Atopámonos diante dun libro eminentemente filosófico que recolle distintas colaboracións no xornal El Progreso de Lugo, mais non son unha mera compilación de textos, senón que a partires desas intervencións públicas o autor amplía, con addendas inéditas, as reflexións aquí vertidas. Trátase, por tanto, dun ensaio que tenta analizar a contemporaneidade ou, se se prefire, a sociedade occidental actual desde unha óptica filosófica. E a contemporaneidade non refire ao devir cotiá, senón á súa causalidade; téntase analizar coas ferramentas do proceder filosófico aqueles aspectos centrais e críticos da nosa época. Noutras palabras: “criticar e propoñer”. Definidas estas pezas como “unidades de reflexión e meta-reflexión”.
O ensaio divídese en catro partes: Signos, Identidades, Éticas e Sabedorías.
Na primeira parte, Signos, o autor recolle varios dos sinais, poderiamos dicir síntomas, que lanza e experimenta o mundo actual. Procúrase comprender e revelar cal pode ser o “mecanismo que produce o cambio real que afecta ás nosas sociedades”. Un exemplo disto é o desenmascaramento que se fai da “ideoloxía das tecnoloxías dixitais” como un dos bastións da época actual.
A sintomatoloxía remite a unha nova codificación das identidades, da creación de novos modelos que buscan establecerse como procesos de subxectivación para resignifcar colectivos e individuos. Velaquí a segunda parte. Analízase esa tendencia de ignorar o real ao estar subsumidos baixo simulacros. Un fechamento sobre si que impide coñecerse a si mesmo e aos outros en todos os niveis. É, máis ca un suxeito, un individuo inmunitario. Nega o real, fabrica unha pseudorrealidade que acata como valor absoluto e que conduce, de xeito inevitábel, á soidade, á precariedade, á incomunicación, e, atreveriámonos a dicir tamén, á violencia (tanto física coma simbólica cara a un mesmo e/ou os demais seres).
E se o signo induce novas identidades para codificar de novos procesos de subxectivación de persoas e grupos, necesariamente verase que a terceira parte ha de centrarse no eido da ética. A análise de aspectos das teorías éticas actuais é o eixo que vertebra este apartado do libro, mais cunha especial preocupación na cuestións da bioética. Nas nosas sociedades, complexas, onde unha variedade importante de cuestións se mesturan, a bioética ofrece unha perspectiva novidosa para abordar algunhas cuestións que se manifestan no día a día. E, aínda máis, o proceso deliberativo que caracteriza este ámbito filosófico fai que a análise dos asuntos do mundo contemporáneo teñan unha dimensión que reborda a pura individualidade, xa que, en moitos casos, este proceso deliberativo está en mans dun comité formado por distintos profesionais. Rómpese unha dimensión individual para ser, en moitos casos, unha cunha proxección política.
A medida que avanzamos na lectura, pódese apreciar que se engarzan os sinais do real, a creación de novas identidades, como esas identidades recodifican aspectos bioéticos e biopolíticos, até chegar á necesidade da sabedoría como modo de excelencia existencial. Neste eido, e último apartado do libro, o saber filosófico é presentado como un xeito de enlazar o intemporal, desde o feito do sobrevivir en termos biolóxicos e o coñecer como proceso adaptativo até a necesidade de reflexionar sobre asuntos que nunca se pechan e que son intrínsecos á condición humana. Porén, tamén, coa dimensión temporal: pensar o presente, pensar a nosas vidas, pensarmos coma seres finitos con proxección de futuro.
Hai un aspecto que percorre todo o libro e, se cadra, faise máis patente na terceira parte polo, como dixemos, modo de proceder deliberativo da bioética, e é o carácter profesional da filosofía. A filosofía como actividade humana desinteresada, si, pero, tamén, e no mesmo nivel de importancia, a necesidade de que existan persoas con formación filosófica para que non só desde ámbitos epistemolóxicos rexionais determinen que é o real e como se ha proceder nel. Non, a filosofía coma un modo gnoseolóxico, coma conxunto sempre aberto, coma un modo de proceder no mundo e, en consecuencia, de incidir no real.
É, xa que logo, un libro que tenta comprender o real, desde as distintas pezas que o compoñen, para incidir nel, para xerar “unha deriva creadora”, un pensamento creador, actual, crítico e hermenéutico.


