Unha manifestación da polifonía na dinamización do medio rural
Compre non esquecer que os escritos nunca son lidos no baleiro, se non que son ben influídos por quen os le, polo diálogo que se establece con eles. Nese senso, é cousa responsable pola miña parte advertir o lugar dende o que leo. Este ten que ver co comezo nunha inmersión no ben cheo mundo da dinamización e creación no rural galego... unha empresa que non me resulta allea polo contexto no que medrei pero que, levado pola inercia urbanizadora da educación na que nos criaron e socializaron, desatendín indebidamente e tento recuperar agardando que non sexa demasiado tarde. E resulta tamén relevante dicir que non tiven aínda o pracer de asistir ás xornadas.
Dende esa posición na que chega ás miñas mans esta obra, resulta unha achega inestimable, pola polifonía á que da acceso. Nas súas páxinas intercálanse os documentos que dan conta de aquelo que se fixo nas xornadas ao longo dos anos, mostrando a diversidade da súa acción mais, aínda máis importante, con escritos reflexivos e comprometidos de persoas que tiveron a ben aportar o seu coñecemento e pensar coa escusa destas páxinas.
Nese sentido, o libro é testemuña de dúas cousas moi relevantes das xornadas interxeracionais: Por unha parte, que é un exemplo de persistencia na loita por construír un proxecto comunitario e colectivo ao longo do tempo, que non desapareza en poucos ensaios. Ao mesmo tempo, que son o que chamaríamos un «obxecto común» que serve de punto de encontro entre diferentes formas de pensar e de sentir, todas elas comprometidas coa continuidade do medio rural.
Estas dúas características do que acontece en Cabreiros hai que entendelas precisamente como interdependentes: é a persistencia ao longo do tempo a que permite facer das xornadas un algo sólido a través do cal dialogar e desenvolver pensamento, e é o feito de que o contido se vai ampliando grazas a persoas que toman en serio o cometido que continua ao longo do tempo.
Isto é o que converte a Cabreiros nun espazo de posibilidade, un lugar de esperanza que debuxa o medio rural lonxe da idea do atraso para situalo coma un entorno aboado para a vida, idea que nos acompaña durante toda a lectura. Unha idea ampliada tamén nun dos primeiros capítulos, que describe como o asociacionismo é unha ferramenta indispensable para aproveitar dita oportunidade. O asociacionismo xunto coa interxeracionalidade, pois outra idea central do libro constitúe en debuxar a importancia da comunidade como un algo orgánico, na que teñen sentido tódalas etapas da vida e que non se segrega, se non que se tecen as relacións.
Esa comunidade, definida a miúdo como veciñanza, lonxe de ser obxecto, é suxeito das acción, e é ela mesma a que tece tamén as pontes entre tradición e innovación, e de tecer tamén as relacións entre aquelo que está presente no territorio e máis o proceso educativo. Un proceso no que a educación social, como se narra en varios dos capítulos, ten un papel fundamental, en tanto que profesión que entende a sociedade dende unha perspectiva educativa, de aprendizaxe mutuo e coñecemento como ben común.
Tendo sempre presente ese suxeito colectivo da veciñanza, así como a preocupación por como esta se expresa, canaliza e actúa, constrúense estas ideas dunha maneira ben responsable, con capítulos que sinalan a problemática do medio rural e as políticas que se necesitan para promovelo. Existe nestas páxinas un chamamento a deixar atrás unha promoción unicamente do sector primario e á necesidade dun pacto «rural-urbano» que permita maior harmonía e responsabilidade sobre o territorio. De especial mención neste sentido é o feito da responsabilidade que se pon sobre o rural de soster o patrimonio, a transmisión cultural e a produción alimentaria, e sinálase que «todo o que queira producirse [e engadiría, tamén, reproducir] no medio rural, ten que ser pagado por alguén» (51), apelando á necesidade de cubrir os servizos territoriais que se levan a cabo no rural de custodia do territorio e de xestión ecosistémica.
Dous capítulos iluminan a quen lee respecto a aquelas imperiosas necesidades do medio rural: un respecto á necesidade da perspectiva de xénero nas políticas, e outra respecto á transmisión cultural hexemónica sobre o medio rural, concretamente no noso sistema educativo.
O primeiro incide sobre como hai que entender como campos de acción interdependentes a busca da igualdade entre o rural e o urbano xunto coa busca da igualdade de xénero no rural, guiada por unha perspectiva feminista que mira á comunidade como un lugar onde promover a vida no seu conxunto. Este capítulo ínstanos a deixar de pensar o rural como un espazo de produción económica ou extracción de recursos para pensalo como comunidade, par o cal son necesarias políticas con perspectivas de xénero par axudar ás mulleres a construír os seus proxectos de vida «con todo o que iso implica» (73), recuperando unha pluriactividade que nada ten de nova e que é necesaria para poder concibir un futuro que asente poboación, pois «non pode ser que a percepción xeral das nosas rapazas e mozas sexa que montar un negocio no rural é moito máis complexo ca nas cidades» (72).
O segundo, pon de manifesto a relación entre o abandono do rural e a neglixencia dun sistema cultural e educativo que o debuxa como atrasado, homoxéneo e incluso esencialmente conservador. O cal contrasta con outros escritos que falan do abandono como algo que sinxelamente acontece, un problema dado como pode ser a seca ou as inundacións, sen atender ás súas razóns políticas.
Dita nota crítica pode ben servir para rematar este comentario, pois é destacable que eses estereotipos sobre as nosas aldeas se reflexan tamén na propia polifonía do texto, non exenta de tensións. Atopando voces que debuxan unha visión esencialista e tradicionalista do patrimonio xunto con outras que narran a importancia de manter os costumes vivos mediante o seu uso, desfrute e, se é necesario, cambio.
Tal é o caso do xogo tradicional, que se debuxa principalmente como transmisor de cultura xa dada en tanto que o neno se integra na sociedade a través do xogo, pero tamén para coma unha canle para transcender e crear algo novo, o cal queda patente nos xoguetes creados polas propias crianzas como inventos par ao propio uso. Neste mesmo capítulo atopámonos tamén con unha caracterización da sociedade rural en tanto que «máis pechada sobre si mesma e máis celosa gardiá dos seus elementos de identidade» (96) que se relaciona con outras voces que falan da «alma rural de Galicia» ou do rural como esencialmente conservador. Ditas voces contrastan con aquelas que apelan a desfacer visións ancoradas na separación urbano/rural como discretamente separados, e que sinalan á necesidade de construír continuidade e deixar de ver o medio rural como un lugar conxelado, se non que evoluciona por camiños propios tamén relacionados coa sustentabilidade.
É nesa polifonía, representación, entendo , das propias xornadas, que reside a riqueza do texto, pois permítenos entender o asunto que nos ocupa na súa complexa realidade de man das voces das persoas preocupadas e comprometidas. As diferentes perspectivas, máis ou menos explícitas, poñen enriba da mesa non soamente as problemáticas coas que o medio rural se atopa e a riqueza que representa, se non tamén en grande medida aquelas posicións e vontades que amosan as persoas comprometidas con este facer.
Volvendo así ao énfase no asociacionismo e a educación social como medios para xerar comunidade e acción, serán estas diferentes subxectividades e sensibilidades as que guíen o futuro devir do medio rural e a dinamización comunitaria neste. É a partir das tensións entre elas e da resolución de algunhas que se poderá debuxar vías de futuro, agardamos que en outras xornadas e en futuros libros.