Confrontármonos co noso presente fai parte do constante esforzo filosófico, máis apremante en tempos de crise social, económica, ecolóxica e civilizatoria como os actuais, ante a incerteza, ansiedade, medo respecto dun futuro que semella escuro. Neste contexto, Alicia Puleo propón abrir posibilidades acometendo a tarefa de “renovar o pensamento”, centrándose na Encyclopédie, esa gran obra colectiva da Ilustración francesa, da que é unha boa coñecedora –anteceden a este libro diversos artigos, a edición de La ilustración olvidada. La polémica de los sexos en el siglo XVIII (1993) e Figuras del Otro en la ilustración francesa (1996)– aportando argumentos para pensar o que nos preocupa hoxe, nun futuro aberto, reconstruíndo unha herdanza emancipadora. Proponnos un exercicio que non pode arrincar de cero ou do abandono, de aí o empeño en facer un axuste crítico cos ideais ilustrados, fronte a rexeitamentos totais, sobre todo no último terzo do século pasado. Desde a condena de Adorno e Horkheimer, pasando polo pensamento postmoderno, ou a crítica decolonial á Modernidade, atendendo ás vellas críticas dos «anti-Lumières» e á recente “Contra-Ilustración”, vai rescatando elementos críticos e teóricos, porén sen decretar a súa defunción. Así e todo, quérese determinar se realmente ditos ideais seguen a seren un facho emancipador nos tempos que corren. Xaora, isto non significa pasar por riba das súas limitacións e erros, enfrontando as súas sombras e acolléndose, desde unha hermenéutica da sospeita emancipadora, ás súas luces. A cuestión é non desbotar na súa totalidade toda a herdanza de Occidente e da Ilustración, pois “corregir, di, no es sinónimo de destruír” (p. 9).
Dúas conviccións están no cerne: “La primeira de ellas es que muchas de las actuales actitudes de rechazo al legado ilustrado se deben a un conocimiento sesgado y muy insuficiente del mismo que lo reduce a una justificación del capitalismo y del colonialismo en el ámbito de lo simbólico. La segunda es que la Ilustración encierra principios y valores que son indispensables para un futuro de igualdad y sostenibilidad” (p. 9). Puleo é crítica e afirmativa, seguindo o camiño de estudosos como Jonathan Israel, Tzvetan Todorov, Antrhony Pagden, Genevieve Lloyd, Stephen Bronnen ou Philip Blom que “llaman a recuperar sus valores frente a un tiempo incierto en que el fanatismo religioso, la desigualdad creciente y el escepticismo amenazan las frágiles conquistas democráticas” (p. 13).
Afondando na liña de anteriores escritos, nesta nova achega Puleo quere “contribuír modestamente” a por en valor o seu carácter transformador “aún no plenamente realizado” (p. 10). O feminismo como “senda non transitada” da Ilustración, seguindo a Celia Amorós, e o seu recoñecemento á recuperación deste legado no Seminario Permanente Feminismo e Ilustración da Universidad Complutense de Madrid, desde finais dos anos oitenta e ao longo de máis de dúas décadas, constitúe un eixo fundamental para dar conta dunha ilustración esquecida e minoritaria, así como a procura dunha Ilustración de “diálogo de culturas y aprendizaje mutuo que necesita nuestra época” (p. 19). Na recuperación da voz dos enciclopedistas pertinentemente analiza a “ilustración moderada” e a denominada “Ilustración radical”. Amosa a súa ancoraxe na kantiana pregunta “¿Que é a Ilustración?”. No teimar en saír da “culpable minoría de idade” acredita na autonomía e nas potencialidades emancipadoras da razón, mais afastándose das quebras e limitacións do filósofo e dos ilustrados franceses. A súa aposta pola “Ilustración de la Ilustración” achanta nos desafíos da era do Antropoceno, enfiando con outra das súas fondas preocupacións: a crise ecolóxica e o desenvolvemento dun ecofeminismo ilustrado, coa clara vontade de albiscar “outro mundo posible”, de pensar e vivir doutra maneira, exixíndonos unha lectura que nos interpela, e á que axuda unha escrita moi ben documentada, coidada e clara.
Ideales ilustrados volta sobre a Encyplopédie de Diderot, D’Alembert e Jaucourt. Convén reparar na inclusión do cabaleiro de Jaucourt. Concordando co especialista nesta obra, Jacques Proust, Puleo quere subliñar a súa grande e valiosa contribución, o “extraordinario compromiso, intelectual y económico” do redactor xefe que “escribe cerca de diecisiete mil artículos sobre un total de sesenta mil seiscientos sesenta que componen la obra”(p. 65), comezando a ser recentemente recoñecida a súa filosofía política. Entre outras entradas súas (REPÚBLICA, TIRANÍA, DEMOCRACIA, OLIGARQUÍA ou MONARQUÍA), signifícase CRUELDADE (CRUAUTÉ (Morale)). A violencia contra os animais ocupa unha boa parte, póndoa en conexión coa violencia entre os humanos, incluída a guerra (p. 133). Joucourt sorprende, emporiso, pola actualidade da denuncia da crueldade cos animais, pois cifra a súa causa no prexuízo que hoxe chamamos “antropocentrismo moral” (p. 135). Saliéntanse tamén as súas entradas ESCRAVITUDE e MULLER. Puleo, igualmente, fai unha abordaxe da complexidade e avatares do pensamento de Diderot, do deísmo ao seu monismo materialista e determinista. Outros philosophes son convocados: D’Alambert, D’Holbach, Helvétius, Voltaire, Rousseau e outros máis, e anota a numerosa colaboración de médicos, enxeñeiros, militares, avogados, funcionarios do Estado e mesmo clérigos. No libro bótase man dun bo feixe de estudosos e estudosas, contrastando as súas posicións coas dela propia (Habermas, Pinker, Onfray, Cassirer, Israel, Proust, Fraisse, entre outros). A autora tira os anacos citados no texto, que ela mesma traduce, empregando como fonte o orixinal francés do século XVIII, conservado na Bibliothèque Mazarin e reproducido na Édition Numérique Collaborative et Critique (1751-1772) (ENCCRE) do Dictionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers (1751-1772) de Diderot, D’Alambert et Jaucourt, dispoñible en liña desde o ano 2016. Nesta extraordinaria obra colectiva teñen sido identificados “unos doscientos colaboradores, todos varones”. Porén, e debido á censura, hai contribucións anónimas, facéndose imposible saber exactamente o seu número e a súa identidade (p. 57). Súmanse a esta nómina uns cincuenta colaboradores nos once volumes de láminas. Neste senso, paga a pena fixarse nas expresivas ilustracións deste libro.
As entradas analizadas escollidas son ben acaídas aos obxectivos perseguidos e desprégados nun texto articulado en dúas partes. A primeira: “Los Enciclopedistas y la dinámica histórico-social de su época”, a segunda: “Un legado de la Ilustración para nuestro tiempo”, compostas, respectivamente, de catro e seis capítulos. Non é posible explanarse sobre estas dúas partes, só apenas uns apuntamentos. Na primeira: Difusión de las Luces, ¿Una paradoja en la filiación social de la Encyclopédie?, Breve historia de una accidentada publicación, e Sus directores y colaboradores, Puleo fainos pousar a ollada no contexto histórico-social no que agroma, sobre as dificultades, os conflitos e debates que a atravesaron, as prohibicións, atrancos e axudas atopados para levar adiante a realización da obra, facendo especial fincapé na súa audacia e non encaixándoa, tanto na autoría como respecto do público lector, na factoría da burguesía. Tampouco reducirá a Ilustración a “una máscara ideológica que cubre y legitima intereses económicos y colonialistas” (p. 221). Por outras palabras, e como se sostén no comezo da segunda parte, La experiencia y la razón contra los dogmas, a Encyclopédie adoita unha importante metodoloxía, non só para evitar a censura: “Sus páginas incluyen tanto una descripción minuciosa de objetos naturales artificiales como la exposición de teorías y dogmas. Pero la forma misma en que son expuestos unos y otros invita a quien la lea a valerse de su propio juicio para extraer las conclusiones adecuadas”, o que ven confirmar a “pluralidade ilustrada”, a pluralidade de perspectivas, deixando aberta a decisión da escolla (p. 77) como un dos seus trazos específicos. O coñecemento baseado na experiencia e na razón, é outro deles. En Revalorización de la sensibilidad y de las pasiones, ráchase co tópico do intelectualismo e da desvalorización dos sentimentos por parte dos ilustrados, apuntando un cambio epistemolóxico do racionalismo do século XVII ao do século XVIII que hai que ter en conta para non caer en asimilacións mal fundadas ou en visións parciais.
De especial interese, conectando cos problemas actuais, é o capítulo Reflexiones sobre la Naturaleza y los animales. Nel Puleo cuestiona que a conceptualización da Natureza, unha visión mecanicista fronte a organicista, sexa tan monolítica como pretenden os seus críticos, constituíndo un dos capítulos centrais do libro. En El «despotismo ilustrado» no es el ideal enciclopedista achamos a posta en cuestión doutro lugar común: os enciclopedistas eran partidarios do despotismo ilustrado. A argumentación, a escolla e análise de autores e entradas, establece as coordenadas dunha máis correcta comprensión das súas concepcións políticas. La conceptualización sobre las mujeres achéganos, igualmente, unha perspectiva non monolítica, esmiuzando as entradas dedicadas á muller e ao seu papel, elaboradas por distintos autores e con tendencias opostas. O tratamento do tema por parte de Diderot ocupa unha boa parte, para pasar a examinar as entradas desde catro perspectivas diferentes: a Xurisprudencia, a Anatomía e a Antropoloxía, o Dereito Natural e a Moral, pondo de relevo dúas tendencias: “el espíritu de crítica y reforma social y la influencia de las ciencias biológicas emergentes que favorece una explicación naturalizante de los prejuicios heredados” (p. 164). Puleo fornécenos cunha batería teórica e crítica que ven acrecentar a súa defensa do feminismo, dun “ecofeminismo ilustrado”.
Experiencia, Razón, Paixóns, Natureza, Política, Mulleres configuran os fíos que levanta a autora para facer o seu axuste cos ideais ilustrados, e ir visibilizando a liña epicúrea, materialista, hedonista. Pon o ramo a esta segunda parte, Libertad, Igualdad, Fraternidad. A crítica dos dogmas relixiosos, o ateísmo, as diferentes visións da moral e o seu fundamento na Natureza e o amor á humanidade, as bases da sociabilidade natural, a tolerancia, a felicidade, as distintas posicións sobre a economía, a frugalidade, o luxo e a abundancia, van perfilando a trama respecto da liberdade/liberdades, da igualdade/desigualdades, da loita contra a escravitude e a servidume. Ben é certo que na busca da mellora da especie humana, a súa optimista confianza no progreso é un dos aspectos máis cuestionados e aínda cuestionables do pensamento ilustrado. Advertindo que na Encyclopédie non hai unha entrada para progreso, afirma que “a la luz de las advertencias científicas sobre la emergencia climática, el aumento del hambre en el mundo, el imparable deterioro ecosistémico o las amenazas de guerra nuclear, no podemos dejar de poner en duda” (pp. 214-215). A entrada PAZ (PAIX) resulta acaída ante o horror da volta da guerra en Europa (p. 226).
No Epílogo, Puleo ratifícase en que a herdanza ilustrada non se reduce a razón instrumental, na necesidade de recuperar a voz dos enciclopedistas, rachando tópicos e visións monolíticas, apreixando algunhas das súas valiosas aportacións, xulgando digno de admiración o seu espírito audaz, o seu pluralismo: “un ejemplo para esta época en que el proceso de privatización y mundialización neoliberal somete cada vez más la investigación y la información a criterios económicos a menudo ajenos a la verdad y al bien de la sociedad (pp. 232-233). Ante novos dogmas, ameazas á democracia, ante a guerra, no Antropoceno, é imperativo a revisión e renovación dos ideais ilustrados. Velaí o esforzo ao que contribúe a moi recomendable lectura deste libro.


