MANUSCRITO
O texto dos traballos prepararase cos procesadores de texto usuais compatibles cun ordenador tipo PC (preferentemente Word ou programa compatible), con formato de páxina A4, a dobre espazo, paxinado e con marxes anchas (3 cm). Os artigos non superarán as 6000 palabras no texto nin 25 follas imprimidas (incluídas figuras e táboas). Excepcionalmente, e logo de consulta co Comité Editorial, poderá considerarse a publicación de artigos de maior extensión, tales como Catálogos ou Inventarios de Fauna ou Flora de especial interese. Os traballos de divulgación non excederán as 4000 palabras (unhas 8 páxinas A4 cunha fonte de 12 puntos).
Os idiomas dos artigos poderá ser español, inglés ou galego, pero en calquera caso os pés de táboas, láminas e figuras, e as palabras claves, se escribirán ademais en inglés, salvo naturalmente que este xa sexa o idioma do manuscrito. As páxinas numeraranse de forma consecutiva, sendo a primeira a correspondente ao título e autor ou autores do traballo, a segunda ao resumo, as seguintes ao texto e, finalmente, as correspondentes ás táboas, figuras, fotografías e as súas respectivas lendas.
Se os traballos teñen táboas irán a continuación do texto, cada unha en folla separada, numeradas correlativamente seguindo a orde na que aparezan citadas no texto e levarán un título curto pero suficientemente explicativo. Os gráficos e figuras deberán achegarse de forma independente, nunca insertas no texto. No texto deberán suprimirse os formatos de páxina e parágrafo (saltos de páxina forzados, sangrías, etc.), mantendo os de carácter (itálicas, grosas, etc.). As citas dos nomes de autores no texto e na bibliografía deberán ir en maiúsculas.
Título. Deberá ser conciso, pero informativo. Figurará na primeira páxina do manuscrito no idioma empregado no texto, e será acompañado sempre dun título en inglés, salvo que este fose o idioma orixinal do texto, en cuxo caso se utilizará o español ou galego. Se comporta o nome xenérico ou específico dalgún organismo, deberá indicarse a súa posición taxonómica. Indicarase, así mesmo, un título resumido, de extensión non superior a 10 palabras, que será utilizado nas cabeceiras de páxina. O título será acompañado do nome do autor ou autores e as súas direccións postais completas, con indicación expresa do autor responsable para os efectos da correspondencia.
Resumo. De extensión non superior a 200 palabras, deberá ser conciso, indicando os principais resultados e conclusións do traballo. Figurará ao comezo do traballo no idioma empregado no texto, e será acompañado sempre dun resumo en inglés, salvo que este fose o idioma orixinal do texto, en cuxo caso se utilizará o español ou galego. Xunto co resumo relacionaranse entre 3 e 10 palabras-clave que faciliten a informatización e dean unha rápida idea do contido do traballo.
Texto. Deberá procurarse estruturalo en: Introdución, Material e Métodos, Resultados, Discusión, Agradecementos e Referencias bibliográficas, agás para as notas breves, recensións e traballos de divulgación. Os símbolos, unidades e nomenclatura empregada estarán de acordo co uso e normativas internacionais. Os nomes latinos de xéneros e especies deberán ir en cursiva, e polo menos a súa primeira mención no texto irá acompañada polo nome do autor. En caso de presentar unha lista ou táboa con todos os taxóns, será suficiente con que nelas figuren estes datos. En todo caso seguiranse escrupulosamente as normas dos códigos internacionais de Nomenclatura Zoolóxica e Botánica, e a ser posible tamén as súas recomendacións. Para os detalles relativos á situación dos encabezamentos e subencabezamentos no texto, así como para os tipos de letra a empregar, deberán consultarse os últimos números publicados da revista.
Referencias bibliográficas. Nas referencias a autores que figuren na bibliografía consignarase o apelido seguido da data de publicación do traballo a que se fai referencia, con ou sen indicación da páxina, por exemplo: (CLEMENTE, 1807:322) ou ben CLEMENTE (1807), PÉRÈS (1967 a, b), PARKE & DIXON (1976). Deberá empregarse a expresión et al. en referencias a traballos asinados por máis de dous autores.
A bibliografía deberá incluír únicamente os traballos citados no texto, ordenados alfabeticamente por nomes de autores e cronoloxicamente para o caso de varios traballos dun mesmo autor. A citación completa farase segundo a seguinte orde: Apelido e inicial do autor ou autores. Data de publicación (entre paréntese). Título completo do traballo. Nome completo da revista (en itálicas), seguido da serie, número de volume, fascículo e páxinas. Os títulos de libros irán en itálicas e seguidos do número de volume (no seu caso), editorial e lugar de edición e número de páxinas.
Táboas e cadros. Serán realizadas utilizando tabuladores, nunca espazos en branco. Realizaranse a dobre espazo, sen liñas verticais e numerados consecutivamente con carácteres romanos, levarán un encabezamento conciso, así como as notas ao pé que expliquen os símbolos utilizados e as aclaracións necesarias, colocándose en páxinas numeradas separadamente a continuación das referencias bibliográficas. Poden ter a anchura dunha columna (76 mm) ou dúas columnas (160 mm) e non superarán as 20 columnas, salvo casos excepcionais autorizados polos editores. Farase referencia a elas no texto (Táboa I, Táboa II, etc.), indicando onde se desexa a súa colocación.
ILUSTRACIÓNS
Presentaranse en soporte informático con formatos compatibles con Adobe Photoshop ou calquera formato estándar de imaxe (TIFF ou JPEG preferentemente). Prepararanse de forma que se poidan reproducir nunha columna de texto (76 mm) ou en dúas columnas (160 mm), debendo incluír o autor nelas cantas letras, números ou símbolos sexan convenientes, de maneira que de ser necesaria unha redución, o tamaño final de letras e números sexa polo menos de 3 mm.
Os gráficos, debuxos e fotografías (sen enmarcar) irán numerados consecutivamente en carácteres arábicos e serán referidos secuencialmente no texto, como: (Fig. 1), (Fig. 1, 2), (Fig. 1-3), etc. As lendas, con termos, abreviaturas e símbolos que se correspondan cos empregados no texto, presentaranse xuntas, a dobre espazo, en páxina ou páxinas separadas.
O tamaño máximo para unha figura ou grupo de figuras (con lenda) que ocupe unha páxina completa da revista será de 21 x 16 cm; se o orixinal o supera deberá facelo de forma proporcional. Debuxos e fotografías poden ser agrupados en láminas cuxo tamaño máximo sexa igual ao dunha páxina da revista. Os debuxos realizaranse en tinta negra ou impresión laser e deberán ter unha resolución mínima de 1200 dpi; para as fotografías será necesaria unha resolución mínima de 500 dpi. Se se inclúen escalas a referencia ao tamaño ha de facerse por medio dunha barra, non por un factor multiplicador.
PROBAS E SEPARATAS
Probas. As probas serán revisadas coidadosamente polos autores, os cales efectuarán os cambios mínimos necesarios, corrixirán os erros de impresión e as devolverán no prazo dunha semana a partir da súa data de recepción. O atraso na devolución das probas poderá supoñer un atraso na súa publicación.
Separatas. Subministrarase gratuitamente aos autores un arquivo en formato PDF do artigo.