Benqueridos/as colegas,

A Economía Circular (EC) é unha proposta transformadora do actual modelo lineal de produción e consumo que engloba unha pluralidade de enfoques teóricos, de obxectivos e de instrumentos.

Nos últimos anos a EC foi incorporada nas axendas políticas a diferentes niveis como un medio para impulsar un cambio económico cara a sustentabilidade e freo do cambio climático (ODS, Pacto Verde Europeo-Plan de Acción de Economía Circular, Estratexias de EC ou Estratexias de Transición Ecolóxica dos países, territorios, municipios, empresas, etc.). Os conceptos, obxectivos, ámbitos de actuación e ambición transformadora son moi diversos.

Analizar de forma rigorosa a fundamentación da EC, a coherencia entre os obxectivos xerais proclamados e os obxectivos concretos e instrumentos e medidas postas en acción é unha necesidade. Unha necesidade non só teórica e académica senón tamén unha necesidade práctica para garantir a materialización de cambios reais ambiciosos na dirección dunhas economías realmente sostíbeis.

Resulta necesaria unha análise realista dos cambios necesarios e das consecuencias dos mesmos, desde unha perspectiva social e territorial. Así mesmo, a consideración realista da diversidade de puntos de partida dos diferentes países e territorios é unha condición esencial para impulsar unha transición real e xusta nesa dirección, tendo en conta que un cambio estrutural profundo ten que afectar necesariamente non só ao modelo produtivo senón tamén ao consumo e ao modo de vida e, polo tanto, tamén ás relacións sociais e as relacións interterritoriais e internacionais.

A crecente investigación académica sobre os diferentes aspectos da EC, desde a súa conceptualización, a súa relación con outras problemáticas ou marcos conceptuais como o crecemento verde, o decrecemento ou post-crecemento, abriu debates que continúan abertos e requiren novos aportes. O mesmo ocorre coa análise das diferentes ferramentas para avaliar a circularidade dos cambios propostos ou implementados, os diferentes instrumentos de políticas utilizados ou utilizábeis para impulsar a transición cara a EC (medidas regulatorias, financeiras, fiscais, compra pública, políticas industriais, agrarias, consumo, policy –mixes, policy packages, etc).

A discusión sobre as dimensións territoriais, espaciais, da EC, a súa relación cos fluxos internacionais, as Cadeas Globais de Valor, o transporte, as infraestruturas utilizadas son aspectos que obrigan a examinar as relacións e contradicións entre a EC e o modelo de globalización das últimas décadas.

Co propósito de contribuír a este obxectivo, invitámolos a participar neste Número Especial da Revista Galega de Economía dedicado á análise teórica e empírica da economía circular e a súa relación coa sustentabilidade, incluído todo tipo de perspectivas críticas como o decrecemento e post-crecemento.

Para iso, acéptanse traballos sobre un amplo espectro de temas que teñan como eixo central a economía circular. Os temas potenciais inclúen, pero non se limitan a:

  • Conceptualizacións da Economía Circular
  • Métricas aplicadas a EC
  • Avaliación de impactos da EC (económicos, sociais, medioambientais)
  • Análises empíricas de EC
  • Actividades Circulares
  • Modelos de Negocio de EC
  • Eco-innovación e EC
  • Innovación tecnolóxica, dixitalización e EC
  • Innovación social e EC
  • Estratexias e experiencias de EC (empresariais, sectoriais, territoriais)
  • Economía Circular e sustentabilidade
  • EC e Decrecemento
  • EC e globalización
  • Políticas para a EC (regulatorias, industriais, fiscais, financeiras, consumo, etc)
  • EC e fondos Next-Generation: Estudo crítico das estratexias e proxectos
  • EC en Galiza e outros países e territorios

Prazo para o envío de manuscritos

Neste número especial publicaranse contribucións orixinais sobre esta temática. Todos os traballos serán sometidos a un proceso de revisión anónima (dobre cego) realizada por expertos/as co fin de garantir a calidade científica e pertinencia dos artigos que resulten aceptados para a súa publicación. A data límite é o 30 de xuño de 2023.

Editores/as convidados/as:

Xavier Vence (xavier.vence@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, España)

Ángeles Pereira (angeles.pereira@usc.es, Universidade de Santiago de Compostela, España)

Blandine Laperche (blandine.laperche@univ-littoral.fr, Université du Littoral Côte d’Opale, Francia)

Mario Pansera (mario.pansera@uvigo.es, Universidade de Vigo, España)

Ir atrás