1. A REFLEXIVIDADE INVESTIGADORA: ENTRE A POSICIONALIDADE E A SUBXECTIVIDADE
Durante esta última década, os estudos sociais e políticos sobre a ultradereita e o extremismo dereitista aumentaron, mais a etnografía ou outras técnicas de análise cualitativas máis intensivas e emic non foron empregadas de xeito tan habitual —e aínda menos nas análises da ultradereita española (). Algunhas das posíbeis explicacións a esta falta de «proximidade» cos grupos de ultradereita por parte das investigadoras sociais son as grandes dificultades no acceso ao campo, as escasas conexións políticas e afectivas con estes grupos políticos ou a falta de exposición destes movementos ultra na esfera pública (). No entanto, , quen analizou en profundidade a Liga de Defensa Inglesa (EDL, English Defence League), sostén que esta lagoa na investigación débese a un suposto «desexo» das investigadoras progresistas de «non se manchar as mans» compartindo espazo con estes “movementos repugnantes” (). tamén manteñen esta idea de que as antropólogas sociais e políticas non fan tanto traballo de campo nestes sectores políticos por unha cuestión de “hixiene moral” e non por unha suposta dificultade no acceso ou un potencial perigo físico ou psicolóxico.
Cando as investigadoras críticas e progresistas estamos a realizar traballo de campo na ultradereita, o noso propio «Eu político» enfróntase constantemente ao noso «Eu académico» e isto pode influír na nosa propia motivación investigadora. Por exemplo, no meu caso particular, os choques morais entre o meu ser político e académico ocorrían cada vez que asistía a un acto de Vox, que ondeaba algunha das súas bandeiras ou a española, que aplaudía os discursos dos seus lideres ou cando calaba ante algún dos comentarios ultradereitistas que alí se facían. Neste senso, para levarmos a cabo un traballo etnográfico na ultradereita, temos que ter en conta como as emocións, os sentimentos, as sensacións e os impulsos que emerxen do propio suxeito investigador modifican o noso traballo etnográfico, o campo de estudo e tamén a nosa propia vida, é dicir, o noso propio ser político e investigador ().
Unha destas tensións no noso propio ser aparece cando temos que definir o noso comportamento para realizarmos o traballo de campo ou cando estamos a describir ás persoas de ultradereita e as experiencias que vivimos xunto a elas. Estamos a ser demasiado próximas e amábeis ou cren que somos unhas desagradábeis? Ata que punto está influíndo a nosa propia ideoloxía para as describir? Son os nosos relatos o suficientemente profundos e ricos para amosar as complexidades da situación? Estamos «inxustamente» a presentar as persoas ultra dun xeito moi negativo? Estamos a «branquear» as súas posicións e opinións políticas? Á fin, levarmos unha investigación etnográfica na ultradereita significa o despregamento dun diálogo constante entre as nosas tensións persoais e a nosas «distancias e proximidades» ideolóxicas co campo de estudo (). A etnografía é resultado da bagaxe etic da investigadora e dos modelos nativos/emic analizados (). A «tradución analítica» das nosas experiencias etnográficas coa ultradereita é “un proceso complexo pola acción de múltiples subxectividades e limitacións políticas fóra do (noso) control” ().
Nas ciencias sociais existe unha longa tradición na reflexión e discusión sobre o papel e a relación da investigadora coas persoas informantes e o campo de estudo. Como explican Martyn Hammersley e Paul Atkinson, “recoñecermos que somos parte do mundo social que estudamos (...) non é meramente unha cuestión metodolóxica, é un feito existencial” (). Alén diso, tras décadas de pescuda e pensamento crítico e feminista (véxase, ; ), volveuse absolutamente necesaria a práctica da reflexividade nas nosas análises. , desde a Xeografía (aínda que podemos estender os seus apuntamentos teóricos-metodolóxicos ao resto das disciplinas sociais), asegura que a práctica crítica e ético-epistemolóxica de explorarmos a nosa posicionalidade ten que incluír “un exame crítico das relacións sociais e estruturais de poder e de como a investigadora se sitúa nelas con respecto á comunidade investigadora” ().
Dado que sempre estamos inmersas na sociedade, comprendermos e sabermos como estamos posicionadas dentro do campo continúa a ser unha práctica fundamental e necesaria nas ciencias sociais. Por este motivo, o recoñecemento da posicionalidade da investigadora foi, e aínda é, extremadamente útil para nos afastar dos imperativos modernistas de neutralidade e imparcialidade (). Porén, a posicionalidade tendeu a se converter en certas ocasións nunha categoría demasiado “fixa e estática” (), nunha identidade a ser revelada pola investigadora, como se fose un lugar pechado, deixando de lado o carácter emerxente, móbil e parcial da “situacionalidade” (situatedness, ).
A nosa «posicionalidade» non é a única categoría que condiciona o noso traballo de campo e de análise, e a súa sobreestimación pódenos conducir a análises egoístas que entendan as nosas identidades como categoría fixas, levando a nosa práctica reflexiva a ser entendida como explicacións banais da nosa «personalidade» (). Como di Kim England, “a reflexividade é moitas veces mal interpretada como ‘unha confesión de indiscrecións salaces’, ‘un mero ollar para o embigo’ e até mesmo ‘narcisista e egoísta’” (1994, 82). Mais a pesar da importancia do persoal, temos que “resistir a trampa do egocentrismo gratuíto” (), pois a nosa personalidade “non limita nin impide o coñecemento ou a comprensión, porque estas baséanse (entre outras cousas) na formación e nas intencións analíticas” ().
Na necesidade de comprendermos e recoñecermos as diferentes relacións de poder que interfiren na construción da nosa investigación, é dicir, aquelas que participan na elaboración do campo de estudo e do noso enfoque analítico, debemos ser conscientes dos diferentes “coñecementos inconscientes” (, énfase propia) que están a ser presentes e que facilitan ou dificultan o noso proceso de pescuda. Partindo dun enfoque amplo sobre a reflexividade investigadora (véxase, ; ; ), mais que unha discusión das nosas posicións sociais, o que é necesario é unha reflexión sobre as nosas subxectividades como investigadoras sociais.
Desde unha perspectiva postestruturalista feminista, define a subxectividade como un proceso precario, contraditorio e constantemente en reconstitución, como aqueles “pensamentos e emocións conscientes e inconscientes da persoa, o sentido dela mesma e a forma que ten de entender a súa relación co mundo” (). Deste xeito, a subxectividade non considera a posición da investigadora desde unha postura identitaria, como unha categoría fixa e inmóbil, mais favorece unha concepción moito máis relacional do Eu, un devir que se “distribúe entre os diferentes corpos políticos nos que participamos” (). A subxectividade é un proceso “continuamente moldeado mediante o discurso e outras prácticas sociais e materiais a medida que interpretamos o mundo e actuamos sobre el” ().
Todo isto modifica por completo a nosa comprensión sobre as fronteiras da investigación e a nosa identificación como suxeitos investigadores outsiders ou insiders no campo. A mobilidade e a flutuación da subxectividade lévanos a (re)pensar e (re)negociar constantemente o noso status no campo (). Unha avaliación reflexiva da nosa subxectividade móbil e cambiante como investigadoras axúdanos a incluír todas as diferentes variábeis somáticas e encarnadas que a posicionalidade deixa fóra. Obríganos a comprender como “as atmosferas afectivas organizan a subxectividade e como as subxectividades afectadas coas súas propias historias particulares tamén poden traballar activamente para provocar, alterar, manter, resistir e desafiar as atmosferas afectivas” (). Esta perspectiva ética sobre as nosas propias subxectividades axúdanos a reflexionar sobre o noso lugar na investigación e a recoller novos “datos sensoriais” (). Ao mesmo tempo, esta perspectiva tamén nos posibilita a reflexión pausada sobre como a nosa presenza e participación no campo pode chegar a modificar as nosas relacións dentro do mesmo. Neste senso, como amosarei no transcurso deste exemplo de reflexión política etnográfica, a miña participación nos diversos actos de Vox e as relacións e conversacións coa militancia do partido guiaron a miña análise.
2. APUNTAMENTOS DO TRABALLO ETNOGRÁFICO
A reflexión metodolóxica que inspira este artigo ven dun traballo etnográfico de máis de catro anos, do 2019 ao 2023, na formación política de ultradereita española Vox. A selección das técnicas etnográficas para a realización da investigación débese á función “microscópica” () e “sensitiva” () da etnografía, así como ao seu carácter “flexíbel” e “multifacético” () que permite o uso de diferentes perspectivas, métodos e técnicas de observación, captación e análise. Nesta investigación, de todos xeitos, a observación participante foi a principal técnica empregada ao longo de todo o proceso pola súa utilidade para investigar as interaccións dentro de movementos políticos.
A etnografía en Vox foi un proceso complexo e continuado no tempo e localizado, sobre todo, na cidade de Barcelona e nos seus arredores. De todos xeitos, a propia investigación tamén me levou a asistir a diferentes eventos estatais de Vox en Madrid, así como tamén gardei diferentes contidos dixitais que o partido político publicaba nas súas redes. Durante estes anos, asistín a diferentes coloquios, actos, mesas propagandísticas, grandes e pequenos mitins políticos, e festas e manifestacións onde tiven a oportunidade de falar tranquilamente e de xeito informal con varias persoas próximas ao partido, tanto militantes como simpatizantes.
A miña participación nestes eventos e, sobre todo, nas conversas (tanto formais como informais) coa xente próxima a Vox nunca foi encuberta. Durante o meu traballo etnográfico mantiven sempre uns principios éticos de investigación claros e un tratamento diferenciado entre aqueles espazos públicos e privados (). Para os actos pechados ao público en xeral, solicitei sempre a autorización expresa do membro organizador de Vox e informei da miña motivación como investigador social á persoa responsábel do acto. Para as conversas informais e formais con persoas próximas a Vox, tamén indiquei a miña posición como investigador e sempre especifiquei cal era o obxectivo principal do meu traballo.
A apertura ética que levei durante o meu proceso de investigación (é dicir, a constante solicitude de acceso e permiso para estar no campo) impediume obter certa información útil. Á fin, as persoas coas que interactuei sentíronse algunhas veces moi observadas, facendo que mediran as súas palabras ou a intensidade dos seus discursos, e creábase unha certa distancia comunicativa e afectiva entre nós. Posibelmente, mediante o uso de técnicas etnográficas encubertas poderíase ter eliminado esta distancia, mais crearíanse outros conflitos e dilemas éticos que a miña propia reflexividade ética investigadora non quería nin podía asumir. Deste xeito, considero que é extremadamente necesario manter un trato ético xusto e honesto () con todas as persoas informantes, incluso con aquelas que máis “detestamos” (). Sermos investigadoras «honestas» é unha decisión ética e metodolóxica, pero tamén serve como unha medida de protección, como un xeito de amosar que non estamos xunto a estes grupos ultra en forma de «espías de esquerda», aínda que, como amosarei a continuación, isto non sempre funcionou.
Nas próximas seccións, o meu obxectivo é a exploración e a reflexión analítica dos efectos da miña propia subxectividade no campo de estudo e os conflitos e dilemas que xurdiron del. O cometido principal é a observación das rupturas e dilemas entre a subxectividade política e a subxectividade investigadora. Mediante unha retrospectiva da miña posición no campo, amoso algunhas implicacións que ten a investigación internalista na ultradereita no noso propio ser (investigador e político) e como afectan a localización, a seguridade, a ética, a vulnerabilidade e o campo de estudo a todo este proceso.
Para levar a cabo a reflexión, centrareime especificamente en tres experiencias diferentes do traballo de campo en Vox onde os movementos feministas e/ou antifascistas intentaron impedir ou bloquear a acción política da ultradereita. A selección destas experiencias débese a que a aparición de feministas e antifascistas no campo fixo evidentes algúns dos dilemas éticos aos que nos temos que enfrontar desde a investigación crítica ao facermos etnografía na ultradereita. Amais, como se expón desde os estudos dos movementos sociais, durante a participación en experiencias de enfrontamento político directo (e violento), os grupos políticos solidifican as súas construcións ideolóxicas e afectivas do seu «nós» e o seu «eles» (; ). Isto fai que, como investigadoras no lado da ultradereita, se nos inclúa tanto polos sectores de ultradereita como antifascistas como suxeitos pertencentes ao «nós-ultra». As experiencias etnográficas son:
-
As contramanifestacións neonazis na Avenida Meridiana (Barcelona, 2019-2020). Estas contramanifestacións foron unhas das miñas primeiras experiencias etnográficas realizadas na ultradereita española. Os actos estaban organizados pola asociación Catalanes por España e varios membros de Vox Barcelona participan deles de forma activa. Catalanes por España créase a finais de 2019 para se enfrontar aos peches de tráfico que o movemento independentista catalán facía desde a publicación das sentencias á cadea aos líderes políticos independentistas, o 14 de outubro de 2019. Catalanes por España mantiña un suposto perfil apolítico nas súas bases, mais tiña grandes influencias neonazis, xa que o líder e fundador da asociación era tamén o secretario xeral do Frente Nacional Identitario-Partido Nacional-Socialista Obrero Español (FNI-PNSOE).
-
O escrache ao bus de Vox Barcelona (Barcelona, 8 de marzo de 2020). O 8 de marzo de 2020, Vox celebrou un acto masivo no Palacio de Vistalegre en Madrid. Para que os simpatizantes ultras puideran chegar de todas as partes do Estado español, Vox puxo autobuses desde diferentes capitais de provincia. O autobús que saíu desde Barcelona foi atacado antes de marchar polo activismo antifascista e feminista da capital catalá. O escrache feminista ao autobús de Vox provocou que a viaxe cara Madrid comezara con máis de tres horas de retraso.
-
A manifestación do colectivo predoutoral no TSXC (Barcelona, 21 de outubro de 2020). Tras unha batalla xudicial contra as universidades catalás para a mellora das condicións laborais, o colectivo predoutoral celebrou unha manifestación ás portas do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC). No medio da manifestación, apareceron varios membros de Vox en Barcelona cos que xa se mantivera contacto.
3. LOCALIZACIÓN, SEGURIDADE E REFLEXIVIDADE INVESTIGADORA
Un dos principais problemas cos que me atopei durante a miña investigación na ultradereita española e que confrontou as miñas subxectividades política e investigadora foi que facer cando os grupos de antifascistas, feministas ou antirracistas irrompían, atacaban ou boicoteaban o acto de ultradereita onde estaba a facer a miña observación participante. Nestas situacións, cando o antifascismo empregaba a acción directa para impedir o avance ultra nas rúas, a miña posición social como investigador e a miña posición política como antifascista enfrontábanme directamente con diferentes controversias morais, políticas, físicas e, obviamente tamén, académicas.
Como nos ve a xente cando participamos nos actos da ultradereita? Cal é, ou debe ser, a nosa posición cando o antifascismo responde a presenza ultra coa acción directa? Cales son as nosas respostas emocionais e corporais cando aparece a confrontación física? Como (re)negociamos a ruptura das normas políticas e afectivas coas nosas pares ideolóxicas cando estamos no «outro lado» da loita? Tendo en conta todas estas reflexións e preguntas, considero que necesario repensar e debater sobre o noso propio proceso de encarnación nas protestas da ultradereita e, así, poder estudar como se materializan algunhas barreiras corporais que permiten ou denegan o acceso para investigar estes grupos políticos ultra.
O traballo emocional da propia subxectividade investigadora é unha das labores máis importantes cando estamos dentro do campo de estudo. A presenza de normatividades afectivas concretas, de estruturas emocionais contextuais e socialmente construídas, fai que debamos atender aos efectos do noso «traballo emocional» no campo. Segundo hai dous tipos de “traballo emocional”: a evocación, que é a provocación dun sentimento que desexamos amosar pero que está ausente, e a supresión, que trata da reprimir un sentimento presente pero que non queremos amosar. Amais, di que temos tres técnicas diferentes á nosa disposición para levar a cabo este manexo emocional: a cognitiva, que busca o cambio das ideas e pensamentos para modificar o tipo de sentimentos; a corporal, que realiza o troco dos síntomas somáticos das emocións sentidas; e a expresiva, que se centra no cambio da expresión xestual.
No traballo de campo na ultradereita, as persoas investigadoras críticas enfróntanse cunha fatigante carga de traballo emocional na que a propia subxectividade política tamén se ve afectada. Por exemplo, durante o meu traballo de campo na ultradereita española tiven que deixar de prestar atención aos discursos machistas, racistas e nacionalistas do meu arredor para que non se notase a miña incomodidade política, é dicir, fixen traballo emocional cognitivo e de supresión. Tamén tiven que controlar as miñas pulsacións e os ritmos da miña propia respiración en diferentes momentos de enfrontamento físico con rivais feministas e antifascistas para que os sectores ultras non puidesen apreciar o meu medo ou a vergonza que sentía por estar xunto a eles; noutras palabras, fixen traballo emocional corporal e de supresión. Mais tamén aplaudín, rin ou copiei algún movementos corporais que facía a xente de Vox próxima a min para conseguir e manter o acceso ao campo, así como para ser capaz de entender e sentir o que alí estaba a suceder, é dicir, realicei traballo emocional expresivo e de evocación. Todo isto implicou unha constante reflexión do que alí estaba a facer eu e unha consciencia dos efectos que esta actividade estaba a ter na miña propia subxectividade política.
Outro dos grandes asuntos que afectan na nosa subxectividade investigadora e política é o noso lugar dentro da investigación e do campo de estudo. A localización no campo como investigadoras sociais facendo etnografía é sempre relevante, pero durante os enfrontamentos políticos e físicos entre a ultradereita e o antifascismo é imprescindíbel. A localización espacial dos nosos corpos na protesta é extremadamente imporante, pois non é o mesmo estarmos no medio do tumulto da ultradereita, no lado dos movementos antifascistas ou mirando a confrontación desde lonxe. Ademais, temos que ter en conta que participarmos nos actos xunto co sector da ultradereita, é dicir, actuar como insiders significa, en certo xeito, proporcionarlles axuda e apoio. Por exemplo, na maioría dos actos políticos aos que asistín de Vox tamén participei activamente da súa “atmosfera afectiva” () e sostiven e axitei tanto bandeiras do partido como españolas, aplaudín os seus discursos e erguinme á entrada e saída dos líderes de Vox. Incorporei todo o meu ser ao espazo político de ultradereita, mais foi un acto consciente e motivado polo traballo etnográfico afectivo () que precisaba uns certos niveis de imitación corporal para poder captar os fluxos afectivos que alí estaban a acontecer. Este potencial «apoio» (ou asimilación) á acción política ultra fai que, antes de nos colocar nun lado ou noutro da «batalla», nos cuestionemos sobre o tipo de datos que esperamos sacar do acto e a necesidade de estarmos xunto os ultras ou se dispoñemos doutras opcións politicamente máis éticas.
Amais, tamén temos que ter en conta a nosa protección e cal é o límite o que estamos dispostas a chegar para levar a investigación a cabo. Por exemplo, na maioría das manifestacións e actos coa xente de Vox non temín case en ningún momento pola miña seguridade física, mais si que tiven medo nas contraconcentracións nacionalistas españolas celebradas de decembro de 2019 a marzo de 2020 pola agrupación Catalanes por España, unha asociación político-social de ultradereita e nacionalista española para «protexer» a Avenida Meridiana (Barcelona) das mobilizacións independentistas catalás.
As contraconcetracións españolistas comezaban sempre na parada de metro de La Sagrera e avanzaban setecentos metros ata achegarse ao lugar onde a mobilización independentista cortaba o tráfico. Como o obxectivo principal e manifesto desta asociación era a fin dos cortes de tráfico da Avenida Meridiana, a súa manifestación sempre discorría pola beirarrúa. A primeira vez que asistín a unha destas concentracións españolistas quedeime a observalos desde a distancia, pero na seguinte vez xa me intentei achegar e conversar con algunhas das persoas que estaban alí a participar. Nesta segunda ocasión, puiden comprobar que a concentración non só estaba «asegurada» coa presenza do furgón policial que acompañaba a marcha desde a rúa, senón que tamén habían varios mozos coas caras tapadas que a rodeaban —despois descubriría que eran militantes da organización nacional-socialista Frente Nacional Identitario. Cando me estaba a incorporar no grupo, un destes rapaces veu ao meu alcance e, sen permitir que puidese explicarlle o que alí estaba a facer, díxome que era mellor que marchara ou me separara do grupo. O to de ameaza na fala do militante neonazi e o medo que sentín del fixo que, desde aquela ocasión, asistira sempre ás concentracións de Catalanes por España como un investigador outsider, é dicir, continuei acompañándoos nas súas marchas mais cunha prudente distancia de seguridade e mantendo totalmente un rol de observador. A autoprotección militante da manifestación españolista fixo que tivera medo e influíu na miña autopercepción de seguridade investigadora, modificando ao mesmo tempo o meu procedemento metodolóxico na observación participante e afectando os potenciais resultados da análise. A sensación de (falta de) seguridade é un factor fundamental que condiciona o noso proceso metodolóxico de investigación.
4. A ÉTICA POLÍTICA E A VULNERABILIDADE INVESTIGADORA NA MOBILIZACIÓN ULTRA
Á parte do tema da nosa propia seguridade e protección, outro dos conflitos que distribúen os nosos corpos fóra ou dentro dos grupos ultra é a ética política da nosa investigación. Mentres que algúns apuntamentos metodolóxicos sosteñen que se debe manter unha certa distancia ou incluso unha certa prohibición á hora de participarmos en calquera acto ou manifestación da ultradereita, outros enfoques aseguran que a necesidade científica de entender estes grupos sociais xustifica sempre a nosa participación e presenza xunto eles ().
Con todo, en realidade, o dilema de estarmos ou non no «lado escuro», xunto as mobilizacións ultras, non pode ser resolto de forma sinxela cunha resposta única e monolítica. Por un lado, non podemos manter unha «suposta» prohibición antifascista para non participar nunca nos seus actos por seren os nosos «inimigos» (Perlstein 1995, citado no ), mais, polo outro lado, tampouco é bo asumir acriticamente a nosa presenza xunto eles lexitimándonos, e lexitimando o noso traballo académico, tan só a través do obxectivo e a necesidade académica (). Desde os sectores críticos, feministas e de esquerda na academia, precisamos saber que (e como) pensan na ultradereita desde unha perspectiva emic (; ), mais tamén temos que ter en conta cales son os efectos políticos e sociais da nosa presenza corporal. Por iso mesmo, o dilema debe quedar sempre aberto, como unha pregunta que está sempre pendente a ser respondida. O dilema ético sobre onde estarmos debe quedar sempre en forma de pregunta obrigatoria: é eticamente necesaria a nosa presenza?
Relacionada con todas estas inquedanzas, outra das cousas que temos que ter en conta é que a nosa presenza e posición nas mobilizacións ultra é un acto material, que somos corpo. Como xa expresou perfectamente a filósofa estadounidense , durante unha manifestación ou un acto político os corpos das persoas participantes están en xogo, pois elas mesmas amosan de maneira explícita a súa vulnerabilidade para se defender e representar unha causa política en específico. Cando nós, como investigadoras sociais que facemos etnografía, estamos a realizar unha observación participante na ultradereita tamén poñemos aos nosos corpos nunha situación de vulnerabilidade, mais a pregunta realmente é quen nos fai ou non vulnerábeis e a quen facemos nós vulnerábeis.
O oito de marzo de 2020 fun a un acto de Vox en Madrid desde Barcelona. Para ir alá, o partido puxo a disposición da súa xente un autobús e, sen pensalo moito, anoteime. Antes da nosa saída, na medianoite do sete ao oito de marzo, un grupo feminista e antifascista dunhas cen persoas levou a cabo un escrache ao vehículo de Vox. O grupo feminista íase achegando ao autobús mentres gritaba «fóra fascistas dos nosos barrios». De xeito perfecto, levaban a táctica do «black bloc», é dicir, “a táctica que consiste en formar un bloque móbil no que todos os individuos conservan o seu anonimato grazas ás súas máscaras e á vestimenta negra da cabeza aos pés” (). Os activistas ultra de Vox que se atopan comigo dentro do autobús tardaron uns segundos en reaccionar, mais, cando o fixeron, cando sentiron e asumiron o “choque moral” (), pasaron da indignación ao enfado. Houbo unha ruptura e desbordamento do marco afectivo que, en primeiro lugar, os paralizou para despois facer que perderan o control.
Tanto as manifestantes feministas como os activistas ultra amosaron alí as súas propias vulnerabilidades na acción política e trataron de subvertela. Por un lado, a táctica do «black bloc» é unha estratexia e práctica afectiva que expón as vulnerabilidades de cada unha das participantes da manifestación (), pois asumen a posibilidade de que existe unha potencial represión das forzas policiais ou dos movementos políticos rivais, mais estas vulnerabilidades son subvertidas mediante o ensamblaxe destes corpos vulnerábeis e a formación dun único suxeito-manifestante. As feministas que se achegaron aquel oito de marzo ao autobús de Vox asumían a potencial resposta do grupo ultra e as consecuencias políticas e físicas da súa acción, mais conseguiron subverter a súa vulnerabilidade a través do ensamblaxe de todos os seus corpos (e, polo tanto, de todas as súas vulnerabilidades) nunha masa antifascista e feminista capacitada para lles facer fronte.
Por outro lado, a parálise e a perda de control dos activistas ultra evidencia como todo corpo «activista» pode ser afectado por outros. No entanto, se as feministas facían evidente a súa vulnerabilidade para ensamblala colectivamente nun suxeito-manifestante con máis capacidade de acción, os activistas ultra subverteron o seu sentirse vulnerábel a través da procura dun chibo expiatorio. En vez de levar unha colectivización política dos seus medos e vulnerabilidades, a resposta consistiu na externalización individual da culpa por dar certa información «privada». De súpeto, todas as persoas que estaban no autobús eran consideradas polo resto como potenciais «espías de esquerda». A resposta á materialización do perigo propiciou unha procura individual do axente externo para salvar o grupo.
Cando marcharon as feministas, a conversa da xente de Vox centrouse en atopar ao infiltrado de esquerda que dera toda a información da súa viaxe ás feministas. Segundo as súas crenzas, alí dentro había unha persoa que non era de Vox e que pasara toda a información ás agrupacións feministas. Cando me decatei da estratexia de externalización da culpabilidade que se estaba a construír entre as activistas de Vox, asusteime e temín que me botaran a culpa de compartir a información sobre a viaxe cos grupos feministas, pois, como xa apuntei, sabían perfectamente que eu era investigador e non un simpatizante ou afiliado máis.
Así e todo, ao mesmo tempo que sentía este medo, tamén comecei a sentir unha mestura de vergonza e temor das feministas que acababan de atacar o autobús de Vox. A causa da miña representación corporal nese momento, sabía perfectamente que estaba moito máis seguro dentro do autobús cos membros de Vox que fóra xunto ás antifascistas e feministas. Como investigadoras críticas na ultradereita temos que nos decatar que non estamos por riba do conflito, é dicir, non podemos pretender ser unha narradoras omniscientes sen influencia nos procesos que reportamos. Naquel momento, o meu corpo era vulnerábel de ser atacado polos meus propios pares ideolóxicos. Sentía vergonza de que as compañeiras feministas que estaban a levar a acción directa me recoñeceran dentro do vehículo ultra, mais tamén sentía medo de que elas conseguiran entrar no autobús. Á fin e ao cabo, eu era outro simpatizante de ultradereita máis, pois o meu corpo se atopaba dentro dese autobús ao lado da militancia de ultradereita española.
A percepción do noso ser como un suxeito de ultradereita é un resultado plausíbel do noso traballo de campo e pode ter varias consecuencias. Por un lado, podemos ser atacadas física, emocional ou mentalmente polo antifascismo por non nos recoñecer nin saber a nosa afiliación política. Outra opción, pode ser que alguén do escrache antifascista nos recoñeza, mais non saiba nada do noso traballo académico e, polo tanto, que se sinta traizoada. Esta situación pode perturbar futuras investigacións, así como tamén é moi posíbel que afecte as nosas vidas persoal e de militancia. Unha terceira opción pode ser que as activistas antifascistas nos recoñezan, saiban da nosa investigación e traten de nos defender do ataque. Se durante a entrada ao campo non deixamos clara a nosa posición e opinión política ás persoas dos grupos ultra, pode que nos expulsen do campo de estudo ou, polo menos, que se vexa diminuída a confianza entre os informantes e a investigadora.
Moitas veces preguntámonos sobre as estratexias de seguridade investigadora fronte os movementos ultra que estamos a analizar, mais pouco temos falado sobre como nos protexer fronte as accións directas do antifascismo e dos grupos feministas, das «nosas» pares ideolóxicas. Quen me facía máis vulnerábel? A quen causaba eu máis «dano»? Á fin, a causa do noso traballo etnográfico, nestas situacións estamos nós a romper cos nosos propios vínculos políticos e afectivos co antifascismo e coas nosas propias posicións políticas, rachamos con parte do noso ser.
5. «ESTOU FÓRA DO CAMPO?» SUBXECTIVIDADE E CAMPO DE ESTUDO
Como xa mencionei, a subxectividade é un campo en tensión e móbil entre o que somos e o que nos rodea, é dicir, o campo de acción (xa sexa política ou investigadora) na que nos atopamos nese intre. Unha das primeiras situacións que me fixo reflexionar de xeito claro sobre a mobilidade na miña subxectividade investigadora e a miña relación co campo de estudo ocorreu o 21 de outubro de 2020. Neses días, as investigadoras predoutorais de Cataluña, xunto co estudantado universitario catalán, estabamos convocadas a unha xornada de folga e mobilización para reclamarmos unha mellora nas nosas condicións laborais —especificamente, solicitábase a ampliación de todos os contratos predoutorais de tres a catro anos de duración. Como a nosa demanda estaba a ser xulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC), a mobilización principal levouse a cabo ás portas da sede xudicial catalá.
Despois de varias prórrogas no xuízo causadas, sobre todo, pola negativa das universidades catalás a entregaren a documentación solicitada polo xulgado e a parálise case completa da Xustiza pola pandemia da Covid-19, na mañá do 21 de outubro de 2020, o TSXC declarouse incompetente para resolver a nosa demanda contra as universidades catalás. Como resposta, as investigadoras predoutorais acordamos manter a mobilización nas portas do xulgado. Durante esta mobilización política e laboral, recoñecín, a uns dez metros de onde me atopaba, a un pequeno grupo de activistas de Vox cos que xa compartira diferentes espazos, incluso con algún deles xa tivera varias conversacións informais durante o meu traballo de campo. Como é obvio, a miña participación nese acto sindical era estritamente persoal, estaba de folga e, polo tanto, nese momento non estaba nin a traballar nin a investigar. Agora ben, estaba fora do campo?
Como investigadoras sociais creamos e modificamos as fronteiras dos nosos campos de estudo, mais estas modificacións non son sempre voluntarias, é dicir, non somos nós os únicos suxeitos con axencia. Eu estaba alí a protestar, vivindo a miña vida (persoal), mais cando vin que os activistas de ultradereita estaban dentro da («nosa») marcha e a pouca distancia a que se atopaban, sentimentos de medo, vergonza e frustración brotaron rapidamente do meu interior. Que facían eles alí? Víranme? Se me viron, como me debo comportar? Teño que abandonar o acto?
A presenza destes activistas ultra romperon o meu marco afectivo e de acción e, durante algúns segundos, quedei completamente paralizado. As caras dos activistas ultra funcionaban como “cápsulas afectivas” () que me facían revivir as experiencias que tivera con eles. Eran cápsulas que me transportaban de volta ao campo de estudo, cara as manifestacións españolistas na Avenida Meridiana ou dentro do autobús de Vox atacado. Removíanme e paralizábanme. Despois, puxen a capucha e marchei de onde estaban. O campo de estudo fixo que abandonara o meu campo político.
6. CONCLUSIÓNS
Estes tres relatos de campo serven para observarmos como a subxectividade é unha categoría móbil, cambiante e precaria, unha categoría que se está a (re)constituír e (re)negociar de xeito constante. Pódese observar como as nosas construcións e enfoques políticos non só inflúen nas nosas análises sociais, senón que tamén estas construcións están afectadas pola nosa práctica investigadora e inflúen a nosa localización no campo, os niveis de seguridade, a nosa ética política e as relacións de vulnerabilidade.
A nosa subxectividade política, persoal e académica aféctanse e conéctanse as unhas coas outras, facendo que a nosa investigación dependa da interdependencia entre elas. Un claro exemplo desta constante conexión vese no “traballo emocional” () que debe realizar a investigadora mentres se atopa no campo. Como amosei no primeiro dos relatos, a supresión, evocación ou control das emocións que expresaba durante o meu traballo etnográfico son prácticas conscientes desas accións “insconcientes” () que me permiten (ou non) seguir presente no campo. Sen o control, por exemplo, da miña incomodidade cara certos discursos machistas ou racistas (mostras da miña subxectividade política), non sería nunca aceptado polos grupos de persoas próximas ideoloxicamente a Vox, imposibilitando, dese xeito, a realización da miña investigación e afectando a miña subxectividade académica.
Neste traballo de reflexividade metodolóxica, outra das cuestións centrais á hora de analizar a ultradereita é o suposto distanciamento antifascista que se debe respectar entre as investigadoras críticas e os actos políticos ultras (Perlstein 1995, citado no ). Esta negación a participar nas actividades políticas da ultradereita lexitímase mediante unha autosuficiencia analítica, agochando en moitas ocasións a pereza, o odio ou o medo para se manchar as mans compartindo espazo con eles (). Este rexeitamento a compartiren espazo está moi ligado á crenza que o resultado etnográfico servirá para normalizar e expandir os discursos e pensamentos ultras, mais a etnografía non pode ser entendida nin practicada unicamente a través da mera explicación das representacións nativas, neste caso, das representacións ultras. A etnografía axúdanos a achegar e comprender culturas (políticas) diferentes, mais sen asumir acríticamente os seus postulados, xa que precisa dun manexo teórico e unha análise científica (). A reflexividade investigadora debe, polo tanto, ampliar a nosa visión cara perspectivas analíticas e metodolóxicas que non teñan «medo» en asumir as incongruencias entre o «ser» académico e o político, entre a subxectividade que precisa e sabe da necesidade dunha investigación académica etnográfica na ultradereita e a que quere boicotear o acto.
A «distancia» física ou emocional coa mobilización de ultradereita, polo tanto, non queda supeditada a percepcións ideolóxicas do suxeito investigador. Pero isto non significa que non deba de existir. A distancia con grupos políticos «perigosos», como pode ser o caso das manifestacións de Catalanes por España, debe estar determinada polo potencial risco da investigadora de se atopar alí. Saber tratar co carácter precario, contraditorio e múltiple das subxectividades das investigadoras (), entender os nosos estados de ánimo, sentimentos e comprensión do noso mundo axúdanos contextualizar a nosa posición no campo, saber identificar e reflexionar sobre os potenciais riscos que nos podemos encontrar e, ao mesmo tempo, a non rexeitar recorridos etnográficos por prexuízos e cuestións emocionais, morais e políticas.
Alén diso, queda tamén claro que o campo de investigación non é un espazo pechado onde as investigadoras sociais somos as únicas con axencia para determinarmos cando ou non entrar nel. No último relato, por exemplo, amósase un espazo en tensión que fai evidente as disxuntivas entre as diferentes subxectividades e a súa relación sobre cando se está ou non dentro do campo (), pois é un lugar que discute entre «quen queremos ser» (outro investigador predoutoral máis que participa de maneira activa na protesta para a mellora das súas condicións laborais), «quen cren os demais que somos» (un investigador predoutoral «sen ideoloxía política» aparente) e «quen somos» (un investigador predoutoral de esquerdas que fai traballo de campo na ultradereita). Así, o campo e as persoas que participan del teñen axencia analítica propia, é dicir, inflúen na investigadora quen, o mesmo tempo, tamén inflúe no campo e nas súas condicións para a análise. Trátase dun proceso dialóxico continuo entre todos os participantes da investigación e que repercute en todos os niveis do noso ser.
En conclusión, considero que é de extrema necesidade seguir cuestionándonos sobre como e de que xeito estamos afectadas e afectamos por nos atopar no «lado escuro». A discusión debe ser continua, mais non co obxectivo de abandonar a propia investigación, senón para esta poda ser posta en marcha de xeito seguro, tanto físico como emocional, para as investigadoras e os suxeitos analizados. A constante reflexión sobre a seguridade investigadora, a ética política e pertenza ao campo de estudo son elementos fundamentais na investigación etnográfica. Aínda que é certo que nas últimas décadas somos moito máis conscientes dos procesos e problemas ético-sociais das nosas investigacións nas organizacións e mobilizacións de ultradereita, considero que é urxente unha reflexión sobre as nosas subxectividades e como se ven afectadas polas nosas investigacións, así como os seus efectos nos nosos espazos socio-políticos. Amais, estes dilemas e problemas deberían estar máis presentes nas nosas publicacións e traballos.
RECOÑECEMENTOS
A investigación realizada estivo financiada pola Axuda para a Formación de Profesorado Universitario (FPU) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Estado español (Ref.: FPU19/04981). As ideas que se presentan neste artigo teñen a súa orixe nos obradoiros The Ethics of Researching the Far Right (agosto e setembro de 2020) organizados polo grupo de estudo sobre transformacións pos/decoloniais da British Sociological Association e na mesa “Research at the margins – transgressing rules in sensitive fields?” do XV Congreso Internacional da Sociedade para a Etnoloxía e o Folclore (SIEF) (xuño de 2021). Tamén quero agradecer as avaliadoras e o equipo editorial desta revista polas súas revisións e comentarios construtivos.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
2
3
4
5
6
7
9
10
11
Dobratz, B. e Waldner, L. (2021). “Interviewing Members of the White Power Movement in the United States: Reflections on Research Strategies and Challenges of Right-Wing Extremists”. En Ashe, S. D., Busher, J., Mackling, G., e Winter, A. (eds.) (2021) Researching the Far Right. Theory, Method and Practice, Londres: Routledge¸ pp. 212-224.
12
13
15
16
17
18
20
21
22
23
24
25
26
28
29
30
31
32
33
34
36
Wetherell, M. (2013). “Feeling Rules, Atmospheres and Affective Practice: Some Reflections on the Analysis of Emotional Episodes”. En Maxwell, C. e Aggleton, P. (eds.) (2013) Privilege, Agency and Affect: Understanding the Production and Effects of Action. Londres: Palgrave Macmillan UK, pp. 221-239.
Notes
[1] Emprego o termo emic seguindo a para me referir as perspectivas metodolóxicas que intentan achegarse as producións de significado nativas nas súas análises. Non obstante, débese ter en conta que, como ben apunta , a dicotomía de etic/emic é metodoloxicamente errónea, pois as concepcións nativas precisan dun coñecemento disciplinar, do mesmo xeito que as lecturas teóricas non poden levarse a cabo sen a revelación das representacións nativas. Ambos paradigmas son indisociábeis e propios da lóxica analítica da antropoloxía.


