Juan Montes (1840-1899) pasou á historia da música galega por ser un compositor clave do Rexurdimento musical galego, especialmente por ter creado as recoñecidas Seis baladas gallegas, seguindo o formato do lied (inspirándose na música popular e nas poesías de Rosalía de Castro, Salvador Golpe ou Aureliano Pereira). Se ben o seu recoñecemento débese fundamentalmente á súa obra profana, o xénero que máis cultivou foi o relixioso. Isto débese en parte a súa formación ao longo de algo máis dunha década no Seminario de Lugo, do que saíu en 1863 para formar parte do novo tecido cultural profano desenvolto na segunda metade do século XIX: primeiro como pianista por horas do Círculo das Artes e posteriormente creando e dirixindo a Banda Municipal de Lugo e o Orfeón Lucense, sendo pianista do Casino de Caballeros ou segundo organista e mestre de capela interino da Catedral de Lugo, ademais de ter formado o Sexteto Montes e traballando como docente de piano. Tamén puxo o seu gran de area na recollida de material folclórico, especialmente da zona de Lugo cidade e arredores.
Polos escasos datos chegados ata nós en relación a este tema, podemos afirmar que aínda que ao longo da súa vida compositiva creou obras inspiradas nas formas musicais populares, non tivo un interese expreso polo folclore (ou polo menos de recoller melodías e ter un arquivo propio) ata a proposición de Ramón de Arana “Pizzicato” para axudalo cos materiais que irían no Cancionero musical popular español de Felipe Pedrell ou no Cancionero musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar.
No presente artigo mostraremos a partir de que momento Juan Montes comezará o seu interese por recompilar dunha forma ordenada música popular, ademais da repercusión que esta tarefa terá no seu labor compositivo.
1. JUAN MONTES COMO RECOMPILADOR
A documentación conservada sobre o labor recompilatorio de Juan Montes danos pistas suficientes para demostrar que o compositor exerceu algún traballo de campo puntual e que tiña no seu haber un corpus de musical popular respectable, aínda que existen moitas incógnitas e falta de fontes primarias como para reconstruír o seu proceso compilatorio en detalle.
En canto ás fontes secundarias, o achegamento máis preciso ata o de agora en canto á existencia do ‘fondo Montes’ é o capítulo que Xavier Groba dedica na súa tese sobre Casto Sampedro Folgar a ese labor recompilatorio do compositor lucense. Dito estudo establece unha clasificación dos materiais existentes atribuídos a Montes e en que outras fontes se repiten (fondos epistolares ou no cancioneiro de Pedrell, por exemplo), facendo fincapé no Cancionero Musical de Galicia.
No caso da presente investigación, para chegar a analizar a aplicación dos cantos populares na obra de Juan Montes, veremos como comezou ese apego cara ao mundo da recompilación e con que materiais da súa manufactura contamos a este respecto para poder dilucidar o impacto desta tarefa na vida profesional do mestre lucense.
A través das fontes epistolares custodiadas dentro do fondo Sampedro no Museo de Pontevedra relativos a Montes, sabemos que antes do seu traballo recompilador, só tiña coñecemento do Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña de José Pérez Ballesteros publicado en 1886 (sen referencias musicais), así como do Cantos y bailes populares de España: Galicia de José Inzenga publicado en 1888 tal e como lle indica ao propio Casto Sampedro ante a petición de envío de materiais do polígrafo pontevedrés.
O xerme do interese recompilatorio de Montes xurdiría a partir do momento no cal o musicólogo catalán Felipe Pedrell entra en contacto con Ramón de Arana para pedirlle a súa colaboración na compilación do Cancionero musical popular español. Nese preciso instante o crítico musical ferrolán tampouco se atopaba sumido na recuperación do folclore, pero a partir dese intercambio epistolar con Pedrell, comézalle a espertar un grande interese pola música popular, así como polo enxalzamento dunha forma determinada de manipulación do material folclórico na música académica. Sendo o benquerido amigo Juan Montes un referente de seu, contará con el para axudalo na travesía da recuperación de melodías tradicionais galegas.
Atendendo á correspondencia entre Arana e Pedrell que hoxe se conserva no Fondo Felip Pedrell da Biblioteca de Catalunya, podemos ver de preto nun dos primeiros intercambios, acontecido en xaneiro de 1895, a situación crítica da música popular galega en palabras de Arana:
Respecto al folklore gallego, aquí algo se ha hecho, aunque ahora casi todo se ha olvidado; y digo casi porque hace unos días leí en los periódicos regionales que se trataba de reanudar la tarea. La proposición de U. me seduce; pero mis fuerzas no responden á mis entusiasmos.
En Galicia ese asunto se ha mirado siempre con inexplicable abandono. Realmente hay dificultades muy grandes para el indispensable acopio de materiales. Nuestras canciones están maleadas y adulteradas por inferencias de modernismos; así que el trabajo de depuración es laborioso.
Segundo o relato de Arana, a finais do século XIX, o folclore atopábase nun momento extremadamente débil no que a transmisión oral era o único pé que sostiña a memoria musical da tradición. Se ben xa existiran algúns intentos previos de recompilar ditos materiais, estes non foron levados a cabo con moito éxito, polo que denuncia ante Pedrell que o retraso no labor de recuperación estaba a supoñer unha adulteración nas melodías tradicionais en pos de elementos ‘modernos’. Con isto non se estaba referindo a que os transmisores habituais da música popular estivesen incorrendo en maiores alteracións que as propias dunha transmisión oral ao longo dos anos, senón á maneira en que esta era tratada na música académica. Da necesidade reivindicativa de pór de relevo unha identidade propia no eido musical (así como no ámbito político e social), comezan a aparecer obras como os Cantares viejos y nuevos de Galicia de Marcial del Adalid, un dos primeiros artífices desa recuperación da tradición musical galega e da súa inclusión en fórmulas musicais de moda na época como foron os lieder, e que seguirían posteriormente outros autores clave como Juan Montes ou José Castro “Chané”.
Neste senso, Ramón de Arana seguía o proposto por Santiago Tafall no seu escrito teórico La tonalidad y el ritmo en la música popular de Galicia de 1901. En primeiro lugar, introduce o pensar do crítico P. Eustoquio de Uriarte en relación á música popular mesma, sen ser tratada baixo o prisma do ‘clasicismo’ musical:
La canción popular, que tiene su fundamento en exigencias psicológicas, junto con la aptitud natural del organismo humano, va marcada con el sello de la sencillez y con el carácter de invariabilidad en el fondo [...]. La esencia de la música popular de una región, es la sucesión melódica la cual es eco fiel de los sentimientos que la inspiran y le imprimen un carácter especial e invariable que la distingue de toda otra. La canción popular que brota espontánea, sencilla, sin preocuparse de convencionalismos que la modifiquen, lleva ya en sí, al nacer, los elementos más adecuados para su desarrollo, y se mueve en el medio musical que más le cuadra. Sus ignorados autores, habitantes del campo, en íntimo contacto con la naturaleza, disfrutando á la continua de los soberbios espectáculos que ella es capaz de desarrollar ante la vista del hombre, inspirarse en los misteriosos ruidos de la selva, en los ecos que el torrente despierta en la montaña.
Efectivamente, a música folclórica, recollida da colectividade rural a través das festas populares coma os maios, o entroido ou o Nadal, na intimidade dos fogares como os cantos de berce, ou nos labores do campo como as segas ou espadeladas, goza duns parámetros distintivos que locen invariables: aquí Uriarte (secundado no texto por Santiago Tafall) máis que a referencias puramente musicais, refírese á vinculación sentimental do oínte, que entronca cunha visión propia do enxalzamento nacionalista que impera nos inicios do século XX en toda Europa e que trataremos en maior profundidade ao longo deste estudo. De feito, na compilación das melodías tradicionais da Baixa Bretaña publicada en 1885 (modelo a seguir por Manuel Murguía), Bourgault-Ducoudray xa indicaba que a música popular está alimentada dos sentimentos máis puros e sinceros, sendo o seu xerme a ‘realidade da existencia’.
Outro aspecto interesante é a inclusión da natureza neste discurso etnomusicolóxico e que terá especial relevancia nos escritos sobre Montes en relación á súa actividade folclorística. Estamos ante un período de exotismo musical en palabras de Carl Dahlhaus, no que o folclore, como elemento propio da vida cotiá campesiña, trasládase para a súa reivindicación e desenvolvemento ao ámbito urbano/burgués onde xorden todos os estilos nacionais. Esta forma de desapego da música mesma do seu contexto chega a ser igual de exótica que os elementos orientais en calquera obra producida no ámbito occidental.
Aínda así, este desprendemento do foco espacial de interpretación da música popular (ou músicas inspiradas no folclore), nunca supuxo unha desconexión total co hábitat natural da mesma. Así, vemos en numerosos escritos unha interrelación constante entre a música e a paisaxe, especialmente no que a Galicia se refire, ao ámbito rural, cuestión que ao longo do discurso histórico-musical do século XIX vese reforzada: a música como unha canle que esperta os sentimentos máis puros e ligados á nosa identidade colectiva, levándonos a proxectar as imaxes das paisaxes nas que habitamos. Así sinalaba esta cuestión Varela Lenzano en 1929, onde fai referencia a un Juan Montes apaixonado do campo, acompañado sempre das súas follas de papel pautado para recoller as ‘impresións’ dos sons que brotaban da natureza, da espontaneidade dos seus habitantes na súa forma máis pura.
A relación paisaxística co compositor romántico e co recompilador de música é fundamental para comprender tanto o discurso teórico da época como o modus operandi da recuperación da tradición popular.
Ramón de Arana considera a transcrición destes temas populares por parte de Montes o cénit do tratamento folclórico na música académica: recompilando materiais ‘libres’ de contaminacións modernas que puidesen alterar a ‘autenticidade’ dos cantos e transformándoos, mantendo un equilibrio entre o punto de vista do compositor e o que se consideraba como a boa práctica dos arranxos harmónicos correspondentes da época, tal e como veremos no seguinte apartado dedicado ao Montes compositor.
Por lo que se refiere á Montes, y aunque efectivamente estudió toda la carrera eclesiástica y ha sido criado á pechos sacros, no es él capaz de violentar la modulación, ni el estilo de nuestros cantos. Muchas veces, hablando con él, me tiene apuntado eso que á U. ha sorprendido. Precisamente la vaguedad, la poesía, la fragancia de los cantares gallegos está en la indecisión y ambigüedad de la tonalidad; ambigüedad é indecisión, que, como U. sabe, ofrecen también todos los cantos verdaderamente populares de todos los países.
Visto o comezo de Juan Montes no mundo recompilatorio, así como algúns dos relatos dedicados á súa forma de proceder para a recollida de cantos populares e o seu posterior tratamento na obra académica, a primeira evidencia firme desta deriva móstrase na correspondencia existente entre Juan Montes e o propio Felipe Pedrell, onde o mestre lucense indica: “En los días que pasé en el Ferrol, al lado de Pizzicato, algo hicimos los dos en la colección de cantos populares gallegos, que él le mandará a U.”.
Por outra banda, Luis Mª Fernández Espinosa sinalaba en Vida Gallega que Montes contaba cunhas oitenta páxinas de materiais populares que Indalecio Varela Lenzano (sobriño político de Montes) prestara a Casto Sampedro para o CMG e que, posteriormente foran adquiridas por Ramón de Arana.
O paradoiro deste manuscrito é descoñecido, sendo neste artigo de Fernández Espinosa xunto coa testemuña de Varela de Vega na monografía de 1991 os últimos datos coñecidos sobre o mesmo.
Fernández Espinosa indica no artigo xa mencionado que todas as melodías sitas nel acabarían formando parte do Cancionero musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar, mais, atendendo ás táboas de correspondencia na investigación de X. Groba e aos documentos orixinais, isto non é certo, xa que no manuscrito máis completo referido ás melodías recollidas por Montes (custodiado no Museo de Pontevedra e sito dentro do fondo de Perfecto Feijóo) podemos ver que moitas das melodías non son incluídas finalmente na compilación do polígrafo pontevedrés:
Según recuerda Ramón Fernández Mato, al finalizar la actuación [de Aires d’A Terra], un sobrino del gran compositor se dirigió al director del coro en estos términos: “Deseo hablar con usted, don Perfecto. Yo tenía ahí unas cosas, ocultas, a cubierto de profanaciones. Acabo de oírles a ustedes y no quiero retener por más tiempo lo que les pertenece, lo que su dueño les hubiera dado hoy mismo, si no se hubiese muerto”. Al día siguiente, esta interesante colección pasaba a manos del boticario gallego.
Seguindo este relato, todo parece indicar que Varela Lenzano foi quen cedeu ditos materiais a Perfecto Feijóo. O que se conserva hoxe no museo pontevedrés —e que é reproducido por J. L. Calle na monografía de Aires da Terra— podemos constatar que se trata dunha copia dos materiais orixinais, xa que a escrita non coincide coa do mestre lucense, pero sérvenos para cotexar co resto de manuscritos conservados.

Conforman un total de 112 melodías populares, as cales non todas son recollidas por Montes, xa que nalgúns casos indícase claramente a fonte (xeralmente de Arana, aínda que tamén de Sampedro, Hernández, Adalid ou Inzenga).
En canto á procedencia destes cantos, non se especifica dita cuestión en todos os exemplos, pero maioritariamente son recollidas que proceden da provincia de Ourense (A Limia, A Peroxa, O Ribeiro, Bande, Maside e Amoeiro) e da de Lugo (Céltigos, Pallares, Chantada, Lavandeira e Lugo cidade) xunto algún caso illado da zona da Coruña. Resulta curioso que no comezo do manuscrito exista unha indicación case constante da orixe xeográfica de cada canto, que se vai diluíndo a medida que se van pasando as páxinas.
Por outra banda, existe outro manuscrito no Museo de Pontevedra, mais dentro da colección de Sampedro, nomeado como Cantares gallegos que nas observacións referentes á catalogación do mesmo supón unha posible autoría de Montes. Contrastando a caligrafía do mestre lucense coa de calquera das obras do compositor sitas na biblioteca do Seminario de Lugo, podemos chegar á conclusión de que as catro primeiras páxinas deses Cantares gallegos proceden con total seguridade de Juan Montes.
Todos os temas incluídos nas catro follas manuscritas do propio Montes —un total de 55 sen contar dous temas considerados como variantes duns anteriores— tamén o están no escrito da colección Feijóo (dende o número 21 ao 70), exceptuando as catro melodías en ritmo de valse e a marcha de chirimías, trompas e fagots da Catedral de Santiago.
Neste manuscrito (e o mesmo ocorre có do fondo Feijóo) practicamente non existen indicacións relativas á procedencia, salvo algúns exemplos de Arzúa, Trives ou Lugo. Moitas das melodías tradicionais proveñen doutros recolectores segundo as indicacións: Arana, Sampedro, Hernández, Adalid e Inzenga.
Na relación de temas que non están escritos coa caligrafía de Montes, hai dous que están incluídos no manuscrito do fondo Feijóo: o 110 e o 111.
Finalmente, existe outro documento dentro do fondo Sampedro con escritura do propio Montes nomeado como . Son un total de 26 temas transcritos, dos cales nove atópanse na copia do fondo Feijóo (dende o número 99 ao 107).
Algún outro, cuxos comezos de letra versan “Vexo Vigo, vexo Vigo...” ou “O cantar d’o galleguiño” atópanse duplicados no documento Cantares gallegos, mais nesta ocasión, nas follas nas cales a letra non pertence ao mestre lucense.
Nesta copia das Canciones populares de Galicia non existe ningún tipo de indicación xeográfica, soamente o remarque dos casos de recompilación ‘externa’ por parte de Arana ou M. Fernández.
Como varias das melodías están repetidas ao longo dos tres manuscritos, podemos concluír facendo unha referencia global á clasificación de cantos que Montes tiña recompilados. En xeral, exceptuando varios cantos de alalá, outros de cego, de pandeiro ou de aguinaldo e algunha alborada, a maior parte das melodías populares rexistradas son coplas curtas, cantos populares que non se adscriben a ningunha tipoloxía concreta.
2. JUAN MONTES COMO COMPOSITOR
Como sinalamos anteriormente, ata 1892 o compositor lucense non tiña amplos coñecementos da música popular galega, pero xa comezara algúns anos antes a inspirarse nalgunhas melodías que consciente ou inconscientemente quedaran na súa memoria musical. Porén, o traballo folclorístico xunto a Ramón de Arana para os cancioneiros de Pedrell e Casto Sampedro, suporía un antes e un despois na configuración compositiva de Juan Montes, aportándolle uns materiais depurados que empregaría con conciencia nas súas composicións.
2.1. A obra de Juan Montes anterior á súa etapa recompiladora
No ano 1890 Montes gañara o primeiro premio na categoría correspondente pola Sonata gallega descriptiva para cuarteto de instrumentos de arco. Nunha das versións manuscritas da obra depositada na Biblioteca do Seminario de Lugo indica de forma constante as partes que están baseadas en melodías populares, como por exemplo o allegretto, que é unha alborada ou outra sección sobre unha “popular balada”. Unha práctica honesta na que o mestre lucense xa deixaba ver esa inspiración dos materiais populares para a súa propia obra, distinguindo en todo momento —e para facilidade investigadora— a procedencia tradicional da autoría propia.
A honestidade no tratamento folclórico dentro da obra de Montes, foi un eixe fundamental ao longo da súa obra profana destas características, aínda que nas obras máis temperás semella que os temas tradicionais eran introducidos sen apenas ningún cambio fronte ás posteriores como a Rapsodia, onde sendo fiel á fonte primaria, xoga en maior medida cos motivos melódicos. Seguindo a nomenclatura establecida por Y. Nommik sobre a escritura de música sobre outra música a partir das relacións transtextuais de Gérard Génette, dentro da Sonata existen exemplos de intertextualidade a través da práctica da cita no caso da pregaria ou da alusión no caso da balada.
Anos máis tarde, na correspondencia entre Montes e Pedrell, o compositor lucense fai referencia á Sonata, indicándolle que estaba a arranxar unha balada galega para piano sobre dita obra (O pensar d’o labrego, unha das recoñecidas 6 baladas gallegas) e, ademais, sinala —ante unha pregunta previa do musicólogo catalán—, que ao seu parecer non chegou a realizar ningunha nova acometida á composición de xénero popular. Conclusión do mestre lucense moi acertada dadas as técnicas musicais non precisamente innovadoras, pero si eficaces en canto á identificación afectiva do oínte, precisamente debido á sinxeleza na introdución dos elementos folclóricos.
En 1892 publica a súa Fantasía para gran orquesta sobre aires gallegos, obra coa que gañou o primeiro premio no certame celebrado pola sociedade Aires d’a miña Terra de La Habana e onde, no manuscrito orixinal, especifícanse de novo as partes da composición nas que hai materiais populares. Desta fantasía, Montes extraería un adagio para convertelo nunha peza independente para voz e piano e que presentaría a un certame en Pontevedra ese mesmo ano: Negra Sombra, obra cume do autor lucense e longamente espremida teoricamente na procura dunha resposta á perfecta comuñón de música e texto. En moitas ocasións incidiuse na eterna pregunta de se a melodía foi feita ex profeso para os versos de Rosalía ou se o perfecto encadre do texto foi casual. Creo que esta non é unha pregunta que achegue nada realmente relevante a calquera posible investigación sobre o tema, máis que posibles elucubracións sen fin ante falta de evidencias que respondan a dita cuestión.
O padre Luis Mª Fernández Espinosa, nun artigo publicado en Vida Gallega xa anteriormente tratado, fala de Negra Sombra como unha obra baseada nun alalá procedente do Incio (Lugo) cantada por homes e dun “gusto aterciopelado”, que Montes modifica dende a metade da primeira cuarteta.
Sempre se seguiu esta posibilidade de inspiración para Negra Sombra. Xabier Groba sostén unha posible inspiración nas pezas populares nº 1, 3, 4, 6 e 7 do Cancionero Musical de Galicia ou na 100 do Cancionero Musical Gallego de Torner e Bal y Gay, mentres que sinala que Viso Soto indica unha posible influencia do alalá nº 2 de Cantares viejos y nuevos de Galicia.
O indicio proposto por Viso Soto faría entender unha aclaración do propio Montes nunha misiva dirixida a Felipe Pedrell, na que se exculpa dunha suposta acusación de “plaxio” das súas Baladas gallegas en relación aos materiais recompilados por Marcial del Adalid: “Cónstele a U. que a pesar de querer Rz Mourelo alabar al primer marido de su hoy esposa diciendo que mis baladas eran robadas, no por eso dejo de tenerle en mi estima”.
Curiosamente, no manuscrito da Fantasía para gran orquesta que hoxe se conserva no Seminario de Lugo, o adagio que protagoniza a frauta entoando a recoñecida melodía de Negra Sombra, o autor non indica en ningún caso a procedencia popular (cuestión que ao longo da obra e de moitas outras nas que usa ese tipo de material, tende a especificar).
Cos exemplos da Sonata gallega descriptiva e da Fantasía para gran orquesta anteriormente plasmados vemos que antes da proposta de Casto Sampedro a Montes na misiva de 1892, o compositor lucense xa facía uso da tradición musical galega como elemento inspirador da súa propia obra. A variación fundamental consiste en que naquel momento anterior a 1895 non tiña un arquivo como tal porque ata aquel momento só coñecería o material de Ballesteros e Inzenga, e o pouco que el puidera escoitar de forma casual en Lugo e arredores utilizaríao para as súas propias composicións. Por isto sinalaba que non tiña nada para poder mandarlle ao polígrafo pontevedrés, sendo posiblemente a intención de Montes a de poder ofrecer un material “novo” e algo avultado, máis que entender dita misiva como unha reticencia a participar no labor recompilatorio para o Cancionero Musical de Galicia. De feito, esta colaboración co polígrafo pontevedrés viría posteriormente a través de Ramón de Arana, segundo a información que nos proporciona a correspondencia Arana-Sampedro custodiada no Museo de Pontevedra.
Se seguimos fielmente as palabras de Montes na misiva dirixida a Casto Sampedro, así como os apuntamentos do manuscrito orixinal, ocórresenos unha problemática engadida a toda esta incógnita sobre o labor do mestre lucense como folclorista: se realmente non tiña recollidos —nin coñecía— materiais populares máis alá que os de Inzenga en 1892, ata que punto se podería soster unha tese de que Negra Sombra (estreada nese mesmo ano) estea baseada nunha melodía popular —non indicada como tal na escrita— incluída no Cancionero Musical de Galicia? Quizais nun futuro poidamos achegar respostas a toda esta problemática aínda que, polo de agora, cos materiais que chegaron a nós, debemos deixar a xanela da incógnita aberta.
2.2. A obra de Juan Montes a partir do seu labor recompilatorio: a Rapsodia gallega como cambio de paradigma
Nun artigo do crítico musical publicado en La Voz de Galicia en 1897, Arana informa sobre o recente triunfo de Juan Montes no certame Ateneo León XIII celebrado en Santiago de Compostela, no que conseguira un premio de honra e un segundo premio especial pola Rapsodia gallega sobre un alalá y una alborada e a Misa en honor del Apóstol Santiago respectivamente.
Ademais dunha loa xa habitual a Montes nos escritos de Arana, neste exemplo atopámonos cunhas reflexións do ferrolán que sen dúbida supoñen un desenvolvemento do seu estudo musicolóxico, plasmando do mesmo xeito a súa idea do discurso musical ideal a seguir polas novas xeracións de compositores. É por isto que a figura do compositor lucense é utilizada como modelo, destacando del a nova etapa musical que radica na compilación folclorística e como isto afectou positivamente as súas obras de nova creación.
La Rapsodia gallega [...] señala una nueva fase o evolución del estilo del músico lucense; y encierra, además, muy provechosa enseñanza y no despreciable lección para los jóvenes compositores regionales [...] el canto popular, transformado, engrandecido por las inapreciables conquistas del arte de los sonidos, aceptando hoy los musicólogos de todos los países como sólida base, firmísimo sostén de las nacionalidades musicales, al par que redime y purifica de pecaminosas tendencias que destruyen el gusto y aniquilan, permítasenos la palabreja, los principios más tradicionales e incontrovertibles de las ciencias acústica y harmónica.
Arana considera esta Rapsodia como unha obra de cambio dentro das composicións de Juan Montes, presentando unha evolución que vén dada a raíz do comezo do seu labor recompilatorio, o cal lle axudaría a comprender a esencia da música popular e levala cara a face académica na súa forma máis pura.
O crítico ferrolán indica que a Rapsodia está baseada en dous alalás na primeira parte e nunha alborada na segunda, dando pase de novo a outro alalá.
El folklorista percibe claramente la inspiración popular de los dos alalalas que sirven de temas en el primer tiempo de la Rapsodia, y la bulliciosa alborada, del segundo, que supedita su rítmico acento a otro sentido alalá, habilísimamente enlazado al canto matinal; pero el erudito observa en la labor de ambos tiempos el trabajo de contrapuntista y compositor que en fáciles imitaciones, espontáneos giros y sabias sonoridades une y compenetra, sin borrosidades rítmicas, los diseños melódicos presentados antes con una diafanidad y pureza exquisitas.
Para abordar estas palabras de Arana e entendelo de forma práctica en relación á actividade de recompilación folclorística así como ao tratamento posterior do material popular, poñeremos a atención no alalá co que comeza a obra do mestre lucense, o cal atópase rexistrado na correspondencia entre Ramón de Arana e Castro Sampedro co número 25 dentro da numeración establecida nas súas conversas. Concretamente, temos constancia del nunha misiva do 2 de setembro de 1895, na que o crítico ferrolán dá a seguinte información: “El alalá que tanto le ha gustado me lo remitió Montes desde los baños de Céltigos, diciéndome ‘Anoche, a las 10, oí cantar a un chicuelo, con hermosa voz de contralto, ese alalá, en el mismo tono en que va escrito’. Es todo lo que puedo decirle”.
Á súa vez, tamén podemos atopar dito alalá no documento nomeado Cantares gallegos sito no Museo de Pontevedra dentro do fondo Sampedro. Está situado nas últimas follas, onde hai unha diferenza caligráfica respecto das primeiras (presumiblemente o comezo é orixinal de Montes e o posterior son apuntamentos de Casto Sampedro). A diferenza da partitura facilitada por Arana, esta non ten numeración de compás, mais indícase igualmente o andante, así como os accidentes propios da tonalidade (2 sostidos). Ao comezo sinálase tamén a procedencia do alalá (Céltigos, Lugo) e baixo as liñas do pentagrama vai unha anotación practicamente ilexible na que se pode intuír mención explícita a Juan Montes.
Atendendo á relación entre a fonte principal de inspiración e a Rapsodia de Montes, se analizamos unha das copias do alalá dentro do intercambio epistolar Arana-Sampedro, hai unha errata relativa á indicación de compás: está escrito un 2/4 a pesar de que a división de figuración por compases está formulada como un 3/4, que é o compás correcto. Noutra copia do alalá dentro do mesmo documento, no cal se indica a tipoloxía do canto e a procedencia, así como unha propia apreciación de Arana: “muy enxebre y hermoso”, atópase a indicación de compás correcta (ternario de subdivisión binaria).
Estamos ante unha melodía sinxela seguindo unha estrutura A - A’, na que tras a exposición da melodía principal, procédese á re-exposición da mesma idea musical realizando unha lixeira variación para concluíla (mesma figuración, distintas notas). Así mesmo, Montes plasma a ornamentación que debeu de utilizar o intérprete do alalá a través de acciaccaturas na escrita, resaltando especialmente os fraseos finais, cun adorno maior, característica dos propios alalás e exemplo desa tese apoiada por Tafall da aproximación co canto gregoriano pola liberdade métrica (propias da carencia dunha escritura musical precisa) especialmente nas notas longas.
Que ao longo da Rapsodia gallega exista unha inspiración explícita de 3 alalás e que para exemplificar o tratamento folclórico na obra de Montes poñamos o foco nun deles, non resulta casual.
No artigo referido, Arana menciona a canción popular como elemento fundamental na creación de temas musicais dentro dun contexto nacionalista, coincidindo —en fondo, aínda que non en forma— coa afirmación de J. Doncel: “é música galega aquela que procede do canto popular”.
La canción popular palpita en los severos giros del canto litúrgico, en las inmortales creaciones de nuestros maestros del siglo XVI, única centuria de música religiosa; la canción popular esparce suavísimo y agreste perfume en el embrión dramático llamado villancico [...]. A ella, a la canción popular, pura y neta, ha de acudirse con toda solicitud y todo el cariño que requieren los anhelos más nobles y generosos; pero antes impónense la fecunda labor del folklorista y el erudito trabajo del crítico, que reúnen y después seleccionan, para separar y escoger la depurada forma, el tipo arcaico de la canción indígena.
Esta idea que introduce o crítico ferrolán resulta pertinente para establecer conexións coa bagaxe musical de Montes e o seu gusto polos alalás. Indica a estreita relación do canto popular co litúrxico, especialmente no villancico, o cal considera o xerme desta nova forma de facer música acudindo á música popular no ámbito da música profana. O villancico galego nacido no seo das igrexas galegas ao longo do século XVIII, mais especialmente a partir da segunda metade do século, con exemplos musicais célebres dentro do xénero asinados por mestres de capela como Ángel Custodio Santavalla, Melchor López ou José Pacheco, suporía a primeira incorporación da música popular e de textos en galego na música eclesiástica.
Non podemos esquecer que Juan Montes e a maioría dos seus coetáneos, ao seren formados no ámbito eclesiástico, foron herdeiros desa tradición que tería a súa continuidade no século XIX como resposta ao Rexurdimento literario, ante a necesidade de abordar a mesma proposta de dignificación no eido musical, naquel momento xa inclinado maioritariamente cara o ámbito civil pola debilidade de poder da Igrexa. Este estancamento nas fórmulas antigas de composición e que vemos que son as predominantes, débese en parte á carencia dun discurso musical galego, tal e como sinala o catedrático Carlos Villanueva en “Tradición e creatividade: variacións sobre un tema musical”.
Aínda que Arana expón terminoloxicamente a “canción popular” como herdeira da tradición relixiosa, sabemos que en esencia estase a referir ao alalá como esa forma musical máis antiga, presentada na súa forma máis arcaica e nacida do canto gregoriano, unha tese, como xa indicamos, tamén sostida por Santiago Tafall ou Casto Sampedro. Posiblemente por esta razón non resulte sorprendente que Juan Montes acudise de forma recorrente —en comparación con outras formas musicais populares— aos cantos de alalá.

Fuente: Elaboración propia
Na Rapsodia de Juan Montes, introdúcese dende o comezo e como tema principal o alalá previamente comentado. Neste caso, para a elaboración da súa obra cambia en certo modo a intencionalidade da peza orixinal, outorgándolle un carácter diferente ao estar nunha tonalidade e nun compás distintos.
Fronte ao compás en 3/4 e a tonalidade de re maior, Montes presenta a melodía en 6/8 e a transporta a si bemol. Ademais diso, non vemos cambios excesivamente drásticos: mantén o tema segundo a primeira parte do alalá sen chegar a resolver na segunda parte, creando así un diálogo entre os dous instrumentos no que se van contestando e onde só existen lixeiros cambios de figuración, modulando a tonalidade a medida que avanza o tema principal. A liña do clarinete en si bemol supón unha contestación á exposición melódica que realiza o saxofón tenor, realizando variacións máis libres sobre o motivo popular que se van repetindo como un retrouso.
As notas pedais que realizan cadanseu instrumento (o saxofón tenor nos compases 7, 8, 9 e o clarinete no compás 5) evocan parcialmente o efecto do ronco da gaita.
Podemos constatar que a intención creativa de Montes en canto á música popular non supón en ningún caso a cita literal nin a modificación extrema que esvaeza a fonte de inspiración primaria, senón que a presenta sutilmente distinta xogando cos tempos, coas figuracións e coas modulacións tonais, non arriscando a sonoridade da mesma no seu conxunto, mais creando un resultado eficaz e característico das tendencias musicais da súa época. Por iso, atendendo ás nomenclaturas que estabelece Yvan Nommik, poderiamos indicar que o comezo da Rapsodia de Montes dentro do concepto da intertextualidade, suporía unha alusión, xa que o contorno melódico principal provén do alalá de Céltigos. Mais no transcurso da obra prodúcese en maior medida un uso da hipertextualidade xa que, dalgún xeito, Montes reelabora os motivos musicais presentados —enfatizando partes precisas ou estendendo outras inspiradas pola fonte primaria—, de maneira que o compositor lucense non cita explicitamente os motivos populares chegando a reinventalos, se ben a obra non podería ter existido tal e como foi conformada sen exemplos musicais concretos da tradición oral.
CONCLUSIÓNS
Juan Montes foi un músico criado dentro dunha educación plenamente eclesiástica, o que levou que as súas primeiras obras —e gran parte das súas composicións posteriores— fosen de corte relixioso. Co abandono daquela prometedora carreira no seo da Igrexa, atoparía todo un mundo por desenvolver no ámbito profano. Sen apenas saír extramuros da súa Lucus Augusti natal, foi quen de dinamizar culturalmente a cidade a través do seu traballo como compositor, director da Banda Municipal de Lugo (1876-1884) e do Orfeón Gallego (1879-1899) ou profesor de piano, entre outras actividades.
Para o desenvolvemento da face compositiva —que á súa vez ten correspondencia co seu traballo na banda ou no orfeón— foi fundamental o seu adentramento no labor recompilatorio, nacido da colaboración entre Felipe Pedrell e Ramón de Arana para o Cancionero Musical Español. Este tamén sería o xerme para achegar posteriormente o seu gran de area para o Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar. Os materiais custodiados no Museo de Pontevedra resultan fundamentais para demostrar este feito, así como para poder analizar de preto a transformación dalgunha desas melodías populares nas súas creacións académicas, podendo ter un coñecemento pleno da fonte musical primaria e da súa adaptación ulterior.
Se ben antes da recompilación folclórica activa xa se baseaba en materiais populares para algunha das súas composicións, 1895 foi o punto de inflexión para descubrir unha evolución estilística do mestre lucense, tal e como podemos observar nas súas obras posteriores.
O artigo de Ramón de Arana sobre a Rapsodia gallega de Juan Montes en La Voz de Galicia supón unha fonte de gran interese dado que, a través del, axúdanos a analizar diversos factores que influíron no intento de construír un discurso identitario musical baixo o paraugas do volksgeist, tratando de crear novas ideas histórico-culturais, sendo consideradas a partir de entón como elementos propios da nosa tradición. Todo o compoñente teórico exposto referido á Rapsodia axuda a reafirmar o seu postulado, no cal defende esa evolución estilística do compositor lucense como veraz creador de obras de temática galega e erixíndoo como un piar da historia musical de Galicia.
A canción popular debe ser o pano de fondo de toda composición de “aires galegos” na que, para a súa harmonización, haberase de abster calquera tipo de disonancia que desvirtúe a pureza da melodía tradicional, deixando que actúe como un fondo que potencie a evocación do ambiente paisaxístico e do carácter do pobo. En definitiva, unha música capaz de evocar de forma absoluta os sentimentos dentro da abstracción propia da linguaxe musical, tal e como tamén expresaron autores como Wackenroder ou Hegel.
Juan Montes foi quen, dentro da preponderante liña musical tradicionalista da época, de ser un compositor versátil, achegándose ás tendencias dalgúns dos seus precedentes europeos como Chopin ou Schumann a través das súas baladas galegas ou das obras para piano só, forma de compoñer distinta ás súas obras dedicadas exclusivamente para ser interpretadas pola banda ou orfeón. No uso que lle deu ao folclore galego afastado de calquera tipo de modernismo, tampouco quedou retraído nunha sinxeleza evidente revelando tópicos das músicas nacionais ao nivel dalgunhas das producións musicais que se tiñan feito no resto do país. Conxugou, por tanto, a sinxeleza coa habilidade harmónica, ofrecendo de cara ao exterior un produto puro e aparentemente simple que, ao adentrarnos nel revela unha destreza intertextual do músico lucense que resultou referencial nunha época de reivindicación identitaria.
REFERENCIAS
2
4
6
8
9
10
Groba, X. “O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral”. Tese de doutoramento, Universidade de Santiago de Compostela, 2011. http://hdl.handle.net/10347/3621
11
Nommick, Y. “La intertextualidad: un recurso fundamental en la creación musical del siglo XX”. Revista de Musicología 28, no. 1 (2005): 792-807. https://doi.org/10.2307/20798102
12
14
15
16
Notas
[*] Traballo realizado dentro do I+D+i “Galicia-América: música civil, ideología e identidades culturales a través del Atlántico (1800-1950)” (PID2020-115496RB-1001) e do proxecto de investigación “Estudios históricos de Música en Galicia e América (ss. XI-XX)” financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia dentro do programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas (CPG) (AD431B 2024/047).
[4] Entendemos por folclore o sentido polo cal naceu o termo en 1846 acuñado por Ambrose Merton (alcume de William J. Thoms) a través dos conceptos folk-lore: o saber tradicional do pobo, en .
[14] Son 69 as melodías recollidas por Montes e incluídas no Cancionero Musical de Galicia segundo Xabier Groba (). Explicitamente, no índice de autores do CMG só figuran as melodías 20, 35, 39, 53, 68, 70, 87 e 98 baixo o nome de Juan Montes.
[17] ‘Lonxe d’a terriña’ e ‘Negra sombra‘ por Juan Montes (1894-1937), Sampedro 42-11. Fondo Sampedro, Museo de Pontevedra.
[22] José Rodríguez Mourelo (científico orixinario de Lugo), foi o segundo esposo da poeta Fanny Garrido, casada anteriormente co compositor e pianista coruñés Marcial del Adalid.
[28] Curiosamente, este alalá non rematou formando parte do Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar.
[35] Para a comparación utilizaremos o comezo da rapsodia segundo a versión sita no arquivo musical do Museo de Pontevedra (unha transcrición da obra para pequena banda por Gregorio Baudot) destacando só as voces do clarinete en si bemol e do saxofón tenor, que son os primeiros en realizar a exposición do tema.



