: ensaios de etnografía e de interpretación antropolóxica, que Rodríguez Campos coordina e para o que elabora o capítulo “Lingua, paisaxe e identidade. Unha aproximación entre a semántica e a pragmática da lingua galega”.
Esta liña terá unha produción fértil nos seguintes anos. En 1998 publica na revista Quaderni di Semantica: Rivista Internazionale di Semantica Teorica e Applicata o artigo “La antropología lingüística y la teoría antropológica de la acción ritual” e ese mesmo ano participa no encontro O feito diferencial galego na Antropoloxía (Museo do Pobo Galego) onde presenta “A lingua e a identidade no campesiñado galego”. Só un ano despois será o coordinador do VIII Congreso de Antropología de la Federación de Asociaciones de Antropología del Estado Español organizado pola Asociación Galega de Antropoloxía e, dentro deste, o Simposium Patrimonio cultural y museología, que dá como resultado un volume baixo o mesmo título no que el asina o capítulo “Consecuencias sociolingüísticas de las políticas de identidad. El caso gallego”. Entre 2001 e 2006 Rodríguez Campos asume a coordinación dun máster que impartían conxuntamente a USC e o Instituto Piaget, en Portugal.
A identidade e a etnicidade serán outras dúas liñas que interesen a Xaquín Rodríguez Campos, tanto no referido a Galicia —”Las paradojas de la negociación de una identidad nacional gallega” (2004) ou “Negotiating urban post-modern identities in Galicia: the recovery of rural dwellings” (2008)—, como no que atinxe á posición de Galicia na súa contorna e no mundo. Así, xa en 1996 publicara o capítulo “La idea de la cultura atlántica en el Noroeste Peninsular: mitos y realidades”, no volume Las diferentes caras de España: perspectivas de antropólogos extranjeros y españoles, coordinado por Fernández de Rota. Este traballo sería traducido ao inglés como “Ideas on Atlantic Culture in the Northwest Iberian Peninsula: ‘Myths’ and ‘Realities’” (2002). Precisamente ese mesmo ano, Rodríguez Campos asume a codirección, xunto a Xosé Manuel , cuxo libro de actas leva ao prelo a USC.
Asemade, abordou tamén a relación da identidade cos procesos de patrimonialización e o turismo, en traballos como “Los parques naturales como paradigma para la modernización: el caso gallego”, un capítulo do libro Identities, Power and Place on The Atlantic Borders of Two Continents (2002) e “Os perigos da cultura-espectáculo: turismo e identidades locais”, capítulo da monografía Memória e artificio: A matéria do património (2009).
Esta liña de investigación de Rodríguez Campos deu, asemade, como froito o capítulo “Del patrimonio local a las comunidades transnacionales. Turismo y etnicidad en Galicia”, no libro Los lindes del patrimonio: consumo y valores del pasado (2010). A reflexión sobre os fenómenos da globalización volve estar presente noutros artigos máis recentes como “Transnationalism between Galicia and Northern Portugal: An Emerging Cosmopolitism”, publicado na revista Sociology Mind en 2017.
Rodríguez Campos ten recibido o apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores para o proxecto Derechos de la mujer y desarrollo africano: formación interdisciplinar en estudios de género, en colaboración coa Université Abdou Moumouni de Niamey (Níxer). Froito desta colaboración foi a publicación do volume colectivo Interculturalidad, género y derechos humanos (2014), editado por Xaquín Rodríguez Campos como o título inaugural da colección Anthropologica dirixida por el para a editorial Axac. De igual xeito, tamén coordinou con , publicada na mesma colección en 2016.
En definitiva, a carreira investigadora de Xaquín S. Rodríguez Campos segue unha liña progresiva na que Galicia sempre ocupa unha posición central. Desde as primeiras pescudas sobre a organización territorial e social dun mundo campesiño en transformación e a relevancia da identidade para afrontarmos estas mudanzas —cunha especial atención á etnolingüística, por ser o idioma sinal senlleiro da identidade galega— ata o cambio que supoñen os procesos de patrimonialización e turistificación do país. Esta última liña lévao ao estudo das comunidades transnacionais e conecta con ese traballo dos primeiros oitenta sobre a emigración galega —calquera abordaxe da identidade de Galicia quedaría incompleta sen atender a diáspora— e sérvelle para situar Galicia no contexto europeo e global, nun mundo occidental que enceta nos primeiros anos do século XXI unha crise do paradigma capitalista da modernidade.
4.3. Xosé Ramón Mariño Ferro
PRINCIPAIS LIÑAS DE ESTUDO |
---|
Medicina popular |
Expresións simbólicas e rituais da cultura de Galicia |
Contos marabillosos / literatura oral |
Bolivia e, sobre todo, Galicia, constitúen os principais obxectos de pescuda de Xosé Ramón Mariño Ferro. Como xa anticipamos, Mariño trasladouse a unha comunidade quechua do Altiplano para facer o traballo de campo da súa tese de doutoramento, Muerte, religión y símbolos en Chaquilla, una comunidad quechua de la Altiplanicie boliviana (1984) —da que derivaría posteriormente o libro Muerte, religión y símbolos en una comunidad quechua (Universidade de Santiago, 1989)—. Ao seu regreso ao país converteu a cultura de Galicia no seu ámbito central de estudo, a empezar pola máis próxima, que daría como froito Autobiografía dun labrego (Xerais, 1986).
A medicina popular constitúe un dos seus primeiros eidos de investigación, con publicacións como os dous volumes de La medicina popular interpretada (Xerais, 1985 e 1986), que preceden a títulos como La medicina mágica (Hipócrates) (1988) Plantas, carnes y minerales medicinales (Xerais, 1991). Seus son tamén os capítulos “Los dos sistemas de la medicina tradicional y sus claves”, en Creer y curar: la medicina popular, coordinado por González Alcantud e Rodríguez Becerra (Diputación de Granada, 1996), e “Medicina popular”, na monografía Antropología do proxecto Galicia de edicións Hércules coordinado por González Reboredo en 1997. Tamén na liña da medicina popular, mais no contexto da ficción literaria, Mariño Ferro será responsable no volume colectivo Mil e un Cunqueiros. Novas olladas para un centenario do capítulo titulado “Un antropólogo na ‘Escola de menciñeiros’ de Álvaro Cunqueiro” (Consello da Cultura Galega, 2014).
O seu interese pola linguaxe simbólica na cultura tradicional galega lévao a achegarse ao Entroido galego xa desde os anos oitenta, coa monografía Entroido: aproximación a la fiesta del carnaval en Galicia (Deputación da Coruña, 1987), e posteriormente co seu O entroido ou os praceres da carne, que sería tirado por Ediciós do Castro en 2000 e posteriormente reimpreso en 2003. De igual xeito, abordará a relixiosidade e a figura de Satanás, desde o temperán Satán, sus siervas las brujas y la religión del mal (Xerais, 1984) a seguir co artigo “Satán, ese incomprendido” (1990) para a revista galega de pensamento cristián Encrucillada ou na súa edición de Satanás: historia del diablo de Vicente Risco en 2003 (Nigra Trea).
O Camiño de Santiago e as peregrinaxes motivan tamén as pescudas de Mariño Ferro en tanto que afonda na linguaxe simbólica da peregrinación. Á publicación da monografía Romerías: peregrinaciones y sus símbolos (Xerais, 1987) seguiralle o traballo “El camino y sus símbolos” presentado no congreso Filosofía del camino y el camino de la filosofía. Encuentros internacionales de Filosofía en el Camino de Santiago, celebrado en Compostela en 1999. A simboloxía xacobea será retomada nos X Encuentros Internacionales de Filosofía en el Camino de Santiago, celebrados en 2010 baixo o epígrafe Las raíces del humanismo europeo y el Camino de Santiago, coa ponencia “Los símbolos del Camino de Santiago”.
A vocación de Mariño Ferro maniféstase no seu esforzo por situar a cultura galega e o seu mundo simbólico nun marco comparativo con outras moitas culturas e, en particular, a cultura medieval europea. Galicia “non é nada especial en canto a crenzas”, son “comúns a toda Europa” (Villar, 2006), manifesta o antropólogo de Castrofeito. O seu labor queda recollido no Cultura popular publicado polo Museo do Pobo Galego en 1985, e ten continuidade durante toda a súa carreira, grazas ás monografías Antropoloxía de Galicia (Xerais, 2000), Santuarios mágicos de Galicia (2003), La brujería en Galicia (2006) ou Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza (2010), todas en Nigra Trea.
Mención á parte merecen a súa dedicación aos bestiarios, tanto no máis recente Diccionario de simbolismo animal (Encuentro, 2014) como no Bestiario en pedra: animais fabulosos na arte medieval (Nigra Trea, 2004) e sobre todo ao estudo dos contos marabillosos e da tradición oral galega. Así, Aparicións e a Santa Compaña é o primeiro volume dunha serie que publica para Edicións do Cumio entre 1995 e 1999, cos títulos a seguir: Lobos, lobas e lobishomes, O sexo na poesía popular; Contos marabillosos, O demo e o trasno, Serpes e dragóns e Contos de homes e mulleres.
O seu labor sobre a literatura de tradición oral será fecundo, con publicacións como o Romanceiro en lingua galega (Xerais, 2002) que asina cabo de Carlos López Bernárdez, Los cuentos maravillosos: realismo mágico (Ronsel, 2004), Leyendas, mitos y creencias de Galicia (El Lago, 2008) ou Romances populares gallegos recogidos de la tradición oral (Nigra Trea, 2011). En 2008, a súa investigación Los amores del ciervo valeulle o terceiro premio internacional de investigación etnográfica Ángel Carril; o traballo sería publicado pola Diputación de Salamanca en 2010.
Unha das figuras que ten abordado Xosé Ramón Mariño Ferro é a de Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz, que pescuda en colaboración coa médica psiquiatra Ángela Torres Iglesias nun artigo para a revista Estudios Penales y Criminológicos que leva por título “El caso Blanco Romasanta: el hombre-lobo gallego desde una perspectiva psiquiátrico forense actual” (2007). É tamén o motivo do libro Manuela Branco Romasanta, o lobishome asasino (Nigra Trea, 2007), unha crónica baseada no sumario do xuízo que se conserva completo no Arquivo do Reino de Galicia.
Finalmente, Mariño Ferro é un antropólogo dos contos marabillosos que é ao tempo autor de literatura de ficción infantil e xuvenil, con publicacións que beben da tradición oral galega e saídas ao prelo desde a década dos noventa e os dousmil nas editoriais Edelvives, Xerais ou Do Cumio.
5. Conclusións
Como temos descrito ao longo deste artigo, Marcial Gondar Portasany, Xaquín S. Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro construíronse como antropólogos ao tempo que eles mesmos construían unha antropoloxía académica para Galicia. Esta relación simbiótica e frutífera entre os investigadores e a disciplina principia grazas a un acontecemento que actúa como catalizador, que é a implantación en 1975, por vez primeira, dunha materia de Antropoloxía no sistema universitario galego; máis concretamente na daquela facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, da man Javier San Martín.
Os estudos realizados na Galicia de finais dos anos setenta e principios dos anos oitenta constituíron a primeira toma de contacto co traballo de campo dos tres antropólogos que nos ocupan neste texto. Realizaron estas primeiras etnografías, en cadanseu caso, sen afastarse das contornas nas que naceran e poñendo a lupa sobre as comunidades rural e mariñeira dun país que aínda conservaba trazos da sociedade campesiña tradicional.
Se a introdución da Antropoloxía no currículo universitario galego funcionou como un detonante, cómpre termos en conta, igualmente, unhas circunstancias que resultaron proveitosas: o proceso de transición política que desencadeou a morte do ditador Franco en 1975 devén nunha descentralización autonómica do Estado e nun recoñecemento oficial das linguas e das identidades culturais dalgunhas das nacionalidades periféricas do Estado, como sucedeu con Galicia.
Galicia, o nós —o nós-mesmos e o nós-outros, que distinguiría Marcial Gondar na súa Crítica da razón galega— converteuse en protagonista principal dunha antropoloxía que comparte coa da Xeración Nós (dacabalo entre os séculos XIX e XX) o exercicio do traballo de campo, pero, nesta ocasión, vai un banzo máis aló e desenvólvense dentro dos marcos teóricos da Academia. Así, Gondar Portasany deita a súa ollada sobre a morte e o dó, a saúde e a antropoloxía aplicada e tamén a transformación da sociedade campesiña, no entanto Rodríguez Campos aborda a identidade e a etnicidade, os estudos de etnolingüística e o desenvolvemento local, o patrimonio e o turismo, mentres que as pescudas de Mariño Ferro focalízanse nas expresións simbólicas e rituais da cultura galega, na literatura de tradición oral e os contos marabillosos e na medicina popular. As tres traxectorias combinadas, sumadas, achegan un coñecemento vasto sobre o noso país e sitúano na súa contorna e no mundo cando estaba a encetar o terceiro milenio.
Como apuntamento final, consideramos relevante subliñar que a bibliografía e a actividade intelectual prolíficas de Marcial Gondar Portasany, Xaquín S. Rodríguez Campos e Xosé Ramón Mariño Ferro, a súa colaboración con institucións e colectivos sociais e culturais do máis diverso, non só supuxeron un volume de publicacións moi importante, senón que resultaron fundamentais no destacado prestixio e recoñecemento para a antropoloxía socio-cultural de Galicia que se ten producido nas catro últimas décadas.
Bibliografía
2
Barreiro Valladares, L. C. (Recuperado o 11 de xaneiro de 2022). Marcial Gondar: “O sistema só permite as identidades espectáculo”. Xornal USC. http://www.usc.es/estaticos/xornal-historico/entrevista6041.html?p=1604.
3
4
5
6
7
8
9
López, B. (14 de Decembro de 2017). José Benito García: “A Moureira fue el motor económico de Pontevedra”. Diario de Pontevedra, https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra/jose-benito-garcia-34-moureira-fue-motor-economico-pontevedra34/20171214183004956483.html.
10
12
Notas
[1] Para a realización deste traballo tense empregado, entre outras fontes, información proporcionada por diferentes testemuñas. Quero agradecerlles, moi especialmente, a súa colaboración a Xosé Luís Barreiro Barreiro, catedrático emérito da Universidade de Santiago que foi decano da súa facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, e ás profesoras da área de Antropoloxía Social da USC Nieves Herrero Pérez e Elena Freire Paz.
[2] As referencias sinaladas neste apartado poden consultarse no catálogo da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela: https://tinyurl.com/2p86b8mh
[3] As referencias sinaladas neste apartado poden consultarse no catálogo da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela: https://tinyurl.com/5fch9jna
[4] As referencias sinaladas neste apartado poden consultarse no catálogo da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela: https://tinyurl.com/2uw96tz5