O segundo volume de Anatomía do pensar de Marcelino Agís Villaverde, catedrático de Filosofía da USC, conforma o que máis se podería asemellar a unha Enciclopedia de Diderot e d´Alembert sobre o discurso filosófico. En palabras do profesor Acílio da Silva (Universidade do Minho) unha “Suma filosófica” que, sen dúbida, só é posible realizar tras unha vida enteira dedicada ao estudo da filosofía (en termos globais). Sorprende a gran cantidade de citas e a transversalidade temática do autor, pois non é un estudo hermenéutico dedicado unicamente á hermenéutica, senón que está gran parte da historia da filosofía occidental recollida nas súas páxinas. O número de referencias, partindo dos grandes métodos epistemolóxicos (Platón, Descartes, Kant, Husserl), citando con coñecemento de causa mesmo os traballos de filosofía analítica máis complexos (o Tractatus logico-philosophicus de Wittgenstein e demais escritos de filosofía da linguaxe e da ciencia) ata chegar ao postmodernismo e mesmo ás hermenéuticas actuais en España, Portugal e América do Sur, só é posible ao tratarse dun traballo dirixido por un gran esforzo interpretativo.
Quizais, o método seguido por Marcelino Agís foi o que utilizaba o seu mestre Paul Ricoeur, segundo o cal o autor anotaba e referenciaba todas e cada unha das frases e textos que lle chamaban a atención nas obras que tiña ido lendo desde mozo para logo poder utilizalas na propia confección do seu corpus hermenéutico. O caso é que, fose como for, a cantidade de lecturas ás que se fai referencia en Anatomía do pensar vol. 2 superan as que o lector se espera dunha “anatomía” da historia do pensamento filosófico en toda a súa globalidade.
Pero ademais de citar e analizar todas as lecturas que se referencian na obra, o autor tamén expón, de forma directa ou de forma tanxencial, preguntas de grande calado para a construción da filosofía. Dalgunha forma, o que Marcelino Agís atende é un conflito, o conflito entre unha realidade caótica e, no plano humano, mesmo violenta en moitas ocasións, e o intento desesperado do discurso por darlle unha orde e un sentido, e sometela. Despois de presentar parte desas preguntas filosóficas fundamentais no volume 1, o volume 2 mostra como a conceptualización, recepción e interpretación de ideas a través da escritura acaban por integrar un discurso global repleto de diferentes estilos e multiplicidade de perspectivas que rematan por constituír a filosofía como disciplina independente e especializada tal e como a coñecemos hoxe. Desde “a interpretación filosófica na Cultura Grega” (cap. III), pasando por “a interpretación textual na Idade Media” (cap IV) ata o advento da interpretación moderna e a hermenéutica contemporánea, non atopamos unha soa descontinuidade que nos leve a pensar que o autor non estudou con minuciosidade todos e cada un dos momentos que constitúen a historia do pensamento.
A filosofía, neste senso, non aparece como un saber acumulativo, senón como un saber discursivo: un xogo dialéctico que achega á “verdade obxectiva” pola súa mesma produción. A mera mención da palabra filosofía avívaa como un saber que se problematiza a si mesmo e que é inherente ao ser humano; mesmo falar do “fin da filosofía” é, ata certo punto, facer filosofía; de aí a imposibilidade de erradicar o seu discurso por completo. Marcelino Agís, neste sentido, céntrase no devir da filosofía como produción do pensamento humano, pero tamén focaliza a súa analítica no individuo que produce “unha filosofía”, é dicir, no filósofo. O autor expón, así, algo que poucas veces acentuouse á hora de falar do filósofo e a súa filosofía: Hai unha praxe en toda produción filosófica, o filósofo non só pretende o coñecemento polo saber en si, senón que o fai como medio para impoñer a súa razón a través da argumentación. A filosofía, polo tanto, non só é unha disciplina de formulación teórica, senón que sempre vai acompañada dunha praxe que busca, en última instancia, integrar a razón onde non a hai.
Non debe, ademais, pasarse por alto que a focalización que realiza Marcelino Agís no individuo que fai filosofía, destacando os nomes e obras de todos aqueles filósofos que tivo a ben estudar, fosen ou non pertencentes a determinadas disciplinas filosóficas, xeracións, ou correntes, é unha forma de subliñar o carácter creativo da filosofía. A filosofía require dunha reflexión persoal e dun estilo individual de produción, por iso é polo que a súa confección é constitutivamente artística. O acto de filosofar, neste senso, é un dos actos creativos por antonomasia, xa que é un proceso polo cal a liberdade humana actúa sobre a natureza para darlle un contido novo.
Sendo así, pódese concluír que a obra Anatomía do pensar Vol 2, ademais de realizar unha visión panorámica da filosofía occidental, busca xerar tamén reflexións profundas sobre a concepción da produción filosófica e o papel do filósofo no mundo. Utilizando unha linguaxe moi depurada e didáctica, o autor logra introducir con precisión ao lector nos aspectos máis complexos do pensar filosófico, entre eles, a pregunta polo seu propio “ser”. Nun extenso volume, o texto camiña desde a chegada dunha filosofía antropolóxica na Grecia Clásica, ata a hermenéutica dos nosos coetáneos españois, portugueses e suramericanos. E todo isto sen que poidan percibirse desaxustes ou incoherencias no discurso, froito, probablemente, da transversalidade do autor e a súa capacidade para sintetizar ideas de moi difícil tratamento. Con Anatomía do pensar vol. 2 consegue un chegar así a comprender como se constrúe o pensamento filosófico e como é a “filosofía”. Ao lector tócalle decidir agora como será a filosofía do mañá despois de coñecer esta ampla visión do discurso filosófico como base do pensar.