O dia 6 de xuño de 2024 a través dunha mensaxe de Concha Roldán, Presidenta da Red Española de Filosofía (REF), a comunidade filosófica española soubo do pasamento de José Montoya Sáenz, Catedrático de Filosofía Moral e Profesor Emérito da Universitat de València. As palabras de Roldán reflicten ben a súa traxectoria: “Nos deja un gran investigador, un excelente profesional y un buen maestro”.
En efecto, un excelente investigador e profesional, e un mestre para moitas e moitos de nós, os que tivemos a oportunidade e a sorte de coñecelo persoalmente, pois alí por onde pasou deixou unha fonda pegada, desde os seus inicios como Catedrático de Filosofía no Bacharelato (contribuíndo coa elaboración de materiais para a docencia da Filosofía e da Ética), ata o seu final na Universitat de València. Especialmente forte foi a pegada do seu paso pola Universidade de Santiago de Compostela, e é sobre esta no que vou reparar e facer apenas uns apuntamentos. Na USC tomou posesión como Profesor Agregado de Ética e Socioloxía o 28 de xullo do 1980, estando o curso 1980-1981 completo e o seguinte curso, tras tomar posesión o 3 de agosto do 1981 do novo destino, o definitivo, incorpórase como Catedrático á Universitat de València, antes, pois, da LRU. Coa entrada en vigor desta lei, optou por adscribirse á área de coñecemento “Filosofía do dereito, moral e política” (anos despois, trala separación de Filosofía do dereito, denominada “Filosofía moral”) e non á de Socioloxía. Maila que a súa estadía no Departamento de Ética e Socioloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da educación durou un so curso académico, o contacto desde a súa marcha a Valencia mantívose, foi intenso e prolongado no tempo, sen perder nunca unha estreita vinculación con ela, impartindo seminarios, conferencias, como Profesor visitante, facendo parte de tribunais de oposicións e de Teses de doutoramento. Tivo unha permanente relación académica e persoal con Esperanza Guisán (ata o seu pasamento en 2015), e coa Sociedad Española de Estudios Utilitaristas (SIEU), sendo un dos seus fundadores no ano 1990, participando activamente nela, e en proxectos e congresos, publicando na súa revista Télos. É de todo imposíbel resumir nunhas liñas todo o que ten achegado nestes máis de corenta anos, que eu fun seguindo de preto, no académico e no persoal, á área de Filosofía moral e á facultade de Filosofía da USC.
Do seu paso por esta universidade, merece unha mención especial a súa vinculación coa Revista AGORA. Papeles de Filosofía, onde publica “Ética como relato” (1989), propondo repensar algunhas ideas da ética grega, así “excelencia” (areté) e “felicidade” (eudaimonia) son vistas como modalidades da noción de télos aplicada á acción e á vida humana, amosando unha das súas liñas traballo que centrarán as súas preocupacións ao longo dos anos, acreditando nas analoxías entre o pensamento moral e o relato (“fiction”), profundando a través da crítica literaria moderna, da que era un gran coñecedor, acorde coa súa constante idea da importancia das ciencias humanas e especialmente da literatura, da narración e da imaxinación, para a filosofía moral. Imprescindíbel, aínda a día de hoxe, a súa ollada ao panorama e correntes da filosofía política trala caída dos réximes autoritarios en Europa e as “tremendas experiencias” do século XX, e o seu balance en “La filosofía política en el final de siglo” (1996). Estes dous textos son referentes do seu perfil investigador e das súas aportacións sobre a ética grega e as diferenzas coa filosofía moral moderna, e sobre o liberalismo clásico e moderno, as súas dúas grandes liñas de traballo. Ten sido ademais un continuo revisor de artigos, sempre dispoñíbel e puntual na súa entrega dos informes, enviados maiormente por correo postal. E fixo parte do seu Consello Asesor.
Na súa colaboración coa USC salienta ademais a súa participación con “La ilustración escocesa y la idea de progreso” (Congresos USC, 1992) no “Simposio sobre el pensamiento filosófico y político en la Ilustración francesa”, con motivo da conmemoración do bicentenario da Revolución francesa no ano 1989, e na Homenaxe ao Prof. Pierre Aubenque: “Aristóteles: justicia y racionalidad practica” (USC, 1998). De novo achamos nestes textos o seu interese no estudo do sentido moral, das emocións e sentimentos, do progreso moral e da razón, reparando nos escoceses Adam Ferguson e John Millar, para quen o progreso da razón e o progreso moral, a diferenza dos ilustrados franceses, non van intrinsecamente unidos. Sen lugar a dúbidas, Montoya dedicou boa parte da súa vida ao estudo de Aristóteles, desde a súa propia tese de doutoramento (1968), publicando con Jesús Conill: Aristóteles: sabiduria y felicidad (1985) con Prólogo de Pierre Aubenque, e con numerosos textos ata o que ben pode ser o seu último escrito: “Aristóteles: presupuestos urbanísticos de la vida política” (2015), sendo un constante e recoñecido especialista no seu pensamento ético e político. Non quixera deixar pasar que o seu bo maxisterio levouno a ofrecer ao longo dos anos seminarios adicionais ao seu alumnado para dar a coñecer a Aristóteles nos seus textos en grego. O manexo das fontes orixinais, das que era coñecedor, sempre o distinguiu (grego, pero tamén alemán, francés, inglés, portugués e catalán), non só por rigor investigador, académico, tamén acorde coa súa posición respecto da relación entre linguaxe e pensamento, pola importancia do contexto cultural e histórico, mesmo polo seu interese na “linguaxe moral” e nunha “historia razoada da filosofía moral”, profundando nas “Raíces do pluralismo ético” (1997) e sinalando tres tipos de ethos: o da saúde e da felicidade, o da reciprocidade e o do humanitarismo, marcando a distancia crítica cos intentos modernos, que xulga “pretensiosos”, de fundamentar . moral, ou de atribuír á filosofía moral as funcións dun tribunal, poñendo de relevo que a ética grega ten ignorado o ideal de autonomía, non subscribindo unha dicotomía forte, mesmo considerándoa un erro, entre o deontoloxismo e o consecuencialismo. Máis unha vez, varios son os seus escritos sobre estas cuestións.
Non é doado, nin o obxectivo desta breve lembranza, esmiuzar toda a súa obra escrita, só avanzar uns trazos que fagan posíbel albiscar as súas ininterrompidas reflexións e aportacións nunha longa traxectoria docente e investigadora, que o levaron tamén a deterse en Wittgenstein ou en Hobbes e Rousseau (véxase, entre outros, o seu excelente capítulo na Historia da Ética, Victoria Camps, ed., vol. 2, 1992) dos que é un gran analista, así como do seu coñecemento de Hume, Kant, Bentham, Mill, H. Sidgwick ou os xa referidos da Ilustración escocesa. As súas lecturas dos clásicos antigos e modernos non poden senón situarse no cerne da súa preocupación pola vida e a acción ética e política no noso presente, atendendo polo tanto a debates e autores como, entre outros, F. A. Hayek, J. Rawls, D. Gauthier, J. Gray, J. Griffin, McDowell, B. Williams, reparando nos debates sobre xustiza e mercado, sobre a propiedade e a definición social das súas regras, sen deixar de lado, xaora, a necesidade de acurtar desigualdades, aínda colocándose máis preto do liberalismo clásico, e outro tanto respecto da ética antiga, sen que isto o leve a soster unha simplista revalorización ou “volta” a Aristóteles ou á filosofía moral grega, moi consciente e atento ás dificultades de transposición dunha linguaxe e concepcións a épocas distintas. A lectura dos seus textos ou, de ser o caso, a súa relectura permiten apreciar o seu profundo e extenso coñecemento dos problemas da filosofía moral e política, converténdose nunha boa fonte para a abordaxe de ditos problemas.
En xeral, nos seus escritos e no seu maxisterio, cómpre sinalar a súa potencia analítica e crítica, a súa erudición, a súa minuciosidade e a claridade expositiva, do que dá boa conta a súa última lección maxistral: “Reivindicación de la filosofía moral”, Lección inaugural de apertura do curso 2007-2008, na Universitat de València (2007), impartida dez días antes de pasar a ser Catedrático xubilado e Profesor Emérito. Nesta lección achamos a súa ben traballada e trabada visión da filosofía moral, a súa contribución a unha reivindicación da mesma, lonxe de entendela como “remedio” ante os “males” que prognostican os “profetas de desventuras”, afastándose de usos pouco “serios”, mesmo do abuso e da trivialización da palabra ética. A reivindicación comeza por dar razón da súa opción pola denominación “Filosofía moral” e non “Ética”, malia, en xeral, poder ser considerados sinónimos. As razóns teñen que ver non só con aspectos lingüísticos senón sobre todo cos cambios profundos que se introducen no terreo político e cultural desde mediados do século XVII e que supoñen que agrome un novo concepto: o da moralidade ou o dominio da moralidade, configurando o debate dominante na filosofía moral moderna, e con implicacións tamén importantes para a filosofía política. Un debate que irá discorrendo arredor da pescuda sobre a fundamentación da moral, acollendo a idea de que a normatividade é o seu elemento básico, así como a idea de que “a corrección moral é basicamente a obediencia a regras morais”. Non resumirei aquí, non só por razóns de espazo, as liñas de argumentación que desenvolven a súa posición, isto é, que “desde o punto de vista metodolóxico a filosofía moral dos gregos está nunha posición mellor que a caracteristicamente moderna”. Sen dúbida paga moito a pena ler demoradamente esta lección, porén acudirei ás propias palabras de Montoya, respecto daquelas ideas da filosofía moral e da súa reivindicación:
En mi opinión, es una simplificación de nuestro lenguaje moral y una desviación del sentido histórico de la filosofía moral. Desde el punto de vista metodológico, repito, la filosofía moral griega se encuentra en mejor forma para proporcionarnos la base de un lenguaje moral y político más adecuado. El punto central de aquella filosofía es, desde luego, la afirmación de que las cuestiones que ahora llamamos preferentemente “morales” (es decir, las abarcadas por la moralidad) no son las cuestiones centrales de la filosofía moral. Su pregunta fundamental no es: «¿en qué consiste la moralidad?», sino: «¿qué es la vida buena para el hombre»
De aí que, afirme:
Defender la noción de excelencia de carácter (y no sólo en el sentido moralista de las virtudes altruistas, sino también de las virtudes prudenciales) como noción fundamental y primaria en la filosofía moral es, me parece, algo imprescindible. No hay que pasar por alto sus limitaciones, que son las de la filosofía moral misma.(p. 27).
Esta sucinta lembranza vai ao fío do Khronos mais tentando dar conta sobre todo do Kairós, tan querido para Montoya. Coincidín cronoloxicamente con el naquel curso 1980-81 no Departamento de Ética e Socioloxía, inesquecíbel a súa presenza coa súa capa e a súa pipa. Por acaso, o Kairós foime propicio, foi o meu director de tese de doutoramento, tiven a sorte do meu lado, tiven a oportunidade de estar preto dun gran investigador, un excelente profesional e ter un bo mestre. A miña débeda esténdese da conversa académica ás nosas amistosas conversas sobre o divino e o humano (incluíndo, por descontado, o seu liberalismo e o meu feminismo) ao longo destes máis de corenta anos, ficando na tea da miña memoria, no convencemento de que foi, no persoal e no académico, un home de ben e unha “rara avis” na universidade, cando menos, española. E remato xa coas liñas do poema de T.S. Eliot que el mesmo cita na lección a xeito de declaración filosófica:
Nota ao pé de páxina
[1] Véxase, J. L. Tasset na súa lembranza: https://revistas.usc.gal/index.php/telos/announcement/view/128
[2] Fica aquí o enlace para consultar a súa obra: https://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?Ccdigo=79206
[3] Tiven a honra de que me enviase o exemplar desta lección, cos seus subliñados e acotacións, empregado para a súa lectura pública.
[6] Mesmo por acaso, tamén coincidimos no ano 2005 en Inglaterra, Montoya estaba de estadía na Universidade de Oxford e eu no Gender Institute da London School, ademais de vernos nas fins de semana en Oxford, e continuar as nosas conversas, vivimos e partillamos –estaba en Londres neses días acompañado por Asumpta, a súa dona– o horror dos atentados do 7 de xullo.
[7] Nunca preocupado por “facer curriculum” ou “sentar cátedra”, tampouco foi amigo das novas “pedagoxías” e tecnoloxías, deixando unha fonda pegada nos seus alumnos e alumnas, como recolle moi ben Agustín Zaragozá no seu “José Montoya, in memoriam”, publicado no xornal Levante (13/05/2024): https://www.levante-emv.com/opinion/2024/06/13/jose-montoya-in-memoriam-103748311.html