María Casares amplía a vida. Así o deberon experimentar todas aquelas persoas que a viron ou coñeceron enriba ou embaixo do escenario, dentro ou fóra da gran pantalla, e así o sentirán tamén todas aquelas que se adentren nas páxinas do seu libro de memorias Residente privilegiada que, con motivo do centenario do nacemento desta inesquecible e imprescindible actriz do teatro e cine europeos do século xx, cuxos icónicos ollos verdes se abriron por primeira vez á luz oceánica da Coruña o 21 de novembro de 1922, vén de reeditar a editorial Renacimiento dentro da súa monográfica colección Biblioteca del Exilio, dirixida por Manuel Aznar Soler e dedicada a rescatar as obras de autores e autoras da diáspora republicana.

Escrito orixinalmente en francés, o libro tivo a súa primeira edición en español en 1981, tan só un ano despois de ser publicado en Francia. Esta agardada reedición recolle ese mesmo texto, en tradución de Fabián García-Prieto Buendía e Enrique Sordo, agora revisado, anotado e prologado pola necesaria María Lopo, doutora en Literatura Francesa, tradutora, ensaísta e gran investigadora e divulgadora en España e en Francia da vida e obra de María Casares, figura cuxo espírito e forza vital tan ben soubo aprehender e tan ben nos soubo transmitir tanto a través das decenas de artigos que lle dedicou, como por medio da súa obra teatral María Casares. A vida triunfante (2007), da edición da correspondencia intercambiada entre a actriz e o seu pai, Cartas no exilio (2008), da monografía O tempo das mareas. María Casares e Galicia (2016), ou, máis recentemente, da gran exposición comisariada por ela «María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada» (2022).

Precisamente ese subtítulo, o de «itinerario vital de una exiliada», podería resumir moi ben estas memorias que comezan coa viaxe que motiva a escritura deste texto: a que leva á actriz de volta a España por primeira vez despois de corenta anos dun exilio padecido e sufrido mais que, ao mesmo tempo, e tal e como nos ensinou outra María, desta vez a filósofa María Zambrano, tamén a dotou dunha condición radical dende a que aprehender a verdade da vida que habita nas marxes da historia.

Desde ese lugar, Casares escribe unha obra indispensable e de excelente calidade, tal e como destacaron importantes intelectuais como o escritor Alejo Carpentier, quen se referiu a ela como unha «magnífica obra literaria». A súa importancia radica, sobre todo, en deixarnos ver o mundo a través dunha mirada intelixente e vitalísima ao tempo que coa súa lectura completamos a biografía dunha das personaxes máis fascinantes do século xx e, con ela, a nosa memoria republicana e exílica.

De ascendencia obreira por parte da súa nai, Gloria Pérez Corrales, aprendiza de sombreireira e filla de cigarreira, e burguesa por parte do seu pai, Santiago Casares Quiroga, quen sería o último presidente do goberno da Segunda República antes do alzamento militar, María Victoria ―Vitola ou Vitoliña para os seus achegados―, relata con acerto poético o territorio da súa infancia en Galicia, repartida entre a vida na casa familiar da rúa Panaderas da Coruña e os veráns de apertura á natureza salvaxe e telúrica en Montrove. Unha etapa, a da infancia, recoñecida como a máis importante e verdadeira, a que marca unha vida para sempre e, no seu caso, tamén a súa voz, que «celosamente» gardou o seu característico acento coruñés.

No 1931, cando o seu pai é nomeado ministro de Marina no primeiro goberno da Segunda República, a familia muda o seu lugar de residencia habitual a Madrid. Este afastamento de Galicia será recordado por ela mesma como o seu primeiro e máis forte exilio, pois nunca sentiu a gran cidade como un lugar propio malia a súa situación social privilexiada, da que sempre tivo conciencia. Pese a este sentimento, o que si recordaría con agradecemento deste período vital son os beneficios que lle outorgou a educación recibida no Instituto-Escuela ao longo de cinco anos, onde, segundo ela mesma escribiu, aprendeu «una fraternidad natural en mis relaciones con los hombres, una absoluta indiferencia por “el qué dirán”; la aptitud para crearme una disciplina personal acoplada con un espíritu crítico aguzado ante la que se me impone y he aprendido a no hacer mía hasta después de examinarla; la aceptación y el gusto por una cierta sociedad; el amor por la luz y el recuerdo bienhechor de la pena que compartía con mis compañeros cuando nos separábamos para marchar de vacaciones» (p. 104).

Lamentablemente, esta etapa de independencia e liberdade que propiciaba unha nova ensinanza integral e paritaria fomentada pola República foi interrompida pola convulsión que supuxo o golpe de Estado que xa en 1936 a obrigou a fuxir de España para instalarse coa súa nai en París despois de que ambas prestasen a súa axuda nun hospital de guerra en Madrid. Mentres tanto, a súa irmá Esther Casares Quiroga, filla primeira do seu pai, sufriu na Coruña a incesante represión franquista que lle impediu reunirse con María e que a privou da súa liberdade ao ser ingresada no cárcere durante a guerra e sufrir arresto domiciliario durante dezaseis anos.

«Desde que abandoné España en 1936, he vivido siempre en estado de urgencia», sentencia María Casares en Residente privilegiada. E é que, dende ese momento, a súa vida vaise ver precipitada cos avatares da historia, pois a guerra civil, o exilio, a ocupación e a segunda guerra mundial non só a separaron do pai e da irmá, senón que tamén a levan a asumir responsabilidades prematuras ou perigos como o de acoller na súa casa á súa amiga xudía Nina Reicyn, finalmente deportada e asasinada xunto á súa familia provocando en María «el choque que me situó de pronto en la… nada» (p. 253).

Mais neste contexto de horror será xustamente onde comece a desenvolver unha vocación teatral que xa se lle intuía dende nena, cando aprendía o poder do xesto xogando con «tebeos cuyas páginas pasaba y hojeaba sin cesar para ver moverse mis manos como las de las personas mayores» (p. 31), e que lle permitiría vencer a súa timidez ao tempo que deixaba manifestar un «exceso de vitalidade» que a levaría a vivir todas as vidas a través do teatro. Así, dende a primeira obra que representou en lingua francesa en 1942, ata a súa morte en 1996 en La Vergne, na finca que adquiriría porque lle recordaba a Galicia, a existencia de María Casares estivo consagrada ao teatro con tanta paixón como éxito. Non en van a propia actriz sentenciou: «Mi patria es el teatro», pois este sempre se lle revelou como «el único lugar exacto, […] el único que respondía lógicamente a la pregunta siempre planteada» (p. 280), ao tempo que lle permitiu coñecer «más problemas, dificultades, incidentes, accidentes, fracasos, triunfos, placeres, alegrías, éxtasis, acontecimientos de toda clase y de toda envergadura de los que se podrán acumular en la más rica de las existencias» (p. 383).

Ademais, grazas ao teatro iniciará relacións tan importantes na súa vida como a mantida co escritor Albert Camus, de quen representou múltiples obras, por quen se introduciu no movemento da Resistencia e con quen compartiu un apaixonado amor, unha «complicidade innata», unha forma de intelixencia ―«esa inteligencia ante la cual uno se volvía inteligente y que hubiera renegado de sí misma de no encontrarse en armonía con el impulso de su corazón exigente; y también, su puro y alegre agradecimiento ante los corazones inteligentes»―, e un «ardor de vivir» que lles fixo fundirse no «todo».

Así mesmo, no teatro atoparía outros grandes amores como o do actor André Schlesser, Dadé, con quen compartiu a fascinación ante o mundo e quen o 27 de xuño de 1978 se convertería no seu marido, «el único hombre que me ha dado su nombre después de mi padre […]. Al que sigo, posando mis pies sobre las huellas de sus pasos, como hacía de pequeña sobre las huellas de los pasos de mi madre» (p. 480).

E o teatro abriulle tamén as portas do cinema, onde participou, así mesmo, en importantísimas producións da man de directores como Marcel Carné, Jean Cocteau ou Robert Bresson, e nas que representou icónicos papeis que a fixeron refulxir tamén na gran pantalla. Sabendo todo isto, resulta revelador que o que máis lle interesaba a María Casares do seu traballo eran realmente os ensaios, «lugar de investigación y de creación en torno a la palabra», pois «una vez que la representación estaba ya fijada dejaba de interesarle» (p. 12). Así o recorda María Lopo no seu prólogo ao tempo que sostén que Residente privilegiada sería, deste xeito, o lugar no que a actriz ensaia coa súa propia memoria. Un «ensaio» que dende logo parece estar enriquecido por virtudes adquiridas ou multiplicadas polo teatro entre as que destacan unha alta capacidade simbólica que lle permite ir máis alá da experiencia, unha marabillosa dote para entender o ser con todas as súas contradicións e o que o seu pai denominou «una rara cualidad para seguir siendo lo que era a pesar de… la vida», pois segundo ela mesma escribiu, a quen interpreta «le está prohibido, incluso en su existencia, apartarse de la vida y, dentro de la vida, de las desdichas y las alegrías que la fecundan» (p. 387).

E é que, pese a todos os males da historia que lle tocou sufrir, e malia a morte que tan cedo lle arrebatou tamén a súa nai e a seu pai, María aférrase á existencia e así logra o paso da infancia á madurez e da madurez a unha vellez dende a que afirmarse ante o mundo e á que decide chegar «sin máscaras, sin afeites, bajo la cruda luz del mediodía» xa que «hay en la conquista de la edad que nos despoja de nuestros antiguos privilegios la riqueza nueva de tierras secretas, de divinas metamorfosis, de aventuras desconocidas, de descubrimientos sin nombre, de promesas ―otra noción del tiempo, una visión nueva que hace danzar el mundo, goces difíciles o imposibles de alcanzar en los tiempos de juventud» (pp. 450‑1).

Mais o libro remata con outro tránsito: o noso; pois a súa lectura sitúanos nun novo lugar dende o que pensar e dende o que sentir. Porque con María Casares chegamos a un territorio de dignidade e de beleza no que experimentar «o todo» e «a nada» e dende o que non renunciar nunca ao pracer de vivir.