Acerca do Xornal
Temática e alcance
A Revista Dereito é unha publicación científica dirixida tanto a persoal docente e investigador como a profesionais do sector público e do sector privado que desenvolvan as súas actividades no eido das Ciencias Xurídicas. Ten como obxectivos:
a) A difusión do coñecemento nos ámbitos científico e docente na área das Ciencias Xurídicas, mediante a publicación de traballos de investigación e de estudos relacionados coa impartición da docencia universitaria, caracterizados pola súa orixinalidade e calidade.
b) Constituír un vehículo para a reflexión e o debate sobre todo tipo de problemas xurídicos, tanto dende o punto de vista teórico como práctico, mediante a publicación de artigos de opinión científica e traballos descriptivos de experiencias prácticas.
Na Revista publicaranse traballos nas linguas galega, castelá, portuguesa, francesa, italiana e inglesa.
Proceso de revisión por pares
Os traballos que cumpran as normas técnicas de publicación na Revista serán enviados para a súa avaliación, con omisión da súa autoría, a dúas persoas designadas ad hoc pola Secretaría da Revista.
A avaliación axuizará a orixinalidade, novidade, relevancia, rigor, calidade metodolóxica e presentación formal dos traballos.
A avaliación remitirase a través da plataforma dixital ao editor, e o seu resultado final pode ser aceptado, aceptado con correccións menores, aceptado con importantes modificacións ou rexeitado.
Os resultados da avaliación, tanto positiva como negativa, comunicaranse por correo electrónico ás persoas que enviaron os traballos, xunto cos ditames das persoas que realizaron a avaliación, omitindo a identidade destas. Os resultados do proceso de ditame académico serán inapelables en todos os casos.
O Consello de Redacción aceptará para a súa publicación os traballos con dúas avaliacións positivas, aínda que estas inclúan suxestións. Neste último caso, a Secretaría da Revista devolverá o traballo á persoa que o envíou para que incorpore as devanditas suxestión no prazo improrrogable de dez días.
Non se publicarán os traballos que teñan dúas avaliacións negativas.
Se un traballo obtivese unha avaliación positiva e unha avaliación negativa, enviarase a un terceiro avaliador para a súa valoración. Só se esta terceira avaliación fose positiva o Consello de Redacción poderá aceptalo para á súa publicación.
Frecuencia de publicación
Semestral
Política de acceso aberto
Dereito facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.
A publicación non ten ningún custo para os autores.
Indexada en
A revista, de periodicidade semestral, aparece indizada no International Political Science Abstracts, Political Science Complete, ERIH+, Sociological abstracts(Select.), Worldwide Political Science Abstracts, SocINDEX, Scopus(discontinua), Fuente Academica Premier, Academic Search Complete, Current Abstracts,TOC Premier, ISOC, ULRICH, DIALNET, e está presente no 38,09% das universidades españolas coa titulación (24/63).
Dereito sitúase, no periodo 2005-2009, no posto 12 de 71 entre as revistas españolas de Ciencias Jurídicas de maior impacto (RESH). O indicador que mide o impacto é a taxa de citación e para calculala tivéronse en conta as citas nas principais revistas científicas españolas e as citas recibidas no Web of Science.
Exención de responsabilidade
Dereito non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.
Informe de avaliación
Directrices éticas
A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.
Editorial
A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.
Dirección da revista
A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
Avaliadores
Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
Autores
Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.
Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html
Política antiplaxio
Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:
- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.
Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.
Protocolos de interoperabilidade
Dereito proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1
Ruta para os colleitadores:
https://revistas.usc.gal/index.php/dereito/oai
Historia
Dende a súa fundación en 1991, a Revista Dereito. Revista Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela aspira a estar incluída entre as revistas de referencia no ámbito nacional e internacional e, polo tanto, trata de cumprir co maior número posible de criterios de calidade establecidos nos índices de valoración de revistas científicas.
Neste senso, son destacables os esforzos efectuados no último decenio para lograr a súa inclusión en bases de datos como RESH, DICE e LATINDEX. Así, dende o ano 2009 tense acadado en gran parte este obxectivo e, en consecuencia, o financiamento da súa publicación por parte da Universidade de Santiago de Compostela.