Resumo

Neste traballo lévase a cabo un repaso pola tradición epistolar no ámbito da investigación. Seguidamente destácase o valor desta clase de documentos e a súa importancia como fonte de coñecemento non só nun plano biográfico, senón tamén literario. Centrarase a atención nalgún caso práctico como o do poeta, ensaísta e tradutor José Ángel Valente, cuxo legado se custodia na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela. Nela, entre outro tipo de material, como a biblioteca do escritor ou os seus manuscritos, entre outros, consérvanse preto de 10.000 cartas intercambiadas con numerosas personalidades, algunhas das cales xa foron publicadas por diferentes investigadores e investigadoras que teñen traballado baixo varios puntos de vista e con distintos criterios.