Así como o estudo da literatura traballa xeralmente con materiais pechados (impresos), cando se abordan as linguas non podemos esquecer que se trata de algo vivo, espontáneo, cambiante, exercido polo conxunto de falantes á marxe de cadanseu nivel cultural. Polo tanto, para abordar tal empresa cómpre que o investigador sexa absolutamente prudente e preciso se pretende obter un traballo rigoroso. Elementos estes que non sempre dependen do estudoso se o colectivo obxecto de análise non facilita minimamente a súa tarefa.
Por obvias que parezan estas reflexións, non está de máis telas presentes para analizar un traballo de investigación dialectal como o que nos ocupa. Sempre lembrarei unha advertencia que na clase nos fixo José Enrique Gargallo (desde 2017 catedrático de filoloxía románica na Universitat de Barcelona) a propósito de se un informante falaba correctamente (no sentido físico) ou non: poñía o exemplo de certa persoa que coñeceu, de apelido Capdevila, que cando o pronunciaba —por un defecto propio, habitual en falantes de catalán— facía o <l> velarizado.
En consecuencia, cando se aborda unha análise lingüística (léxica e fonética) como a que nos ocupa, calquera prevención sempre é pouca, máis aínda se o investigador non coñece de maneira case absoluta o obxecto a analizar. É o caso do romanista sueco Bertil Maler (1910-1980), que viaxou a España na primavera de 1936 na procura de materiais para a súa tese de doutoramento. Por suxestión de Ramón Menéndez Pidal, a quen escribira Erik Staaf, o mestre de Maler, este pensou investigar en Galicia. Visitou en Hamburgo ao romanista Fritz Krüger, que xa fixera traballos na comarca de Sanabria, quen o forneceu de materiais e métodos para afrontar o seu traballo. Despois viaxou a Barcelona, onde coñeceu a Antoni Griera, que encetara a publicación do Atles lingüístic de Catalunya, cuxos primeiros volumes editara poucos anos antes o Institut d’Estudis Catalans, o primeiro que apareceu en España. Trasladado a Madrid, a Maler non lle foi posible contactar con Menéndez Pidal pero foi atendido polo seu colaborador Tomás Navarro Tomás, quen lle propuxo que estudase a fala de Mondoñedo e a súa bisbarra. Así o fixo o filólogo sueco e de camiño á vila mindoniense, pasou por Santiago de Compostela, onde foi acollido por membros do Seminario de Estudos Galegos que lle deron unha recomendación para que, no seu destino, contactase con Álvaro Cunqueiro. Naqueles días Maler foi testemuña do plebiscito do Estatuto de Autonomía celebrado o 28 de xuño de 1936.
A chegada de Bertil Maler a Mondoñedo foi saudada pola revista local Vallibria. Encetado o seu traballo de investigación, tivo que aturar as consecuencias da sublevación militar e o comezo da guerra que se ben non afectaron gravemente a Mondoñedo, alteraron o seu traballo, comezando pola marcha de Cunqueiro a Ortigueira en outubro, en prevención de posibles represalias pola súa militancia galeguista. Regresado Maler a Suecia, seguiu cos seus traballos e a forxa dunha brillante carreira académica.
En 1969 volveu a Galicia, concretamente á Coruña, onde visitou a sé da Real Academia Galega. Aproveitou a viaxe para achegarse a Vigo e saudar o seu amigo Álvaro Cunqueiro, daquela director de Faro de Vigo, quen lle fixo unha entrevista para o xornal.
Froito da súa primeira estadía en Galicia, daqueles días en Mondoñedo, foi o documento El (sub)dialecto gallego de Mondoñedo, conservado na Biblioteca da Universidade de Estocolmo. Indo ao seu contido, Maler deixa claras diversas circunstancias relativas —captadas claramente malia a brevidade da súa estadía— á condición da lingua galega en 1936, aos seus falantes —polo menos os que coñeceu— e o escaso nivel de estudos feitos sobre ela.
O primeiro que sinalaba é a autoglotofobia, causada pola hexemonía do castelán como única lingua escrita e pola influencia dos emigrados retornados. Sen esquecer a escasa fixación literaria que impedía o establecemento dun estándar. Outra sería a desconfianza cara aos forasteiros, sempre tomados por eventuais cobradores de contribucións.
Verbo dos estudos sobre a lingua galega, Maler laiábase de que outras linguas ou falas con menos falantes (caso do asturiano ou asturleonés e mais o aragonés) tiñan máis estudos feitos que o galego. Do mesmo xeito, que o Dicionario da Real Academia Galega só publicara a parte inicial do A ao C (non esquezamos que o catalán xa tiña, grazas a Pompeu Fabra, unha gramática normativa desde 1918 e o Diccionari general de la llengua catalana, aparecido en 1931, amparados pola autoridade científica do Institut d’Estudis Catalans).
Malia a desconfianza que Maler atopou nos paisanos das terras de Mondoñedo, o seu limitado nivel de instrución facilitou a tarefa do romanista sueco porque non atopou interferencias de castelán (máis recentemente, cando o profesor Aitor Carrera fixo traballos que deron como resultado o Petit atles lingüístic de la Vall d’Aran (2023) tivo que procurar informantes de certa idade, naturais da aldea ou da vila, con poucos estudos e non viaxados: unha derradeira oportunidade de observar unha lingua sen apenas interferencias).
Consideraba que “los gallegos, en general, [son] listos y tienen un ingenio vivo y mucha travesura” (p. 103). Observou que as mulleres eran máis conservadoras que os homes en canto a manter a lingua. Tamén observou as diferenzas de fala entre o centro da vila e o barrio dos muíños, habitado por persoas chegadas da bisbarra.
Maler era consciente de que a unidade lingüística entre galego e portugués se mantivo ata o século XV e que malia non ter o primeiro idioma unha fixación literaria, a súa variedade non deu para formar dialectos, coma moito subdialectos. Despois de situar as peculiaridades da fala de Mondoñedo, repasaba as características fonéticas xerais da lingua galega e remataba cun estudo léxico de obxectos de uso común. Neste apartado, sen dar categoría aos datos, non remataba de distinguir o que ás veces era vulgarismo ou deturpación e non forma dialectal (“frabeiro” por “febreiro”). De igual maneira, quedou sorprendido por algunhas palabras, como a forma que os seus informantes daban ao mes de xullo, “sega” (forma, curiosamente, non estraña por exemplo no gascón de Aran que di “junhsèga”, tamén pola colleita estival de cereais).
A edición feita pola profesora Mariña Arbor é modélica, tan documentada que o lector precisará dun repaso, unha vez lido o texto de Maler, para gozar co apartado de notas. Na presentación explica como coñeceu o traballo do romanista sueco e os pasos, non sempre doados, ata chegar á materialización que agora comentamos. Igualmente, a reconstrución do perfil biográfico e da bibliografía de Maler está moi ben resolta por Pär Larson. En resumo, un importante descubrimento para coñecer como era a fala daquel anaco de Galicia hai case un século.

