Coa publicación deste número monográfico da revista Ágora, editada polo Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a área de Antropoloxía quere render unha homenaxe ao traballo dos nosos colegas recentemente xubilados, Marcial Gondar Portasany, Xosé Ramón Mariño Ferro e Xaquín Rodríguez Campos.
Como coordinadoras, queremos empezar expresando o noso agradecemento ás persoas que o fixeron posible. Grazas aos autores e autoras dos traballos pola súa resposta á nosa invitación, a cal estivo baseada na súa especialidade nos temas aos que queríamos dar presenza neste número e non no seu coñecemento ou relación persoal cos homenaxeados, como é máis propio doutras publicacións de homenaxe. Grazas tamén ao equipo de redacción da revista Ágora que acolleu favorablemente a proposta da área de Antropoloxía. Queremos recoñecer especialmente o apoio ás coordinadoras e esmerada xestión do proceso editorial realizada por parte do equipo de dirección, formado polos profesores Luís García Soto, director, e Alejandro Sobrino Cerdeiriña, secretario. O marco institucional que achegou Ágora á iniciativa da área de Antropoloxía, converteuna nun recoñecemento da facultade de Filosofía na que os nosos colegas desempeñaron a súa vida profesional, así como da propia USC.
O título elixido de “Futuros abertos” quere destacar que esta primeira xeración de antropólogos, profesores e investigadores da área de Antropoloxía da Universidade de Santiago, inauguraron na antropoloxía de Galicia unha abordaxe académica de temas relevantes que continúan abertos na disciplina, dando lugar a novos tratamentos e resultados de investigación. Os traballos que inclúe o monográfico son unha boa mostra disto.
Mais, o título quere evocar tamén unha incerteza, coa que pretendemos chamar a atención sobre a crise de continuidade e futuro que afecta á especialidade de antropoloxía na nosa universidade, na cal as prazas que ocuparon os nosos colegas víronse precarizadas e continúa aínda pendente a implantación de titulacións específicas de antropoloxía pola que eles loitaron.
Marcial Gondar e Xaquín Rodríguez foron, xunto con Javier San Martín, os primeiros docentes de antropoloxía social na USC. Como profesores do departamento de Filosofía, empezaron a impartir unha materia denominada Antropoloxía que formaba parte do plan de estudos da titulación de Ciencias da Educación que botou a andar no curso 1973-74 e integraba as tres especialidades de Filosofía, Pedagoxía e Psicoloxía. Conscientes da achega formativa que podía facer a antropoloxía social a eses profesionais, estes profesores deron esta orientación a esa materia, en lugar do enfoque filosófico máis esperable dada a especialidade do departamento responsable da súa docencia. () Este foi, por tanto, o xerme a partir do que se desenvolvería, xa nos anos 80, a Área de Antropoloxía Social da USC ao amparo da LRU (1983). Poucos anos antes diso, Javier San Martín trasladárase a Madrid como profesor de Filosofía da UNED e incorporáranse progresivamente á área outros antropólogos pertencentes a esta mesma xeración: José Antonio Fernández de Rota, Xosé Antón Fidalgo Santamaría e Xosé Ramón Mariño Ferro. Dado que os dous primeiros impartían docencia respectivamente nos Campus de A Coruña e Ourense, ao constituírse estes como universidades independentes no ano 1989, eles pasaron a dar lugar as áreas de Antropoloxía destas dúas universidade.
O artigo de Josep Maria Comelles, que abre este monográfico, achéganos unha serie de referencias para situar o traballo desta xeración de antropólogos da USC no marco máis amplo da institucionalización dos estudos de antropoloxía en España. Pertencen á segunda xeración de antropólogos españoles que sen ter a especialidade de Antropoloxía contaban cunha formación na cal había ingredientes desta disciplina e doutras ciencias sociais e que, unha vez incorporados á docencia universitaria, realizaron as súas teses con temática e enfoque antropolóxicos.
Convén ter presente que o desenvolvemento académico da antropoloxía en España estivo moi ligado ao proceso democratizador, á propia constitución das súas autonomías, así como ao crecemento e modernización das universidades. (; ) A primeira fase de institucionalización desta especialidade xéstase e empeza a andar entre os anos 70 e 80 do século pasado, por tanto, coincidindo co período do tardofranquismo e a transición democrática. A antropoloxía, como outras ciencias sociais, verase favorecida polas ansias de transformación política e social, pola apertura cultural deste período, así como polo crecemento e modernización do sistema universitario.
Galicia non contou con figuras académicas da primeira xeración que actuaron como grandes referentes e impulsores da especialidade en universidades españolas, como foron Esteva Fabregat en Cataluña, Lisón Tolosana en Madrid e Alsina Franch en Sevilla. Sen embargo, os nosos colegas mantiveron contactos estreitos con ambas as xeracións e estiveron en constante conexión cos diferentes núcleos do desenvolvemento estatal da antropoloxía académica, formando parte do mesmo, outorgándolle representatividade á antropoloxía galega en distintas estruturas académicas e profesionais da disciplina. As circunstancias particulares da USC non permitiron seguir o mesmo ritmo de crecemento e acadar a súa culminación coa creación en 1991 de Antropoloxía como unha licenciatura de segundo ciclo (Licenciatura de Antropoloxía Social e Cultural), que se produciu en outras universidades españolas e coa que se pechou a primeira fase. A constitución desta titulación representa, como resalta tamén Comelles, un triunfo da segunda xeración, na medida en que permitirá pasar nunha década, das tres especialidades, impulsadas polas figuras anteriormente citadas, en Madrid (curso 1974-75), Barcelona y Sevilla (1983-84), a unha ducia.
En Galicia, a pesar de non contar con eses primeiros referentes da antropoloxía académica, esta primeira xeración de antropólogos da USC, segunda como vimos dicindo desde a perspectiva global española, non se atopou nun terreo baldío, se non que había traballos antropolóxicos realizados desde institucións e enfoques teóricos diferentes. Estaban, por unha banda, os realizados pola Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos (SEG) e os seus continuadores, articulados en torno ao Seminario de Estudos Galegos Padre Sarmiento e Museo do Pobo Galego. Este último constituíuse en Santiago no ano 1979 como unha institución antropolóxica de referencia, tal e como fora concibido con anterioridade á Guerra Civil e á ditadura franquista, por aquela xeración de galeguistas. Por outra banda, en torno a esta mesma época, Carmelo Lisón Tolosana empezaba a publicar as súas obras sobre Galicia.
Mentres no primeiro enfoque, resulta relevante e se fai explícita a perspectiva ideolóxica e o obxectivo de mostrar e promocionar a identidade galega, Lisón Tolosana segue o modelo teórico do estrutural funcionalismo, dominante na universidade de Oxford, na cal se formou, e un dos máis importantes do ámbito internacional nas ciencias sociais. Este autor exercerá, a través das súas obras, unha gran influencia sobre esta xeración de antropólogos da USC, tanto sobre o enfoque e contidos das materias que impartirán, como sobre as súas investigacións.
A identidade da cultura galega, aínda que concibida e abordada de maneira diferente, constituirá un ámbito de confluencia e intercambio entre os investigadores seguidores destes dous enfoques. O museo do Museo do Pobo galego representou un marco institucional relevante do diálogo e intercambio, que actuou como impulsor da renovación da antropoloxía galega. Por medio da organización de numerosos congresos, reunións científicas e publicacións en coordinación coa área de Antropoloxía da USC, nas cales participaron importantes figuras da antropoloxía contemporánea, o museo apoiou a articulación da área con outros núcleos e investigadores a nivel nacional e internacional. Neste sentido temos que lembrar a quen fora o seu director Carlos García Martínez, herdeiro da interdisciplinariedade que preconizara o grupo do SEG entre a arqueoloxía, antropoloxía e historia, que acolleu sempre con entusiasmo ás propostas e iniciativas da área. Por esta razón, pensamos que non podía faltar neste número un traballo sobre as relacións entre museos e antropoloxía do que é autor o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar.
A pesar das limitacións institucionais, esta xeración impulsou instrumentos e recursos importantes para a proxección da área. Entre eles cómpre destacar a edición dun doutoramento en Antropoloxía que, aínda que tivo un marco normativo e de financiación bastante efémero, nos seus cursos de formación contou con profesorado visitante de varias universidades españolas e estranxeiras, que ofreceron un panorama sobre temas moi diversos e novidosos, que non podían ser tratados nas limitadas materias de antropoloxía que se impartían na especialidade de Filosofía e fixeron posible que alumnado desta e doutras titulacións se doutorase en Antropoloxía. Cómpre destacar aquí o grupo de investigación en torno á pesca, que promoveu Marcial Gondar, moi consciente da importancia desde sector en Galicia, para o que buscou o apoio do grupo liderado na Universidade de La Laguna por Alberto Galván Tudela e que deu lugar a varias teses sobre esta especialidade.
Igualmente debemos facer referencia á constitución da Asociación Galega de Antropoloxía, AGA naquel momento (AGANTRO na actualidade), integrada na Federación de Asociaciones de Antropología del Estado Español (FAAEE), na actualidade Asociación de Antropología del Estado Español (ASAEE). Xaquín Rodríguez Campos foi a seu primeiro presidente e mantivo un liderado prolongado ao fronte da mesma, promovendo e coordinando igualmente a organización no ano 1999 en Santiago do VIII Congreso de Antropoloxía que esta Federación (hoxe Asociación) celebra rotativamente cada catro anos en distintas universidades españolas. O artigo de Pedro Tomé e María Valdés ofrece unha achega moi valiosa sobre as distintas estruturas profesionais de antropólogos e antropólogas que se formaron en España á marxe da vida académica, baseada na súa propia experiencia de xestión das mesmas.
As investigacións dos nosos colegas comparten coa segunda xeración de antropólogos españoles os estudos sobre a identidade que desenvolveron tamén distintos grupos académicos en diferentes universidades españolas. Tense sinalado como característica desta xeración realizar o traballo de campo at home e que, para ela, que carecía dun título previo específico, este representou un “rito de paso” de acceso á especialización (). Isto ten como transfundo a diversidade cultural española, unha vella cuestión que, no contexto da transición e da constitución do Estado das Autonomías adquire nova relevancia e un tratamento especificamente antropolóxico, ausente ata o momento na discusión intelectual.
Non cabe dúbida de que, o feito de non contar con financiación para realizar o traballo de campo noutras culturas afastadas, como fixeran os primeiros antropólogos, foi tamén un factor determinante desta antropoloxía de proximidades, aínda que isto non impedía a exterioridade e a estrañeza, o “choque cultural” respecto ao obxecto de estudo que preconiza a metodoloxía antropolóxica ().
Galicia e a súa identidade cultural serán, pois, o territorio e cuestión aglutinante común dos diversos temas abordados por estes tres investigadores, algún dos cales vense reflectidos nesta publicación. Sendo así, resulta inevitable que se produza entre eles unha coincidencia de temas e, aínda que en menor medida, de enfoque. A atención á transformación da sociedade campesiña está presente nos tres. Está xa presente nas temáticas das teses de doutoramento de Marcial Gondar e Xaquín Rodríguez, nas que se anticipan igualmente os aspectos e enfoques diferentes en que se concretará nestes dous casos. Rodríguez Campos seguirá un enfoque holista máis clásico e próximo aos estudos de comunidade, centrado nas formas de produción e na organización social e as unidades sociais. Sharon Roseman destaca, no seu artigo deste monográfico, esa atención ás transformacións do mundo rural de Galicia, referíndose sobre todo as distintas achegas realizadas por Rodríguez Campos á temática da organización social, e a súa actualidade como foco de investigación para a análise do presente.
Pola súa banda, Gondar abordará na súa tese, un tema concreto, o da morte, expresando, xa neste primeiro traballo, o interese polos aspectos psicolóxicos que será unha constante da súa traxectoria. O estudo dos recursos rituais e simbólicos característicos da sociedade rural de Galicia para ordenar o mundo e a sociedade e enfrontar os problemas cotiáns é un tema destacable e converxente das obras de Gondar e Mariño, se ben abordado de xeitos diferentes. En Gondar advertimos sempre unha énfase na súa función como instrumentos para a manipulación cognitiva e un nivel de análise da súa eficacia simbólica en diversos ámbitos. Un deles, o da saúde mental, entronca directamente coa antropoloxía aplicada e a orientación cara a intervención social que foi unha característica destacada do traballo de Gondar e que o levou a colaborar como antropólogo con equipos médicos para a xestión e a terapia da saúde mental en Galicia.
A análise de Mariño céntrase, sobre todo, nos significados e gramática das diversas linguaxes simbólicas. Cun afán de exhaustividade, Mariño estudará as bruxas, as romarías e as peregrinacións, o entroido, a medicina, etc., situando sempre as expresións simbólicas propias de Galicia na xenealoxía cultural do cristianismo medieval ou mesmo do mundo clásico, como sucede no caso da medicina hipocrática. Neste sentido, cómpre destacar a importancia das súas investigacións para desbotar o tópico do celtismo como recurso explicativo moi popularizado en Galicia.
O artigo de Lorenzo Mariano nesta revista permite valorar o estudo da medicina popular que Gondar e Mariño levaron a cabo poñéndoo en conexión co paradigma médico interpretativo e os enfoques holistas da medicina que atenden ás dimensións culturais e psico-sociais da enfermidade.
A elección do entroido, como tema dun dos artigos desta revista, débese a que se trata dunha das celebracións rituais características da Galicia rural nas cales conflúen o interese pola análise das expresións simbólicas que compartiron os nosos colegas e, de maneira destacada tamén, Gondar e Mariño. A antropóloga portuguesa, Paula Godinho, que ten afondado nesta festa do ciclo anual en localizacións de Portugal e Galicia en numerosas ocasións, ofrécenos no seu traballo unha reflexión sobre as permanencias e continuidades da súa linguaxe e as relacións entre tradición e contemporaneidade.
Outro tema que quixemos destacar nesta publicación foi o desenvolvemento da antropoloxía feminista. A xenealoxía deste enfoque nos estudos sobre “a muller” permite poñer de relevo a sensibilidade expresada cara ao estudo da situación subordinada das mulleres na cultura, por parte de Gondar, destacadamente no seu estudo sobre as viúvas na Galicia costeira, e tamén por parte de Mariño nalgunha das súas publicacións. O artigo de Lourdes Méndez, mostra as implicacións epistemolóxicas radicais de crítica e deconstrución da disciplina, que se seguen da perspectiva feminista.
O patrimonio cultural e os seus usos sociais é outra das cuestións en torno á que se produce unha confluencia, neste caso entre Rodríguez Campos e Gondar, que se mostraron sensibles ao fenómeno da progresiva conversión da cultura tradicional en patrimonio que se vén producindo en Galicia desde hai algúns anos para impulsar a tercialización económica e o turismo. O artigo de Ascensión Barañano e Nina Jinks achega unha análise moi crítica dos fenómenos de patrimonialización poñendo de relevo os poderes e intereses ocultos que os orientan e a subtracción das axencialidades e da participación social que representan.
Estes son pois algúns dos camiños abertos por Marcial Gondar, Xosé Ramón Mariño e Xaquín Rodríguez Campos, nos cales as súas pegadas son referencias inescusables para unha antropoloxía de, en, por, para... Galicia, resultado de toda unha vida profesional dedicada á investigación e á docencia na USC pola que lles damos as grazas.
Notas
[1] O caso de Mariño Ferro é un pouco diferente. Aínda que, pola súa idade, correspóndese coa segunda xeración, pola súa incorporación á universidade, máis tardía, situaríase xa na terceira. Mariño estudara ademais a especialidade de Antropoloxía americana na universidade Complutense de Madrid e realizara a súa tese de doutoramento con base nun traballo de campo en Colombia sobre os Quechuas.