Cartografía de áreas queimadas en Galicia no século XXI: presentación do produto e aplicación web mapping.
Contido principal do artigo
Resumo
O obxectivo deste traballo é obter unha cartografía actualizada das áreas afectadas por incendios forestais en Galicia (período 2001-2017), así como facilitar a súa dispoñibilidade a través dunha aplicación web mapping. A información de base é o produto de áreas queimadas do sensor MODIS (Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer), dos satélites Terra e Aqua da NASA. A partir desta información xeráronse os seguintes subprodutos: 1) área queimada anual, 2) total queimado para o período 2001-2017, 3) recorrencia de incendios e 4) tempo transcorrido dende o último incendio; todos eles dispoñibles a 500 m de resolución, en formato ráster e vectorial. A área queimada anual foi comparada coas estatísticas oficiais de incendios dispoñibles a nivel provincial. Os resultados amosan unha alta correlación entre a área queimada estimada a partir do produto MODIS e a obtida a partir das estatísticas oficiais (coef. de Pearson = 0.92). Porén, o produto MODIS tende a sobreestimar a área oficialmente queimada (media = 2.76%), aínda que isto depende fortemente do ano e da provincia (desv. estándar = ±103%). A pesar destas limitacións, esta cartografía constitúe unha fonte moi valiosa de información espacial con múltiples aplicacións no eido da conservación da biodiversidade, da xestión forestal e do territorio.