<?xml version="1.0" encoding="UTF-8"?>
<?xml-model type="application/xml-dtd" href="http://jats.nlm.nih.gov/publishing/1.1d3/JATS-journalpublishing1.dtd"?>
<!DOCTYPE article PUBLIC "-//NLM//DTD JATS (Z39.96) Journal Publishing DTD v1.1d3 20150301//EN" "http://jats.nlm.nih.gov/publishing/1.1d3/JATS-journalpublishing1.dtd">
<article xmlns:ali="http://www.niso.org/schemas/ali/1.0" xmlns:xsi="http://www.w3.org/2001/XMLSchema-instance" xmlns:xlink="http://www.w3.org/1999/xlink" xmlns:mml="http://www.w3.org/1998/Math/MathML" dtd-version="1.1d3" specific-use="1.2" article-type="book-review" xml:lang="es">
<front>
<journal-meta>
<journal-id journal-id-type="pmc">Agora</journal-id>
<journal-title-group>
<journal-title specific-use="original" xml:lang="gl">Agora. Papeles de Filosofía</journal-title>
</journal-title-group>
<issn pub-type="ppub">0211-6642</issn>
<issn pub-type="epub">2174-3347</issn>
<publisher>
<publisher-name>Universidade de Santiago de Compostela</publisher-name>
<publisher-loc>
<country>España</country>
<email>agorapap@usc.es</email>
</publisher-loc>
</publisher>
</journal-meta>
<article-meta>
<article-id pub-id-type="art-access-id" specific-use="pmc">9798</article-id>
<article-id pub-id-type="doi">https://doi.org/10.15304/ag.44.1.9798</article-id>
<article-categories>
<subj-group subj-group-type="heading">
<subject>Recensiones</subject>
</subj-group>
</article-categories>
<title-group>
<article-title xml:lang="es">PARCERO OUBIÑA, O., PERARNAU VIDAL, D., PAULA, M. G. de (Eds.) (2021): <italic>Heterodoxias: Filosofía e Literatura.</italic> Famalição: Edições Húmus, 302 p.</article-title>
</title-group>
<contrib-group>
<contrib contrib-type="author" corresp="no">
<contrib-id contrib-id-type="orcid">https://orcid.org/0009-0001-5277-090X</contrib-id>
<name name-style="western">
<surname>Bellón Rey</surname>
<given-names>Susana</given-names>
</name>
<xref ref-type="aff" rid="aff1"><sup>1</sup></xref>
</contrib>
</contrib-group>
<aff id="aff1">
<label><sup>1</sup></label>	
<institution content-type="original">Universidade de Santiago de Compostela</institution>
<institution content-type="orgname">Universidade de Santiago de Compostela</institution>
<country country="ES">España</country>
</aff>
<pub-date pub-type="epub-ppub">
<season>Enero-Julio</season>
<year>2025</year>
</pub-date>
<volume>44</volume>
<issue>1</issue>
<product product-type="book">
<person-group person-group-type="editor">
<name>
<surname>PARCERO OUBIÑA</surname>
<given-names>O.</given-names>
</name>
<name>
<surname>PERARNAU VIDAL</surname>
<given-names>D.</given-names>
</name>
<name>
<surname>PAULA</surname>
<given-names>M. G. de</given-names>
</name>
</person-group>
<source>Heterodoxias: Filosofía e Literatura</source>
<year>2021</year>
<publisher-name>Edições Húmus</publisher-name>
<publisher-loc>Famalição</publisher-loc>
<size units="pages">302 </size>
</product>
<history>
<date date-type="received" publication-format="dd mes yyyy">
<day>19</day>
<month>03</month>
<year>2024</year>
</date>
<date date-type="accepted" publication-format="dd mes yyyy">
<day>16</day>
<month>01</month>
<year>2025</year>
</date>
</history>
<permissions>
<copyright-statement>Copyright © Universidad de Santiago de Compostela</copyright-statement>
<copyright-year>2025</copyright-year>
<copyright-holder>Universidad de Santiago de Compostela</copyright-holder>
<ali:free_to_read/>
<license xlink:href="https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/">
<ali:license_ref>https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/</ali:license_ref>
<license-p>Artículo en acceso abierto distribuido bajo los términos de la licencia Atribución-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional (CC BY-NC-ND 4.0)</license-p>
</license>
</permissions>
<counts>
<fig-count count="0"/>
<table-count count="0"/>
<equation-count count="0"/>
<ref-count count="0"/>
</counts>
</article-meta>
</front>
<body>
<p>Unha das grandes tarefas que ten ocupado á filosofía ao longo da historia é o intento de ofrecer unha definición satisfactoria da súa tarefa, obxectivo ao que a disciplina se foi aproximando paulatinamente a partir dunha determinación negativa do que, de facto, <italic>non</italic> é. Por iso a súa auto-delimitación partiu do recoñecemento implícito dunha relación de diferenza con respecto a outros saberes, o que levantou unha barreira interdisciplinaria que non só a tería distinguido dos demais campos de estudo, senón que tamén os tería xerarquizado. Apareceu así na historia do pensamento filosófico o célebre paso do <italic>mythos</italic> ao <italic>logos</italic>, separación escolar entre dous modos de dicir que supuxo a subordinación do primeiro ao segundo, o sometemento da dimensión máis literaria á orde do discurso filosófico, caracterizado por unha maior rigorosidade e exactitude que levou a unha sucesiva especialización racional do seu dicir –ou quizais deberiamos dicir <italic>saber</italic>–.</p>
<p>O presente volume <italic>Heterodoxias: Filosofía e Literatura</italic>, editado por Oscar Parcero Oubiña, Dolors Perarnau Vidal e Marcio Gimenes de Paula, rompe con esta tradicional e ortodoxa interpretación da filosofía e proponse, xa dende a súa primeira páxina, ofrecer unha pluralidade de formas de concibir o vínculo entre filosofía e literatura, coa particularidade de que este é sempre traballado dende unha posición de equidade. Elaborada no marco do grupo de investigación compostelán <italic>SCRIPTA. Escritura, pensamento e sociedade</italic>, e contando tamén coa contribución de estudosos da Brasilia e Portugal, esta compilación colectiva deconstrúe dende outras formas –<italic>heterodoxas</italic>– do dicir o relato filosófico académico, volvendo cuestionar a raíz e bases dende as que se levanta a filosofía, dando así lugar ao agromar de distintas hermenéuticas singulares que definen –non unívoca nin exclusivamente– a unidade entre filosofía e literatura. É así que nesta antoloxía a fronteira interdisciplinaria comeza a desvanecerse e preséntaselle ao lector a posibilidade de considerar a filosofía e a literatura dende unha perspectiva conxunta ou, o que é o mesmo, contemplando a filosofía dende a literatura e a literatura dende a filosofía. Esta idea de confluencia xa se expón na portada do volume, que recolle as iniciais “F” e “L” en braille, formato co que se aproveita a ocasión para vindicar que a comunicación pode subtraerse da dialéctica discursiva e darse doutros modos.</p>
<p>A presentación do libro, redactada polos editores do mesmo, non só nos introduce ao contido que acharemos ao longo dos capítulos, senón que tamén nos explica a estrutura que rexe o monográfico. Dividido en dúas partes, a primeira delas é máis longa e está enteiramente escrita en lingua portuguesa, abarcando unha suma de oito contribucións das doce totais e das que pode dicirse que versan do máis xeral ao máis específico da relación entre Filosofía e Literatura. O primeiro capítulo (“A literatura ante a filosofia”), escrito por Oscar Parcero Oubiña, desmonta a idea de que a constitución de <italic>logos</italic> tivera lugar con Platón e Aristóteles, sendo por iso que non estaríamos ante dous modos de dicir organizados dentro dunha mesma orde discursiva. Seguindo esta nova vía de interpretación que nos abre o editor da obra, podemos ver unha liña de continuidade entre a expulsión dos poetas da <italic>República</italic> platónica e o estilo mítico –literario, por tanto– de escritura que o propio grego mantén. Desvelándose así como unha sorte de introdución do máis axeitada ao monográfico, este artigo ofrece un xiro radical á comprensión fundamental das orixes filosóficas, que nos permiten concibilas agora da man da literatura.</p>
<p>O segundo capítulo, elaborado neste caso por Dolors Perarnau Vidal, aborda a cuestión da (non) autoría e da pseudonimia en Kierkegaard, para o cal a estudosa se somerxe nas obras do danés e nas das outras identidades –heterónimas, por tanto– ás que el mesmo dá lugar. Será así que se evidenciará non só un claro precedente da morte do autor, senón tamén a tarefa crucial que exerce tal heteronimia viva na súa produción, que procura establecer un compromiso no xogo co lector. É por iso que Perarnau Vidal, cunha gran precisión, fala xa no título do capítulo dun “poema sem poeta”, pois o dicir filosófico-literario kierkegaardiano rompe co esquema tradicional de comunicación, desprazando a verdade a outro espazo no que hai liberdade de actuación e de <italic>ser, </italic>como a investigadora conclúe. En liña con isto está a terceira escrita, “Ser um é mais do que um”, na que Elisabete M. De Sousa descubre como a pseudonimia kierkegaardiana comeza xustamente despois de que Schumann abandone a mesma práctica, e como se verá continuada unhas décadas despois por Pessoa. Estudando a relación entre as concepcións de autoría dos tres grandes nomes xa citados, o estudo non só contempla a renovación que os devanditos tres levan a cabo no seus respectivos ámbitos, senón que tamén pon o foco na subxectividade lectora, facendo de novo fincapé na importancia do diálogo desta co propio texto.</p>
<p>Seguindo o ronsel dos dous previos capítulos, está o cuarto, do editor Marcio Gimenes de Paula que, como recolle na propia denominación do artigo, se centra nas consideracións de “Eduardo Lourenço como intérprete de Kierkegaard”. É así que de Paula estuda a prolífica obra pseudonímica do danés e atende á heteronimia pessoana, observando a importancia que tivo o desenvolvemento de sendas obras con respecto ao existencialismo –no que refire a como afecta á interioridade do suxeito– e á literatura do século XX. Deseguido, o lector atópase co capítulo dedicado a Barthes que escribe Luís G. Soto, no que o profesor estuda o xiro ético que se produce na obra do francés, polo cal o escritor se propón elaborar un romance. Este cambio de ritmo na obra do baionés supón pasar dunha filosofía da literatura a unha escritura literaria, o que dá espazo a reflexionar acerca do papel que tanto a filosofía como a literatura poden cumprir nas distintas etapas do camiño da nosa vida.</p>
<p>O seguinte capítulo desprázanos ao outro lado do Atlántico para afondar no pensamento do <italic>logos</italic> de Guimarães Rosa. Marcos Aurélio Fernandes, autor do artigo, condúcenos a través da obra do brasileiro, mostrándonos como se trata dun pensar caracterizado pola súa escoita do logos, en tanto pensar-sentir que atende ao paradoxo puro do ser, horizonte dende o cal nace toda posibilidade de facer literatura. Continuando coas contribucións, vemos que é tamén dende Brasil, concretamente dende a Universidade Federal de Goiás, que Carla Milani Damião (“O quanto de si se quer falar, o quanto de si se quer mostrar”) afonda na cuestión da subxectividade, valéndose da narrativa autobiográfica de Rousseau e Hume. Finalmente e, como colofón á primeira parte da monografía, temos o texto “Nômades. Marxificar Deleuze”, de Martín González Fernández, quen tamén dá continuidade á investigación sobre o suxeito –neste caso, sobre o suxeito nómade–, que terá unha gran preeminencia na segunda parte do volume. Para dar forma a esta investigación, o profesor González Fernández emprega como fonte primaria a obra deleuziana, se ben a comunicación tamén conta co apoio da filosofía de Karl Marx.</p>
<p>Fronte a esta primeira parte, a segunda está escrita integramente en lingua española, o que podería obedecer á súa maior brevidade, que tamén implicou unha maior circunscrición xeográfica dos escritos, pertencentes todos eles a investigadores galegos en formación. Esta segunda sección avanza no propósito de traballar na relación entre Filosofía e Literatura, fixando unha especial atención a como este lazo pode afectar na conformación da subxectividade e da súa interioridade. Atopamos así un primeiro escrito co que Jorge Cendón Conde nos instrúe nas paixóns e emocións que o suxeito sente na traxedia grega, ficando nun primeiro plano o caso da culpa como principio orientador da cultura e sociedade. No seguinte capítulo, “La figura del otro en Voltaire. Una mirada filosófica”, Roberto Sixto Blanco fai un rigoroso estudo dedicado á filosofía de Voltaire, no que desvela que é a alteridade, ese outro co que nos atopamos na realidade, o que se acaba convertendo na base para levar a cabo unha (auto)crítica verdadeiramente reflexiva.</p>
<p>Da man de Alipio Santiago Dacosta e, conectando de novo coa primeira metade do volume, regresamos no penúltimo capítulo á obra de Søren Kierkegaard, coa transgresora determinación de elaborar unha comprensión conxunta do inexplorado nexo entre a filosofía kierkegaardiana e o misticismo –fundamentalmente eckhartiano–, que vaia máis alá da mera xustaposición de diferenzas e semellanzas entre ambas concepcións. O volume termina cun último capítulo no que David Rodríguez Miguélez presenta a súa proposta de aproximación á filosofía literaria de Machado. Concretamente, o investigador somérxese neste caso no texto “De un cancionero apócrifo”, así como na biografía e correspondencia do poeta, para dende aí poder estudar en profundidade a verdade que subxace aos apócrifos.</p>
<p>Con isto vemos como non hai necesidade de escribir ningún epílogo que poña punto e final ao libro, pois se algo pon de relevo a presente compilación é precisamente que as relacións entre Filosofía . Literatura, entendida como conxunción e unidade, son un campo aberto e aínda pouco examinado, do que aínda queda moito por descubrir e escribir –quizais, tanto como mundos filosóficos-literarios hai por explorar–. Neste senso, as heterodoxias percorren a obra de principio a fin, da primeira á última –que non derradeira– palabra, afondando no inesgotable vínculo e reivindicando como a autoridade hermenéutica reside no lector, pois é este quen, en última instancia, dialoga co texto.</p>
</body>
</article>