Nesta libro, que vén de tirar do prelo Espiral Maior, recóllense varios traballos arredor da obra da gran figura da literatura galega Eduardo Pondal. Segundo conta o editor, Miguel Anxo Fernán Vello, no “Limiar” (pp. 9-11), o texto ten a súa orixe nos distintos relatorios levados a cabo no Seminario Eduardo Pondal XXI desenvolvido en Carballo ao longo dos anos 2022 e 2023, e conta coa presenza de autorías que proveñen de diferentes ámbitos, o que posibilita unha valiosa análise multidisciplinar e interdisciplinar, que concita filosofía, historia, filoloxía e xeografía, estudos culturais, perspectiva de xénero e enfoque decolonial, arredor da literatura.
Os oito traballos recollidos neste libro posúen unha estrutura similar: introdución, presentación e tratamento da cuestión, conclusións e bibliografía. Van precedidos dunha breve bio-bibliografía de cada autor/a.
No primeiro artigo: “A chave da patria soñada: o papel da muller en Queixumes” (pp. 13-26), da autoría de Paula Cousillas Pena, atopamos un interesante enfoque que pretende reactualizar o debate arredor dunha concepción estendida acerca do machismo presente na obra de Pondal. Cousillas Pena pon en discusión esta idea mostrando que a falacia provén de que se confunde o autor coa voz lírica, así como que é necesario comprender o contexto no que foi creado Queixumes dos pinos (La Voz de Galicia, A Coruña, 1886). Deste modo avanza no seu argumento mostrando que nunha análise pormenorizada dos poemas pódense atopar diferentes concepcións da figura feminina que non só reflicten aspectos negativos ou que se exerza violencia contra elas.
No segundo artigo “Branca, garrida e fidalga. A muller como símbolo de Galicia na poesía de Eduardo Pondal” (pp. 27-47), de Dolores González de la Peña, continúa a mesma liña que o anterior artigo, a perspectiva de xénero, mais centrándose nunha dimensión simbólica de carácter político, adoptando un enfoque decolonial. Neste caso, o artigo pivota sobre tres aspectos: o primeiro, a representación da muller como símbolo da nación; en segundo lugar, a violencia exercida sobre a muller como representación da patria asoballada e, por último, o papel do home como amante e salvador da muller-nación.
Marcial Tenreiro-Bermúdez elabora o texto “Profeta dum presente: verbo do contexto histórico-político de Pondal” (pp. 49-72) no que o enfoque é, como deixa entrever o propio título, histórico. Arredor da figura de Pondal, amais de aparecer a concepción dunha obra patriarcal e machista, tamén aparece unha valoración elitista e antidemocrática. Estas dúas categorías son as que se poñen en cuestión no texto. Para iso, Tenreiro-Bermúdez propón facer unha descrición densa que axude a comprender o contexto no que viviu o bergantiñán: é necesario apreciar os matices da división de tendencias políticas establecida para o século XIX; non é suficiente a dicotomía tradicionalistas/liberais, senón que as escisións destes movementos marcan a concepción na que se insire a obra, dando lugar a unha división pola esquerda liberal cara a posturas democráticas. Insistindo nesta liña de lectura, pódese atopar que a súa poética está en consonancia con aspectos vitais: o brinde no Banquete de Conxo é un exemplo das ideas que se manifestan en Queixumes dos pinos. De feito, o poemario é definido como “máquina de guerra política” co fin de “mover à autoconsciência e açao” marcando a disxuntiva entre “o ilotismo, servil, débil, passivo, ou o heroísmo que leva a agir e transformar a realidade”.
A chave de lectura que propón M. A. Martínez Quintanar é filosófica en “Achegamentos desde algunhas filosofías actuais a Queixumes do pinos de Eduardo Pondal” (pp. 73-87). Malia que poderían existir outros vieiros polos que abordar a obra, opta por sinalar catro itinerarios desde a filosofía contemporánea. O primeiro, nunha liña hegeliana, onde a fenomenoloxía da conciencia axuda a comprender a obra coma proceso de toma de conciencia e de consciencia por parte do lector e do protagonista que enuncia o conxunto de poemas. O segundo, é un achegamento desde o empirismo-trascendental, apoiándose na obra de Gilles Deleuze, para abrir unha lóxica do sentido do espazo literario. Precisamente, será desde o propio Deleuze e Guattari de onde parte a terceira posibilidade de lectura da obra de Pondal, neste caso desde o construtivismo pragmático, no cal os devires e os procesos moleculares se opoñen ás concepcións maquínicas. Remata a súa proposta cunha ollada centrada na filosofía crítica de corte adorniano e na posibilidade de entender o texto como un desenvolvemento cara a acción ético-política emancipadora.
María Teresa Angeriz Agrelo traza unha análise centrada nos usos lingüísticos utilizados polo autor en “Á sombra tecida: un achegamento á lingua de Pondal desde a oralidade” (pp. 89-102). A preocupación do autor de crear unha lingua rica e dúctil para a creación dunha alta literatura é o punto central que resoa en toda a peza. Sucede que a necesidade de dotar de diferenzas lingüísticas aos distintos personaxes e discursos que aparecen dentro do libro de poemas, leva a tentar depurar unha lingua que non só non tiña unha norma fixada, senón que a influencia do español é moi importante, así como a propia variedade dialectal propia da terra de Bergantiños. Seguindo estas pescudas que traza Angeriz Agrelo chegamos a unha conclusión ben relevante: a profunda preocupación de Pondal pola lingua maniféstase no arduo traballo realizado por el para acadar uns usos lingüísticos que desembocasen na arte.
Se acabamos de mencionar que a lingua utilizada polo autor pontecesán é unha das preocupacións deste conxunto de ensaios, Antonio Andrade Figueras asina a peza “Pondal a cabalo: un percorrido polos nomes de lugar” (pp. 103-115), onde o espazo xeográfico é central para comprender a creación de Queixumes dos pinos. Deste modo, rastréxanse os topónimos sobre os que se asenta a construción lírica e que axudan, en palabras do investigador a “familiarizar ao lector coa contorna versificada” e a “espertar un sentimento de identificación íntima”.
No penúltimo lugar preséntase “A toponímia dos Queixumes: critérios de identificação e propostas de classificação” (pp. 117-132), de Afonso Xavier Canosa Rodrigues, que profunda na cuestión anteriormente abordada. Neste caso, a pescuda parte de ollar cales son as referencias xeográficas polas que se moven os personaxes e como se utilizan os topónimos como creadores de espazos para facer accesíbeis os lugares míticos. Porén esta construción literaria de Pondal parte dunhas referencias concretas e a través da clasificación dos propios topónimos que se presenta, axuda a esclarecer cales son as posíbeis liñas de comprensión.
Por último, atopamos “Badaladas, queixumes, saudades” (pp. 133-147) do filósofo Luís G. Soto, quen xa investigara a figura de Pondal en textos tan relevantes como Outros e novos queixumes (USC-Editora, Santiago de Compostela, 2019) e que tamén ten investigado en profundidade o concepto de saudade (O labirinto da saudade, Laiovento, Santiago de Compostela, 2012). Precisamente, nesta liña se perfila o breve ensaio aquí presente. Se a saudade é un elemento propio da cultura galaico-portuguesa, Soto manifesta que a saudade é un dos temas centrais da literatura galega contemporánea; aínda máis: está na súa xénese, tal e como refire ao ser “A campana d’Anllóns” o primeiro poema en galego da literatura contemporánea. Porén, a creación pondaliana non se pode deslindar doutras literaturas, como a francesa, a castelá ou a portuguesa; de feito, a concepción que se manifesta en Pondal está directamente vencellada coa que aparecerá tempo despois en Teixeira de Pascoaes ou Carolina Michaëlis de Vasconcelos. O concepto da saudade, filosoficamente tan potente, ten, na lectura de Soto, unha liña ligada á praxe: a saudade, entendida desde unha óptica ontolóxica, só pode ter unha proxección ético-política.
En definitiva, esta achega investigadora coral, multidisciplinaria e interdisciplinaria, de filosofía, historia, filoloxía, xeografía e literatura, ofrece un tecido de múltiples aspectos que se recollen na obra de Pondal e que axudan a arroxar luz desde o século XXI a un autor fundamental das nosas letras.


