1. MANUEL MARÍA, AUTOR TEATRAL

Manuel María Fernández Teixeiro (1929-2004), autor dunha extensa obra literaria que abranxe todos os xéneros, é destacado na historia literaria principalmente como poeta, pois foi cun poemario ―Muiñeiro de brétemas (1950)― que se presentou como escritor e con outro ―Elexías á miña vida pequeniña (2004)― que pechou unha produción publicada que comprende corenta e cinco libros poéticos () dun total de noventa e un volumes editados (). A pesar da preminencia da poesía no conxunto da obra manuelina, a literatura dramática foi unha ocupación constante nun escritor que deu a lume vinte e sete pezas teatrais entre 1957, ano de publicación do Auto do taberneiro na revista bracarense Quatro Ventos, e 2001, en que se edita Auto do alugado ou O encanto de Raboces.

A Obra teatral de Manuel María publicada en 2018 ao coidado de M.ª Pilar García Negro inclúe trinta e tres pezas, as vinte e sete editadas previamente e outras seis recuperadas para a compilación ―A folga, Auto Transcendental da Escola Tradicional, Auto dos simulados da caravilla, Auto da Autonomía, Chamada para o 25 de xullo, Día da Patria Galega e Entremés do vintecinco de xullo ―. Había noticia da existencia de máis dúas pezas, A luz non volve atrás e As estrelas están lonxe, recoñecidas, respectivamente, cunha mención no II Premio Castelao promovido pola Agrupación Cultural O Galo en 1965, e cun accésit na IV edición do mesmo certame en 1967, que ficaran fóra da compilación ante a imposibilidade de recuperar os textos (). En total, Manuel María escribiu trinta e cinco obras dramáticas.

Recentemente vén de publicar A luz non volve atrás co seu título primeiro, Ó nascer o día, a partir dun mecanoscrito que o autor agasallara ao escritor Lois Diéguez. Por tanto, As estrelas están lonxe era a única peza que restaba por coñecer para completar a totalidade da produción dramática do autor de Outeiro de Rei.

Neste traballo presentamos e reproducimos esta obra, a partir da copia mecanoscrita depositada no Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares, nos expedientes da Junta de la Censura Teatral.

2. (RE)CONSTRUÍNDO O TEATRO GALEGO: MANUEL MARÍA NA DÉCADA DE 60

A literatura dramática galega comeza unha nova andaina na década de 50, nun proceso paulatino que, principalmente, vai continuar as liñas que marcaran a produción dramática anterior a 1936 (). A recuperación da dimensión escénica será máis demorada, a pesar de fitos como a representación en 1959 na Coruña d’O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, dirixida por Antonio Naveyra, ou a montaxe d’Os vellos non deben de namorarse na Quintana compostelá en 1961, na emblemática data de 25 de xullo, por conta de Rodolfo López Veiga. Na década de 60 o espallamento do asociacionismo cultural colocará o impulso do xénero teatral no centro das súas actividades, de maneira que, a pesar das dificultades existentes para levar obras ao palco, «de novo se ía poñer en marcha o teatro galego» ().

Alén Atlántico, especialmente en Bos Aires, continuaba a dominar nos escenarios o denominado teatro da emigración, creado por e para emigrantes; porén, a presenza dos exiliados promovería propostas renovadoras na escena de diferente teor e suceso limitado, caso da representación d’Os vellos non deben de namorarse celebrada en 1944 en Bos Aires (), ou de duración efémera, como as funcións no Centro Lucense en 1957 do Teatro Popular Galego impulsado por Eduardo Blanco Amor. Na década de 50, a publicación de literatura dramática en formato libro será especialmente relevante, e combinará o teatro da emigración da autoría de Ricardo Flores ou Alfonso Gayoso coa produción de autores que vivirán entre Arxentina e Galiza ―Midas e O ángulo de pedra de Isaac Díaz Pardo viu a luz na capital arxentina en 1957― ou residentes na Galiza ―O pauto do demo de Ánxel Fole, editada tamén en Bos Aires en 1958―, nun diálogo transatlántico constante e non sempre suficientemente levado en conta en que desenvolveron un papel preeminente os Premios do Centro Gallego de Bos Aires, a que concorreron os máis destacados autores e autoras da Galiza europea, como Fole coa obra citada.

A falta de poder dispor dos medios que permitisen levar a cabo representacións, difíciles nun contexto de penuria cultural e nun réxime ditatorial cunha férrea censura, o afán por promover o xénero teatral na Galiza vai centrarse en incentivar a produción de literatura dramática, a través da convocatoria de certames específicos e da habilitación de canles para a publicación das obras. O impulso editorial ao xénero teatral, primeiramente atendido por Monterrey, vai estar no centro da estratexia de Galaxia, como mostra a publicación dalgúns volumes e, sobre todo, o papel principal que desempeñará na década de 60 a revista Grial como plataforma para a difusión de textos dramáticos nados ao calor dos certames ().

A convocatoria en 1960 do Premio Valle-Inclán no marco do I Festival Literario do Miño celebrado en Lugo abre o camiño dos concursos teatrais, en que o esforzo máis sostido será o Premio Castelao, impulsado pola considerada a primeira asociación cultural de signo galeguista, a compostelá Agrupación Cultural O Galo, que obtivo os fondos da dotación económica a través dunha campaña de recadación popular, a Campaña do Peso, á que sumarán doazóns colectivos da Galiza e da emigración. Galaxia respaldará esta iniciativa, achegando os seus membros máis destacados como membros dos sucesivos xuris do certame, presidido en todas as edicións por Ricardo Carvalho Calero, a máxima figura do grupo no campo dos estudos literarios. Estes premios cumprirán coa función de promover a escrita de literatura dramática; porén, non van asegurar nin a posta en escena nin a publicación das obras.

Este é o contexto en que Manuel María comeza a escribir pezas dramáticas; ao inaugural Auto do taberneiro (1957) seguirán na década de 60 seis novos títulos: Edipo, o Auto do labrego, o Auto do mariñeiro, Barriga Verde, A luz non volve atrás e As estrelas están lonxe. Até onde sabemos, cinco ―todas, agás o Auto do mariñeiro― foron presentadas polo autor a certames, en que obterán diversos recoñecementos: Edipo gaña o Premio Villar Ponte convocado polo Centro Galego de Bos Aires, dotado con 12 000 pesos arxentinos ―segundo informa La Noche, 28.7.1961―; o Auto do labrego, o terceiro accésit do citado Premio Valle-Inclán de Teatro dotado con 2 000 pesetas ―o Premio tiña unha dotación de 7 500 pesetas― e Barriga Verde, A luz non volve atrás e As estrelas están lonxe conseguirán mencións, sen dotación económica, na primeira, segunda e cuarta edición do Premio Castelao, falladas en 1964, 1965 e 1967, respectivamente.

No prefacio que coloca á fronte da edición de Edipo en 2003, o autor explicaba as razóns que o moveran a escribir esta obra en novembro de 1960:

A verdade é que escribimos o Edipo teimando unicamente no premio en metálico. Así foi a pura realidade. Estabamos case recén casados, instalados en Monforte de Lemos, tentando abrirnos paso no exercicio como procurador dos tribunais, o que nos resultou longo e duro […] Debido a esta nosa situación económica, concorriamos aos certames e xogos florais para acadar algún ‘extra’ con que complementar os nosos modestos ingresos ().

Con todo, nas mesmas páxinas acrecenta novas razóns da súa dedicación á literatura dramática: o propio pracer da escrita e a necesidade de fornecer de material escénico aos grupos de amadores. Este afán de contribuír á creación dun teatro galego é un compromiso en certa forma xeracional e conxuntural, partillado cos seus e coas súas contemporáneas, como mostra que nesa altura escriban obras dramáticas autores e autoras ―poñamos por caso Arcadio López Casanova, Xohana Torres ou Xosé Luís Franco Grande― que, até onde sabemos, despois abandonarán a escrita teatral.

Das obras compostas na década de 60, Manuel María verá publicado O auto do labrego na revista portuense Céltica en 1961, e Barriga Verde en edición exenta en 1968. O Auto do mariñeiro, que non acadara recoñecemento ningún, será publicada parcialmente en Vida Gallega en 1961, e en 1970 en edición non venal por Xistral (Gómez Torres 2002: 189). Na altura só chegará ao palco Barriga Verde, encenada pola Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia en 1969 (, ), unha circunstancia a que probabelmente non sexa allea a clara aposta pola recuperación de repertorios populares que supuña esta obra.

distinguiron na produción dramática de Manuel María as pezas poéticas das pezas políticas; entre as primeiras, os autos e Barriga Verde. A publicación de Edipo e a recente recuperación d’A luz non volve atrás permitiron a García Negro (2022: 57) salientar o vínculo entre eses dous títulos, unidos pola resignificación simbólica ―en chave de drama o primeiro, de farsa paródica o segundo― e pola reivindicación da liberdade do individuo, nun contexto que é difícil non identificar coa ditadura franquista. As estrelas están lonxe é un elo que enlaza estas obras: coloca no centro a liberdade individual, e asume elementos simbólicos na identificación do individuo coa terra; á par, contén inequívocas referencias á situación socioeconómica da Galiza da década de 60, avanzando no camiño do teatro «que faga pensar e tomar conciencia a xente de si mesma e dos seus problemas», que o autor propugnaría na conferencia As posibilidades dun teatro galego ().

Nunha altura en que as representacións escénicas en lingua galega continuaban a ser un ben escaso, non deixa de resultar paradoxal que sexa precisamente a decisión autoral de someter As estrelas están lonxe á censura teatral a que nos permita recuperar hoxe este texto dramático.

3. O EXPEDIENTE DA CENSURA

O mecanoscrito d’As estrelas están lonxe conservado no Archivo General de la Administración forma parte do expediente da censura número 0052/70, signatura 73/09757. Está composto por un total de 48 páxinas escritas a unha cara, con numeración manuscrita nas 46 que corresponden ao texto dramático. A capa recolle o nome de autor (Manuel María) e o título da obra (As estrelas están lonxe), xunto coa datación da peza: 1966‑67.

A obra foi remitida polo propio escritor á Junta de Censura Teatral, dependente da Dirección General de Cultura Popular y Espectáculos adscrita ao Ministerio de Información y Turismo, a principios do ano 1970. Na instancia, Manuel María sinala

que es autor de la obra de teatro «As estrelas están lonxe», escrita en gallego, y que, para su posible estreno por un grupo aficionado desea le sea sometida a Censura por la junta censora de esa Delegación Provincial de Información y Turismo, para lo cual firmo la presente solicitud en Monforte de Lemos a 21 de enero de 1970.

Logo dos preceptivos informes dos censores, é autorizada con data de 10 de febreiro, sen supresións, para a súa representación por unha compañía de afeccionados, dirixida a un público maior de 14 anos, e á reserva do visado do ensaio xeral. A pesar de todo, e como adoitaba acontecer, a peza é considerada non radiábel.

Son tres os censores que informan a obra: o Padre Cea, Carlos Suevos e Manuel Fraga de Lis, que actúa tamén como secretario da Junta de Censura Teatral . Todos coinciden en validar a obra, aínda que, dos tres, Suevos é o que mostra maiores reticencias:

Someto a la Junta expresiones concretas sobre frases demagógicas referentes a la pobreza en el campo, falta de atención del poder público, significado de la emigración, culpa de los que quedan… La Junta no le ve problemas, y lo dejo sin supresiones.

A aludida demagoxia fora igualmente sinalada, mais para a minimizar, por Fraga de Lis:

En esta obra, siguiendo su línea, acomete el problema de la emigración y maneja un «tópico» ya casi secular de amor a la tierra, la pobreza de los labradores y de la tierra que trabajan. Pero nada de esto es nuevo, ni implica mas peligro que una cierta demagogia ya tan manida y tan llevada y traída, que no valdría la pena darle mas importancia que la que vulgarmente tiene.

O Padre Cea sintetizara as alusións sociais como «los viejos males que padece la región gallega, males de dificil solución por apatía de unos e indiferencia de otros», sen acrecentar comentarios negativos, e destacara igualmente «el amor sacramental e idolástrico a la tierra» como núcleo da peza. Para Cea, na liña de descargo de obxeccións á obra, «[p]redomina el tono lírico sobre cualquier otro que pudiera tener atisbos regionalistas», unha lectura do lirismo como atenuante que o mesmo censor realizara no informe d’A arbre de Ricardo Carvalho Calero, neste caso para escusar as súas eventuais irreverencias relixiosas ().

Fraga de Lis e Cea son conscientes do potencial crítico que podía conter o tratamento da emigración n’As estrelas están lonxe, mais ningún deles coloca obxeccións: para Cea o relevante é que no Mozo protagonista «[p]uede más que los intereses materiales su saudade y ésta le devuelve al terruño que le vió nacer»; pola súa parte, Fraga de Lis destaca «un final muy positivo en cuanto al tema», unha afirmación subliñada a lapis vermello no seu informe.

En conxunto, as valoracións do Padre Cea e de Fraga de Lis son positivas. O ton favorábel destaca especialmente no informe do segundo, xornalista colaborador da axencia EFE, que deitará apreciacións ponderativas a propósito do escritor ―«El autor, Manuel María, es un buen poeta. Un poeta bilingüe, aunque preferentemente escribe en gallego»― e da peza ―«No puede negarsele a la obra el valor literario que tiene, aunque el dramatico sea de tono menor»―, mostrando o seu coñecemento do campo cultural e a vontade crítica que tamén manifestara nos xuízos censores que emitira sobre outras pezas, tal A noite vai coma un río de Álvaro Cunqueiro ().

Pasado o control da censura, a obra estaría pronta para unha representación que, até onde sabemos, non aconteceu. Non parece desencamiñado pensar que a xa citada posta en escena de Barriga Verde por parte da Agrupación Cultural Abrente en 1969 puidese ser o motivo de que o autor decidise someter As estrelas á censura, quer porque a mesma agrupación se interesase por outras obras súas, quer porque existisen contactos con outros grupos de teatro amador. documenta outras postas en escena de Barriga Verde nesa altura: en Vigo, polo Grupo Teatral Breogán do Colexio San Juan en 1970 e, en 1972, polo Grupo Teatral da Asociación Cultural de Vigo; tamén en 1972 representarían esta obra en diversos lugares da provincia de Lugo o Grupo Teatral do Teleclube de Vilaronte, o do Teleclube de Begonte e o Grupo Teatral de Rubián A Xanela. Lembremos que en 1969 representaran teatro galego o Grupo As Burgas de Ourense ―que, con dirección de Rafael de Membiela, levara ao palco Os vellos non deben de namorarse ()―, o coruñés Teatro Circo, o compostelán Cantigas e Agarimos e Ditea, que neste ano inicia as representacións en galego (). No ano seguinte, 1970, O Facho na Coruña comezará as súas lecturas dramatizadas. Certamente, puideron surxir outras opcións no entorno dun nacionalismo ―non esquezamos a militancia na Unión do Pobo Galego de Manuel María na altura― que, se politicamente tiña que actuar na clandestinidade, despregaba unha crecente actividade cultural, que puido propiciar que algún daqueles grupos que representaban teatro galego e en galego chegase a pensar en trasladar ao palco a peza. Sexa como for, As estrelas están lonxe non chegou a subir ás táboas.

4. CONTRA A EMIGRACIÓN

En carta sen datar dirixida a Ramón Piñeiro, Manuel María menciona «unha obra en duas xornadas que rematei no mes de Abril, encol da emigración» (). As estrelas están lonxe responde de maneira precisa á descrición do seu autor: aborda a emigración galega a Europa, as súas causas e consecuencias, no plano colectivo e no individual. Esta escolla temática axústase ao programa para o teatro galego que o autor irá trazando en varias colaboracións e palestras desenvolvidas nos últimos anos sesenta e primeiros setenta: un teatro que aborde a problemática galega, que se dirixa a todo tipo de públicos, que evite o pintoresquismo e o ruralismo e que empregue unha linguaxe escénica actual.

A obra está estruturada en dúas xornadas, sen división explícita en escenas, que se desenvolven, a primeira, nunha cociña aldeá, a segunda, en dous escenarios diferentes, un bar e un cuarto de emigrantes, nun país europeo indeterminado. Esta organización responde á vontade de articular, cunha clara finalidade didáctica, unha rede de oposicións que, no caso do espazo escénico, vai subliñar a dimensión familiar e doméstica do primeiro fronte ao carácter alleo e alleador, correlato do illamento social e persoal dos personaxes, do segundo. Son oito os personaxes que desfilan polo palco: o Mozo, protagonista da obra, a Nai, o Pai, a Moza, o Home, o Emigrante Primeiro, o Emigrante Segundo e a Rapaza, nomes xenéricos todos que subliñan a súa dimensión prototípica. Só o Mozo e o Home comparecen nas dúas xornadas: na primeira os personaxes que interactúan co Mozo son as que compoñen a súa rede familiar (Nai, Pai) e afectiva (Carme, a Moza), unidos todos como antagonistas ao Mozo pola súa oposición á vontade de emigrar; na segunda, os personaxes que comparten o palco con el (Emigrante Primeiro, Emigrante Segundo, Rapaza) teñen a súa mesma condición de emigrantes en terra allea. A simetría no número de personaxes vai acompañada do estabelecemento dun xogo de oposicións nas súas relacións co Mozo: o Pai e a Nai, aos que está unido polos vínculos familiares, fronte aos dous Emigrantes, aos que unicamente o une a común condición de transterrados e as experiencias alleadoras compartidas; a Moza, que encarna o amor romántico, en face da Rapaza, coa que procura unha mera transacción sexual, máis unha mostra do proceso de desintegración persoal do Mozo, subliñado pola semibebedeira en que está sumido no inicio da segunda xornada.

O Home surxe do público para mostrar a súa disconformidade coa decisión de o Mozo emigrar e abandonar a Carme («Traballa eiquí», «índote non amañas nada»). A xinea pirandelliana apuntada polo Mozo («¿Como no teatro de Pirandello? ¿Non é eso? Deixache o teu asento e presentaste no esceario como un persoaxe pirandelián.») é desmentida polo Home, afirmando «Eu non son un personaxe mais ou menos teatral. Nin tan siquer son un persoaxe. Son un home. Un home de verdade, de carne e oso que diría o vello Unamuno. Son un teu semellante que se aleda contigo, que contigo se atristura, que sinte o que ti sintes.». Esta negación da condición ficcional reforza a identificación co público que procura este artificio de ruptura da cuarta parede. Na segunda xornada, o Home érguese novamente do patio de butacas para consolar o rapaz no seu sufrimento, mais instándoo a tomar unha decisión: permanecer emigrado ou regresar.

A primeira xornada expón as causas e os motivos que provocan a decisión de emigrar do Mozo, a segunda mostra o resultado da conversión do rapaz da aldea en emigrante. A vida campesiña evocada nas súas escenas cotiás, cos homes no traballo do agro e as mulleres no traballo doméstico, fronte ao desasosego e a desorientación de quen xa non é outra cousa que un traballador explotado. O soño da emigración surxe como solución ás penurias materiais que marcan un tempo de decaemento da vida rural ―o abandono da aldea, a pobreza a pesar dos moitos traballos diarios― e como manifestación de disconformidade («O soio feito de irme é unha forma de protesta»), porén resulta ser unha falsa solución: o progreso material non chega e xorden as dificultades de integración, as desputas entre paisanos, o desarraigo, o sufrimento psicolóxico, a explotación laboral e a deshumanización («Un emigrante costa menos que unha máquina»). As reflexións dos emigrantes da xornada segunda inciden nas consecuencias psicolóxicas: a condición de non ser de ningún lugar trae consigo o esquecemento dos propios, a desarticulación familiar, a ruptura dos afectos. As súas conversas mostran tamén a interiorización dos estereotipos a respecto de si propios fronte aos traballadores orixinarios do país de destino («Eles son distintos de nós. Non ven as cousas do mesmo xeito. Son ordeados, discipriñados, traballadores. E nós somos desordeados, indiscipriñados»). Por tanto, n’As estrelas están lonxe o tratamento da emigración non pretende unicamente mostrar a súa dimensión socioeconómica mais principalmente as consecuencias nos individuos e nas relacións humanas.

Na estrutura dramática da obra teñen especial relevancia as escenas eminentemente líricas, sempre monólogos a cargo do Mozo, algúns en forma de canción. O monólogo inicial, en parte cantado, ten como núcleo temático o vínculo coa lingua e coa terra como elementos centrais da propia identidade ―presente xa n’O auto do labrego―, expresada na imaxe do home-árbore, que na xornada segunda servirá para expresar o desarraigo («Nós somos como albres trasprantadas», dirá o Mozo en diálogo cos emigrantes). Como correlato, no inicio da segunda xornada un novo monólogo lírico en forma de canción expresa a saudade dos lugares patrios con ecos rosalianos («¡Rumor dos carballos / música dos ledos / regatos cantadores!») e glosa o tópico do paraíso perdido («¡Ouh meu lonxano / e soñado paradiso que perdin!»), reiterado nas intervencións do Emigrante Primeiro ―que fora muiñeiro― e do Emigrante Segundo ―que fora pegureiro―. A evocación da terra afastada, impregnada de idealismo, vai reivindicar a vida campesiña como espazo de liberdade en contraste co «bruar/ dos motores e das sireas das frábicas / que coutan a miña libertá e me van / esmagando pouco a pouco». Se a vida campesiña na propia terra e a natureza van representar a liberdade, os espazos e a vida do emigrante nunha sociedade industrializada e o traballo na fábrica serán presentados e descritos como «cárcere», «cadea», «campo de concentración» ou «tiranía». Neste xogo de opostos, a sociedade tradicional é presentada como superior á sociedade capitalista pois o progreso material como principio destrúe o ser humano.

O final da obra supón a volta a terra e á familia e o recoñecemento do erro de procurar lonxe da terra as solucións aos propios problemas, nunha reedición, andados os anos, da solución soloviana en Arredor de si:

Con vir a este país coidei que podería pillar as estrelas coa mao como nos sonos de cando era neno. Pero non é posibel. Pese ós cosmonautas, non é posibel. ¡As estrelas están lonxe! ¡Moi lonxe! I ainda que se poida chegar a algunha estrela sempre, sempre haberá estrelas moi lonxanas, moi lonxanas.

5. NOTA FINAL

Optamos por reproducir o texto d’As estrelas están lonxe tal e como o autor o remitiu á Junta de la Censura Teatral, mantendo a lingua en todas as súas características, e corrixindo unicamente as grallas evidentes do mecanoscrito, que anotamos a rodapé. Non recollemos as riscaduras, dado que non teñen trascendencia textual, pois responden sempre a erros de copia detectados a tempo de seren corrixidos. Para facilitar a comprensión do texto, incluímos algunhas notas explicativas para esclarecer certos termos léxicos.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

1 

Alonso Girgado, L. & L. Piñeiro Pais (2016): “Manuel María e Ramón Piñeiro: un epistolario (1950-1966)”, en Luis Cochón Touriño, Luis Alonso Girgado & Laura Piñeiro Pais (ed.): Manuel María. Cecais hai unha luz. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, 275-326.

2 

Carvalho Calero, R. (1982): “O teatro galego e o I Certame Literario do Miño”. En Libros e autores galegos. Século XX. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 384‑92.

3 

Fernández Poza, Ó. (2020): “Un primer acercamiento a la documentación censora del teatro gallego (1942-1970) en el Archivo General de la Administración”. Madrygal 23 (Número especial): 153‑62.

4 

García Negro, M. P. (2018): “Introdución”. En Manuel María (2018): Obra teatral. s.l.: Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 9‑18.

5 

García Negro, M. P. (2022): “Unha obra teatral inédita de Manuel María”. En Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes (ed.): Elsinor no Finis Terrae. Estudos transversais sobre teatro galego. Oxford / New York: Peter Lang, 55-79.

6 

Gómez Torres, C. (2002): Bibliografía de Manuel María. s.l.: Fundación Manuel María.

7 

Gómez Torres, C. (2005): “Manuel María. Bibliografía teatral”. Casahamlet 7: 84‑91.

8 

Lourenzo, M. & F. Pillado (1979): O teatro galego. Sada: Ediciós do Castro.

9 

Manuel María (s.d.): “As posibilidades dun teatro galego”. Mecanoscrito inédito conservado na Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña (TEX 29.1).

10 

Manuel María (2018): Obra teatral. s.l.: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Introdución, edición e notas de María Pilar García Negro.

11 

Oti Ríos, F. (2022): Alicerces teatrais en Galiza. Unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975). s.l.: Invasoras.

12 

Tato Fontaíña, L. (2000): “O teatro desde 1936”. En A. Tarrío Varela (ed.): Galicia. Literatura. XXXIII A literatura de 1936 ata hoxe. A Coruña: Hércules de Edicións, 442-551.

13 

Tato Fontaíña, L. (2019): “Os vellos non deben de namorarse, de Castelao: xestación e recepción”. Madrygal 22, 241‑58. DOI: https://doi.org/10.5209/madr.66862.

14 

Tato Fontaíña, L. (2021): "O teatro en Grial. Revista galega de cultura durante a ditadura (1963-1975)". Signum. Revista da ABREM 22/2, 196‑224.

15 

Vieites, M. F. (2005): Historia do teatro galego. Unha lectura escénica. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Notas

[1] Este traballo encádrase no proxecto de investigación «Recuperación do patrimonio teatral da Galiza 4 (1936‑1973). Emigración, exilio e resistencia interior» (PID2020-115649RB-I00) subsidiado por MCIN/AEI/10.13039/501100011033.

[2] Segundo os datos fornecidos por , destas seis, só tres foran levadas ao palco: Auto Transcendental, estreada en 1977 polo G. T. do Instituto de Cangas; Auto dos simulados, en 1978 polo G. T. do C. P. de Quintela de Leirado, e Auto da Autonomía, en 1980 polo G. T. Barriga Verde de Lugo.

[3] Monterrey publica O desengano do prioiro en 1952 e o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño en 1953. Antes, só fora editada a zarzuela Non chores, Sabeliña (Lugo, 1943). Galaxia editará Os vellos non deben de namorarse (1953), o poema escénico Macías, o Namorado (1956), Vieiro choído (1957) e O incerto Señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958).

[4] Das obras galardoadas no Premio Castelao só foi publicada e levada ao palco, en decembro de 1965, A revolta de Xenaro Mariñas del Valle, premiada na segunda edición. A galardoada na primeira, Cando morren os faroles de José Ángel de la Peña, nin se publicou nin se representou. De Xohana Torres foron premiadas Do outro lado do Iberr, finalista na primeira edición, e Un hotel de primeira sobre o río, vencedora na cuarta; ambas foron editadas por Galaxia, en 1965 ―co título A outra banda do Iberr― e 1968, respectivamente. Un hotel de primeira sobre o río foi representada en 1972 polo grupo do Teleclube de San Xoán de Poio (El Pueblo Gallego, 24.5.1972); anteriormente, en 1970, Rodolfo López Veiga tivera intención de levala ao palco no marco dun ciclo de teatro galego, mais non temos noticia de se a representación chegou a celebrarse. De A noite vai coma un río, vencedora no certame do Miño, foi realizada unha lectura escenificada en xaneiro de 1966 a cargo do grupo de Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Agrupación Cultural O Galo.

[5] indica que foran seis obras as finalistas. Resultou vencedora A noite vai coma un río de Álvaro Cunqueiro e foron outorgados tres accésits: o primeiro, a A volta de Ulises de Xosé Luís Franco Grande, o segundo a Nicolás Flamel de Daniel Cortezón, o terceiro a O auto do labrego de Manuel María.

[6] A dotación económica na primeira edición fora de 10 000 pesetas e chegaría ás 25 000 na cuarta e derradeira, en parte por acumulación do importe da terceira, que ficara deserta.

[7] cita unha conferencia con este mesmo título impartida por Manuel María nas III Jornadas de Teatro Joven celebradas na Casa da Cultura da Coruña en 1970.

[8] Segundo consta no expediente, xunto cos tres nomes citados, a Junta estaba composta polo Padre Artola, o Sr. Aragonés, o Sr. Barceló, o Sr. B. de la Torre, o Sr. Díez Crespo, o Sr. Muelas, o Sr. Tejedor, a Srta. Sunyer, o Sr. Vázquez Dodero, o Sr. Ortiz e o Sr. Zabala.

[9] Os mecanoscritos dalgunhas destas intervencións consérvanse nos fondos da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.

[10] Persoaces, no mecanoscrito depositado no AGA.

[11] teterse, no mecanoscrito depositado no AGA.

[12] teipa: toupa, toupeira.

[13] a, no mecanoscrito depositado no AGA.

[14] roga: grupo de sete persoas, como mínimo, que se xuntan para realizar un traballo colectivo no medio rural.

[15] carrilleira: abertura no valado dunha propiedade por onde entran e saen os carros.

[16] televexon: televisor, aparello receptor de televisión.

[17] atando o pan: atando o centeo.

[18] as sudes: o suor.

[19] agarrar a rabela do arado: en sentido figurado, traballar na terra.

[20] Intentareiro, no mecanoscrito depositado no AGA.

[21] outra, no mecanoscrito depositado no AGA.

[22] de, no mecanoscrito depositado no AGA.

[23] pradela: prado pequeno.

[24] mor, no mecanoscrito depositado no AGA.

[25] tolledo, no mecanoscrito depositado no AGA.

[26] voltarn, no mecanoscrito depositado no AGA.

[27] sír, no mecanoscrito depositado no AGA.

[28] europeao, no mecanoscrito depositado no AGA.

[29] algún, no mecanoscrito orixinal.

[30] pesisimismo, no mecanoscrito depositado no AGA.

[31] ú, no mecanoscrito depositado no AGA.

[32] fráfrica, no mecanoscrito depositado no AGA.

[33] le, no mecanoscrito depositado no AGA.

[34] me, no mecanoscrito depositado no AGA.

[35] sufrimente, no mecanoscrito depositado no AGA.

 

 

 

 

 

Apéndices

Manuel María

AS ESTRELAS ESTAN LONXE

1966-1967

 

Persoa[x]es por orde de aparición na escena:

 

MOZO, 22 anos.

NAI, 50 anos.

PAI, 54 anos.

MOZA, de 18 a 20 anos.

HOME, entre 40 e 50 anos.

EMIGRANTE PRIMEIRO, 25 anos.

EMIGRANTE SEGUNDO, 25 anos.

RAPAZA, 20 anos.

 

A aición ocurre nos días de oxe.

XORNADA PRIMEIRA

Ó erguerse o pano aparece a escea valeira, iluminada feblemente. Despois irá medrando a luz deica a entrada do MOZO. Esceario sin decoración. Un pano pode tapar a decoración da escea que sigue a ésta. Ó rematar esta primeira escea pódense apagar as luces e, mentras as luces esteñan apagadas, erguerse o pano que tapa a decoración da segunda escea.

O MOZO viste como un campesiño galego dos días de oxe. Irá en mangas de camisa. Na testa pode levar un sombreiro de palla e debaixo do brazo unha fouciña de segar pan, empallada.

MOZO (cantando con rimo moderno).― Eu amo a miña terra.

E teño que decirlle

o meu amor

cantando.

Eu amo a vella fala

da miña nobre terra

e usoa no meu canto,

gastoa como

se gasta a soldada

i o amor.

Eu son terra

e son fala.

Son este que canta

como canta o río,

o paxaro,

a fonte do meu sangue

que en mín vai soterrada.

Eu non quero, non quero

ser un emigrante.

Son terra da miña terra:

as miñas raíces

na terra están chantadas.

¡Na terra!

¡Na terra!

¡Soio na terra!

¡Non quero ser

un emigrante!

¡Non!

¡Non quero!

Pausa. O MOZO da unhos pasos polo esceario, caviloso. Despois, enviso, dice este parlamento, dito, non recitado:

Son esta cousa feita con terra

e con amor. Unha luz feble

alumanba a miña arxila docemente.

E sentíame irmao dos carballos,

dos ledos regatos cantadores,

das espiñas dos toxos, do centeio

ordeando baixo o bris de Maio

en ondas solemnes i amorosas.

Tamén era o orballo meu irmao

i o vento que pasaba asubiendo

camiño de ningures, sin [d]eterse.

O luares poñíanme no corazón

unha doce melanconía misteriosa

i o sol facíame cantar: quentaba

a terra do meu peito i eu sentía

renacer en mín un orde novo:

entón eu era como unha albre

chea de paxaros e sentía

a ledicia xubilosa da canción

petando en mín. Esto era fermoso.

Esto era vivir. Vivir aceso,

mergullado de cheo no misterio

que nos envolve e nos prende.

Sentíame cousa entre as cousas,

alento vivo de canto nos cingue

i acompaña. Pero logo viñeron

os homes ―meus irmaos― viñeron

i emporcarono todo. Emporcaron

este don tan fermoso que é a vida

e tódalas cousas puras e sinxelas

remataron por perder a sua pureza,

por encherse de lixo e mais de lama.

Decideme si non é arrepiante.

Decideme, si sodes homes verdadeiros,

que non teño razón, que é inxusto

o meu laio, que é xusta esta vida

que teño que sufrir ―que non vivir―,

que temos que sufrir os campesiños

lonxe de todos, arredados, casi

metidos en cubiles como feras.

Non chega a ninguén a nosa voz.

Ninguén ten ouvidos pra escoitarnos.

O vento leva a nosa queixa que remata

desfacéndose en vento, perdéndose

na nada. Recramo a miña diñidade.

Quero que o home sexa meu irmao

de verdade, que fale conmigo

e me comprenda como eu o comprendo.

Eu tamén son un home. E teño dereito

a ser un home de verdá, non un boneco.

teño dereito a que se ocupen de mín,

a que se me tenda unha mao xenerosa

pra axudarme. Non podo estar sempre

rodeado de misería, cultivando

unhos eidos miserabeles como hai

miles de anos. Estou canso de fozar

na terra como unha teipa, de vivir

na probeza, entre o esterco. Estou

canso e xa non podo mais. Sinto

como esa luz feble que antes

me alumaba se vai apagando pouco

a pouco. Sinto como me vou facendo

insensibles i os meus ouvidos non

perciben o canto dos regueiros,

o chío inefabel dos paxaros,

a voz de ento entre os centeios;

os meus ollos non atopan xa lecer

contemprando verdes, lonxanías

que se recortan azues contra ó ceio.

Soio sinto a choiva. E vexo todo mouro.

Non para de chover nesta terra miña,

non para tampouco de chover na miña

alma: voume cubrindo de mofo, vaime

deixando tolleito a humedade. Dentro

de min só hai nubes mouras que non

agoiran nada bó, que van cubrindo

dun bulleiro lamacento ó meu esprito.

E non sale [o]sol. Ó mellor o sol

non sale nunca mais. E sigo metido

nesta negrura na que nunca, nunca

para de chover: tanta escuridade

non me deixa ver o mundo, as cousas

que teño ó meu redor. ¿Onde a luz

feble, a raioliña de espranza

que denantes alumaba a miña terra?

¿Onde a voz das cousas, a presencia

das cousas que antes me falaban,

que estaban conmigo facéndome compaña?

¿Onde está o tempo das canciós

cando o sol quentaba a terra do

meu peito, en esprosiva ledicia

sempre acesa…? ¡Sempre, sempre

acesa, ardendo en flama viva,

en lume que nunca se apagaba!

Cociña dunha casa de aldea. Nada de lareira. Unha cociña «económica», de leña. Un ventanal grande semellará o vertedeiro, polo que entrará a luz do meridía. Estamos no mes da Sega. Lacenas. Utensilios de cociña. Unha mesa. Ó redor da mesa tallos que sirvan pra sentarse. Derriba da mesa, sin mantel, vasos, unha xarra de viño, un pan…

A luz será moi forte.

NAI.– Con este calor non hai quen acougue. Os homes han de estar a chegar. Virán cansos. O traballo da seitura é moi duro. Agora non hai de quen botar mao. Antes sobraban alugados, víñase ofrecer moita xente. Agora non ven ninguén. Tamén as rogas se van rematando. Xa non quedamos eiquí mais que vellos e nenos. Non sei a onde iremos parar. Xa se ollan moitisimas casas pechadas i os eidos a campo. De seguiren así as cousas non quedrá ninguén. Antes este povo era ledo como unha muiñeira. Agora semella un cementerio. Non se escoita unha cantiga, non se oien aturuxos… Todo cambia. A pouca xente que queda anda tristeira i esmorecida e non ten humor pra cousas ningunha. Esto non é vida. Semella un velatorio. Xa non se fala das cousas do povo. Atópase unha cun veciño ou cunha veciña e todo é falar de Francia, de Alemaña, de Suiza… De terras de lonxe que case unha non sabe por onde can. Agora non se sinte falar das Américas como na miña mocedade. Dá coraxe e dór ollar como os rapaces se van ún detrás doutro. E cada día mais. A sangría non remata. Semella que a cousa non ten remedio. Non hai que lle facer. Comprendo moi ben que a vida que eiquí vivimos non é moi desexabel. No estranxeiro gáñase moitisimo mais. Pero os cartos, coido eu, non o son todo. Tendo ún ledicia e saúde ten fortuna dabondo. A mín nunca me cegou o ouro e podo decir que, no meio de todo, fun e son unha muller feliz. Non lle pedín moito a vida. A vida tampouco me deu demasiado pero non me laio da miña sorte. Podía ser moito peor do que é… Todo é cousa de conformarse, de ter resiñación.

Entra o MOZO. Trai a fouciña empallada debaixo do brazo. Ó entrar pousará a fouciña derriba da mesa, sacará o sombreiro –si o trai– que tamén deixará derriba da mesa e sirvese con lentitude un vaso de viño. Pode estar de pé ou sentado. Ou parte da escea pode permañecer de pé e logo sentarse. Ou ó revés.

MOZO.– ¡Qué calor!

NAI.– ¿E teu pai?

MOZO.– Ven agora. Quedou pechando a carrilleira do Curro do Cepelo.

NAI.– ¿Cómo non lle axudache e víñades xuntos?

MOZO.– Non quixo. Dixo que me viñera vindo. E insistiu tanto…

NAI.– ¿Qué hora será?

MOZO.– Logo han de dar as doce. ¡Can os paxaros mortos co calor!

NAI.– Teño que me dar presa pra amañar o xantar. Teredes fame.

MOZO.– Non. Ainda hai pouco que tomamos as once.

NAI.– ¿Segastes moito?

MOZO.– O leiro de Tras das Cucas i o leiriño das Casas. A tarde podemos deixar rematada a seitura.

¡Total pró que se colle!

NAI.– ¡Non digas eso! ¡Menos podía ser!

MOZO.– ¡Non, nai! Non nos engañemos. Non podía ser menos. Así non imos a ningún lado.

NAI.– ¿Que querías logo? ¿E qué non estás ledo?

MOZO.– Non. Non o estou.

NAI.– ¿Qué é o que che pasa?

MOZO.– Non o sei. Non sei con certeza que é o que me pasa.

NAI.– Son as cavilaciós. Non caviles mais.

MOZO.– Sempre cavilo no mesmo: no probes que somos. E non soio nós. Tamén os nosos veciños son tan probes como nós.

NAI.– Sempre fuche un pouco estrano. Eu non te comprendo de todo. O anceio de teu pai e mais o meu era de que foras crego. Era un bó acomodo pró fillo dunhos labregos mais ben probes. Cando estabas pra rematar a carreira deixachelo seminario. Daquela levamos un pequeno disgusto. Ó pouco co tempo puxechete en relaciós coa Carme. Entón nós case nos aledamos de que deixaras a carreira. Xa fixeche o servicio. Agora o que compre é que te cases.

MOZO.– Ainda non sei o que hei de facer de mín.

NAI.– ¡Casarte!

MOZO.– ¡Non! ¡Ainda non!

NAI.– ¿A qué agardas logo?

MOZO.– Ainda non o sei.

NAI.– ¿A Carme non é boa rapaza?

MOZO.– Sí, nai: é moi boa, moi boa.

NAI.– ¿É que non a queres dabondo?

MOZO.– ¡Non digas eso! ¡Queroa como a naide no mundo!

NAI.– ¿Logo por qué non te casas? Nesta casa precisamos unha muller xoven. Teu pai e mais eu desexamos ver netos correndo ó noso pé.

MOZO.– ¡Teño medo!

NAI.– ¿Medo a qué ou a quén…?

MOZO.– Medo a vida, a esta probeza que nos arrodea. Medo a traballar arreo como unha besta pra nada. Pra non saír nunca de nada.

NAI.– Non sei que ideas son as tuas. Ainda que nada nos sobra todo nos vai chegando. Nunca nos faltou nin que comer, nin que vestir, nin un peso pra gastar. Sempre nos fomos gobernando co noso sin pedir nada a ninguén.

MOZO.– Eso non abonda, nai. Polo menos a min non me abonda. Andar fozando todo o día na terra pra comer unha taza de caldo, un ananco de centeio e de touciño. Traballar arreo toda a vida, sin ter un intre de descanso, pra andar case esfarrapado. Escravizarse, dendes que ún nace deica que morre, pra vivir entre os animás porque non se da ganado pra amañar a choupana en que vivimos. I esto nunha época na que hai máquinas, na que se anda polo espacio, na que se fala de ir a lua…

NAI.– Hai que ter conformidade. Outros viven peor… Moitisimo peor.

MOZO.– Eso pra mín non é consolo.

NAI.– Temos que conformarnos co que temos. E sacarlle o mellor partido posibel. Non todo é tan mouro como tí o ves.

MOZO.– Eso, non, nai. Temos que millorar. Temos que superarnos e vivir como persoas civilizadas. Deixar de fozar na terra como teipas cando hai máquinas que fozan por nós. As máquinas están pra derrimir ó home. Si non derrimen ó home non valen pra nada.

NAI.– Cousas dos novos tempos, que xa non son os meus. Eu fun criada conforme ó vello xeito e non entendo outra vida.

MOZO.– En Suiza i en Alemaña, por exempro, os labregos teñen auto; as casas están enceradas e teñen cuarto de baño e televexon. Nós eiquí vivimos entre esterco. No estranxeiro o labrego é un home. Eiquí un labrego é unha cousa. Moito do que nos acontez é culpa nosa.

NAI.– Entendo mal esas lerias. Todos os novos decides, aprosimadamente, as mesmas cousas. Os tempos de agora, ben o comprendo, non son mais cativos que os de antes, anque penso que tampouco son mellores.

MOZO.– De nós depende que sexan mellores. A vida é como un río que corre cara diante. Tí nunca ollarías a un río correr cara atrás.

NAI.– Non por certo.

MOZO.– Pois a vida é o mesmo.

NAI.– Nós gobernamonos co noso. Tés dabondo onde traballar si queres. Traballando…

MOZO.– O que facemos eiquí non é traballo. É escravizarnos. Eu teño a miña diñidade. Esto non pode seguir así. Por outra banda non se pode nada contra a corrente. Remata ún afogando.

NAI.– Cada vez te entendo menos. Hai moitas cousas que os vellos non entendemos. Eu quero que teñas acougo, que sexas feliz.

MOZO.– ¡Que teña acougo e felicidade! ¡Non sabes o que dices!

NAI.– Todo está na conformidade. Tamén eu cando era moza pensaba en vaguedás i a melanconía, por vegadas, era a miña dona. Veu teu pai e púxome na realidade. Despois naciche tí. Vín como ibas medrando día a día; como te ibas facendo un home. Os meus soños encarnaron en tí i acadaron os teus xeitos. Os meus cabelos xa van indo brancos. E según me van branqueando sinto como a miña vida se vai enchendo de serenidade.

MOZO.– Non se trata deso. Non se trata de soños. Trátase de realidás. De cousas concretas. Desta vida que nos arrodea, que nos afoga pouco a pouco, que remata por matarnos. A vida, como eu a concibo, non é esta miseria xorda na que vivimos.

NAI.– Ben comprendo. Tí, ademais da realidade que vives, tes un ideal. O teu ideal, por así decilo, ten un nome ben concreto: chámase Carme.

MOZO.– Sí, nai. Carme é a miña vida. Pra ela e por ela quero outro xeito de vida. Esta vida que vivo é pouco pra ela. Pra Carme e pra min eu soño outra vida.

NAI.– Carme é do noso igual, é unha de nós. Non coñoce outro xeito de vivir. En ningún outro sitio se pode atopar mais ó seu gusto.

MOZO.– As mulleres no campo envellecen deseguida. Case non son mozas; non coñecen case a xuventude. De nenas pasan a vellas. Eu non quero que Carme gaste a sua beleza sachando, atando o pan, estendendo herba…

NAI.– Eso é o que ten que facer. Ese traballos e dar fillos e crialos son os que ennobrecen a muller. A obriga da muller é axudar ó seu home, compartir con él a sua vida i os seus traballos.

MOZO.– ¡Non, nai! ¡Eu quero outra cousa, soño con outra vida pra Carme!

NAI.– Cando somos rapaces e temos xuventude, o sangue férvenos e todos queremos coller as estrelas coa mao. ¡Toliño! Xa voltarás po rego así que che pase esta nortada. Non queda outra escapatoria.

MOZO.– ¡Eu aspiro a mais! ¡Algo, que ainda non sei o que é, medra dentro de mín! ¡Algo moi fondo protesta en mín e faime rebelar contra esta vida! ¡Teño que escoitar esas voces escuras que me falan! ¡I escoitareinas! ¡Sinto que ten que se así!

NAI.– ¡Non te entendo, fillo! ¡Non te entendo! ¡I o tristeiro é que cada vez te entendo menos!

O MOZO fai mutis.

Baixa un pouco a luz. Incruso pode cambiar de cór.

Entra o PAI. Pódese arrimar a mesa, sentarse ou quedar de pé.

NAI.– ¿Virás canso?

PAI.– Sí, veño moi canso. O traballo é duro. Os anos vanse botando derriba. ¡I este calor!

(Saca un pano e limpa con él as sudes).

NAI.– Os anos non son tantos. Ben podes con eles. O que pasa é que sempre che gustou presumir de vello.

PAI: ¡Manías tuas!

NAI.– ¿Non lle notache algo estrano ó rapaz? ¿Non andará ben coa Carme…? ¿Sabes si lle pasa algo…?

PAI.– Eu non sei nada. Pero algo lle pasa. ¡Cousas dél! ¡A mocedade non é doada de entender!

NAI.– Non por certo. Tés que lle falar.

PAI.– ¿Qué queres que lle diga? ¡Xa lle falo! ¡Falo con él tódo los días!

NAI.– Fálalle de home a home. Perguntalle o que ten, o que lle pasa. Fálalle con xeito…

PAI.– ¡Calqueira sabe! Ó mellor nin él mesmo o sabe. Hai ocasiós nas que ún esta enfadado consigo mesmo, sin ter motivo. Ó mellor a culpa de todo tena este calor mesto, abafante. Este sol que nos asa, que nos derrete os miolos.

NAI.– O mal é mais fondo. Non sei si se tratará dunha desas enfermedás que se mete na alma e que te vai consumindo pouco a pouco deica que remata aniquilándote.

PAI.– Desas cousas entendo pouco. Ainda que olle atentamente a unha face humán apenas sei decir si espresa ledicia ou tristura. A mocedade é un pouco como o vento; vai e ven supetamente. Un vento lle trai a tristura e outro lla leva. O rapaz remata de chegar do servicio. E posibel que traia nas orellas o toque de corneta. Ten que se adaptar de novo a esta vida, a este silencio, a esta quietude. Xa verás como todo lle pasa deseguida. Noto que ten pouca ansia no traballo, que fai as cousas con desgana.

NAI.– A mín tenme preocupada.

PAI.– Este teu desacougo ha de pasar como unha nube de vrao.

NAI.– Eu antes sabía o que o rapaz pensaba. Agora, según vai pasando o tempo, vaiseme facendo mais e mais escuro. Hai algo nél que me inqueda, que me desacouga fondamente.

PAI.– Tira de tí esas preocupaciós. Non ha de ser nada.

NAI.– O rapaz cambiou. Non é o de antes. Non é o que antes era. Penso que se está apoderando dél unha rebeldía que non sei si será boa cousa. E tamén lle está nacendo unha gran ambición. A ambición mata a ledicia. Non quero que o meu fillo sexa ambicioso en demasía. A ambición é unha herba cativa que medra no corazón e remata por secalo.

PAI.– As mulleres sempre esaxerades as cousas. Temedes e desacougadesvos por nada.

NAI.– Esto é mais que un temor: é xa unha certeza. Unha certeza moi dolorosa.

PAI.– Podes estar trabucada. O rapaz non é ambicioso como dices. É un rapaz homilde e sinxelo. Xa ves: deixou o seminario e non quixo seguir estudiando. Un home ambicioso non se comporta así. Un ambicioso non deixa os libros de boas a primeiras pra virse agarrar a rabela do arado, a vivir unha vida con posibilidades moi limitadas. Un home ambicioso soio se preocupa por chegar sin importarlle nada mais.

NAI.– Si deixou os libros por algo foi. E si se quedou con nós tamén as suas razós tería.

PAI.– Non remato de comprender o que me queres decir.

NAI.– Pois é ben doado.

PAI.– Non, si non te espricas.

NAI.– O rapaz deixou os libros pola Carme. Esa é a verdadeira razón.

PAI.– Non sería por eso soio.

NAI.– Non tivo mais razós. O rapaz deixouse cegar pola beleza da Carme. A cousa é ben comprensibel. Dende entón viviu como nun soño. Agora está despertando dese soño. Está acordando e voltando de novo a realidade.

PAI.– Sempre estivo na realidade.

NAI.– Estivo no mundo dos soños, no país das maravillas. A xuventude ten unha gran capacidade pra soñar, pra poñer unha gran paixón en todo. Agora comenza a decatarse de que a Carme é soio unha muller ainda que sexa unha muller maravillosa. O descobrir esta verdade doille. De ahí os seus desacougos.

PAI.– Si é como tí dices a cousa non ten importancia.

NAI.– Nunca se sabe. Un home é algo moi compricado. É moi dificil o entrar no mundo de cada ún. As palabras son as únicas chaves que temos pra abrille o noso mundo ós semellantes. Eu sei que as palabras non nos traducen totalmente. A veces teño sentido cousas que non fun capaz de espricar. Con todo, soio temos a palabra pra dar testimuña de nós. Por eso che dixen que tés que falar co rapaz.

PAI.– ¿E qué lle hai decir…? ¿Qué queres que lle diga…?

NAI.– Fala con él. Perguntalle. Pescuda o que pensa i o que sinte. Falar é sempre unha liberación.

PAI.– Sempre fuche un pouco dada a pantasías. Eso foi o que namorou de tí. Hai veces que me é dificil o entenderte. Pero gústame moito o que dices. Neso o fillo sal a tí. Por eso eres tí a que debe falar con él. Coido que entre os dous entendedesvos mellor.

NAI.– Non. Non é que eu teña inconvenente pra falar con él. Debes de falarlle tí porque así terá, estou segura, menos sospeitas. Andades os dous xuntos no traballo i eso faivos compañeiros, estabrece confianza. Tes que facelo entusiasmar co seu traballo, coa labor que trai entre maos. ¿Non amas tí a terra? ¿Non amas apaixoadamente o teu traballo?

PAI.– ¡Amo! Amo a terra porque nela nacín, porque a ela, dende sempre, perteñeceron os meus. Amo a terra porque é miña. E ainda que me obriga tamén me libera.

NAI.– Eso que rematas de decirme é o que lle tes que facer comprender.

PAI.– Non sei si serei capaz de tanto. É moito o que me pides.

NAI.– Falar do que se ama é moi doado.

PAI.– Intentarei[n]o logo.

NAI.– Fálalle con sinxeleza e con verdade. Coa sinxeleza e coa verdade que tí falas sempre. Poucas palabras pero craras.

PAI.– Teño a dúbida de que non sei si non estaremos esaxerando o problema. As cousas son sempre moi sinxelas. Non sei si non lle darás demasiada importancia a cousas que soio son figuraciós tuas.

NAI.– A realidade non é soio o que vemos. Tamén é realidade o que pensamos. Todo o que é verdade é realidade.

(Fai mutis).

PAI.– Como tí queiras.

A escea fica en silencio por unhos intres. Pode soar brevemente unha música axeitada. O PAI queda caviloso e preocupado.

MOZO.– ¡Sigue o calor! ¡Non hai quen pare!

PAI.– Séntate, rapaz. Acouga. Toma un vaso.

(Sírvelle ó MOZO un vaso de viño. Pode servir outr[o] pra él)

MOZO.– (Ó rematar de beber): O viño é unha gran cousa ainda que no vrao da mais calor.

PAI.– Imos a ver: noto en tí, nesta derradeira tempada, algo estrano. Non che quixen decir nada deica este intre. ¿Qué é o que te preocupa?

MOZO.– ¡Nada! ¡Non teño nada! ¡Non me preocupada nada en concreto ainda que me atormentan moitas cousas!

PAI.– Dendes que voltaches do exército non eres o mesmo. Tua nai tamén se decatou do teu cambio.

MOZO.– Todo o que me pasa son cavilaciós miñas. Cousas que ó mellor non teñen ningunha importancia.

PAI.– Todo ten importancia.

MOZO.– Según se mire.

PAI.– Vouche falar sin arrodeos: quero que me digas o que che pasa. Quero que te franquees conmigo.

MOZO.– ¡Pai! Son mozo, síntome forte e teño necesidade, unha poderosa necesidade, de gastar o empuxe que sinto brincar en mín, de empregar as miñas enerxías.

PAI.– Esas arelas comprense traballando. Podes traballar o que queiras. Traballar é bó. A terra está falta de brazos.

MOZO.– Anque nós temos unhas terras somos probes.

PAI.– Outros ainda son mais probes que nós.

MOZO.– Eso mesmo pensa a nai. Esta vida que levamos éncheme de tristura. Temos unhas cantas fanegas de terra que non nos valen de nada porque están en cincuenta leiros. O gando apenas produce porque o temos que xunguir. Ainda usamos o carro i o arado romano como hai séculos. Colleitamos de todo e nunca temos nada de nada. Hai moito que veño pensando nesto. E non lle atopo arranxo.

PAI.– Sempre foi así. Cecais que non poida ser doutro xeito. Ainda que nos xuntaran tódolos eidos non teríamos unha grande cantidade de terra. Ainda que o ter as terras xuntas nos simprificaría o traballo non poderíamos mercar maquinaria porque é moi costosa. Así ímonos defendendo.

MOZO.– ¡Non poder ser! ¡Non podemos seguir como deica o de agora! ¡Esto non é vivir! ¡Está ún traballando e matándose pra nada! O que estamos facendo non é mais que arar no aire e sementar no mar.

PAI.– Non hai outra saída.

MOZO.– ¡Non, pai, non! Seguir así é irracional. Eu xa sei o que teño que facer. Penseino moito.

PAI.– ¿E qué tes pensado?

MOZO.– ¡Emigrar!

PAI.– ¡Non, fillo! ¡Emigrar, non! ¡Eso, nunca!

MOZO.– Pois así ten que ser.

PAI.– Considera que tanto tua nai como eu non somos unhos mozos. Precisamos o teu amparo. Cada vez precisamos mais de tí.

MOZO.– ¡Xa o teño decidido!

PAI.– Pensa o que fas. Esta terra que pensas deixar é a tua. A mellor terra do mundo sempre é a de ún. Cada ún na sua terra, por mal que sexa, sempre se atopa. O home i a terra son a mesma cousa. En países alleos a terra descoñoce ó home que non é daquela terra e tamén o home descoñoce a terra que non é sua. Entón québrase a armuñía da vida. E todo se volta arrepiante.

MOZO.– Teño cavilado eso que tí me dices. Pero nesta terra nosa somos moitos demais. Sobramos moitos i eu son un deses que sobra. Teño que ir a outras terras percurar o que non teño na miña, o que a miña terra non [m]e da. ¿Non che semella divertido? ¿Non che fai gracia?

PAI.– Traballa eiquí. Tamén eiquí podes loitar.

MOZO.– É inútil. Non conseguiría nada. Sería traballo perdido.

PAI.– ¡Quén sabe! ¡Pensa en Carme…!

MOZO.– Nela penso. E tamén en vós. Quero vivir como un home. Quero ter auto, televexón, neveira, cuarto de baño; poder escoitar un disco ou mercar un libro cando se me antoxe. Quero acadar o que nunca terei quedándome eiquí. Xa que estou no mundo quérome enterar das cousas que hai no mundo, do que pasa no mundo. Eiquí, nesta terra miña, non poderei acadar o que arelo.

PAI.– Tua nai e mais eu nunca tivemos nada deso que tí dices. Ainda hai pouco que temos eleitricidade. Daquela mercamos a radio, ainda que xa recibiamos o xornal. Con esto abondanos pra ser felices. Eu amo o meu traballo e por eso estou ledo e teño paz conmigo mesmo e con tua nai. Cada nova sementeira énchenme de espranza. Cada recolleita éncheme de ledicia. Cando vou pola pradela oservo como a herba me sorrí. Cando vou a ver o centeio ou o trigo, na época da seitura, sei que as espigas se dobran pra me decir que as segue. A miña vida está chega de todos estes gozos que moitos non teñen. Amo as miñas terras non porque producen, senon que as amo por si mesmas. E sei que as miñas terras me aman a mín. Esto compensame dos meus traballos e dalle o verdadeiro senso que ten a miña vida.

MOZO.– Compréndote, pai. E non me solprende o que me dices. Tamén eu amo a terra. Pero non con escrusividade. Tamén amo a Carme e non a podo sacrificar a probeza toda a vida. Porque cada vez seremos mais probes. Tés que comprendelo.

PAI.– Pois por eso: porque amas a Carme, porque queres a teus pais tés que quedarte. Tés que traballar e que loitar nesta terra que é a nosa, que é a tua terra. E tés que facer dela unha terra fecunda porque ela é rica.

MOZO.– ¡Non podo, pai! ¡Xa é tarde! Eu non teño a tua conformidade, non ollo as cousas dende o teu punto de vista. ¡Non podo quedar eiquí, atado de pés e maos, pra malvivir, pra ollar caer un día detrás doutro, sin espranza!

PAI.– Tódolos mozos dades nesa teima da emigración que eu nunca comprendín. Levo dende neno contemprando a xente que se vai, que se desarraiga, que deixa o seu sudor noutras terras que non son a sua. Este vello mal semella que non ten remedio.

MOZO.– Si as cousas son así é porque así teñen que ser. Non hai outra escapatoria.

PAI.– Agora que tí eras a espranza da tua nai i a miña, que te precisamos mais que nunca… Todo por un espellismo. Os vellos emigrantes, os que voltaban, traguían un castrapo pintoresco, un loro, unha pajilla i os dedos cheos de sortixas; e na boca, ademais de dentes de ouro, un bó xaruto. Agora tran autos, radios portátiles, magnetofós e roupa de nailon. Pero o problema sigue sendo o mesmo. A emigración é nosa meirande praga, a nosa desgracia. A emigración é o gran mostruo… ¡Teño mágoa por tí e por nós!

MOZO.– Non teño outra saída. ¡Non podo facer outra cousa! Antes de coller esta determiñación cavileina moito e moi seriamente. ¡Xa non podo volver atrás!

PAI.– Ademais do acordo hai o trasacordo.

MOZO.– Xa o teño pensado. A emigración de oxe en día non é como a de antes. hai contratos de traballo, vacaciós…

PAI.– Si, o mesmo cadavre soio que cun traxe novo.

MOZO.– Non, pai. Por moi duro que sexa o traballo fora nunca será tan duro nin tan escravo como eiquí. Oxe andivemos na seitura e non me teño dos cadrís. Así que rematemos a seitura hai que pegar coa gadaña da herba. Despois virán as mallas. Logo a sementeira dos nabos, a recolleita das patacas e do millo, o outono, a rega dos prados… I así sempre. Traballando do mencer deica que é noite pecha. É conto de non rematar nunca.

PAI.– Pero traballas no teu. Eres o dono do teu traballo e das tuas terras.

MOZO.– E tamén o dono da miña miseria. Coido que seguir falando desto non nos leva a ningún lado.

PAI.– Como queiras. Fai o que che pete. Non me podo opoñer a tua vontade. Eres dono de seguir o camiño que mais che agrade.

MOZO.– Xa sabía que tí habiasme comprender…

PAI.– Non. Non comprendo. Teño que acatar os feitos. E si ese é o teu gusto nada teño que decirche.

(Fai mutis)

MOZO.– Xa está dito.

Queda a escea en silencio por breves intres. Pódese poñer unha música axeitada que dure pouco. A luz baixará de intensidade para se facer mais fleve.

MOZO.– (Cantando, con rimo de música moderna) Agárdote cantando,

amor.

A miña alma

vístese de festa

pra agardarte,

amor.

Escollo as miñas

palabras

pra que elas

non te firan,

[a]mor.

Luio as miñas

maos pra que

non sintas

a sua rudeza,

amor.

Conteño os latexos

do meu corazón

pra que non te

sobresalten,

amor.

Amor, amor:

agardote cantando.

Hai un breve silencio. A luz irá aumentando deica que chegue a MOZA.

MOZO.– Agárdabate. ¡Non sabes cómo se me alonga o tempo que paso lonxe de tí!

MOZA.– ¡Mentireiro!

MOZO.– Non, Carme. Sabes que non son mintireiro, que nunca che dixen unha cousa por outra. ¡E ben sabes como te quero!

MOZA.– Nunca dubidei do teu querer. Cando estabas no estudio xa me prendei de tí. Pensei que o meu sono nunca sería realidade. Despois, cando me decatei que comenzabas a reparar en mín, o corazón dábame brincos no peito como si quixera ir na tua busca. Tiña necesidade de tí. Agora xa me ves. A miña felicidade é tan grande que temo por ela.

MOZO.– Todo eso xa pasou. O mais importante é que nos queremos. Todo o tempo que non conto xunto a tí quixera esquencelo.

MOZA.– Hai dous anos que somos novios. Dende entón o mundo é noso.

MOZO.– O mundo sempre foi noso ainda que non o semelle.

MOZA.– Tí eres todo o meu mundo. O meu pequeno mundo está cheo de tí: da tua imaxe, dos teus además, da tua voz, da tua sorrisa. Cando estou soia pecho os ollos pra maxinarte mellor. E sinto as tuas palabras envolvéndome, agarimándome.

MOZO.– Tiven moita sorte con atoparte. Sin tí non sei que faría da miña vida. Non podo concebir a vida sin tí.

MOZA.– Pra mín a vida é fermosa porque tí estás nela.

MOZO.– A vida non soio é fermosa por eso. A vida pode ser fermosa por eso e por moitas cousas que temos que conquerir ainda que nos costen moito.

MOZA.– Todo está ben como está. Non anceio mais nada. O meu único degaro é estar sempre perto de tí. Téndote a tí están colmadas tódalas miñas arelas.

MOZO.– A vida ten as suas esixencias. A vida dos probes é tristeira e crudel. ¡Mais valera non ter vida cando ún é probe!

MOZA.– ¡Non digas eso! ¡Non eres xusto ó falar así!

MOZO.– E que eu quero outra vida prá tí. E tamén prá mín. E prós meus pais.

MOZA.– Eu soio quero que esteñas perto a mín.

MOZO.– Vivimos na probeza e non te decatas. Desprecio a probeza. Quero unha vida sin apuros de diñeiro; unha vida que eiquí nos negan, que eiquí non é posibel.

MOZA.– ¿Qué dices? ¡Non te entendo! ¡Nunca te sentín falar deste xeito!

MOZO.– O que quero decir é que non aguanto mais. ¡E que me vou!

MOZA.– ¿A onde te vas…? ¿Por qué te vas…?

MOZO.– Ainda non sei a onde irei. E voume pra non ser probe. Pra librarme da probeza.

MOZA.– ¿Non falarás en bromas?

MOZO.– Nunca na miña vida falei mais seriamente.

MOZA.– ¿Estás no teu xuicio…?

MOZO.– ¡Estou!

MOZA.– ¡Deixasme parva! ¡Non remato de comprender o que che escoitei!

MOZO.– Pois falei con craridade dabondo.

MOZA.– Soñei sempre con vivir eiquí, contigo. Non teño mais ambición. Quero vivir e morrer entre os meus. Entre as terras i as xentes que amo. Non ha necesidade ningunha de que te vaias. A non ser… ¡A non ser que…!

MOZO.– ¿A non ser qué…? ¡Remata dunha vez!

MOZA.– A non ser que me queiras perder de vista.

MOZO.– ¡Eso non! ¡De ningún xeito! Tranquilizate. Si me vou é por pouco tempo. No estranxeiro gáñanse unhas soldadas fabulosas. Sendo traballador i aforrando en pouco tempo podo facer un capitalciño. Con cartos podemos ollar ó porvir con confianza…

MOZA.– ¡Eu non quero cartos! ¡Soio te quero a tí! ¡Non te vaias! ¡Non tés necesidade de marchar!

MOZO.– ¡Estou decidido! Anque agora che cause dór a separación, cando volte con cartos haste de poñer moi leda. ¡Xa verás!

MOZA.– Si che deu esa teima de marchar, ¡lévame contigo! ¡Eu quero ir contigo, a onde tí vaias!

MOZO.– Non pode ser. Tí, agarda. É cuestión de pouco tempo.

MOZA.– ¡Non quero agardar! ¡Quero ir contigo!

MOZO.– Comprende que é imposibel. Eu soio xa terei dificultás dabondo. Si tí ves conmigo esas dificultás serán meirandes.

MOZA.– ¡Non quero comprender nada! ¡Tí eres toda a miña vida!

MOZO.– Por eso mesmo. Trátase soio dunha pequena separación. ¿Pensas que a mín non me doi?

MOZA.– ¡Teño medo sin tí!

MOZO.– Quedas cos teus.

MOZA.– Non me importa. Sin ti é como si estivera sin ninguén. ¿E qué non o comprendes? ¡Lévame contigo!

MOZO.– Xa che dixen que é imposibel. Un home cando vai polo mundo a gañar a vida, ten que ir soio.

MOZA.– (Rompe a saloucar e inicia a mutis) ¡Aló tí…! ¡Fai o que queiras!

MOZO.– (Facendo movimentos co corpo como si a seguise pero sin mover os pés)

¡Carme…! ¡Carme…! ¡Agarda…! ¡Escoita…!

(Deixase caer con desalento nun tallo i agacha a testa entre as maos).

Cambio de luz. Agora dará unha sensación de irrealidade.

Un HOME érguese do patio de butacas, saíndo de entre o público, i achégase ó MOZO, sacudindoó por un brazo. O MOZO queda solprendido. Despois sigue a escea con naturalidade.

HOME.– ¡Non sexas parvo!

MOZO.– ¡Eu non son parvo!

HOME.– ¡Non a deixes ir! Deixala ir é unha parvada.

MOZO.– Nada puiden facer por reter a Carme a miña veira.

HOME.– ¡Pamplinas tuas! Tí podes facer o que queiras.

MOZO.– ¡Trabucaste! Eu nada puiden facer. I a fin de contas, ¿quén eres tí?

HOME.– ¡Son un home!

MOZO.– ¿Qué home?

HOME.– Calquer home. ¡Un home sin importancia!

MOZO.– ¿I a tí qué che importan os meus problemas?

HOME.– Os teus problemas importanme porque son os problemas do povo. E tí formas parte do povo.

MOZO.– ¿Tí representas ó povo?

HOME.– Eu non represento a ninguén. Eu case non son nada e sono todo. Eu sono o povo en certo xeito. Por eso estou no teatro. Por eso me metín na escea. Por eso falo contigo.

MOZO.– ¿Cómo no teatro de Pirandello? ¿Non é eso? Deixache o teu asento e presentaste no esceario como un persoaxe pirandelián. A cousa ten moito chiste.

HOME.– Non me entendes. Eu non son un persoaxe mais ou menos teatral. Nin tan siquer son un persoaxe. Son un home. Un home de verdade, de carne e oso que diría o vello Unamuno. Son un teu semellante que se aleda contigo, que contigo se atristura, que sinte o que tí sintes. Por eso estou eiquí, falándoche. Intentando comprenderte. Estou eiquí pra axudarche, si podo e sei.

MOZO.– Sei moi ben o que teño que facer. Non che pedín axuda. Non preciso da tua axuda prá nada. Eu non te coñozo e non teño porque confiar en tí. Non vai ún a fiarse do primeiro que apareza.

HOME.– Eso é cousa tua. Eu estaba vendo o lío no que te vas a meter, no que xa te comenzache a meter. E quixen botarche unha mao. Estou eiquí pra decirche que te precisan teus pais. Que te precisa Carme. ¡Non a deixes ir!

MOZO.– Falar é moi doado. O mais doado que hai no mundo. Con falar non se amaña nada. ¿Coidas que non me doi deixar ós pais, a Carme, a terra? ¿Coidas que me cai moi chistoso deixar os meus eidos e irme polo mundo?

HOME.– Con quedarte tiñas todo amañado.

MOZO.– Con quedarme non amañaría nada. Todo quedaría como estaba.

HOME.– ¿Pensas que vas a cambiar o mundo?

MOZO.– Non penso nada. Un contra ó mundo non é ninguén. Soio penso cambiar a miña vida. Quero librarme da pobreza. Eso é todo.

HOME.– Traballa eiquí. Considera as razós que che dixo teu pai.

MOZO.– Eso xa está discutido. Pero vamos a ver: tí que eres povo ou polo menos un home do povo, ¿qué fas polos demais? ¿Qué fai cada ún de nós polos outros, polos seus semellantes? Falar con eles. Contemprar cos brazos cruzados como se van pechando os fogares, como aldeas enteiras quedan sin unha alma. Pero de arranxar as cousas, nada. Arranxar algo, por moi pequeno que sexa, non é doado. Todo o que fas é decirme que non me vaia. E quedas tan tranquío. Pero eu protesto. O soio feito de irme é unha protesta. Ó dar a entender que non estou conforme na miña terra. ¿Entendes?

HOME.– Eu fago todo o que podo. Non podo mais.

MOZO.– Pra eso escusache erguerte do teu asento.

HOME.– Había algo que non me deixaba acougar. Algo que me roía por dedentro. Si non veño a falar contigo non quedaba tranquío.

MOZO.– Pois xa podes acougar. Eu devolvoche a tua tranquilidade. Así que remate a función podes voltar prá tua casa coa concencia ben tranquía e acougada.

HOME.– ¡Cumprín co meu deber!

MOZO.– Eso é: cumpriche co teu deber. Pero as cousas, o mundo quero decir, sigue o mesmo que estaba. Nembargantes tí cumpriche co teu deber. Eres un ciudadán de primeira división. Un exempro.

HOME.– Si tí non me queres escoitar comprenderás que a culpa non é miña. Eu non teño culpa de nada.

MOZO.– Non te preocupes: ninguén ten culpa de nada. Todos somos iñocentes. Cando chegue a hora da verdade ninguén vai querer dar a cara. Somos un fato de carneiros. E temos o noso merecido.

HOME.– Eu xa te avisei. É natural que a xuventude sexa rebelde. Ún, anque esteña mal o decilo, tamén foi xoven. O que che volto a repetir é que índote non amañas nada.

MOZO.– E quedándome tampouco. Eu non quero resiñarme. ¡Non quero! ¡Non teño alma de carneiro!

HOME.– ¡Aló tí! ¡Fai o que queiras! Eu xa che dixen o que tiña que decirche. Despois non veñas decindo que non te avisei…

MOZO.– Queda tranquío. Non te preocupes por mín. Eu xa me irei gobernando como poida. Chora por tí e polos teus fillos.

(O HOME baixa do esceario e volta a ocupar a sua butaca.)

Cambio de luz. Será dunha gran intensidade. Despois irá baixando pouco a pouco, deica quedar case en penumbra.

MOZO.– Eu non quero irme. Eu son como unha albre,

coas raíces ben chantadas na terra;

nesta terra que eu traballei coas miñas

maos; na que sudei arreo como unha besta;

na que fun gastando os meus días un a un;

na que están enterrados meus abós, os abós

dos meus abós i así sempre dendes que

o mundo é mundo. Esta terra eterna

é mais real que eu mesmo. Non quero irme.

Nacín eiquí. Eiquí fun sementado

como se sementa o centeio, o trigo,

o millo i as patacas. Fun medrando

como unha cana de millo ou de centeio

sobre a terra, na terra enraízado.

E por eso son terra. Por eso corre

terra polas miñas veas e latexa

o meu corazón de terra. O vento que respiro

é o vento que agarima a terra, o que

a percorre e posee: o vento que os meus

pulmós coñocen, o que coñoce ós meus

pulmós. Deste vento que falo está

tamén feita a miña alma. E da luz

desta terra miña están feitos

os meus ollos. E da sua arxila fixeronse

os meus pés i as miñas maos. Eu mesmo

un día tamén serei terra. E quero ser

esta terra. Misturarme de novo

coa terra en que nacín, coa terra

de onde veño: esta terra que me coñoce

e que eu coñezo. Non quero irme.

Non quero. Non e non. Os meus pés

neganse a moverme. Os meus ollos

soi queren esta luz pra mirar.

A miña alma sinte medo: está tremando

como un bimbio mesmamente. Pero teño

que irme. Teño que marchar. É preciso.

Teño que saber o que hai detrás

dos montes. Teño que atopar

outros homes co sol nos ollos,

coa sorrisa chea de luz e primaveira.

Anque me doia deixar esta probeza,

cortar as miñas raíces. Anque me doia.

Anque perda seiva i as feridas

escoen longamente. Ainda que

a nova terra non me recoñoza,

non me acolla como cousa sua

senon como unha albre fleve,

trasplantada. Teño que abandoar

esta miseria, este non ter, este

facer contas que non salen nunca,

este contar e recontar incansabel

de calderilla e de farrapos.

Ten que ser así. Quero que así

sexa ainda que non poida mais,

ainda que a alma se me vaia

esgazando en anacos, e inda que

sinta ir tolle[n]do os meus membros

un a un; ainda que teña que morrer,

que deixar a vida en terra allea.

Polo menos cumprirei o meu soño.

A miña arela de ollar un mundo

mais rico, algo mais xusto que este

mundo de probeza, de soedade

e desamparo que me aperta i afoga.

Queda a escea en silencio por unhos breves intres. A luz irá subindo pouco a pouco deica que chegue a unha esprosión verdadeiramente dramática.

NAI.– ¡Fillo…! ¡Fillo querido…!

MOZO.– ¡Nai! ¡Nai!

NAI.– ¡Teu pai díxome…! ¡Non é posibel…!

MOZO.– ¡Si, nai: é certo!

NAI.– ¿Cómo che deu esa toleada…?

MOZO.– ¡Non é ningunha toleada! ¡Non son un neno!

NAI.– ¡Pero fillo…!

PAI.– (Entrando, dirixindose a NAI) ¡Sirve o xantar!

NAI.– Agora… Agora mesmo. Ídevos acomodando.

O PAI i o MOZO vanse acomodando arredor da mesa, mentras vai caendo o PANO.

XORNADA SEGUNDA

Ó erguerse o pano nun rincullo da escea, a un lateral, hai un pequeno mostrador cun taburete. Detrás do mostrador, un lenzo que representa botellas, copas. Esta escea desenrolase nun bar que pode estar atendido por unha rapaza que non falará. O MOZO terá un vaso mediado derriba do mostrador. A rapaza que atende ó bar pode estar lendo un libro ou un xornal, con aire aburrido, indiferente ó Mozo, que se trata dun cliente «pesado» e meio bébedo.

A luz será semellante a dun «Wiski club» e ilumiñará principalmente ó Mozo.

Un pano pode tapar a decoración da escea seguinte a esta, que xa pode estar montada.

Toda esta escea pódese ilustrar con música de fondo: algo moderno, aitual, sin letra.

MOZO.– (Cantando con xeito moderno)

A soidade enche

a miña alma,

ateigame de tebra

ó corazón.

Estou lonxe

da miña terra

pero a terra

pesa e doe

no meu peito.

A lembranza

átame a terra.

¡Albres, lua,

recendos

de Galicia!

¡Rumor dos carballos,

música dos ledos

regatos cantadores!

¡Estou lonxe

de vós!

¡Sin vós non sei

vivir!

¡Verdes dos prados,

dos vales,

dos outeiros!

¡Bruar das olas:

anacos

de min mesmo!

¡Sin vós non son ninguén!

¡Non podo nin sei

vivir

lonxe de vós!

Pausa.

Unhos intres de silencio nos que se pode remarcar a música de fondo.

Transición. Crear o clima apropiado pró parlamento que sigue.

MOZO.– A terra, os pais, a noiva de palabras

doces como a mel, de sorrisa

de mencer; os vales, os ríos,

os outeiros, as canciós melancónicas;

os vellos camiños campesiños

que tantas veces usaron, cansaron

e gastaron os meus pés van pesando

en mín como un penedo inmenso, como

un monte de dór, soedade e desespero.

Todo o que era meu comigo vai

retratado nos ollos, grabado

a lume no meu esprito, enchendo

o peito meu, a miña alma

coberta de néboas e de choivas,

de xistras e xeadas que me fan

aterecer, batir dente con dente,

agardar inutilmente hora a hora,

intre a intre que saia unha

raioliña de sol, que a confianza

me sorría mainamente. Pero

todo é inútil. ¡Ouh meu lonxano

e soñado paradiso que perdín!

Dende entón ando aluciado, vagando

por unha neboeira de desespero

e tristura. E non teño, non,

a quen darlle o meu berro.

O meu laio non atopa resposta,

non hai quen recolla este meu lume

que se apaga, que trema como

unha flama fleve cando se abre

unha porta. Todo é tan lonxano

que semella irreal: un soño,

un pesadelo imposibel e terribel.

Ando entre néboa, envolto en brétema,

soñando sempre o mesmo, sin

ollar craridá por parte algunha.

Os meus ollos miran e non ven;

non recoñocen as cousas os meus

dedos: ó seu contaito, as cousas

perden o seu ser, semellan vougas

e sin peso como si voltar[a]n de lá

ou de algodón; os meus pés tampouco

recoñocen como sua esta terra

que pisan: non se fixo esta terra

pra que, polos meus pés, fose tripada;

os meus ouvidos non escoitan

o canto dos paxaros cheos de luz,

nin o marmurio do vento entre os ramallos;

nos meus ouvidos soio soa o bruar

dos motores e das sireas das frábicas

que coutan a miña libertá e me van

esmagando pouco a pouco,

moi cientificamente,

conforme a un pran previsto i estudiado

en monografías, artigos i estadísticas.

¿Cómo s[a]ír deste círculo infernal?

¿Será posibel que me salve, que poida

recobrar aquel maravilloso edén perdido?

¿Será posibel…? ¡Ouh, si soupera…!

¡Se dera co vieiro….! ¡Si atopara

o camiño que me leve

ó meu perdido paradiso, a libertá…!

Ó rematar, o MOZO atravesa o esceario con paso vacilante, mentras vai quedando todo escuro. A música pode seguir soando. Aproveitando a escuridade pode erguerse o pano.

Unha habitación de emigrantes nun país europeo, non determiñado. Pode haber un camastro ou dous. As paredes nuas. Un pequeno armario metálico. Unha mesiña non moi grande e unhas sillas. Nun rincullo pode verse unha pequena cociña eleitrica ou de butano i unha neveira. Esta habitación lembrará un pouco a celda dunha cárcere.

A luz terá a cór do chumbo. A escea desenrolase nunha tarde de domingo.

Os EMIGRANTES levarán vestidos de traballadores modestos.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Foi unha boa idea vernos prá pasar a tarde xuntos. No Centro pásase moi aburrido.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Eu trouxen unha baraxa por si cansamos de falar. Sempre é un bó recurso. A baraxa lémbrame ó meu povo, ¿sabes? Nas esfollas, nos fiandós, nas rogas e nas esmorgas sempre rematabamos sogando a baraxa. Era moi divertido. Pódeche parecer unha parvada. Pero pra mín era moi divertido.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Xa o maxino.

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¿Cántos anos levas neste país?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Tres.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Xa terás os teus aforros, ¿eh? ¿Qué tal o idioma? ¿Por qué viñeche traballar a mesma fábrica na que eu traballo? ¿Non che gustaba o traballo que tiñas denantes?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Os aforros case non son nada porque teño que axudar a familia que quedou na terra. Cambiei de emprego porque me ofreceron algo mais de soldada. En canto ó idioma direiche que sei unhas cantas palabras. Non teño que lle facer. Non dou afeito o ouvido a él.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Tampouco a mín me cai nada ben. ¿Ainda non fuches a terra?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Fun polo Nadal. Pasei aló quince días. Tiña moitas arelas de ver a miña nai. Sempre me lembro moito de miña nai. Pero eses días non me chegaron a nada. Cando acordei tiven que voltar de novo pra eiquí. E cando me vín eiquí outra vez tiven que empezar novamente.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Xa me decato. Por eso eu non quero ir aló. Se vou non sei si terei azos prá voltar. Dentro de outros tres anos voume de vez. E xuroche que non me volverei a lembrar desto pra nada.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Tres anos pasados eiquí sempre irán en nós. Ainda que ún non queira. Son anos de pesadelo. É como si estiveras na cadea. Non te atreves a falar con ningún nativo porque non sabes o idioma. Non sales da casa porque non te entendes. Non podes ir a ningún sitio. Ademais todo é moi caro e non podes gastar nada. Se gastas o que ganas é como si non viñeras. Ún non ven eiquí a gastar.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Eiquí a vida prá nós é como si estiveramos nun campo de concentración. Do traballo pró apartamento. E do apartamento pró traballo. Os domingos atopas cun paisano e falas con él. E resulta que, por derriba da tua tristura, tés que compartir a dél.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– E menos mal que ainda atopas xente nosa coa que podes falar i entenderte. O peor sería que non tiveras con quen falar.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Sí, outros desgraciados como somos nós.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Dous a loitar contra a mesma tristura toca a menos.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Esa é unha razón.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– I un consolo.

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¿Quén vive contigo eiquí?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Un rapaz case veciño meu.

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¿Leva eiquí moito tempo?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Un ano mais ou menos.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Gustaríame coñocelo.

EMIGRANTE PRMEIRO.– É dun natural moi franco. Fixo estudos na terra e vai entendendo o idioma bastante ben.

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¿Onde anda agora?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non che sei decir. Díxome que iba dar unha volta.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Eiquí gústame coñocer a tódolos nosos. Ún síntese mais perto deles. Moitos soportan moi mal esta vida e danme mágoa. Están descontentos de si mesmos e incruso están contra os seus propios paisanos.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Case é natural. O atoparte nunha frábica con xente allea que che fala nun idioma que non é o teu, que te tés que entender por meio dun intérprete faille perder os nervios a calqueira. O verse inferiores culturalmente ós deste país crea comprexos. Ó comprobar o desprecio con que nos tratan algún[s]xefes, e ainda outros compañeiros nativos, non é, certamente, nada agradabel.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Son problemas moi comprexos os que se nos presentan e que temos que resolver. O que sale polo mundo en percura de gañar a vida ten que estar disposto a todo.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Tódalas cousas teñen o seu límite. Ún aguanta e chega ó intre no que ún xa non pode mais. Entón estoupa.

EMIGRANTE SEGUNDO.– O mais cativo de todo, ainda peores que os xefes, son os compañeiros nativos. En nós non ollan a un compañeiro. Ollan a un nemigo, a alguén que lles ven a ocupar os postos de traballo; a alguén que, chegado o caso, traballaría por menos soldada que a que cobran eles.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– É natural. Non me estrano de nada. Nada me asusta. Estou eiquí ó que estou. E nada mais.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Eu tamén. Pero hai cousas que che doen, que levas chantadas dentro de tí e que non podes esquencer. Cousas que non che coce o corpo e que rematan pudrindoche o sangue.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– O único que podemos facer é calar i aguantar. Eles son os amos, os que teñen os cartos i os que nos pagan. Calando gánase máis. Con falar nada se adianta.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Esa é boa filosofía. A mellor de todas. Ainda que hai veces que costa moito seguila.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Eles son distintos de nós. Non ven as cousas do mesmo xeito. Son ordeados, discipriñados, traballadores. E nós somos desordeados, indiscipriñados. Se traballamos é porque non nos queda outro remedio. Eles semella que disfroitan moito traballando. Non o entendo.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Nós somos como somos i así nos vai. Si foramos doutro xeito outro galo nos cantaría.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– A culpa non é nosa despois de todo. A culpa non é dos que temos que vir ó estranxeiro para gañar a vida.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Neso tés moita razón. Eiquí traballamos e cumprimos. Fannos traballar e cumprir. Aló tamén traballamos cando hai onde. Os xefes daló dicen que non se nos pode pagar porque non traballamos; nós tampouco nos matamos a traballar porque non nos pagan como é debido. E nunca saímos deso.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿Que facías tí na terra?

EMIGRANTE SEGUNDO.– Tiña o oficio mais fermoso do mundo: era muiñeiro; mellor dito: criado dun muiñeiro. Cando estou soio e me entra a morriña represéntaseme a craridade da auga i o run-run das pedras ó triturar o pan. Tamén me lembro das rapazas que iban coa molenda. ¡Qué rapazas! ¡I as crecidas! ¡Era o meu un fermoso oficio!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Eu dende os doce anos andiven a servir. Comencei a ganar a vida como pegureiro. Así que tiven catorce ou quince anos todo o mais, comencei a facer traballos de home.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Non hai terra mais fermosa que a nosa.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non. Pero é unha terra probe. Nela soio viven ben os ricos. Non hai lugar pra ninguén mais.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Non, a nosa terra non é probe. Os probes somos nós. O porque desto non mo dou espricado.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Algo falla aló. Hai algo que non marcha como é debido.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Si fora unha soia cousa a que marchara mal ainda podería ter arranxo. O peor é que fallan moitisimas cousas. Non sei si teremos amaño. Moito me temo que non.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non o sei. O que sei é que cando ún mellor comprende a sua terra, cando a sinte mais de verdade, é cando se está lonxe dela. Entón a terra humanizase, trasfigurase, semella que che fala, que che sorrí. Comprendes entón, ainda que non seipas espricalas, moitas cousas que antes non comprendías.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Tés razón. A sorrisa da nosa terra pra mín é azul e verde. A sua voz é da cór da abelaira. Nós nada podemos facer. O único que poidemos facer xa o fixemos: ¡emigrar!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– I amar a terra dende lonxe, con tristura e paixón.

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¡Tráxico amor por certo!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Non hai outro! ¡Nós, polo menos, non o temos!

MOZO.– ¡Coidei que estabas soio!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Trátase dun compañeiro de traballo. Dun novo compañeiro.

MOZO.– (Estreitándolle a mao ó EMIGRANTE SEGUNDO) ¡Celebro moito!

EMIGRANTE SEGUNDO.– ¡O mesmo digo!

MOZO.– Hai que celebrar este coñocemento.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Terá que ser con cerveza!

MOZO.– ¡Non! ¡Con cerveza non! ¡Ainda conservo unha botella de viño do noso país!

O MOZO saca unha botella de viño do armario e, despois de descorchala, sirve viño nos tres vasos que o EMIGRANTE PRIMEIRO se apresurou a poñer sobor da mesa.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Non sospeitaba que eras dono de tal tesouro!

MOZO.– Xa ves.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Non sabedes o que agradezo este convite.

MOZO.– Oxe teño un mal día. O viño axuda a non pensar. Ainda que non sexan mais que un par de vasos reconfortan. O home sería feliz si tivera un botón pra parar e poñer a andar a maxinación i o pensamento cando lle petara. Era un bó invento. Coñocese que ainda non cairon neso.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Todos temos días cativos.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Hai que agardar espranzados sempre por días mellores.

MOZO.– ¡Agardar! ¡Agardar! Pasa ún a vida agardando pra nada. Xa estou mais que canso de agardar sempre.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Nestas terras xeadas, case sin sol, todo é mais tristeiro e óllase a vida con mais pesimismo.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Estes ceios semellan que van a caer sobor de ú[n] i aprastalo. Ún síntese impotente e pequeniño. Eiquí todo está en contra nosa.

MOZO.– Todo. Todo está en contra nosa. Non ten volta de folla. Incruso a natureza. Somos o mesmo que máquinas. Ainda menos. Un emigrante costa menos que unha máquina.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Hai que acetar as cousas como son.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Con laiarnos nada adiantamos. Había que percurar solución.

MOZO.– Eso das soluciós é moi doado de decir. Nós somos como albres trasprantadas. Ese é o miolo do noso mal. Esta terra non nos vai. E soio hai un remedio: voltar prá nosa terra.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Eso é verdade.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Unha verdade moi tristeira. Sempre que nos xuntamos unhos cantos emigrantes a conversa sempre é a mesma. Vivimos nun pesadelo.

MOZO.– Vivimos nun inferno. Non rematamos de entrar na verdadeira vida deste país. Todo é unha novedade prá nós. Estamos arredados. O noso pensamento nin o noso sentir están eiquí: están na nosa terra. O mais arrepiante pra nós é que na nosa terra nos van esquencendo pouco a pouco. De levar eiquí unhos anos mais remataremos convirtindonos en pantasmas.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Na terra non nos esquencen. Pensan en nós. Sempre están falando de nós.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Están pendentes das nosas cartas, agardando ilusioados as nosas noticias.

MOZO.– Non vivades trabucados. A familia que deixamos na terra ó comenzo ainda se vai lembrando de ún. Despois, pouco a pouco, comenzan a esquencerte. Mais tarde o seu garimo está graduado pola cantidade que se lles xira ó remate de mes.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Pensar eso é arrepiante.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Pero é a verdá.

MOZO.– É tan como volo digo. Si deixamos pasar un supoñer dez ou doce anos, ó voltar ó noso povo, atopamos xa moita xente que non nos coñoce nin nós a eles. Moitos dos nosos compañeiros da nosa infancia e da nosa xuventude non estarán ou terán morto. Os nenos xa non terán idea de quen sodes. Sentiredesvos estranos, orfos…

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Falemos doutra cousa! ¡Non soporto esta conversa!

EMIGRANTE SEGUNDO.– A min faime mal escoitar estas palabras.

MOZO.– Son a pura verdade. Non poño nin quito nada. Por eso vos doen. Con non escoitalas non por eso deixan de ser verdadeiras. A min na terra xa me esquenceron. Xa comenzo a ser unha pantasma. Por eso sei ben o que digo.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non digas eso. Son figuraciós tuas.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Tira esas ideas da cachola. Tiñas razón ó decir que oxe é un día cativo pra tí. Non val a pena poñerse tristeiro.

MOZO.– Ninguén pode fuxir da realidade. Levo un ano neste país i aló xa me esqueceron. Tiña unha rapaza, ¿sabedes?. A rapaza mais fermosa que vos poidades maxinar. Por ela, pra lle dar a ela o día de mañá mais comodidás, emigrei. Ela non quería que eu me marchara. Escribinlle dende eiquí nada mais chegar. E nada. Non me respostou. Escribinlle sin descanso unha vez, i outra, i outra… E nunca tiven resposta. Cando lles escribo a meus pais sempre, sempre, sin esquecerme nunca, pergunto por ela. Ó respostarme fálanme de todo menos dela. O que mais me importa no mundo silencianmo. ¡Non podo seguir así!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Ó mellor non recibiu as tuas cartas. Ou perderonse.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Puido perder as tuas señas. Ou trabucarse ó escribilas. Xa sabes o enrevesados que son os nomes deste país.

MOZO.– ¡Non! ¡Non é eso! ¡Vós sabedes moi ben que non é eso! Eu non acerto a saber o que poida ser. Meus pais, ¿por qué non me dan noticia dela…? ¿Por qué…?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Ó mellor non a ven.

EMIGRANTE SEGUNDO.– Ou cando che escriben esquencense…

MOZO.– ¡Non é eso! ¡Non pode ser eso!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Esquéncia. Non caviles mais nela.

EMIGRANTE SEGUNDO.– O que sobran no mundo son mulleres.

MOZO.– Pra mín, no mundo, soio hai unha muller. ¡Unha soia!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Non collas as cousas tan a peito!

EMIGRANTE SEGUNDO.– Esquece esa tortura. Ven dar unha volta con nós. Tomaremos unhas copas.

MOZO.– Non, ide vós. ¡Non teño ningún anceio de saír! ¡Estou xa canso de andar dando voltas como un sarillo!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Como queiras!

MOZO.– Vou aproveitar pra escribir ós pais.

(OS EMIGRANTES fan mutis)

Baixa un pouco a luz. O MOZO séntase. Remata de beber o pouco viño que queda na botella. Erguese. Dá unhas voltas polo esceario, inquedo. Vólvese a sentar. Vólvese a erguer de novo. Ó decir o pequeno monólogo que sigue podeo facer parte de pé e parte sentado.

MOZO.– Tiña que escribir ós pais, é certo. ¡Bueno! Han de estar intraquíos agardando a miña carta. Realmente non teño nada que contarlles. Que me ergo as cinco da mañá. Que antes das sete xa estou traballando. Que sallo da frábica as cinco da tarde. Que eu preparo a miña comida e que lavo a miña roupa. Que comparto o aloxamento con outro emigrado. Que a miña vida vaise gastando entre a fábrica i o apartamento i entre o apartamento e maila frábica. Todo esto xa lle lo escribín milleiros de veces. E tamén cantas pesetas aforro ó mes.

O que nunca lles escribín é que morro de soedade como nos poemas cursis. Que a miña vida está aló, no país natal. Quixera saber si xa agromou o centeio, cantas crías teñen este ano, si prendeu a maceira que prantei no fondo do horto. Hai moitas cousas, moitas, que quixera saber…

¿Que será da Carme…? ¿Por qué nunca me respostou…? ¿Por qué razón os pais non me dicen nada dela…? ¿Qué foi o que pasou…? Este non saber cómeme por dedentro. Non podo con tanta incertidume. ¿Qué lle fixen eu pra que non me resposte…? ¿Morrería…? ¡Non é posibel!

¿Qué se me perdeu a mín eiquí? Deume aquel pronto e víñenme. Pensaba vivir como un home civilizado. ¿Esto é civilización? Traballar arreo, sin descanso, sin poder decir unha soia palabra, sin tér lecer pra botar un cigarro, cos ollos do capataz sempre fixos en tí, espreitándote. É insoportabel. Vou vendendo a miña vida, a única que teño; estou deixando a miña xuventude morta entre o rombar das máquinas. Todo por unhas pesetas que, ó mellor, non me sirven de nada nin pra nada…

Esta xente tan ordeada, tan inflesibel que semellan máquinas. É unha vida tan perfeitamente orgaizada que dá noxo, que xa non é humán. Un home é un número; un produtor que, ó remate do ano, dá un rendimento calculado antes ó minimo detalle. Pero todo é seguro: o de enfermedá, accidentes, susidios… Todo é xusto dende as horas que se precisan para dormir deica as calorías que se precisan pra vivir. ¡Unha ganga! ¡E ainda hai desgraciados que nos laiamos! Que precisamos ollar as estrelas, contemprar as froles, ver como corre a auga dun regueiro, escoitar o rumor do vento na arboreda.

Si a miña vida, no meu país, era unha escravitude eiquí é unha tiranía. Estamos tiranizados pola teinica, pola economía. Vou de estremo a estremo. Vou de banda a banda, dando tumbos. Non hai un camiño do meio pra escoller…

¡Boh…!

(Séntase. Queda coa testa entre as maos. Oise unha música moderna. O MOZO vaise animando)

MOZO.– (Cantando con rimo moderno) Estou soio,

amor.

Escoita o meu laio,

amor.

Eu sonche fidel,

amor.

Soio penso en tí,

amor.

Só tí, só tí enches

o meu corazón,

o meu relembro,

amor,

amor.

Lonxano amor,

fondo

e verdadeiro.

¡Único amor

que levo vivo,

ardendo e queimando!

¡Agárdame,

amor!

¡Agárdame sempre!

¡Sempre!

¡Sempre!

Sube a luz. Entra a RAPAZA. Viste pantalón e sueter. Pode levar un chaquetón de inverno.

RAPAZA.– (Solprenida) ¡Perdón! Trabuqueime. Buscaba a outra persona.

MOZO.– ¿Ó meu compañeiro cecais…?

RAPAZA.– Sí. Estiven eiquí noutras ocasiós…

MOZO.– Nunca coincidimos.

RAPAZA.– Tenme falado de tí. Como as vosas horas de traballo non coinciden nunca nos atopamos. Ademais só viñen unha vez ou duas. ¿Non che ten falado de mín?

MOZO.– Non. Nunca.

RAPAZA.– É ben estrano.

MOZO.– (Indicando a botella valeira que ainda está derriba da mesa) Acabo de rematar o viño que trouxen da terra. Sinto que chegaras un pouco tarde.

RAPAZA.– Non te preocupes. Esa foi sempre a miña desgracia. Sempre cheguei tarde a tódolos sitios.

MOZO.– Tamén eu. Desta vez tiven sorte en chegar tarde pois coincidimos os dous.

RAPAZA.– Non é ningunha sorte. É simpremente unha casualidade.

MOZO.– ¿Tes algo que ver co meu compañeiro?

RAPAZA.– Non.

MOZO.– ¿Sodes veciños?

RAPAZA.– Non. Somos sinxelamente coñocidos. Conocino neste país. Temos saído xuntos algunhas veces. Moi poucas. Oxe non sabía que facer e decidín vir a velo.

MOZO.– Se chegaras hai un pouco, atoparíalo. De tódolos xeitos aledome de que chegaras con retraso.

RAPAZA.– Hai veces que unha estima atopar con quen falar.

MOZO.– Eiquí me tés a mín. Tamén eu sinto a soedade con moita frecuencia.

RAPAZA.– ¿Quen non sinte soedade? A todo o mundo lle pasa o mesmo.

MOZO.– Eu non teño a quen lle dar a miña soedade.

RAPAZA.– Nin eu.

MOZO.– Pódesma dar a mín. Eu querereina. Calqueira cousa me vale.

RAPAZA.– Non a estimas en moito. E vas moi de presa. Tódalas cousas requiren o seu tempo.

MOZO.– Eiquí non compre descoidarse. O que se descoida perde a vez.

RAPAZA.– Deprendiche ben a leición.

MOZO.– Fago o que podo e non o que quero. Fago o que me deixan que non é moito.

RAPAZA.– Como todos. Todos facemos o mesmo.

MOZO.– Sinto de verdade non haber atopado antes contigo.

RAPAZA.– Mulleres como eu hai cantas queiras. Non teño nada de particular.

MOZO.– Se hei de ser sinceiro déboche decir que me estás gustando. Eres o único que me gusta dendes que cheguei a este país.

RAPAZA.– Eres moi impresionabel, polo que podo ver.

MOZO.– Mais do que tí coidas. Dime, ¿qué pensas de mín?

RAPAZA.– Ainda non o sei.

MOZO.– ¿Gustoche?

RAPAZA.– Non sei que che respostar.

MOZO.– Dimo con franqueza.

RAPAZA.– Hai algo en tí que non me disgusta.

MOZO.– ¡Vaia! ¡Agradezoche a franqueza!

RAPAZA.– Non merece a pena.

MOZO.– Deciasme que por vegadas te sentías moi soia.

RAPAZA.– Decíache a verdade.

MOZO.– Si ti quixeras eu podería matar as tuas soedades.

RAPAZA.– ¿E cómo…?

MOZO.– Divertindonos. Saíndo xuntos. Deitándonos.

RAPAZA.– Non me intresan as tuas diversiós.

MOZO.– Hai que aproveitar a vida. Sacarlle o maior proveito que se poida. Xa ves que falo craro e que non intento engañarte.

RAPAZA.– Non che gusta perder o tempo. Vas ó grao. Cando tiña a espranza de que iba a pasar uns intres fermosos, derramachelo todo. ¡Todos sodes o mesmo!

MOZO.– Non quixen ofenderte. Soio che fixen unha proposición que tí podes acetar ou non.

RAPAZA.– Ninguén me quere ofender, pero ofendedesme todos. Estou cansa. ¡Adeus!

MOZO.– ¡Acompañote!

RAPAZA.– ¡Deixate estar! ¡Agradezoche mais que me deixes ir soia!

MOZO.– ¡Como queiras!

RAPAZA.– ¡Adeus! (Fai mutis)

MOZO.– ¡Adeus! (Pra sí) ¡Vaia, lucinme ben! ¡Non me puido saír mellor a cousa!

Silencio por breves intres. A luz será chumba i espresará unha certa probeza.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Xa estou de volta!

MOZO.– Xa vexo. Tiveche unha visita mentras estabas fora. Unha rapaza amiga tua.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿Xa se foi?

MOZO.– Xa o ves.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿E non che deixou ningún recado pra min? ¿Non che dixo nada?

MOZO.– Non. Non me deixou ningún recado nin nada me dixo.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿Non lle dirías ningunha barbaridade?

MOZO.– Ningunha. Podes estar ben tranquío. Soio lle propuxen que podíamos saír xuntos.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿E qué che respostou?

MOZO.– Que non. E logo foise.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿I eso foi todo?

MOZO.– Todo. E non me parece pouco.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Esa rapaza intresame moito.

MOZO.– Nunca me tiñas falado dela.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Era un segredo. Teño unhas dúbidas arrepiantes. Deixei unha rapaza na nosa terra. Pero cada vez síntoa mais lonxe de mín: é algo así como si fora unha irrealidade, como un sono que tiveche algunha vez i o que te agarras desesperadamente porque tés a certeza de que che se pode esvaír. Esta rapaza que tí viches non é un sono: é algo concreto que tés dediante de ti. É a maravilla que, pouco a pouco, te vai cegando deica que se mete en tí do xeito mais total…

MOZO.– ¿Esta rapaza sabe que deixache aló noiva?

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Algo lle indiquei ainda que non llo dixen con toda craridade.

MOZO.– Non fai falla que llo digas. As mulleres teñen un especial poder adiviñador.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– A mín esta rapaza gústame. Pero teño medo. Si me caso eiquí ó mellor xa non me vou deste país. I eso é o que non quero. Os fillos xa serán desta terra e farán eiquí a sua vida. E ún rematará por quedarse. Eso é o que me dá arrepío.

MOZO.– Cunha familia de teu as cousas cambian moito.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Por eso precisamente. Non viñen eiquí prá quedarme. Viñen ganar uns cartos. Pero agora ando cheo de dúbidas. ¿Qué me aconsellas tí?

MOZO.– Non podo aconsellarte. Non sabería.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Teño que agardar. Que o tempo resolva…

MOZO.– O tempo non resolve nada. Si sigues vendo a esa rapaza o remate é ben doado de adiviñar.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Poida que teñas razón.

MOZO.– Non ha nada que nos convenza tanto como o que nos entra polos ollos. A compaña dunha muller é necesaria. É o mellor xeito de loitar contra este desamparo que nos envolve. E velahí…

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non sei o que hei de facer. A rapaza gústame a rabiar. E cada vez mais. Procuro non atopala. Pero cando a teño lonxe de min non podo borrar a sua imaxe do meu pensamento.

MOZO.– Eso é cousa tua. Soio tua. Bueno: outro domingo que remata. Si estivera no meu povo iría a taberna, botaría un neto cos amigos e veciños, falaría…

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Tamén eiquí hai amigos e falamos.

MOZO.– Pero non é o mesmo. Non podes ir a unha taberna como as que temos aló. O aire que respiras é distinto. ¡Todo é diferente!.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non fales de lembranzas. Canto mais furgas nas feridas peor é, mais escoan.

MOZO.– Pero son cousas que ún leva dentro, que sempre van con ún.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– Non caviles mais neso. Mañá hai que madrugar. Temos que ir preparando a cea.

MOZO.– Tés razón. Mira o que hai na neveira.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– (Remexendo na neveira) Unhas latas de conserva, embutidos…

MOZO.– ¡O de sempre!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿E si fixeramos unha esceición e foramos cear por ahí?

MOZO.– ¡Non! ¡Non pode ser!

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¿E si saira eu e dera con esa rapaza i a convidara a cear?

MOZO.– Non. Vai tí si queres.

EMIGRANTE PRIMEIRO.– ¡Non o penso mais! ¡Desexame sorte!

MOZO.– ¡De todo corazón!

Pausa. Cambio de luz. A luz será agora de pouca intensidade e fleve.

MOZO.– Hai un silencio pecho que corta

como un coitelo, como mil coitelos

envolvendo a miña vida,

pesando sobor de mín,

desfacéndome i aniquilándome.

Fáltame o ar. Falta luz

prós meus ollos, auga e palabras

prós meus beizos. Sinto insegura

a terra debaixo dos meus pés.

Todo me dá voltas. Xira todo

ó meu redor. Non sei, non podo

saber onde estou, nin facer pé:

afúndome, sulagome na nada

e non hai unha albre, un ramallo

ó que me poida agarrar

pra sentirme mais seguro,

pra decatarme e convencerme

de que ainda son un home, de que

ainda son algúen e non soio unha

cousa, un produito de esportación

mais ou menos cotizabel –menos

que mais: é a crúa verdade.

Son un desarraigado e ben o sei;

non teño un lugar, non atopo sitio

no que poida pousar a miña dór,

a miña mágoa; este desasosego;

esta inconformidade que de nada

me val nin me aproveita. Aboio

como unha nube sin rumbo i acougo,

ollando o pozo sin fondo no que non

dou afogada tanto [sic] dór, tanto fracaso.

Ainda que teño cantidás enormes

de palabras non atopo aquela

que me dé algo de conforto.

Inmenso como o mar o meu temor.

Grande como o mundo a coita

que me afrixe. E non dou

coa saída. Estou preso, collido

o mesmo que un rato ó que l[l]e

taparan a saída do burato

no que agacha o seu medo.

Xa me desenraicei da miña terra.

A miña terra non garda o meu

recendo; a lembranza do que eu era;

non sinte o peso dos meus pés

e sabe que os meus ollos

non se pousan xa sobre a sua codia.

Son un morto. Nada podo salvar

do meu naufraxo. Son un barco

afundido que comenza a podrecer

i a enfurruxirse no esquezo.

Esta terra que piso non é miña;

non sinte os meus pasos, non

entende a miña voz; é distinta

desta voz humán que son eu mesmo.

Esta terra allea nin sabe que eu

esisto. Non quixo que eu chantara

nela as miñas raíces e verdade.

I as miñas raíces agora van secando

ó sol, esmorecendo, sentindo que

cada día son mais fleve, mais pouca

cousa, máis ninguén. Son unha

sombra. Son ainda menos que

unha sombra co meu nome apuntado

nos papés, nunha conta de banco,

no pasaporte con visado especial.

Soio ––a palabra arrepía, xea

os beizos–– un emigrante, un

calqueira; unha pantasma que xira

sobor de si nun rumuiño interminabel

e que nunca, nunca dará coa sua terra,

coa sua entranabel i anceiada terra.

Luz normal. Mentras se cambia a luz pode poñerse unha música especial que prepara a escea que sigue.

O HOME que xa apareceu na primeira xornada érguese da sua butaca sube ó escenario. Pásalle unha mao amigabelmente ó MOZO polo lombo.

HOME.– Xa cho decía eu. Pero tí non me fixeche caso ningún.

MOZO.– É que as cousas non salen sempre como ún quere. Con todo, feito o balance da miña vida, non me podo laiar. A outros foilles peor.

HOME.– Dame verdadeira mágoa ollarte sufrir. Non podo ver padecer a ninguén. E tí sofres moito.

MOZO.– Cecais que sofrir sexa o me[u] destiño. O sofrimento fai homes de verdade e non bonecos. Nada hai mais humán que o sufrimento.

HOME.– Dame pan e chámame can. Todo o que me estás decindo son lerias.

MOZO.– ¡Non estou conforme!

HOME.– ¿Non estabas mais a xeito no teu povo? ¿Pois logo…? Caicheme en gracia. Esa foi unha das causas que me fixo preocuparme por tí. Non podía acougar no meu asento vendo así, cara a cara como quen dí, os teus problemas. Por eso me erguín da miña localidade e veño de novo pra ver si podo axudarte.

MOZO.– Agradezo o teu intrés. Incruso me emociona. ¡Hai tan pouca xente que se preocupe polos demais! É verdade que os estados, que están en todo, orgaízan as relacións humás, os seguros, todo canto é orgaizabel i algo mais. Preocupanse polas persoas pero esquencense da persoa.

HOME.– Comprendo o que queres decir: é un bó tema prá un discurso político.

MOZO.– Teño botado moitas veces de menos unha persoa coa que falar, un amigo que pouse a sua mao sobor do teu hombreiro, como fixeche tí comigo, e que che fale con lealtade e con verdade ainda que non che diga nada. O xeito abonda.

HOME.– Por eso eu che decía…

MOZO.– O que me tés xa dito non conta. Auga pasada non move muíño.

HOME.– Eu advertinte… Non se pode nadar río arriba contra corrente. Tí mesmo o dixeche.

MOZO.– De todos os xeitos ainda que este país non me chista moito estou ledo por ter vido a él. Así comprendo e quero mellor a miña terra i as miñas xentes.

HOME.– Algo é algo. Ainda que o teu consolo é ben pouca cousa.

MOZO.– Pra mín o que conta, en derradeiras, é a esprerencia.

HOME.– A calqueira cousa lle chamas tí esperencia. Pareces un poeta lírico.

MOZO.– Agora vexo as cousas doutro xeito, ilumiñadas cunha nova luz.

HOME.– As cousas son sempre como son. Non hai volta de folla.

MOZO.– As veces as cousas, meu querido e distinguido amigo, son como ún quere que sexan.

HOME.– Xa che teño dito, e non o deprendiche, que ún soio non pode cambiar ó mundo. Por moito que soñes o mundo sempre será como é.

MOZO.– Os sonos son os que nos amosan a verdade das cousas.

HOME.– ¡Compre despertar!

MOZO.– ¡Non quero! Sei que o sono i a realidade son duas faces distintas dunha mesma cousa. Costoume moito deprendelo.

HOME.– ¡Non é posibel! ¡Eso que me dices non é posibel!

MOZO.– ¡Tí qué sabes! Un home que non soña non é un home. Eu soño con Carme, con meus pais, coa miña terra…

HOME.– Xa saliu o que tiña que salir. Non falla. ¡Carme…!

MOZO.– ¿Sabes algo dela?

HOME.– Non. Nada.

MOZO.– Sigo soñando con ela, coa mesma ilusión de sempre. Cando a ún se lle remata a ilusión non ten outro camiño que suicidarse.

HOME.– Non o creas. O mais importante é vivir. Vivir é ir tirando, engañándonos unhos a outros pra rematar en nada. Por eso amo o positivo.

MOZO.– ¿Non serías capaz de loitar por alguén ou por algo?

HOME.– Sempre que non me comprometera en nada, si. Ainda que prefiro non falar desto. Eu mato o meu tempo ó meu xeito. Por exempro falando contigo.

MOZO.– ¿Así que eu soio son pra tí unha diversión?

HOME.– Non precisamente unha diversión. Sei que tí eres un bó home e que non me comprometerás. Ademais tesme intrigado e quero saber en que rematan os teus problemas. ¿Podesmo decir?

MOZO.– ¡Non!

HOME.– ¿E por qué razón?

MOZO.– Porque eu mesmo non o sei. Teño que cavilar o que vou facer, a determiñación que hei tomar.

HOME.– Logo deixote cavilando. Pero decide axiña. Esto xa vai indo algo longo e quérome ir pra miña casa. Decide dunha vez.

O HOME baixa do esceario e volve a ocupar a sua butaca con toda tranquilidade.

Unhos breves intres de silencio. Pódese poñer unha música axeitada que prepare a escea que sigue. Tamén se cuidará a luz. A escea que sigue debe ser dramática, pero non demasiado patética.

MOZO.– ¡Non aguanto mais eiquí! ¡Voume de novo pró meu povo antes de que sexa demasiado tarde! ¡Qué as xentes deste país queden coa sua riqueza, co seu bó pasar, coa sua economía forte! ¡Mañá pido a conta na frábica e deixo de ollar pra sempre estas catro paredes que nin siquer fiestras teñen! De seguir eiquí voltaríame tolo.

¡Ainda é tempo! ¡Teño que recuperar de novo a miña vida, a miña verdadeira vida: os pais, Carme, os eidos! ¡As miñas raíces están aló! ¡Non teño máis remedio que voltar!

Cando esteña de novo no meu povo este tempo vivido eiquí, neste desterro, hame de semellar un pesadelo ben tristeiro. Unha irrealidade. Iba en camiño de deixar de ser un home, de convertirme nunha cousa. ¡E non! Pese a todo son un home. Ainda sigo sendo un home. Un home feito e dereito. Con vir a este país coidei que podería pillar as estrelas coa mao como nos sonos de cando era neno. Pero non é posibel. Pese ós cosmonautas, non é posibel. ¡As estrelas están lonxe! ¡Moi lonxe! I ainda que se poida chegar a algunha estrela sempre, sempre haberá estrelas moi lonxanas, moi lonxanas.

CAI O PANO.