Acerca do Xornal
Temática e alcance
Revista académica electrónica de publicación anual, incluída dentro da plataforma rev{USC}, dedicada á publicación de traballos académicos e científicos, con especial referencia a Galicia e ao cuadrante NO da Península Ibérica, organizados en tres seccións (Artigos, Noticiario Arqueológico de Galicia e o NO Peninsular, Recensiones) sobre os ámbitos científico-profesionais da Prehistoria, Arqueoloxía, Epigrafía e Numismática, Historia Antiga e Etnografía.
Proceso de revisión por pares
Os traballos para as secións “Artigos” e “Noticiario arqueolóxico” recibidos na redacción antes do 30 de novembro serán revisados por un membro do Comité de Redacción que determinará se o traballo cumpre cos requisitos mínimos para a súa publicación. Determinarase se o traballo encaixa temática e formalmente nalgunha das seccións da revista e se se cumpren as normas de publicación e os requirimentos da revista para o envío; a este respecto, o autor debe cubrir un "Formulario para autores" e, no seu caso, debe enviar permisos de reprodución de materiais. No caso de que o traballo non cumpra os requisitos mínimos para a súa publicación, o Comité de Redacción enviaralle ao autor en breve prazo (en todo caso, sempre antes dun mes) unha comunicación razoada do rexeitamento.
Os traballos que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a dous expertos, que, no prazo dun mes, deberán emitir un informe sobre á conveniencia da súa publicación. Un membro do Comité de Redacción da revista seleccionará os avaliadores externos que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue idóneos para avaliar o contido do traballo presentado. Ademais, poderán considerar tamén nomes de expertos suxeridos polo propio autor, sempre que estes non participasen de ningún xeito na elaboración do traballo, non o lesen previamente e non manteñan co autor un tipo de relación que poida facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos. En calquera caso, o nome dos avaliadores non será dado a coñecer ao autor ou autores do traballo (sistema de dobre anonimato). Para que o artigo se publique, os dous informes deben ser positivos. No caso de que só unha das avaliacións recomende a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro informante e o seu ditame será definitivo.
O Comité de Redacción comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.
Se o traballo é provisionalmente aceptado, o Comité de Redacción da revista poderá incluír na comunicación unha listaxe coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se é mester, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación. O autor deberá realizar en breve prazo (en todo caso, sempre antes dun mes) as oportunas modificacións ou, no seu caso, as alegacións aos cambios solicitados. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á revista.. Así mesmo, e sempre que sexa precisa algunha aclaración, o autor deberá enviar un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores ou a redacción e no que inclúa as alegacións que considere pertinentes. A nova versión, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, deberán emitir un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.
O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da recepción da nova versión do texto, deberá acordar e notificar a aceptación ou o rexeitamento definitivo do artigo. Nesta notificación, que se realizará mediante correo electrónico, a non ser que o autor solicite un xustificante en papel, indicarase así mesmo en que número da revista se publicará o traballo.
Frecuencia de publicación
Anual
Política de acceso aberto
Gallaecia facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.
A publicación non ten ningún custo para os autores.
Indexada en
A revista, de periodicidade anual, aparece indexada en APh, REGESTA IMPERII, CIRBIC, DIALNET, DICE, LATINDEX, ISOC, REBIUN, RESH, ULRICH’S DIRECTORY, MIAR.
No índice RESH, Gallaecia sitúase, no período 2005-2009, no posto 13 de 89 entre as revistas españolas de Arqueoloxía e Prehistoria de maior impacto. O indicador que mide o impacto é a taxa de citación e para calculala tivéronse en conta as citas nas principais revistas científicas españolas e as citas recibidas en Web of Science.
Exención de responsabilidade
Gallaecia non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.
O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.
Formulario de avaliación
Directrices éticas
A publicación de artigos científicos involucra varios axentes, entre os cales se atopan a editorial, a dirección da revista, os avaliadores dos traballos e os autores. De cada un deles espérase unha conduta ética referida a uns principios, na nosa revista inspirados parcialmente nos que proporciona o Committee on Publication Ethics (COPE) Best Practice Guidelines.
Editorial
A editorial proporciona asistencia e apoio técnico á dirección da revista no uso da plataforma web, e mantén o software actualizado e en condicións de facilitar o proceso de envío, avaliación e publicación dos traballos. Colabora tamén coa dirección da revista na súa indexación e na facilitación de información sobre aqueles requisitos que contribúan a un mellor posicionamento da mesma nas clasificacións ao uso. En xeral, axuda ao incremento da calidade editorial da revista e á súa mellor e maior visibilización, internacionalización e impacto.
Dirección da revista
A dirección da revista asegura que os manuscritos enviados son avaliados atendendo exclusivamente ao seu contido intelectual, sen ter en conta a raza, xénero, orientación sexual, crenza relixiosa, adscrición política ou escola filosófica dos autores. Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a identidade dos mesmos a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial, os avaliadores potenciais, os avaliadores efectivos ou ao consello de redacción da revista. A dirección da revista pode declinar a publicación dun traballo por non cumprir este os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Debe comunicar, dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes dos avaliadores e ouvido o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
Avaliadores
Os avaliadores deben rexeitar o encargo de valorar un traballo se non se recoñecen cualificados na área temática do mesmo ou se non poden asumir a avaliación dentro do prazo que establece a revista. O informe de avaliación debe ser obxectivo e debe expresarse de maneira razoada e clara. Debe evitar alusións ad hominen, ofensivas ou humillantes e os comentarios deben perseguir a mellora do traballo. Os manuscritos recibidos deben ser tratados como documentos confidenciais e o seu contido non pode ser usado en traballos propios. Os avaliadores deben rexeitar avaliar artigos cando exista algún conflito de interese resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
Autores
Os autores deben enviar traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificábel e non previamente publicado. Non deben enviar traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados. Os traballos deben redactarse de modo que poidan ser comprendidos ou replicados polos avaliadores. Se se usaren ideas doutros, deben ser claramente referenciadas; o plaxio é unha conduta inaceptábel e a súa detección implica o arquivo do traballo ou a súa retirada da páxina web, se estivese xa publicado. En caso de coautoría, son autores dun traballo todos os que contribúen significativamente ao mesmo; cada autor debería ser capaz de identificar as partes do traballo de que son responsábeis os outros coautores e debe gardar confidencialidade dos diversos contidos até que o artigo sexa publicado. O envío simultáneo do traballo a outra ou outras revistas é condición suficiente para o seu arquivo. Se no proceso de edición os autores descobren erros ou impropiedades no seu traballo, comunicarano coa maior celeridade ao director da revista, e colaborarán na súa subsanación. Os autores deberán facer constar o posíbel conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento do mesmo.
Estas directrices están en consonancia co código ético da Universidade de Santiago de Compostela, editora da revista: https://www.usc.es/gl/goberno/valedor/codigoetico/CodigoEtico.html
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:
- Copias de seguridade.
- Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
- Metadatos de preservación dixital.
- Utilización de DOI.
Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.
Política antiplaxio
Esta revista é membro de Similarity Check, unha iniciativa lanzada por Crossref que agrupa a varias editoriais co fin de protexer a orixinalidade dos contidos que publican.
Similarity Check utiliza o software iThenticate para detectar coincidencias e similitudes entre os textos sometidos a avaliación e os publicados previamente noutras fontes.
Protocolos de interoperabilidade
Esta revista proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata 1.1
Ruta para os colleitadores:
https://revistas.usc.gal/index.php/gallaecia/oai