Estimados/as colegas,

Os procesos de integración económica pretenden, entre outros obxectivos, fomentar a cooperación. Unha forma particular de organización na Unión Europea refírese ás eurorrexións, áreas transfronteirizas con maior interacción por diferentes motivos (proximidade, aspectos culturais e históricos comúns, interacción económica e de persoas). Porén, enfróntanse a algúns retos polo feito de estar afectadas por marcos institucionais e normativas diferentes, en particular, no ámbito económico. Poden considerarse como lugares de fronteira ou de encontro, ao mesmo tempo que o proceso de integración fomenta estruturas que permiten a cooperación. Deste xeito, formalízase ou institucionalízase unha cooperación informal. As eurorrexións e outras formas de cooperación (eurocidades, eurodistritos, organizacións de cooperación) xurden especialmente dende os anos 90, con máis de 150 actualmente activas, presentando unha gran diversidade en relación con diferentes aspectos socioeconómicos (tamaño, especialización produtiva...). Ademais, as eurorrexións experimentan dinámicas e cambios estruturais que afectan á súa gobernanza; é dicir, á súa forma de interactuar, de implicar a diversos grupos de interese en proxectos conxuntos e de redefinir os seus singulares límites de colaboración. En primeiro lugar, a crise da Covid-19 puxo de manifesto a complexidade destas áreas ao verse afectadas por diferentes restricións ou regulacións. En segundo lugar, a dixitalización e a colaboración baseada en plataformas abren novos ámbitos e tipos de interacción entre as rexións e os distintos grupos de interese. En terceiro lugar, as políticas e normativas afectan ás colaboracións rexionais transfronteirizas, como a recente tendencia á internacionalización das estratexias de especialización intelixente das rexións da UE. Do anterior despréndese a necesidade de levar a cabo unha análise socioeconómica destas áreas dende un enfoque multidisciplinar.

Co propósito de contribuír a este obxectivo, invitámolos a participar neste Número Especial da Revista Galega de Economía dedicado á análise socioeconómica das eurorrexións, considerando as súas sinerxías para a cooperación á hora de afrontar problemas e retos compartidos.

Acéptanse traballos sobre un amplo espectro de temas que teñan como eixo central as eurorrexións. Os temas potenciais inclúen, pero non se limitan a:

  • Crecemento, desenvolvemento, cambio estrutural, innovación, resiliencia
  • Iniciativas de desenvolvemento rexional e local
  • Comercio, investimentos, deslocalización produtiva, mobilidade laboral
  • Estrutura produtiva, actividades económicas e análise sectorial
  • Innovación, empresas e emprendemento
  • Dinámica demográfica, migracións, mobilidade laboral
  • Finanzas públicas
  • Desigualdades e aspectos sociais
  • Vantaxes, desvantaxes, oportunidades e retos para a cooperación. Gobernanza
  • Interrelacións: cooperación versus competencia
  • Dixitalización e colaboración baseada en plataformas en Eurorrexións
  • Eurorrexións e estratexias rexionais de especialización intelixente transfronteiriza
  • Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
  • Enfoques territoriais e casos específicos

 Prazo para o envío de manuscritos

Neste número especial publicaranse contribucións orixinais sobre esta temática. Todos os traballos serán sometidos a un proceso de revisión anónima (dobre cego) realizada por expertos/as co fin de garantir a calidade científica e pertinencia dos artigos que resulten aceptados para a súa publicación. O prazo para o envío dos traballos para este Número Especial iníciase o 1 de agosto de 2021 e finaliza o 28 de febreiro de 2022.

Publicación: Setembro 2022

Editores invitados:

Óscar Rodil-Marzábal (oscar.rodil@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, Spain),

María del Carmen Sánchez-Carreira (carmela.sanchez@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, Spain)

Paulo Jorge Reis Mourão (paulom@eeg.uminho.pt, Universidade do Minho, Portugal)

Marta Gancarczyk (marta.gancarczyk@uj.edu.pl, Jagiellonian University, Poland)

Ir atrás