Bernat Riutort, profesor titular de Filosofía Moral na Universitat de les Illes Balears, ofrece neste libro unha ollada crítica do percorrido histórico vivido, sobre todo nas chamadas economías desenvolvidas, dende os inicios do século XXI até tratar os efectos da crise da COVID19 e sinalar algunhas propostas de saída. A obra, dividida en cinco capítulos, recolle un conxunto de traballos que continúan unha serie de análises e reflexións críticas realizadas con relación a aspectos claves das tensións e mudanzas na economía e na política no capitalismo das últimas cinco décadas.
O libro pode dividirse en dúas partes ben diferenciadas. A primeira, composta polos tres primeiros capítulos, comeza cun balance do proceso de construción da nova estrutura social de acumulación que se foi conformando baixo a hexemonía dun imaxinario neoliberal e neoconservador, así como o seu reflexo no proxecto de edificación da Unión Europea. As análises e reflexións feitas neste primeiro apartado están centradas nas sociedades, o imaxinario e a política no capitalismo occidental das dúas primeiras décadas do século XXI. A segunda parte, os capítulos catro e cinco, está máis preocupada por centrar a discusión e esclarecer diversas cuestións formuladas nos capítulos anteriores. Deste xeito, atopamos un intento de explicación da terminoloxía, da congruencia teórica e do sentido crítico-práctico que se usou na primeira parte desta obra.
O primeiro capítulo xira sobre a formación e o desenvolvemento das disputas pola supremacía e a consolidación do bloque de poder hexemónico neoliberal e neoconservador nos Estados Unidos e na Unión Europea; cun fondo de tensións crecentes e malestar social, cultural e político de grandes maiorías cidadás.
O segundo capítulo analiza o largo percorrido dos imaxinarios sociais neoliberais e neoconservadores que conflúen e vencellan os marcos superficiais e profundos das representacións colectivas da maioría, coa formación de bucles de realimentación para reafirmalo e adaptalo ao período de crise orgánica da segunda década do século. O autor sinala que estes imaxinarios teñen carácter performativo cultural e político, condicionan a acción colectiva e inducen a formación de institucións e subxectividades normalizadas. Ademais, examina con detalle distintas escolas neoliberais, asociándoas á ofensiva neoconservadora. Critica, por último, os novos significados comúns que se fan da liberdade negativa mentres realiza unha reivindicación republicana da liberdade dos iguais.
O terceiro capítulo, enlaza a construción pasiva da Unión Europea pola plutocracia dos países membros, a formación da autoridade pos-democrática e as carencias crónicas de lexitimidade das que adoece con relación ás cidadanías nun período de crecentes dificultades sen resolver cos riscos e retos existenciais que se lle formulan; por exemplo: a emerxencia climática. Finalmente, considera que a devandita consolidación pos-democrática da Unión tivo o seu apoxeo no golpe de estado financeiro aplicado contra a vontade manifestada democraticamente polo pobo grego.
O capítulo cuarto desenvolve e artella os conceptos de imaxinario individual e social, a súa relación co simbólico e o real, as formas de racionalidade e a hexemonía. Preséntase de xeito sintético a formulación clásica de imaxinario social de Castoriadis e faise unha análise e unha valoración crítica da súa obra, destacando algunhas dificultades nas que incorre, para suxerir reflexións e contribucións abertas por outros autores para o desenvolvemento na práctica dun imaxinario democrático alternativo. Reflexiona sobre o concepto de imaxinario social, en diálogo coas súas diferentes formulacións e versións (aínda que se botan en faltas varias contribucións), remontándose ao imaxinario político grego e a lectura de Castoriadis sobre o mesmo; un pensador en cuxas contribucións se estende sen obviar algunhas críticas de autores diversos. Por último, considera ir sentando as bases dun novo imaxinario democrático radical do que sexa portador un novo bloque contra-hexemónico que asuma a memoria histórica das diferentes loitas republicano-democrático-socialistas e cuxa relación coa natureza sexa sostíbel.
Para finalizar, o capítulo quinto formula dende conceptos da neuroloxía, a psicoloxía, a lingüística e a socioloxía a articulación entre a subxectividade e a intersubxectividade. A formación de tales plexos de significación e sentido constitúen as diversas capas dos procesos da acción e a interacción social, individual e colectiva, e a dialéctica social da construción da realidade social e política. Inclúe reflexións moi oportunas sobre temas como o cerebro humano, as nosas representacións e imaxes mentais, praxe e lexitimación, hexemonía e dominación ou os distintos modos do poder.
En definitiva, estamos ante unha obra escrita con rigor que nos ofrece unha perspectiva histórica e crítica fundamental, así como unhas ferramentas conceptuais moi útiles para facer fronte aos enormes retos que temos por diante.