Resumo

Actualmente, a situación normativa e práctica da ordenación dos usos dos terreos agroforestais en Galicia é complexa, aínda que, por primeira vez, cóntase cun instrumento normativo deseñado especificamente con este fin: o Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Este artigo ten como obxecto analizar as posibilidades que ofrece esta figura para a ordenación do solo rural, así como as consecuencias da súa aplicación. Para iso, aplicouse unha metodoloxía baseada na comparación do patrón espacial dos usos agroforestais actuais e dos derivados do catálogo a través dunha serie de indicadores cuantitativos e métricas espaciais, desde a perspectiva da eficiencia das actividades agroforestais e da sustentabilidade ambiental do territorio. Esta análise aplícase ao caso de estudo do catálogo aprobado no marco do polígono agroforestal de Remuíño (A Arnoia), por ser o que abarca unha maior extensión dos actualmente dispoñibles. Os resultados mostran que a ordenación proposta no catálogo proporciona unha notable diminución da fragmentación de usos, un incremento do número de unidades viables para o uso agropecuario e a explotación forestal, unha redución do risco de incendio e un incremento do valor ecolóxico.