Filosofía política de José Ortega y Gasset? Quizais asalte a pregunta ollando de primeiras este libro. A delineación dos trazos da filosofía política de Ortega é xusto o seu cerne. Jorge Brioso e Jesús M. Díaz Álvarez fan parte do colectivo de estudosos do filósofo español. Emporiso, non é por acaso que estea escrito a catro mans, é froito do seu traballo individual e conxunto. Nel achégasenos unha lectura de Ortega afastada dun “excesivo internalismo” e dunha sorte de lóxica defensiva ou autodefensiva, tendencia maioritaria no ámbito dos “estudos orteguianos”, avanzando nun “salto cualitativo” ao enfrontar o pensamento político de Ortega como un “clásico vivo” do século XX europeo, con “todos os seus claroscuros, as súas quebras e as súas contradicións” (p. 19). Poñer o foco na filosofía política é un chanzo necesario para que agrome “a cara máis lúcida, e quizais tamén máis problemática, da súa filosofía e do seu compromiso intelectual, moral e político” (p. 20), subliñan na «Introdución: algo más que un prólogo». O salto cífrase na Filosofía política, polo que este libro non debera pasar desapercibido para quen se ocupa dela, máis alá dos “orteguianos”. E aínda máis, acolle unha aposta clara pola recuperación da filosofía española e feita en español, instando a mirar aos seus clásicos sen complexos de inferioridade e a reflexionar sobre a súa transmisión, ou ausencia dela, sobre a recepción feita desde a Transición española ata hoxe.
La lucidez confrontada, título moi suxestivo, desentraña o paradoxo, que o mesmo Ortega contribuíu a alimentar, da relación entre filosofía e política. Isto é, negar o carácter político dos seus escritos e, ao tempo, ser un dos poucos filósofos que máis enerxía e tempo dedicaron á política. Analizando «Verdad y Perspectiva» (1916) e «Mirabeau o el político» (1927), Brioso e Díaz acreditan unha relación dialéctica entre política/acción e contemplación na busca dun axuste entre vida e realidade. Delinease “o paradigma do político” e de “o político”, enmarcándoo na filosofía da razón vital ou histórica. O filósofo e o político son as dúas caras dunha mesma moeda, non hai paradoxo, compre, pois, retirar o “cordón sanitario” sobre Ortega como pensador político, advertindo da decisiva importancia que lle da ao social sobre o político.
Lucidez si, mais confrontada. Os temas esenciais do pensamento político de Ortega, os máis estudados e aqueloutros menos atendidos (teoría da guerra, do poder espiritual, da continxencia ou do totalitarismo) examínanse á luz de autores pasados, ben referidos por el, ben cruzándoos con outros próximos, distantes, ou vivos. Por esta vía, a lucidez irá parella coa problematización do seu pensamento, estudándoo en relación cos seus clásicos e cos seus contemporáneos. Salvadas as excepcións, afirman, non abundan monografías deste tipo. Con estes obxectivos, o libro toma corpo en dúas partes: «Filosofía y guerra», con tres capítulos: «Así en la paz como en la guerra. Una lectura filosófico política de las «Meditaciones del Quijote cien años después» (pp. 33-56); «Filosofía, política y guerra en José Ortega y Gasset y Carl Schmitt. Un contrapunto» (pp. 57-89); e «La guerra civil. Valoraciones de la conflagración española en José Ortega y Gasset, José Gaos y Julián Marías» (pp. 90- 110). «Nuevo liberalismo, totalitarismo y filosofía» contén dous capítulos: «Esperar lo inesperado. Algunas reflexiones sobre la contingencia a partir de la obra de Antonio Rodríguez Huéscar y José Ortega y Gasset» (pp. 131-168), e «La razón histórica en tiempos sombríos. Las ambigüedades del «Nuevo liberalismo» orteguiano» (pp. 169-185). Un «Interludio filosófico-fenomenológico» (pp.113-127) fará de ponte entre as partes. Os capítulos levan unha introdución e unha “coda”, Brioso e Díaz expoñen dun xeito claro e sintético as ideas fundamentais, os problemas e as liñas abertas na súa interpretación, perfilando ben as contornas do tratado e as súas aportacións propias. As citas a pe de páxina abondan en documentación e precisións esixindo unha lectura demorada. Así a todo, interpela aos lectores do século XXI.
Filosofía e guerra, ábrese formulando a necesidade dunha actualización do primeiro libro de Ortega: Meditaciones del Quijote. Un texto “clásico”, afirman, que “foi capaz de ler as urxencias que lle impuxo o seu tempo e o noso” (p. 33), colocando como acontecemento de fondo a Primeira Guerra Mundial. Neste caso, detéñense na recensión de Der Genius des Kreiges und der deutsche Krieg (1915) de Max Scheler, que Ortega recoñece como “unha das mellores reflexións que se teñen feito sobre o fenómeno bélico” (p. 36). Ambos os dous partillan unha visión da guerra como produto do espírito, non simple matanza, e elemento civilizatorio, a misión da guerra ten sido “dotar aos Estados de dereitos adecuados a súa potencia espiritual” (p. 37). Agora ben, para Ortega, lonxe de teses pacifistas e a diferencia de Scheler, o recurso á violencia non ten porque ir unido á supremacía espiritual; o poder espiritual exprésase mediante a invención dun sistema de crenzas, un ethos acorde co órgano estimativo dos humanos e as súas comunidades, e permite diferenciar entre o nobre e o vulgar, o superior e o inferior. A paz non é un estado, é unha creación. Brioso e Díaz respostan afirmativamente á pregunta de si Ortega nestes anos é quen de desenvolver “un modelo de orde estimativa capaz de asegurar unha «paz perpetua»” europea (p. 42). En Meditaciones, amosan a síntese dialéctica entre as dúas ordes estimativas do panorama espiritual europeo: a cultura mediterránea e a cultura xermánica, que, por primeira vez e de xeito ficcional, xira arredor da novela. Sopesando os pro e contras do modelo de “paz perpetua”, conclúese que Ortega é un clásico político “incómodo, pero necesario” (p. 56) para os lectores do século XXI.
No capítulo II o contrapunto é Carl Schmitt, escolla non casual. Da man de Miguel Saralegui (2016), subliñase a presenza de Ortega no epistolario de Schmitt cos seus amigos españois, e o seu interese por coñecer ao “mestre”; ambos os dous autores partillan temas, perseguindo como obxectivo pensar a tensión dialéctica entre a excepción e o xeral. Partindo dos modelos clásicos da guerra no mundo grego: stásis e pólemos, apoiándose en diversos pensadores (nomeadamente, Nicole Loraux e Gorgio Agamben), sinalan o silencio respecto da stásis e a prol do pólemos na tradición filosófica, pasando a examinalos en Ortega e en Schmitt. Constatan unha “concordia discors”, salientando o contrapunto entre a crítica schmittiana da tradición liberal e democrática e o “idiosincrático” do “novo liberalismo” propugnado por Ortega.
De especial interese é o capítulo III. Chámase a atención sobre o desleixo con que se ten recibido en España o tratamento filosófico da guerra civil. A cuestión é, reparando nos escritos de Ortega, José Gaos e Julián Marías publicados nos anos 1937 e 1938 (fican para outra ocasión María Zambrano e Manuel García Morente), como avalían o que pasa en España e o seu grao de compromiso coa República. De Gaos analízan a conferencia pronunciada en decembro do 1936 en Oslo e Estocolmo e a súa idea de que unha guerra civil sempre require estar dunha parte da lea, que o caso español non encaixa nun “pronunciamento”, é unha “loita fratricida”; xunto con ser unha revolución e unha guerra internacional. Respecto de Ortega, discuten que fixera parte da “Terceira España”, segundo os autores, nin se mantivo equidistante, nin o seu silencio foi tal como se adoita afirmar. Recomendando unha lectura “non inxenua” dos diversos textos escritos desde 1937, analizan «En cuanto al pacifismo» (1938), no que tenta explicar que está pasando en España á opinión pública británica, aliñada co lado republicano sen saber, ao seu xuízo, o que sucede. En canto ao seu nivel de compromiso indican o “carácter máis velado e sinuoso cos nacionais” (p.109). No caso de Julián Marías, o texto elixido é “Marco Aurelio y la exageración», nel a guerra civil ou España non aparecen explicitamente. Porén, Brioso e Díaz van lelo como un texto sobre a guerra civil española, atendendo ao momento, 1937 e ao lugar de enunciación, a revista Hora de España, apreciando a distinción entre a esaxeración cosmopolita e a anomalía totalitaria. Guerra civil, totalitarismo e Europa son os eixos do que acontece. Os autores rematan coa imposibilidade de neutralidade nunha guerra civil, mesmo si acontecese nas sociedades actuais.
«El filósofo y sus filosofías. Ortega, la fenomenología y algo más» (pp.113-127) sitúase entre as dúas partes. Nel abórdase a práctica filosófica segundo Ortega e a súa vinculación coa idea de ser humano, sostendo que está “a cabalo entre dous mundos filosóficos”: un no sentido husserliano-fenomenolóxico; outro historicista, hermenéutico e pragmático, albiscándose a pegada de Heidegger e abandonando o “trascendental”, adquirindo relevancia a continxencia e a finitude. ¿Qué es la filosofía? (1929) reflicte a posición de Ortega ata comezo dos anos trinta. En «Apuntes sobre el pensamiento, su teurgia y su demiurgia» (1941), o filósofo acolle a distinción entre pensar e coñecer, encamiñando unha visión da filosofía como discurso contextual e histórico. Malia o cruce de camiños detectado, Brioso e Díaz xulgan que Ortega non tira dos fíos máis radicais do posíbel fin da filosofía. A pregunta pola filosofía, dinnos, é sobre “a nosa idea de humanidade”, e ténsanse os fíos: “¿é necesario pensar unha forma de discurso que xa non sexa filosofía para eliminar o insulto á igualdade humana que acompaña á tradición filosófica?” (p. 127).
Na primeira parte íanse esmigallando ideas sobre o carácter “idiosincrático” do “Novo liberalismo” de Ortega, os seus tres trazos evidentes: “antirracionalismo (antiutopismo), conservadurismo e multiculturalismo” (p. 89). Sen tentar encaixalo nas actuais modalidades do liberalismo, os autores inciden na lucidez de Ortega ao demandar unha urxente reforma ante os síntomas do seu esgotamento (p. 56). Aquí afóndase no avanzado, no seu carácter falibilista, continxente, historicista e antiutópico. No primeiro dos dous capítulos, o eixo é a continxencia: “esperar o inesperado”, a finitude e a mortalidade, a liberdade. Tirando as súas reflexións de textos de Ortega, de Rodríguez Huéscar, Rorty e Gray, indican que esta escolla pode levar a sorpresa, como o propio feito de que os dous últimos fagan referencias explícitas ao pensador español. O foco ponse, atinadamente, nas “fobias” da filosofía. Volvendo sobre a afirmación de «En cuanto al pacifismo»: “virá unha articulación de Europa en dúas formas distintas de vida pública: a forma dun novo liberalismo e a forma que, con nome impropio, adoitase chamar “totalitaria” (p. 169), no capítulo VI, profundarase na posición filosófica de Ortega: fascismo, comunismo, totalitarismo, liberalismo e en como se vai fraguando a razón histórica neses tempos sombríos. Acudindo a diversos textos, algún inédito ata 2009, sinalan a necesidade de máis estudos, en particular sobre o totalitarismo, afianzan o decantamento de Ortega cara ao liberalismo respondendo “á verdade política vivinte dos pobos de Europa á altura da súa existencia actual” (p. 181). Emporiso non deixan de apuntar a “ambigüidades inquietantes”, concluíndo que “non deberíamos intentar civilizar ou urbanizar en exceso o lado «salvaxe» da razón histórica, quizás sexa del do que máis podamos aprender nestes momentos” (p.185).
É imposíbel desmiudar todo o que comporta esta monografía: sobre o pensamento político de Ortega, violencia política e guerra civil, Europa, os totalitarismos, a democracia liberal e, entremedias, sobre a nación, o pobo, o Estado, a pluralidade e a liberdade, a igualdade/diferencia. É de salientar que Brioso e Díaz non agochan a súa perspectiva, facendo valer as súas discrepancias, arriscando lecturas e demandando máis estudos; fornecéndonos, á derradeira, cun bo exercicio filosófico-político.