En xuño de 2022 foi publicado o volume compilador titulado A obra literaria de Roque Pesqueira Crespo (Obra completa), da man do político e historiador galego Francisco Candeira Mosquera, que recolle a totalidade da produción literaria do escritor galego Roque Pesqueira Crespo. Nado a finais do século xix, Pesqueira Crespo destacou polo seu potencial literario, aínda que permaneceu ata o de agora pouco recoñecido nos círculos culturais galegos e peninsulares. A presentación pública do volume tivo lugar o 16 de maio de 2024 na súa localidade natal, Ponteareas, onde foi ben recibida polo público.
Pesqueira Crespo foi nomeado por primeira vez no Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos e posteriormente na Historia da literatura galega contemporánea . Non obstante, non foi ata , cando se realizou un achegamento máis exhaustivo á súa obra, a través dun artigo publicado na revista Lonxe da Terriña. Este texto, a pesar da súa brevidade, é considerado fundamental por Candeira Mosquera para poder comprender mellor a obra do escritor de Ponteareas, ao igual que as achegas de con Relatos e outras prosas de Roque Pesqueira Crespo, que, malia non ser unha compilación exhaustiva, contribuíron á súa recuperación. Outras achegas relevantes inclúen un artigo de González Pérez sobre a súa biografía, publicado no na revista Pregón, editada polo Concello de Ponteareas, e outro de Candeira Mosquera na revista Soberosum, editada igualmente por este concello, na que incluía boa parte da obra de Pesqueira Crespo, cun total de 136 títulos de obras en galego e castelán, así como un listado das revistas nas que escribira. Estes traballos recollían algúns dos textos perdidos e ofrecían novas achegas sobre a biografía e a traxectoria literaria do autor.
Con todo, os estudos previos foron sempre incompletos, o que levou a Candeira Mosquera a elaborar unha recompilación exhaustiva de todas as obras de Pesqueira Crespo, achegando ao público esta obra completa que, sen dúbida, corrixirá moitos esquecementos e lagoas na historia literaria galega.
Este volume recolle 277 obras de Pesqueira Crespo —130 poemas en galego, 71 en castelán, 51 prosas en galego e 25 en castelán—, e inclúe textos que ata agora non foran citados por outros autores. A importancia desta publicación radica no seu carácter exhaustivo e no feito de que ofrece unha mirada máis completa e crítica do autor. Candeira Mosquera tamén recoñece que existen obras que non foi posible localizar, deixando un espazo para que alguén no futuro continúe esta importante labor de recompilación.
O volume estrutúrase cunha introdución seguida pola compilación completa das obras de Pesqueira Crespo.
A introdución inclúe sete apartados. O primeiro (pp. 17-24) é crucial para situar a produción literaria do escritor no contexto histórico-literario do final do século xix, nun período de fervor literario como o Rexurdimento e o Rexionalismo. Neste apartado, o compilador explica de forma detallada as súas relacións coa prensa da época, facendo especial énfase nas revistas O Tío Marcos d’a Portela, A Monteira e O Galiciano, que foron fundamentais na súa formación e difusión literaria. Esta sección serve de pano de fondo para entender a obra de Pesqueira dentro do marco máis amplo da literatura galega e das súas principais correntes ideolóxicas e culturais. O segundo apartado (pp. 24-25) aborda o proceso de compilación da obra de Pesqueira Crespo, facendo mención ao primeiro traballo de Candeira Mosquera realizado en 1992, na que realizou unha primeira aproximación da súa obra entre os anos 1885 e 1890, contida nas revistas O Tío Marcos d’a Portela e en A Monteira, pero que nunca foi publicado. Este apartado introduce ao lector na ardua tarefa que levou ao compilador a conseguir recuperar case a totalidade da obra publicada do autor. No terceiro apartado (pp. 25-31) preséntase a biografía de Pesqueira Crespo, nunha das seccións máis valiosas da introdución, xa que Candeira Mosquera recolle novas fontes familiares que complementan as achegas previas feitas por autores como González Pérez ou Araújo García. A partir deste punto, o lector adquire unha visión máis rica e precisa da vida do escritor, mellorando a súa comprensión do contexto persoal que inflúe na súa produción literaria. No cuarto apartado (pp. 31-36) realízase unha breve análise da obra de Pesqueira Crespo, que abrangue desde o seu primeiro poema Por ir ao fiadeiro, publicado en novembro de 1885 cando contaba con 19 anos, ata o último do que se ten noticia, El cacique, publicado en maio de 1911, contando nese momento con 45 anos. É destacable a ausencia, como o mesmo autor indica, de obra literaria coñecida entre 1899 e esa última obra de 1911, o que nos abre a posibilidade de que parte da súa obra deses anos aínda estea por coñecer. Neste apartado Candeira Mosquera salienta algúns dos seus traballos, facendo fincapé nas principais temáticas ás que lle prestou atención o escritor. O quinto apartado (pp. 36-37) céntrase nas características lingüísticas do galego usado polo escritor ponteareán, destacando a fidelidade coa que Candeira Mosquera transcribiu os textos orixinais. Neste sentido, amosa un coidado esmerado na preservación do estilo do autor, mantendo a súa riqueza idiomática e as súas características lingüísticas. A análise tipolóxica do galego empregado por Pesqueira Crespo é breve, deixando este aspecto para futuros estudos máis especializados. No sexto apartado (pp. 37-38) lévase a cabo un resumo do total recompilado na obra, mentres que no último (pp. 38-55) recóllense tódalas obras organizándoas pola revista na que se publicaron e por orde cronolóxica de aparición.
Á esta introdución, séguelle a obra recompilada ao completo, recollida de maneira sistemática, estruturada en catro grandes seccións: poesía en galego, poesía en castelán, prosa en galego e prosa en castelán, permitindo ao lector acceder á totalidade da súa produción dun xeito ordenado.
A modo de introdución desta parte da obra, Candeira Mosqueira inclúe dous artigos, ambos publicados en 1888. O primeiro (p. 59), escrito por Roxelio Lois, director de O Galiciano, leva por título Preámbulo para Roque Pesqueira Crespo. Neste, Lois mostra o seu aprecio polo escritor, aplaudindo non só as súas ideas, senón tamén a idea da creación dunha Academia Galega. O segundo artigo (pp. 60-61), pola súa parte, titúlase D’a fala gallega: ó entuseasta esquirtor rexional e ispirado poeta D. R. Pesqueira Crespo, de Pardo Becerra, director de A Monteira, e céntrase, entre outros aspectos, na necesidade de dedicar máis espazo nos periódicas da época ás obras escritas en galego.
Na primeira sección dedicada á poesía en galego (pp. 63-254), destaca a obra titulada Dúas lendas (pp. 211-254), localizada no mosteiro de Poio por Candeira Mosquera. Esta obra, descoñecida ata a publicación deste volume compilador, consta de dúas pequenas lendas tituladas O fillo de Xoán Manuel e O Cruceiro. A primeira, ambientada na aldea de San Martiño de Moreira, en Ponteareas, foi obxecto dunha versión especial publicada por . Esta versión, adaptada á normativa actual do galego, foi presentada ao público na Casa Cultural de dita parroquia o 05 de outubro dese ano —nun acto no que tiven a honra de participar—, e despois distribuída entre os veciños para divulgar a historia local e da obra de Pesqueira Crespo.
Na segunda sección, dedicada á poesía en castelán (pp. 255-374), sobresae o poemario de Pesqueira Crespo titulado Aventuras de un principiante (pp. 267-374). Este conxunto de 54 poemas de temática variada, non está transcrito no volume, senón que Candeira Mosquera reproduce as imaxes da versión orixinal de 1888, localizada na Fundación Penzol (Vigo).
No apartado dedicado á prosa en galego (pp. 375-464), a estrutura divídese en dous bloques: un centrado na narrativa (pp. 375-422), e outro nos ensaios, artigos e reflexións (pp. 423-464). Na narrativa destaca unha variedade de temáticas, dende contos fantásticos ata historias costumistas e amorosas. Entre elas, sobresae a obra titulada Males d’emigración, unha breve pero significativa narrativa (pp. 378-382) cunha temática próxima á da lenda en verso antes mencionada O fillo de Xoán Manuel. Ámbalas dúas abordan a dureza da emigración e a traizón á patria galega cometida polos caciques, que promovían aos rapaces a marchar da súa terra a América, prometéndolles unha vida mellor que nunca chegaba.
Finalmente, a última sección deste volume está dedicada á prosa en castelán, novamente dividida en narrativa (pp. 465-591) e en ensaios, artigos e reflexións (pp. 593-652). Neste apartado destaca a novela Jhon (pp. 465-556), non nomeada en traballos anteriores, que Candeira Mosquera tampouco transcribe senón que reproduce a versión publicada de 1886. Esta obra, ambientada nos Países Baixos do século xvi, trata a temática da superación fronte a adversidade.
En conclusión, A obra literaria de Roque Pesqueira Crespo (Obra completa) representa un avance significativo para o estudo da literatura galega de finais do século xix. Candeira Mosquera realiza unha contribución exhaustiva e rigorosa, non só na recuperación dos textos, senón tamén na análise crítica do contexto histórico e literario que rodea a produción do autor. A relevancia desta compilación radica no feito de que enche unha lagoa na historiografía literaria galega, poñendo en valor a un escritor que, pese a súa calidade literaria, permaneceu inxustamente esquecido, destacando a súa transcendencia na conformación da identidade literaria galega.
Este volume contribúe ao recoñecemento dos autores galeguistas do sur de Galicia, reflectindo un Pesqueira Crespo fiel á súa lingua, á súa terra e ás súas xentes. A través da súa obra emerxe a idiosincrasia dunha época na que o galeguismo cobraba forza, evidenciándose a urxencia da creación dunha Academia Galega que impulsase a defensa, promoción e coñecemento da lingua galega. A súa produción literaria ofrece unha perspectiva persoal sobre temas como a emigración, os caciques e as duras condicións de vida no rural galego, revelando así unha parte esencial da memoria histórica do país.
Constitúe, en definitiva, unha achega indispensable para comprender mellor un período crucial na historia cultural de Galicia e para seguir enriquecendo a nosa tradición literaria.
Con todo, esta obra compiladora é so o comezo dun camiño que compre seguir percorrendo. A unificación dos textos de Pesqueira Crespo nun volume completo proporciona unha base sólida para futuros estudos, permitindo que novos investigadores afonden na análise da súa obra e amplíen o coñecemento sobre a súa traxectoria e o seu legado.

