LEWIS, Holly: La política de todes. Feminismo, teoría queer y marxismo en la intersección, tradución de Javier Sáez del Álamo, Edicions Bellaterra, Barcelona, 2020, 323p.
Alexandre Pichel-Vázquez
LEWIS, Holly: La política de todes. Feminismo, teoría queer y marxismo en la intersección, tradución de Javier Sáez del Álamo, Edicions Bellaterra, Barcelona, 2020, 323p.
Agora. Papeles de Filosofía, vol. 41, no. 1, 2022
Universidade de Santiago de Compostela
Alexandre Pichel-Vázquez
Copyright © Universidade de Santiago de Compostela
Aquesta obra està sota una Llicència Creative Commons Atribució-NoComercial-SinDerivar 4.0 Internacional.
Received: 14/05/2021
Accepted: 21/05/2021
Catro anos despois da súa publicación orixinal, a obra de Holly Lewis The Politics of Everybody. Feminism, Queer Theory and Marxism at the Intersection (Zed Books, Londres, 2016) ten máis relevancia e forza ca nunca. A crise sanitaria producida pola pandemia da Covid-19, a perda de postos de traballo nunha sociedade aínda non recuperada da anterior crise e ao auxe da extrema dereita no estado español fai que sexa aínda máis evidente a necesidade de configurar alianzas políticas entre e dentro das clases obreiras. Este é o obxectivo principal de Lewis: configurar e construír pontes políticas e analíticas dentro da clase obreira que permitan pór a dialogar ás teorías e mobilizacións marxistas, feministas e queers.
As máis de trescentas páxinas divídense nunha introdución, tres capítulos centrais e unhas conclusións que, en conxunto, teñen a clara vocación de actualizar a teoría e a práctica marxista para poder entender como a economía, o xénero e a sexualidade son elementos co-constituíntes. Coa intención de se facer comprensíbel dentro de cada un dos mundos teóricos e prácticos que interpela, Holly Lewis utiliza o primeiro capítulo para presentar os debates actuais en Occidente sobre o xénero e a sexualidade, definir o que é o capitalismo dende as ideas marxistas e aclarar as tradicións filosóficas marxistas da teoría queer. O segundo capítulo é unha clase maxistral sobre a teoría marxista, o funcionamento do traballo e a configuración dunha análise materialista para entender, comprender e analizar as dinámicas sexuais e de xénero. Deste xeito, a autora non só é capaz de amosar as tensións e relacións entre o marxismo e o feminismo, senón tamén desenvolver unha análise eficaz das opresións trans e queer dende unha perspectiva feminista marxista. No terceiro capítulo, Lewis analiza as chaves para a configuración dun internacionalismo queer para todes dende o materialismo marxista. Deste xeito, lévanos placidamente cara unhas conclusións onde a autora propón un decálogo para o fortalecemento dunha posición política marxista e queer.
A pretensión política do texto de Lewis é a de servir como unha ferramenta política útil e eficaz para a esquerda política e os movementos sociais polos dereitos humanos. Cunha clara intención internacionalista, de esquerdas e para todes, Lewis navega entre a universalidade (branca e masculina) absorbente e a paranoia individualista:
El universalismo parece significar su opuesto: que las culturas soberanas son absorbidas en una cultura dominante que se presente a sí misma como el universo entero. Como respuesta a la violencia de esta marca de la política universal, ha aparecido un individualismo paranoico en el cual la familia, la comunidad, y la cultura —que son formas plurales del yo— son imaginadas como el único bastión contra esa absorción en el todes que es una tapadera de un vacío (pp. 20-21).
Neste senso, Lewis apunta de forma brillante cara unha argumentación teórica e política que poida superar o universalismo ilustrado occidental, mais sen caer na paranoia individualista promulgada, defendida e traballada nos últimos anos pola dereita e extrema dereita internacional.
No primeiro dos capítulos, onde Lewis expón as bases teóricas e analíticas fundamentais da súa perspectiva marxista e queer, faise un percorrido iniciático entre os debates máis populares e centrais da política de xénero occidental. Aquí, Lewis reflexiona sobre o papel do feminismo radical dos anos setenta e o tratamento do xénero como unha falsa conciencia da violencia social promovida pola masculinidade. Lewis, pola contra, afirma que isto significou un claro rexeitamento á clase traballadora:
Para aquellas personas que tenían que vender sus cuerpos marcados por el género en el mercado laboral como estibadoras, secretarias, camareras, prostitutas, o bailarinas de cabaret, el género era una expresión corporal de la vida cotidiana que no podía ser debatida políticamente y descartada como algo simplemente falso (p. 40).
Dentro desta argumentación, Lewis continua para discutir os razoamentos tránsfobos dos colectivos TERF (Trans-Exclusive Radical Feminism, Feminismo Radical Trans-Exclusivo), o que lle serve para reflexionar sobre a relación dicotómica ou dialóxica entre o sexo e o xénero social.
Unha vez presentadas as discusións sobre o xénero ó público marxista, Lewis continua o capítulo asentando as bases e raíces teóricas do pensamento político marxista e o significado do capitalismo. Lewis define o capitalismo como “un sistema impersonal —como un conjunto operativo, no es inmoral sino más bien amoral” (p. 50); que non está avariado senón que “funciona de acuerdo con sus propias leyes” (p. 50); que é extractivo, en especial coa “fuerza de trabajo como mercancía” (p. 50), e empobrece á maioría social; e, que a súa fin só virá “por medio de [unha] intervención política deliberada” (p. 51). Con estes conceptos chave claros, Lewis percorre diferentes premisas do pensamento marxista (a orixe do capitalismo, o fluxo do capital e a extracción da plusvalía) dun xeito claro, amábel pero profundo que permite ó público queer e feminista comprender as bases económicas marxistas.
No remate deste primeiro capítulo, Lewis defende e adecúa o pensamento de Marx dentro das perspectivas queers sobre o xénero e a sexualidade. Este é unha das grandes pontes analíticas que resolve a autora entre o mundo marxista e o mundo queer. Lewis defende que a epistemoloxía marxista, por moito que algúns nostálxicos do conservadorismo socialista e comunista non o queiran asumir, non se basea na identidade senón na posición que ocupan as persoas dentro das relacións económicas e materiais que xorden: as persoas non son entes inmóbeis e permanentes “sino que son puntos conscientes que se mueven y cambian dentro de un sistema” (p. 67). Con isto, a autora non propón unha lectura postestruturalista dos postulados marxistas (como propoñen Laclau e Mouffe), mais tenta recuperar a fluidez e os fluxos do capital na análise económica de Marx para acomodalos á teoría social e ós movementos de diversidade sexual e de xénero.
Acomodada a fluidez e a flutuación como bases teóricas da análise social marxista, Lewis desprega unha relectura queer, marxista-feminista e trans-inclusiva da teoría da reprodución social (p. 122). É, neste segundo capítulo, onde a autora é capaz de establecer e configurar unha crítica anticapitalista ás estruturas heteronormativas ó mesmo tempo que evita caer no simplismo da condena directa a calquera institución social, política e de xénero vixente. É dicir, a través da análise marxista-feminista-queer de Lewis amósase como foron cambiando as relacións de xénero e as familias segundo os sistemas de produción e económicos que imperaban en cada un dos momentos da historia. A autora propón pensar a(s) familia(s) non como unha institución fixa, heterosexual e capitalista, senón como unha resposta ós fluxos sociais que dependen da estrutura económica. Así, a subversión da familia non se le como algo inherentemente anticapitalista nin feminista senón que depende das relacións socioeconómicas nas que se produzan. A postura da autora dálle a esquerda política unhas ferramentas teóricas e analíticas para volver a incluír á familia dentro do proxecto de emancipación social ó mesmo tempo que reivindica unha renovación e transformación plural e fluída das relacións sexuais, afectivas e de xénero inscritas na institución familiar (p. 139 en adiante). Así, a loita de clases inclúese como unha ferramenta para a consecución dun mundo máis xusto para as mulleres e as persoas queer e trans, do mesmo xeito que a loita contra a misoxinia e o heterosexismo son imprescindíbeis para a política marxista (p. 207).
Seguindo coa idea de non esquecer as estruturas materiais e económicas nas análises feministas e queer, Lewis utiliza o último dos capítulos centrais do libro para criticar a perspectiva interseccional (ou, como ela denomina, de vectores) por comprender que a raza, o xénero, a relixión ou a nación son liñas de opresión que se cruzan no corpo dun suxeito individual. Pola contra, Lewis afirma que estas son “relaciones sociales condicionadas por el capitalismo y que se condicionan unas a otras” (p. 217, a cursiva é da autora). A autora, que cita en varias ocasións o traballo de Jasbir K. Puar, Terrorist Assemblages: Homonationalism in Queer Times (2007, Duke University Press), propón entender os sistemas de opresión como o racismo, o sexismo ou o nacionalismo como ensamblaxes de relacións sociais e materiais influídas e influenciadas polo sistema económico nas que estas relacións están inscritas. Con esta nova perspectiva (post-)materialista marxista, Lewis pretende evitar unha política e análise crítica que se basee no sentimentalismo individualista onde os suxeitos acumulan opresións sen comprender e observar como estas se configuran e se establecen no contexto material, político e económico.
Deste xeito, a autora aspira a levar as formacións políticas dende un nacionalismo queer cara unhas propostas políticas baseadas no marxismo queer. É dicir, o entendemento de que as economías mundiais, as súas historias e as relacións materiais de produción inflúen, afectan e son afectadas polas relacións sociais de xénero, sexuais, étnicas, raciais, etc. Ó final, esta é a idea principal que Lewis tenta despregar durante todo o libro: a influencia das relacións económicas na produción social de identidades. Será, polo tanto, con esta idea coa que o libro remata a través dun decálogo de dez axiomas que sexan capaces de establecer un futuro marxista queer. O futuro que nos propón Lewis é un futuro baseado na solidariedade dentro dunha clase obreira que nos inclúa a todes e non só ós obreiros brancos. Unha solidariedade dialéctica e relacional que rexeite os binarismos e aposte por un feminismo trans-inclusivo, así como que politice as relacións sexo-afectivas e queerice as análises económicas. É a creación dun mundo para todes.
En definitiva, cunha escritura áxil e unha posición política e teórica fortemente traballada, o libro é difícil de criticar. A súa perfecta estrutura cunha introdución teórica a cada un dos campos de aproximación (marxismo, feminismo e teoría queer) fai que a lectora se atope de súpeto dentro dunha conversa e análise reflexiva que amosa como as relacións capitalistas son produtoras das relacións sexuais e de xénero. Faise, polo tanto, unha reconstrución da vida social e económica que fai imposíbel discernir se as ferramentas analíticas utilizadas parten da corrente marxista, feminista ou queer. No libro, Lewis é capaz de mesturar e configurar alianzas teórico-políticas fortes e capaces de loitar e combater os poderes capitalistas e heterosexuais. Neste senso, o texto é de vital importancia non só para a investigación crítica, marxista e feminista senón tamén para o público xeral interesado na creación de alianzas políticas xustas e duradeiras dentro dos seus barrios, aldeas ou vilas.
ISSN: 0211-6642
Vol. 41
Num. 1
Año. 2022
LEWIS, Holly: La política de todes. Feminismo, teoría queer y marxismo en la intersección, tradución de Javier Sáez del Álamo, Edicions Bellaterra, Barcelona, 2020, 323p.
Alexandre Pichel-Vázquez
,
Nota de copyright
Ao publicar en Agora, o/o autor/a-os/os autores/as cede/n todos os dereitos de explotación do seu artigo (incluíndo distribución, comunicación pública, reprodución e transformación) á Universidade de Santiago de Compostela, que, coas condicións e limitacións dispostas pola lexislación en materia de propiedade intelectual, é a titular do copyright e, por tanto, de todos os dereitos patrimoniais expresados, retendo o/o autor/a-os/os autores/as todos os dereitos morais que por lei lle corresponde/n (art. 14 TRLPI).
Sen prexuízo do anterior, e agás indicación contraria, todos os contidos distribúense en acceso aberto baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa do titular do copyright, non sendo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl
Como citar
Outros datos estatísticos
Descargas
Descargas (Últimos 12 meses)