Con pesar temos que abrir este número da revista QUINTANA dando conta do falecemento de dous compañeiros do Departamento despois dunha vida entregada á docencia e a investigación que lles deu amplo recoñecemento. É o caso de Ramón Yzquierdo Perrín, gran investigador da arte Medieval e experto no tema do Románico e da Catedral de Santiago, que foi nos seus últimos anos profesor da Universidade da Coruña; e de Andrés Rosende Valdés que, ademais de moi destacado estudoso do Renacemento e do Barroco, foi amplamente recoñecido polas súas investigacións dedicadas aos cadeirados de coro galegos, ao Hospital Real e a toda a cidade de Santiago, máis aló de que, desde 2002 ata a súa xubilación en 2022, formou parte do Consello de Redacción da nosa revista que contribuíu a impulsar e enriquecer. Aos dous, pois, o noso máis sentido recordo e homenaxe.
Dito isto, o presente número de QUINTANA ofrece unha importante novidade no que ao Tema monográfico se refire, que leva por título “Corpos que importan: Xénero, sexualidade e colonialidade nos museos”. E é que, se antes este apartado era realizado por distintos investigadores que eran escollidos expresamente polo comité de redacción, esta vez preferimos convidar a dous expertos no tema que son os que se encargan de elixir a outros investigadores e coordinan o bloque temático sen perder de vista a necesidade de diversificar os contidos e a súa temporalidade histórica. Así pois, Jesús María Carrillo Castillo e Pedro Merchán Mateos actúan aquí como coordinadores á vez que abren o bloque temático sentando as bases do seu contido xeral, ao que se suman, a continuación, os expertos elixidos. É o caso de Jorge Tomás García coa súa reflexión sobre o consolo e desconsolo na experiencia museística da estatuaria clásica; de Antonio Higuero Pliego que aborda a temporalidade queer nos museos, de Aida Sánchez de Serdio Martín dando a súa visión sobre os corpos liminales, de Inés Plasencia Camps sobre os corpos vivos e non vivos nos museos, de Victoria Pérez Royo sobre o corpo da espectadora solitaria, de Carlota Mir explorando o legado de laSal, edicions de les dones (1979–1990), a primeira editorial feminista do Estado español e, finalmente, do tándem formado por Elke Krasny e Lara Perry sobre o tema da violencia nos museos especialmente dirixida á violencia de xénero e sexual.
Xa no apartado Colaboracións, a diversidade temática é o que domina en todo o conxunto de estudos. De feito, Esteban Fernández-Cobián e Marta Vilas Rodríguez analizan a experiencia americana na arquitectura relixiosa de Desiderio Pernas (1968-1973), mentres Andoni Iturbe Tolosa e Itxaso del Castillo Aira estudan o valor do deseño de produción e o escenario fotografado en Akelarre (2021) de Pablo Agüero, á vez que Jorge Jiménez López aborda os Moralia in Job do Arquivo capitular do Pilar de Zaragoza e Vanessa Jimeno Guerra os grafiti da igrexa da Natividade de Santa María de Durro no Vall de Boí. Pola súa banda José Manuel López fai do Club de la lucha (1999), de David Fincher, o centro de atención da súa investigación, o mesmo que Pedro de Llano Neira pon o seu interese en facer ver as contribucións posibles para musealizar a colección de arte do CGAC de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo Dieison Marconi centra a súa atención en apreciar a supervivencia da iconoloxía de San Sebastián na cultura visual latinoamericana, á vez que Miguel Metelo de Seixas e Sílvia Ferreira estudan o Palacio da Horta Seca ou do Manteigueiro na Lisboa do século dezaoito. Ismael Mont Muñoz prefire abordar, en cambio, a influencia de gravados alemáns na obra de Vasco de la Zarza, mentres Victoria Sánchez Mellado opta por estudar cómo se apreciou a obra de Murillo na óptica dos viaxeiros estranxeiros. Por tanto, só queda por mencionar o artigo de Ilduara Vicente Franqueira sobre os procesos e transformacións nas obras académicas de Juan Montes, que é o estudo que pecha este apartado.
Escrito sobre... oriéntase esta vez para dar a coñecer o interese da correspondencia mantida entre o crítico musical ferrolán Ramón de Arana e o músico catalán Lluís Millet, que é analizada de maneira moi precisa pola nosa compañeira Montserrat Capelán Fernández.
Pola súa banda Feitos e tendencias aborda dúas exposicións de interese: unha que, co título “Wolfgang Tillmans, Rien ne nous y préparait − Tout nous y préparait”, tivo lugar no Centre Pompidou de París e que comenta Sergio Meijide Casas; e a que, no marco do salón artesonado do Colexio de Fonseca de Santiago, titulouse “Ficcións especulativas” que é aquí analizada polos seus propios comisarios, os nosos compañeiros Aránzazu Pérez Indaverea, Guillermo Rodríguez Alonso, Abraham Cea Núñez e Federico López Silvestre.
Por último, no apartado Recensións procédese a analizar, como é habitual, distintas obras de recente publicación que teñen como atención principal campos moi distintos referidos á Historia da Arte.
Queda só para pechar esta presentación de QUINTANA agradecer o traballo colectivo de todos aqueles que fixeron posible a saída deste número: dos secretarios Jesús Ángel Sánchez García, Julio Vázquez Castro e Miguel Anxo Rodríguez González que ano tras ano superan todas as barreiras co fin de conseguir que a revista salga en tempo e forma e de maneira absolutamente impecable; dos dous coordinadores xa mencionados, Jesús María Carrillo Castillo e Pedro Merchán Mateos, por exercer cunha eficacia absoluta o seu labor no apartado de Tema monográfico, grazas aos cales e aos seus invitados de excepción sae o conxunto cunha sobresaliente calidade; así mesmo deben mencionarse os membros do Comité Científico e de Redacción, os avaliadores anónimos que revisaron a calidade e orixinalidade dos artigos, ao propio Departamento de Historia da Arte pola súa axuda financeira e o seu constante apoio, o mesmo que ao director e técnicos do Servizo de Publicacións da nosa Universidade polas súas valiosas indicacións. Unha mención particular merece Xosé Serén pola súa revisión técnica e de estilo. Por conseguinte, a miña gratitude a todos eles, e desexar, un ano máis, que a revista QUINTANA siga tendo un futuro científico ilusionante e prometedor.

