Hai agora cinco lustros que Begonya Sàez coordinaba e asinaba a presentación a un monográfico sobre Kierkegaard na revista Enrahonar (vol. 29, 1998). Alí, comezaba ela sinalando como cinco lustros atrás –dez, pois, para nós– Kierkegaard a penas pasaba de ser recoñecido como unha mera anécdota na historia da filosofía; como un pequeno episodio, circunstancial –comprendido e superado–, en tanto que antesala do existencialismo ou, antes, como parte da primeira recepción do hegelianismo. E isto último non deixa de ser unha gran ironía: a dunha Aufhebung historiográfica conservando e superando o simple momento negativo, evanescente, dun “antihegeliano” máis. De feito, así sería aínda caracterizado Kierkegaard nun dos poucos traballos que a finais do século pasado se publicaran en España (Javier Urdanibia, coord., Anthropos, 1990), nun momento aínda temperán no tan necesario esforzo de recepción académica da obra kierkegaardiana, que co tempo, e traballosamente, iría transformando no noso contexto máis inmediato a nosa percepción e valoración do complexo pensamento do autor dinamarqués.
O mencionado monográfico de Enrahonar, co que este que agora presentamos se emparenta, salvando as debidas distancias, foi de feito no seu momento un significativo pulo para unha ambicionada “maioría de idade” dos estudos kierkegaardianos en España que, como dicimos, por esa altura se viña aínda conquistando. No que a revistas respecta, cabe mencionar que tres anos antes tiña habido tamén un meritorio precedente: o monográfico da revista Thémata dedicado –máis especificamente– a El concepto de la angustia. 150 años después, introducido por María García Amilburu (n. 15, 1995). Coa publicación, pouco despois, do mencionado volume de Enrahonar dábaselle á recepción de Kierkegaard no estado español, xa case encerrando o século, non só o importante pulo que dicimos, senón tamén a necesaria visibilización do que estaba a ser daquela a decisiva incorporación da recepción española dos estudos kierkegaardianos á investigación internacional; pois non só eran académicos de recoñecida valía internacional quen asinaban os textos que alí se reunían, senón que tamén se daban a coñecer os distintos centros de investigación dedicados ao estudo de Kierkegaard e a non sempre obvia correspondencia das traducións ao castelán coas obras do escritor dinamarqués. E non podemos pasar sen destacar aquí, á marxe do referido, a importancia que tivo en todo este proceso a figura do sempre recordado Rafael Larrañeta, quen sería a súa cabeza visíbel máis destacada até o seu triste e prematuro pasamento en 2002.
De todo este proceso dimos hai xa uns anos cumprida conta nun traballo sobre a recepción de Kierkegaard en España que foi, ao mesmo tempo, para alén de crónica do acontecido até ese momento, en si mesmo un exemplo máis do que nesa altura estaba a acontecer. E é que o traballo formaba parte dun dos máis ambiciosos e importantes proxectos editoriais vinculados á investigación kierkegaardiana que verían a luz xa entrado o século xxi: a moi completa obra enciclopédica Kierkegaard Research: Sources, Reception and Resources, coordinada por Jon Stewart e publicada, nun total de 21 volumes en 58 tomos, entre 2007 e 2018, primeiro por Ashgate, despois por Routledge (o traballo ao que nos referimos, “Spain: The Old and New Kierkegaard Reception”, encóntrase no volume 8, tomo II, 2009, pp. 17-80).
Sobre as vicisitudes da recepción da obra de Kierkegaard non procede que nos deteñamos agora máis. Diremos só que nos últimos anos –ou mellor, os últimos lustros, para continuar como comezabamos– as lecturas de Kierkegaard acabaron consolidando unha nova perspectiva que só nas décadas finais do pasado século comezara paulatinamente a gañar recoñecemento na literatura académica. Estamos a referirnos ao que a propia Sàez denominaba entón “lectura estética”, en referencia a aquelas interpretacións que parten do recoñecemento da obra kierkegaardiana como escritura, isto é, da importancia da atención á dimensión retórica do texto, non como un ornamento puramente formal senón como “parte esencial á [súa] produción” (tal como o propio Kierkegaard diría da súa pseudonimia). Este tipo de achegas, en moitos casos afíns á esixencia de re-lectura reclamada desde o postestruturalismo e a deconstrución (nas últimas décadas Derrida ten estado tan presente nos estudos kierkegaardianos como noutras anteriores poderían ter estado Heidegger, Sartre ou Barth), non só exploraron novas vías interpretativas da obra de Kierkegaard, co tan valioso efecto de cuestionar os reducionistas clichés aos que parecía estar condenada, senón que contribuíron moi significativamente a unha saudábel reconsideración do conxunto da produción que permitise poñela unha vez máis en diálogo cos problemas e debates contemporáneos.
Hoxe en día a contemporaneidade da obra kierkegaardiana é algo que se fai evidente por medio da súa reivindicación desde lecturas como poidan ser: as relacións interdisciplinares de filosofía e relixión ou de filosofía e literatura, que cuestionan a contraposición dicotómica que outrora servira de xustificación para negar o valor filosófico da obra kierkegaardiana; os estudos queer, que tamén contra as dicotomías reivindican no noso autor un precedente que a moitos resultará ben contraintuitivo; as así denominadas filosofías da diferenza, que de maneiras máis ou menos expresas recoñecen, ou cando menos levan implícita, a débeda coa obra de Kierkegaard (a outredade, o singular, a repetición, a ironía, etc.); ou as relacións co primeiro Romantismo, co que a produción kierkegaardiana comparte un itinerario de reivindicación a contracorrente das ideas estereotipadas na historiografía, moi inxusta con ambos. Nuns e noutros casos, repetimos, encontramos exemplos da evidente actualidade dun pensamento do que cabe dicir, como de poucos, aquilo de “adiantado ao seu tempo”, aínda que só sexa como un modo de expresar o recoñecemento da súa vixencia para pensar, con el, o noso propio tempo.
Non podemos pasar por alto que neste proceso de recoñecemento, sen tutelas (“pai do existencialismo”, “antihegeliano”, “precedente da teoloxía dialéctica”, “precursor do postestruturalismo”), da obra kierkegaardiana ten xogado un papel moi destacado a edición dos Søren Kierkegaards Skrifter (28 volumes en 55 tomos, publicados en Copenhague por GAD e o Søren Kierkegaard Forskningscenteret entre 1997 e 2013), impulsora dunha fecunda actividade investigadora ao tempo que privilexiado indicador desta. A edición dos SKS serviría, ademais, para completar un proceso dalgún modo anticipado xa na década de 1970 por Alastair McKinnon co seu Index Verborum, daquela en CD-ROM, a saber, a dixitalización da obra, a día de hoxe dispoñíbel publicamente na internet. Para alén disto, moito máis do que unha edición crítica de toda a produción kierkegaardiana, esta ambiciosa iniciativa serviu de impulso para que o Centro de Investigación Søren Kierkegaard (Søren Kierkegaard Forskningscenteret), da Universidade de Copenhague, promovese distintos proxectos vinculados a ese central que foi a preparación da que hoxe é a edición canónica dos escritos. Entre estes outros proxectos paralelos vería a luz o da tradución ao castelán das obras completas, asumido pola editorial Trotta; non a tradución de todos os escritos, que son os que recolle a edición dinamarquesa, malia que a propia colección fose tamén neste caso denominada co mesmo rótulo, Escritos de Søren Kierkegaard.
Infelizmente este proxecto de tradución, tan importante para a consolidación definitiva da recepción académica de Kierkegaard no dominio lingüístico do castelán, quedaría a medias, lonxe de ser completado. Resulta difícil evitar interpretar esta malograda iniciativa como a perda dunha gran oportunidade, a saber, a da vantaxosa inercia dun momento privilexiado na investigación kierkegaardiana internacional. En calquera caso, este último produciu resultados que son hoxe un excelente soporte académico desde o que avanzar en novos estudos que continúan a facer valer esa actualidade da obra de Kierkegaard na que vimos insistindo.
Os traballos que aquí presentamos constitúen unha excelente mostra desta actualidade. Veñen da man, por outro lado, dalgúns dos responsábeis dese esforzo continuado desde as últimas décadas, ao que acabamos de referir. Patricia Dip explora a conexión de Kierkegaard con Barthes para mostrar como ambos confluirían nunha concepción ética da escritura que se sustenta no cuestionamento da autoridade do autor e no recoñecemento do límite do dicir. Nassim Bravo centra o seu traballo na reflexión que Kierkegaard leva a cabo sobre Adler para pensar, desde ela, o modo de concibir a revelación no contexto relixioso da Modernidade. No caso de Jon Stewart volvemos encontrar unha interpretación da peculiaridade da escritura kierkegaardiana, que xa antes sinalamos como definitoria de moitas das lecturas contemporáneas; en concreto, Stewart examina o discurso “Ao pé dunha tumba” para identificar nel a superación da división disciplinar de xéneros literarios. Begonya Saez aproxímase a Temor e tremor para desde esta obra reflexionar sobre a concepción da subxectividade, atravesada polo poder da negatividade. Por último, Darío González, unha vez máis volvendo sobre a cuestión da escritura kierkegaardiana, ocúpase da figura do poeta e da relación que se establece entre a interpretación que dela fai Kierkegaard e a súa propia obra, isto é, a relación entre o recoñecemento do relixioso e a posibilidade de abordalo filosoficamente.
Confiamos en que este monográfico que acolle a revista Agora poida ser tanto un marco máis no decorrer dos estudos kierkegaardianos como un pequeno fito para o modesto capítulo que a día de hoxe constitúen as iniciativas feitas desde a investigación galega que, como a catalá, vai dando desde a periferia os seus propios sinais de actividade, arraigada no pasado e con proxección de futuro.